14.5 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsA porta das TrabancasO sistema amurallado tudense (e III)

    O sistema amurallado tudense (e III)

    Logo da época abondosa en episodios bélicos que foi a Idade Media na cidade tudense, coa chegada dos Reis Católicos ábrese unha época de estabilidade na vida de Tui que posibilita o seu desenvolvemento urbano. A monarquía dos Austrias impulsará un traballo de mellora dos sistemas defensivos do reino, encargando inspeccións aos enxeñeiros militares, realizando planos do estado da muralla e o deseño de novos elementos defensivos que solucionen a práctica indefensión da cidade que conta cun sistema amurallado basicamente de época medieval e que non responde aos novos métodos militares no caso dun ataque.

    O feito referencial é a unión dinástica dos reinos de Castilla e Portugal na persoa de Felipe II en 1580 ata o reinado de Felipe IV en 1640, cando se inicia a guerra da “Restauraçao” promovida pola nobreza portuguesa que finalizará en 1668. A declaración de independencia de 1640 supón o inicio das hostilidades e Tui, pola súa posición estratéxica, sufrirá dende primeira hora as consecuencias do conflito. Por conseguinte, resulta máis urxente proceder a unha remodelación e modernización do sistema defensivo da cidade que se adapte ás novas necesidades da guerra procurando transformar a Tui nunha praza fortificada segundo os tratados de arquitectura militar moderna.

    Así haberá diversos proxectos de fortificación da cidade ao longo dos séculos XVII e XVIII co trazado de novas plantas e alzados que non chegaron nunca a realizarse. Cabe citar os seguintes informes ou propostas:

    – Juan Bautista Antonelli, enxeñeiro italiano ao servizo do rei de España, avalía en torno a 1579 o estado das defensas na fronteira con Portugal.

    – No ano 1644 o Capitán Xeral de Galicia, Marqués de Távara, encarga ao enxeñeiro militar, capitán Juan de Villarroel e Prado, unha descrición do estado da fortificación tudense logo do inicio da guerra con Portugal: es notorio estar en un alto a tiro de cañón de Valencia, su forma es albal u en círculo de mala forma para la parte de tierra que tiene cinco torres de treinta pies en cuadro, sesenta de alto, no se puede pelear muy bien desde la muralla.

    O mesmo Villarroel elabora o proxecto de ampliación e mellora do sistema abaluartado tudense con catro novos baluartes: na Praza do Arco, na Corredoira, en Río Muíños, e outro entre este lugar e a porta do Carballo, cun orzamento que acada os 4.000 reais. Ao ano seguinte, 1645, se lle asignan 3.636 escudos para a construción dos tres baluartes e o arranxo da media lúa que existía diante da Porta do Carballo. Esta media lúa (ou luneta é un bastión illado de forma semicircular situado diante dunha cortina ou entrada da muralla para dividir a forza atacante, se este bastión ten forma triangular recibe o nome de revellín) fora realizada recentemente por orde do Gobernador de Galicia, Martín de Redín y Cruzat. Este rápido deterioro evidencia a escasa calidade destes baluartes feitos de terra.

    No reinado de Felipe IV (1621-1649) o investimento realizado alcanzou os 40.000 ducados e o historiador Benito VIcetto sinala que la ciudad de Tui se ha fortificado todo a lo moderno y se hizo un fuerte real en la Corredera, capaz de 400 hombres con todas sus fortificaciones.

    Unha nova etapa ábrese co Marqués de Buscayolo, Capitán Xeneral de Galicia, que no ano 1663 propón rodear o perímetro da muralla medieval con baluartes modernos, establecendo un recinto fortificado que abranguese o convento franciscano de San Antonio, pero deixando fóra ao convento de San Domingos e mesmo recomendando o seu derribo. Pero esta medida atopara a oposición do seu predecesor, o arcebispo de Santiago, Martín de Redín y Cruzat que consegue que o perímetro amurallado comprenda tamén este arrabalde de San Domingos, engadindo un novo baluarte. Desta forma a fortificación tudense convértese nunha praza de grandes dimensións pero que require un importante continxente de persoal militar para a súa protección. Nese mesmo ano sabemos, por unha carta do Prior dos Dominicos ao Rei, que no mes de xuño estaban reparando os parapetos, instalando nos cubos artillería, creando nas portas principais dúas medias lúas para incrementar a defensa da praza forte.


    Primeiro proxecto do marqués de Buscayolo, 1663
    Segundo proxecto do Marqués de Buscayolo, 1663

    Da muralla tudense no ano 1669 temos unha imaxe realizada por Pier María Baldi, debuxante que acompañaba ao Conde Cosme de Médicis na súa peregrinación a Santiago de Compostela e que pasa pola nosa cidade nese ano deixando un debuxo dende Portugal que ilustra o sistema fortificado tudense.

    Sen embargo, non debeu completarse o proxecto pois no ano 1670 o Conde de Humanes presenta un proxecto coa pretensión de definitivo, que tamén consistía nunha fortificación que rodeaba a muralla medieval comprendendo os conventos de San Antonio e San Domingos. Pero a inicios do século XVIII unicamente tiñan comezado as cimentacións de varios tramos.

