21.2 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAn Alfaya, «O grupo»

    An Alfaya, «O grupo»

    An Alfaya volve á novela xuvenil e faino baixo o paraugas dun premio tan celebrado como o ‘Raíña Lupa’, convocado pola Deputación coruñesa. E preséntanos unha historia que de seguro non deixará a ninguén indiferente, ao colocar sobre o tapete de xogo algunhas das situacións máis incómodas que afectan á sociedade actual e afrontar o reto de aportar algo de axuda na súa resolución. Que non é pouco!  

    O grupo ao que fai referencia o título desta novela curta é un grupo de axuda creado ao abeiro do Centro Cívico de calquera barrio de calquera cidade. Alí atópanse cinco mozos e mozas que presentan cadanseu problema diferente, pero todos eles redundan nun certo trato discriminatorio por parte do resto da sociedade e na dificultade para a súa integración plena. Eles son Antón, Runa, Carla, Amina e Nico, e a súa situación de vulnerabilidade ten que ver coa inmigración, o maltrato, a condición sexual ou certas eivas físicas, que condicionan o seu rol e o seu posto dentro da sociedade á que pertencen e os achegan á marxinalidade.

    Na primeira parte da novela, cada un deles íspese para o lector presentando a súa situación fronte ao resto de integrantes deste grupo, o que é tanto como poñer diante dos ollos do lector cada un destes conflitos en toda a súa crueza. Sandra é a traballadora social encargada de coordinar o grupo e sacar aos seus membros das sombras nas que se agochan, pero ela tamén padece as súas propias feridas emocionais, o que parece representar un atranco poderoso para conducir os encontros.  

    Logo de presentar os problemas de cadaquén, vemos como a colaboración de todos os integrantes do grupo, incluída a propia coordinadora, é capaz de solventar algúns dos atrancos aos que os rapaces se enfrontan e, sobre todo, de proxectar sobre eles un raio de esperanza ao que se aferrar. E neste traballo a propia Sandra tamén será quen de enfrontarse ás feridas anteditas e atopar solucións para cicatrizalas e así superar os seus propios atrancos. De maneira que a esperanza convértese na verdadeira protagonista do relato dunha maneira tan contundente como eficaz na súa resolución.  

    ‘O grupo’ é unha novela doada de ler, na que a linguaxe é sinxela e directa, o que conduce sen atrancos ao que presumimos que puido ser o motivo principal polo que An Alfaya decicíu escribila: provocar a reflexión sobre o noso entorno e sobre ese avance da sociedade polo que algúns dos seus membros van quedando polo camiño. Por iso me parece unha das lecturas máis acaídas dos últimos tempos para os institutos, onde se lle poderá sacar moito proveito á hora de formar homes e mulleres que de verdade se interesen por crear unha sociedade máis solidaria e xusta que a actual na que todos teñan cabida. E isto vai moito máis lonxe que as clases de literatura.

    An Alfaya

    O grupo

    Xerais