10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelLara Dopazo Ruibal, «O axolote e outros contos de bestas e auga»

    Lara Dopazo Ruibal, «O axolote e outros contos de bestas e auga»

    Xa dixemos nalgunha ocasión que, a pesar da prevalencia permanente da novela na narrativa galega, o conto nunca deixou de estar aí. Son moitos o moi salientables os libros de relatos que ateigan a nosa tradición literaria e, malia que agochados baixo a apabullante presenza da novela, nunca deixaron de aparecer coleccións de contos destacables coas que manter o noso listón ben alto. Esta é a primeira ocasión na que o premio Illa Nova de narrativa recoñece tal evidencia ao galardoar “O axolote e outros contos de bestas e auga”, 13 relatos que son, a maiores, a primeira achega de Lara Dopazo Ruibal ao mundo da narrativa logo do seu paso pola lírica.

    Hai un elemento bastante común nas persoas que fan ese traxecto: acostumadas á precisión do verso, á pulcritude estilística que require a poesía, trasladan esa concepción da literatura, voluntaria ou involuntariamente, á súa narrativa. Así, é habitual que os seus textos sexan limpos e directos, moi coidados en canto a estilo e en canto ao uso da palabra máis axeitada xusto no lugar que lle corresponde. E iso é algo que tamén se deixa sentir neste caso, no que se evidencia unha clara vocación estética na redacción e mesmo na concepción das pezas.

    O elemento máis evidente que unifica estes relatos é a presenza do sobrenatural e de diversas mitoloxías, ás veces refundidas ou reconstruídas para a ocasión. Pero non estamos a falar de relatos fantásticos ao estilo de Tolkien ou Ende, senón máis ben de relatos máxicos ao estilo de Cortázar ou de Cunqueiro, nos que o prodixioso vai da man do improbable, mesmo do imposible, nun contexto relativamente cotián pero enchoupado dunha atmosfera nebulosa e envolvente que asolaga ao lector ata mergullalo completamente na narración.

    Outro elemento común é o final sorprendente de cada un dos contos. A miúdo abertos e mesmo aptos para extraer lecturas moi diversas e interpretar o contido á nosa maneira. Un recurso que non sempre resulta tan efectivo como os autores pretenden debido ao desconcerto que pode provocar no lector, pero que neste caso é utilizado, ao meu entender, con gran habilidade por parte de Lara Dopazo. Xa me diredes cando leades o relato titulado “Chispas”, por poñer só un exemplo. A capacidade imaxinativa, máis ben fabuladora, da autora, déixase sentir en cada liña.

    A variedade de espazos e situacións xoga no seu favor e a atemporalidade da maioría dos contos redunda nesa atmosfera envolvente da que antes falabamos. O resultado é gratificante na súa lectura e descobre para nós unha nova narradora que, a bo seguro, dará moito que falar.

    Lara Dopazo Ruibal

    O axolote e outros contos de bestas e auga

    Galaxia