A Porta das Trabancas no sistema amurallado tudense

Detalle do plano de Tui de Francisco Coello de 1856, onde se percibe a muralla medieval e a posterior ampliación da idade Moderna

Abrimos hoxe esta sección acollidos á xenerosidade da Comarcas na rede para ofrecer periodicamente a todos os lectores deste diario dixital algunha noticia, novidade, historia ou curiosidade da cidade de Tui e da súa contorna.

A vella acrópoles tudense posúe unha alongada historia que reclama sempre a nosa atención pois nunha continuidade histórica ben documentada, alo menos dende os tempos da invasión romana da antiga Galleciae, ofrece nas súas rúas e calellas un percorrido polas vicisitudes históricas de Galicia que neste territorio fronteirizo agroman con especial forza.

Un dos principais monumentos que podemos contemplar, no noso paseo pola cidade, é o sistema amurallado que dende 1170 por orde do rei Fernando II delimita a cidade histórica. En diversos lugares do percorrido que realicemos por Tui podemos ollar os diversos tramos deste amurallamento, que posúe tren principais etapas: a muralla medieval, a falsa braga edificada nos finais de Idade Media e sistema fortificado dos séculos XVII e XVIII que corresponde especialmente coa época das guerras con Portugal e que ampliou a superficie amurallada abranguendo novos arrabaldes no Norte e Leste.

A muralla medieval protexe unha superficie de 70.000 m2 e está conformada por once torres ou baluarte, catro portas principais e tres portas secundarias ou poxigos. Actualmente se conservan importante tramos, coas súas torres, na zona norte (especialmente unha parte que conforma o peche da horta do Convento das Clarisas, visible parcialmente dende a rúa Bispo Lago).

Outro importante treito na zona Oeste, especialmente na zona do actual patio do Colexio da Milagrosa e parcialmente visible dende a rúa Ordoñez e a súa confluencia coa Corredeira.

Son amplas superficies que pasan practicamente desapercibidas para a maioría dos visitantes e mesmo dos tudenses. Normalmente se identifica como un tramo da muralla medieval o muro de peche da horta do Convento das Clarisas na rúa Ordoñez, aínda que na súa actual configuración non corresponde cunha factura medieval senón a unha reconstrución posterior.

Das catro portas da muralla unicamente conservamos algúns restos materiais na Porta da Pía, onde podemos ollar aínda os gonzos ou bisagras da porta e do seu rastrillo. Esta porta comunicaba cos arrabaldes de A Corredeira e Rio Muiños e era por onde chegaba a Tui o camiño real de Baiona. A súa denominación proven da existencia no seu entorno dunha gran pía, relacionada posiblemente coas funcións rituais da Sinagoga que estaba edificada naquel lugar.

As outras portas eran a Porta dos Ferreiros, na zona sur, que comunicaba co arrabalde de Freanjo, o camiño da barca a Valença e o camiño cara á Guarda. O seu nome derivaba da localización inmediata do gremio dos ferreiros, no último tramo da rúa Real (hoxe Lorenzo Cuenca).

A Porta Vergán ou Bergán, estaba no inicio da actual rúa San Telmo, e comunicaba co arrabalde do Rollo e o camiño real a Porriño. Finalmente estaba a porta do Arco, na parte baixa da cidade, comunicaba cos barrios de San Domingos e San Bartolomeu e o camiño real a Salvaterra.

Xunto a estas portas había tres pequenos accesos, ou portas secundarias, ben documentados en época medieval. Serían a porta do Pexigo (xunto a praza do mesmo nome lamentablemente perdido no rueiro, hoxe chamada Praza da Estrela) tamén denominada porta da Ribeira pois era o acceso á ribeira do Miño. Esta porta se conserva parcialmente na actualidade dentro dunha propiedade privada. Estaba logo a porta do Canto, na rúa do mesmo nome (no actual inicio da rúa Sanz no Colexio da Milagrosa) e finalmente a “Porta das Trabancas”, que se conserva semisoterrada no muro da horta do Convento das Clarisas (na zona do Cantón de Diomedes) cunha estrutura rematada cun arco de medio punto. Debe o seu nome, segundo informa Ernesto Iglesias Alemida, á inmediata torre homónima identificada gracias a un documento do século XVI. Con similar nomenclatura existe unha porta na muralla de Pontevedra. Esta porta daba acceso á zona da Corredeira.

A súa conservación débese a súa integración no ámbito do mosteiro das “Encerradas” tudenses. A orixe deste convento está en 1508 cando un grupo de dez mulleres fundan un beaterio para vivir a súa vocación relixiosa, no ano 1544 o bispo Miguel Muñoz dóalles á antiga igrexa de Santa María da Oliveira e os terreos contiguos para edificar o seu mosteiro. En tempos posteriores esta porta ao integrarse no complexo conventual quedará sen uso sendo tapiada ata a actualidade. Nas últimas décadas do século XIX os terreos onde se atopa esta porta como integrantes da falsa braga defensiva da cidade foron postos á venda, en poxa pública, polo Estado, pasando boa parte deles a propiedade privada. Esta porta agardamos mereza no futuro unha intervención arqueolóxica que a documente e a restaure.

Esta “Porta das trabancas”, hoxe oculta á nosa visión, da pois nome a esta sección na que en vindeiros días iremos recollendo outros lugares, espazos, costumes, tradicións, etc que normalmente pasan desapercibidas pero que conforman o noso patrimonio material e inmaterial. Hoxe quixemos lembrar como as murallas medievais seguen presentes, aínda que sen gran relevancia, na vida diaria dos tudenses e visitantes, reclamando para elas unha axeitada posta en valor.

A celebración, nos primeiros meses do vindeiro ano, do 850 aniversario da presenza do rei Fernando II en Tui, cando acorda conceder á cidade unha carta foral e establece o “traslado” da súa poboación dende as chairas de Santa Eufemia e San Bartolomeu ata o alto do outeiro onde xa se asentaba a cidade, ampliando a súa superficie que ordena amurallar. Esta data de 1170 é un dos momentos fundantes da cidade de Tui, da súa configuración urbana que chega ata os nosos días. Este aniversario reclama unha celebración que contribúa á recuperación da historia tudense e dos seus recursos patrimoniais, entre eles o seu sistema amurallado que Fernando II ordenou levantar.

Como xa teño escrito: A nosa cidade precisa conmemorar este aniversario, pois o xeito como unha cidade lembra a súa historia –coas súas luces e sombras, coas súas grandezas e miserias– reflicte como se percibe a si mesma e, moi especialmente, como quere ser, que proxecto común quere construír (http://tudensia.blogspot.com/2018/10/o-850-aniversario-do-ano-1170-un-fito.html)