16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelBerta Dávila, «Carrusel»

    Berta Dávila, «Carrusel»

    Levabamos tempo sen ter novas de Berta Dávila, tanto no eido da poesía como no da narrativa. E chegaron, por fin, o pasado verán, co prestixioso premio de novela García Barros debaixo do brazo e un título suxestivo: ‘Carrusel’. Agora materialízase ese traballo coa súa edición impresa por parte de Galaxia e, estou seguro, non deixará a ninguén indiferente.  

    ‘Carrusel’ é unha novela curta que se centra nunha única personaxe, unha escritora que padece unha crise creativa derivada de distintos sucesos persoais sobre os que reflexiona e sobre os que necesita volver unha e outra vez para atopar a saída do seu particular labirinto. E deste xeito, reflexionando sobre as cuestións que a levaron a tal situación, é como se argalla a novela. Falamos, xa que logo, dun texto de caracter intimista e moi persoal, no que a protagonista delibera sobre certa enfermidade mental que padece, curiosamente a mesma que o seu tío Carlos, ao que semella xunguida por un fío moi especial (ao igual que á avoa Úrsula), e tamén sobre a maternidade, sobre a súa relación co pasado, sobre a vida e o amor, e sobre as pantasmas familiares que parecen torpedear o seu avance vital.  

    Non espere o lector unha narración lineal que, neste contexto, poderiamos considerar un tanto forzada, senón unha sucesión de pensamentos e reflexións cos que se vai construíndo aos poucos esta novela. Subidos ao carrusel de pensamentos da autora, seriamos coma ese neno que vai sentado no cabalo e, por mor da velocidade de xiro do artefacto, só ve retallos da realidade que deberá recompor mentalmente.  

    Esta estrutura resulta moi áxil na lectura, pero é arriscada en tanto que pode chegar a resultar caótica se non se manexan con habilidade as ferramentas axeitadas. O lector pode sentirse perdido neste carrusel de sensacións no que se adentra en canto abre as primeiras páxinas do libro. Pero Berta Dávila demostra un gran oficio ao saír airosa do atranco deixando, ademais, un pouso gorentoso no noso padal e rabuñaduras no noso entendemento que tardarán en cicatrizar.

    Con todo e con iso, o mellor desta novela non ten que ver, ao meu entender, coa estrutura nin co tratamento das personaxes, senón coa linguaxe empregada. ‘Carrusel’ é un relato para saborear con degoxo en tragos curtos e para volver a ela unha e outra vez. Empoleirada na súa traxectoria como poeta, a autora cisca para nós palabras precisas e atinadas creando imaxes moi fermosas que son quen de endulzar a lectura para calquera amante da estética literaria. Con clara vocación de estilo, ‘Carrusel’ é toda unha viaxe de sensacións abeiradas á beleza.

    Berta Dávila

    Carrusel

    Galaxia