    Proxecto do conde de Humanes, 1670

    En 1706 o gobernador da cidade de Tui, D. Francisco Antonio Maestrenuncio, alerta ao Rei das deficientes condicións da defensa de Tui e do perigo diante de posibles ataques dende Valença pois por todas partes se puede entrar en ell y ser las fortificaciones Exteriores de tierra y casi sin foso de lo llano que está y sin estrada cubierta y el casco de la ciudad solo tiene huna simple falsabraga alrededor de huna muralla antigua sin tener esta terraplén por estar pegado a dicha muralla.

    O último e definitivo proxecto corresponde ao enxeñeiro militar Juan de La Ferriere y Valentín, destinado a Galicia en 1731 centrando a súa actividade na zona de Ferrol ata que en 1733 se lle encarga organizar o sistema de defensa da cidade de Tui. Asume os proxectos anteriores e introduce como novidade tres estreitos baluartes na zona que da ao río. Elabora un proxecto moi completo e definido, que pese a non completarse na súa integridade podemos afirmar que é o que conforma en boa medida a fortificación tudense do século XVIII.

    En 1735 xunto con outro enxeñeiro, Fulgencio Ximenez, reformulan a proposta dos anos anteriores introducindo a creación do baluarte de San Francisco, para substituír ao medio baluarte anterior denominado ‘del fuerte’.

    Proxecto de La Ferriere y Valentín de 1735

    No século XVIII Tui estivo a piques dunha invasión portuguesa en 1730 no decurso da Guerra de Sucesión española e outra en 1750 nun pretendido acordo de permuta de territorios entre España e Portugal. Tamén en 1735, con motivo do enfrontamento con Inglaterra e con Portugal se procede a unha ordenación dos sistemas amurallados e para elo, segundo Francisco Llobet, se escarparon os terrapléns e os baluartes foron revestidos naquelas partes onde o terreo era mais frouxo e coroando a obra cunha empalizada.

    Non entraremos agora na evolución dos equipamentos públicos que implica a ampliación do perímetro amurallado tudense ao longo dos séculos XVII e XVIII: almacén de pólvora (na Porta Nova que substitúe á Porta Bergá medieval), refinador de pólvora (no baluarte de San Francisco), almacén xeral de pertrechos (na Praza da Catedral), Hospital do Rei (que se despraza de lugar na Corredoira, instalándose agora na zona da actual rúa Ordoñez) e o cuartel de cabalería (que ocupa o anterior lugar do Hospital).

    En definitiva, o sistema abaluartado da cidade de Tui foi recollendo estas aportacións pero é debedor especialmente do deseño do enxeñeiro militar Juan de La Ferriere y Valentín, aínda que os diversos proxectos se interferiron mutuamente.

    A fortificación finalmente engloba ao recinto amurallado de época medieval así como aos arrabaldes de San Domingos e San Francisco. Está realizado con muros de terra e empalizada, aínda que con diversos tramos de mampostería, con grandes perpiaños graníticos. A súa configuración é irregular, cun tramo alongado na fachada contra o río Miño onde contaba con dous semibaluartes, catro baluartes (del Olmo, San Telmo, San Francisco e San Domingos), un revellín diante da porta de San Domingos e un foxo que rodeaba a todo o conxunto. Podemos engadirlle a falsa braga, do século XV que cinguía a muralla medieval, e o sistema defensivo da Porta do Carballo. Podemos visualizalo no plano de Miguel de Hermosilla de 1777 e noutro datado en 1800.

    Plano de Miguel de Hermosilla, 1777
    Plano do ano 1800

    Abordaremos, de seguido, unha pequena descrición dos diversos tramos desta muralla e as pegadas que conservamos na actualidade.

    Comezamos na parte suroeste, coa Porta do Carballo, onde á construción medieval se lle adosa un ángulo saínte para unha mellor protección desta entrada da cidade, realizado en muros de mampostería de gran tamaño con ángulos en perpiaños. Aínda que con algunha modificación segue visible na actualidade na rúa Piñeiro. Nos socalcos existentes perpendiculares á rúa Martínez Padín, se conservan restos tanto da muralla medieval, como da falsa braga como dos reforzos de época moderna.

    O seguinte baluarte, cara ao Oeste, era o baluarte do Olmo, que defendía a porta que comunicaba co arrabalde de Riomuiños e o camiño a Baiona. Este baluarte que podemos coñecer a través das fotografías (como a que acompaña a este texto) foi desmantelado a principios dos anos oitenta do pasado século para a construción dun edificio e aparcamento anexo. Foi unha gran desfeita e aínda hoxe este lugar reclama unha actuación que arranxe aquel atentado ao noso patrimonio.

    Neste espazo urbano lembramos a existencia da rúa Foxo que testemuña a funcionalidade deste enclave no sistema defensivo da cidade. Continuando cara ao Norte estaba o baluarte de San Telmo, tamén hoxe desaparecido. Foi desmontado a finais do século XIX para a apertura das rúas Martínez Padín e Colón (que daquela chega ata a Corredoira) e para a construción da nova Praza de Abastos da cidade.

