Mércores, 11 Decembro de 2024

Ponteareas non ten quen a salve

Foi unha chamada desesperada, un berro de auxilio para socorrer a quen, indefensa, se atopaba ao borde da morte, tocouse a rebato, pedíuse axuda solidaria a toda a bisbarra…. Ponteareas morría, non, perdón, matábana, con alevosía e ensañamento.

Para auxiliala e evitar o ‘pobocidio’ conxuráronse todas as forzas vivas e de orde, as de rancio abolengo e as máis modernas constituidas ad hoc en redes sociais para tan noble empresa: o Partido Popular e Alternativa Ciudadana (ACIP) emprazaron aos seus 4.738 votantes, a minoritaria asociación de comerciantes (?) Tea aos 1.041 comercios e negocios de hostelaría censados na localidade, sumáronse ao chamamento o gremio de afectados por multas de tráfico, os antiBNG, a asociación whatsapera ‘Así no Mera, así no’, os damnificados por ter que camiñar algúns minutos, os prexudicados polos rodeos para entrar no garaxe, as persoas atrapadas en monumentais atascos, as vítimas das interminabeis obras e incluso unha ‘coquette’ repartidora de Amazon.

23.000 persoas foron convocadas a salvar o seu pobo, nun intre de emerxencia extrema. Todo facía presaxiar que Ponteareas estaría á altura dun intre apocalíptico e decisivo para a súa historia. E así foi, Ponteareas estivo á altura: entre o 1 % e o 2 % dos ponteareáns deron o paso e saíron a salvar ao seu pobo e a facerlle fronte a aqueles que o colocaron ao borde do precipicio. Até Pepe Castro pousou detrás da pancarta que sostiñan dirixentes do PP e ACIP, seguramente lembrando con morriña os tempos nos que inhumanizou a Praza Maior cun busto de ínfimo gosto estético e absoluta indignidade democrática, pero que permitíu rebautizala como a praza do Cabezón. Aquelo si que eran humanizacións!.

Se Ponteareas morre e o 99 % da poboación non a socorre só cabe unha reflexión: Ponteareas non ten quen a salve

O éxito da convocatoria foi rotundo e así o celebran os seus promotores porque, certamente, superaron con creces o seu anterior record logrado nas concentracións contra a planta térmico-nuclear con biomasa que no seu día congregaron a medio cento de persoas diante do Concello. Con todo, o Partido Popular continua no máis alto do palmarés desa liga conservadora, ao xuntar máis xente nos seus mítines no auditorio municipal. Na champións das mobilizacións non xoga a dereita, como é sabido, e nela mantéñense outras que acadaron o milleiro de asistentes –segundo a prensa– coma a da sanidade pública de setembro pasado, a da plataforma da N-120 de 2016, a da Federación de ANPAS de 2012 ou a de Adenco en defensa do río Tea de 1994, cando Ponteareas non chegaba aos 17.000 habitantes, por citar as reivindicativas máis sonadas.

Para os que nos iniciamos case de nenos na cultura da mobilización, xuntar uns cantos centos de persoas nunha vila coma Ponteareas ao redor dun gran e crucial obxectivo resultaría un pouco penoso e decepcionante. Sobre todo se contas cun respaldo electoral de case 5.000 persoas. Pero aos que nunca até agora estiveron na oposición e nunca organizaron antes unha cousa así, é comprensíbel que lles provoque en estado cuasiorgásmico ou de embriaguez ver a varios centos de persoas atendendo a súa chamada. Para a dereita mobilizarse na rúa é un salto cualitativo, só comparábel ao que nos obsequiou Belén Villar dende a xanela do Concello.

Por iso, se na súa desbordante imaxinación foron capaces de ver un pobo morrendo e ao borde da ruina, non é de extranar que agora vexan un éxito no fracaso máis estrepitoso de sacar á rúa ao 1 % ou 2 % da poboación. E non hai nada mellor para un goberno que ter unha oposición instalada na fantasía e na autocompracencia e facéndose trampas ao solitario. Mais a realidade é que a inmensísima maioría de votantes destas forzas políticas da dereita (xa non digamos o resto) non viron esa morte do pobo, a ruina do comercio e da economía local e a apocalipse que nos anunciaban. Nin eles acudiron á chamada desesperada e agónica dos seus dirixentes.

Se na súa desbordante imaxinación foron capaces de ver un pobo morrendo e ao borde da ruina, non é de extranar que agora vexan un éxito no fracaso máis estrepitoso de sacar á rúa ao 1 % ou 2 % da poboación

O actual goberno ten o mandato outorgado por 5.734 veciños e veciñas que lle deron o seu apoio para facer de Ponteareas outra vila. 4.738 votantes optaron por PP e ACIP; son moitos e é lóxico que non compartan os cambios en Ponteareas. Querían seguir igual e que nada mudase, e así o expresaron en 2019. É normal e, ademais, lexítimo e respectábel que se expresen e protesten. É síntoma de saúde democrática. Igual que o é que o goberno municipal respecte a vontade desa gran maioría social que apoiou nas urnas un programa e unhas promesas. Non sería de recibo ignorar e traizoar a vontade desas case 6.000 persoas porque varios centos protesten na rúa.

Como era de agardar, diante de tal “clamor” popular a dereita di que o goberno debe reflexionar. Feito: se Ponteareas morre e o 99 % da poboación non a socorre só cabe unha reflexión: Ponteareas non ten quen a salve. Sendo así, un novo cambio de lema está servido: primeiro foi “Ponteareas se muere”, logo foi “Ponteareas no se muere, la matan”, agora dirán: “Ponteareas ni se muere ni la matan, se suicida”.