18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelCelia Díaz Núñez, «Unha estrela para Amina»

    Celia Díaz Núñez, «Unha estrela para Amina»

    O último Premio O Facho de teatro infantil acaba de ver a luz. «Unha estrela para Amina» é unha historia breve escrita por Celia Díaz Núñez que, logo de dar ao prelo dúas novelas para adultos, retorna ás súas orixes no eido da literatura infantil e xuvenil con esta obra. Falamos dunha peza nunha unica escena, en tempo real, e con só dúas personaxes que levan todo o peso da trama: unha nena, Amina, e a súa boneca, Sally.

    Amina é unha nena de idade imprecisa pero que podemos supoñer pequena. Está encerrada nun campamento de refuxiados, ou nun centro de detención de migrantes ou similar, en calquera punto do planeta. Fuxíu do seu país natal xunto coa súa familia por mor da guerra, da fame ou de calquera outra razón de peso. Todas estas imprecisións, lonxe de desvirtuar a historia, conseguen dotala dun carácter universalista que resulta ser o auténtico celme do relato, no que os detalles concretos pasan a un claro segundo plano fronte á situación de aillamento e de falla de enraizamento ao que a nena se ve sometida. Un arame de espiños no fondo do escenario fai que non o esquezamos en ningún momento.

    Unha noite, Amina sae da tenda de campaña na que a súa familia dorme para buscar a súa boneca de trapo, que se convertirá para ela nunha nena de carne e óso, a amiga, compañeira de xogos e confidente de Amina. E a partir de aí, e coa mentalidade infantil, a nena e máis a súa boneca pasan boa parte da noite xogando, lembrando e, sobre todo, cantando. Teñen especial relevancia estas cantigas infantís, extraídas do folclore de diversos países, para redundar nesa idea de universalismo que máis arriba apuntamos. E como perfecto colofón da historia e tendo en conta que moitas destas cantigas serán descoñecidas para a maioría de lectores, a autora engade unha listaxe cos enlaces para poder disfrutalas na rede.

    Resulta, ao meu entender, moi relevante o tratamento da historia, preñada de fraternidade e de irmanamento nun perfecto símbolo da infancia castigada polas manobras políticas dos adultos. Sempre son os máis débiles os que padecen as consecuencias de decisións que non os teñen en conta e, neste caso, tal premisa vén simbolizada por Amina e a súa boneca de trapo. A necesidade dun enraizamento sobre o que o neno alicerce a súa vida, vén expresado non só pola selección de cancións populares, senón tamén por unha serie de historias de trazas evidentemente míticas, tamén nacidas –con toda probabilidade– na tradición oral de distintos pobos e cos que a boneca entretén a Amina na soidade da noite.

    Tamén chama a atención o achegamento á linguaxe (e á mentalidade) infantil do que a autora fai gala ao longo de toda a peza. Non semella doado para un adulto viaxar no tempo ata a infancia máis remota para recrearse nunha personaxe de ficción tal e como o faría un neno ou unha nena, nin asumir o seu pensamento e a súa expresividade coma propias, polo que resulta un mérito engadido a este traballo.

    Celia Díaz Núñez

    Unha estrela para Amina

    Ilustracións de Kristina Sabaitez

    Galaxia