    Para a defensa e protección do casarío desta zona foi igualmente construído, no norte da cidade, o baluarte de San Francisco. Coincide a súa localización cos actuais muros exteriores do Cuartel da Garda Civil (entre as rúas Calvo Sotelo e Betanzos); o aliñamento da súa cara Norte nesta rúa Betanzos e o ángulo que forma coa parte traseira do monumento a Calvo Sotelo coinciden cos planos do século XVIII.

    O seguinte baluarte é o baluarte de San Domingos (hoxe xardíns de Troncoso) que defendía a porta homónima e que se conserva integramente, construído en terra e posiblemente no seu momento con empalizadas. Igualmente se conserva todo o tramo de muralla entre os arredores do baluarte de San Francisco ata a antiga horta do convento de San Domingos (hoxe Alameda) no que se coñece popularmente como paseo dos xardíns ou co nome oficial de Paseo Familia Álvarez Blázquez. Esta amplo tramo de muralla de terra conforma un espazo de grande interese patrimonial pois xunto ao testemuño do seu carácter defensivo está o posterior uso público como espazo de lecer cidadán, realizado en torno á metade do século XIX, e que respectou a fisionomía deste enclave que ten chegado ata nós en excepcionais condicións de conservación. Poucos lugares hai en Galicia que conserven un tramo tan amplo do seu sistema abaluartado. Curiosamente para a maioría dos nosos veciños esta referencia histórica e patrimonial é inexistente. Existiría fronte a porta de San Domingos, no inicio da actual rúa Cóengo Valiño e hoxe non conservada, un revellín para a defensa desta porta, desmontado na segunda metade do século XIX.

    Na zona da Alameda se conserva tamén un medio baluarte que pecha este arrabalde de San Domingos. A traza defensiva continúa pola beira do Miño aproveitando a disposición do terreo e a muralla medieval. Neste espazo existe outro baluarte, construído en perpiaño e deficientemente conservado, que é o coñecido como baluarte do Diaño. Hoxe podemos ollalo dende o paseo fluvial, cando este espazo está limpo.

    Baluarte do Diaño, agosto 2011
    Baluarte do Diaño, agosto 2011
    Baluarte do Diaño, agosto 2011
    Baluarte do Diaño, setembro 2019

    Finalmente a fortificación tudense neste espazo fronte ao Miño remata cun baluarte ao sur, tamén construído en terra e posiblemente empalizadas, e conservado no solar do Teatro Principal.

    Rematamos esta visión cunha valoración do conxunto fortificado tudense que tomamos do proxecto Cadivafor (Catalogación, Digitalización y Valoración de las fortalezas defensiva de la frontera Galicia Norte de Portugal, 2008):

    Aunque en general la visión del conjunto fortificado está desvirtuado por el crecimiento urbano de la ciudad, permanecen vestigios de entidad bien por que se conserven, como es el caso de la franja comprendida entre el semibaluarte del río y el de San Francisco, del que se conserva buena parte, asi como parcialmente en el caso del baluarte del Olmo y la totalidad de la basterias de la puerta del Carballo. Por otro lado, en aquella partes donde no es visible su traza ha condicionado el desarrollo urbano, tanto en el que se refiere a la disposición de las calles como a la parcelación de los solares. Un ejemplo de ello sería la calle Foxo, que coincide con el adarve de la cortina existente entre el baluarte del Olmo y el baluarte de San Telmo. La forticación condiciona también el desarrollo urbano y de manera específica los accesos a la actual ciudad que coinciden exactamente con las puertas originales, lo que se puede constatar en el caso de a calle Canónigo Valiño, Paseo de Calvo Sotelo, calle Ordoñez y calle Piñeiro. El trazado de algunas de las calles principales , como es el caso de la calle Martínez Padín, se adapta al perímetro fortificado coincidiendo en este caso su primer tramo con el foso exterior.

    Plano de Tui en 1856 de Francisco Coello
    Tomado de https://docplayer.es/46784127-Transformacion-morfologica-del-espacio-urbano-de-tui.html

    Este sistema fortificado tudense incrementa ao seu valor histórico e patrimonial ao ser considerado dentro do conxunto de fortalezas militares existentes na raia entre Galicia e Portugal que conforman un destacado conxunto de arquitectura militar, que aínda podemos contemplar en numerosos enclaves ao longo das ribeiras do Miño, construído ou reforzado con motivo do conflito hispano-luso do século XVII e tras a paz de Lisboa para garantir a defensa do territorio. Tui como capital da provincia era o lugar de residencia do gobernador militar e tiña un papel de centro reitor, de carácter estratéxico, administrativo e loxístico.

    En definitiva, aínda son numerosas as pegadas do sistema fortificado tudense na nosa cidade; un acervo patrimonial que reclama unha posta en valor que permita recoñecelo sobre a propia trama urbana e un proxecto integral de conservación e rehabilitación, especialmente urxente en lugares como o baluarte do Diaño. Conservar e “visibilizar” as estruturas defensivas, tanto de época medieval como moderna, incrementa o valor patrimonial da nosa cidade e as súas potencialidades culturais e turísticas.