‘A casa xunto ao volcán’ é a nova proposta narrativa de Xosé Ricardo Losada e chega a nós avalada pola concesión do Premio Viaductos de novela. Trátase dun relato que, pese á temática e á súa protagonista, custa traballo identificar plenamente cun produto dirixido ao público adolescente, malia que ese pareza o seu destinatario máis lóxico. E digo que custa traballo identificalo así porque o autor inclúe certos elementos que semellan máis enfocados a un público adulto ou que non adoitan aparecer nese tipo de literatura, polo que ben poderiamos falar dunha novela dirixida a un abano moito máis amplo de público do que a súa categorización nos levaría a presupoñer.
Para entender do que estamos a falar, compre dicir que o que se narra é a historia de Xeila, unha rapaza de 17 anos que ve como o seu mundo se esnaquiza coa separación dos pais e o posterior traslado dende Ourense a Rianxo, o que implica recompoñer todo o seu mundo partindo de cero. Para acometer tal empresa, Xeila déixase guiar polas ensinanzas dun vello profesor de Filosofía co que mantén unha relación epistolar ao comezo do relato e que provoca unha serie de reaccións na rapaza, na procura da súa propia identidade. Neste proceso, e guiada pola visión do Super-Ser de Nietzsche, atravesará diferentes fases que lle axudarán a comprenderse a si mesma e, deste xeito, igual que faría unha crisálida, emerxer coma unha muller totalmente nova.
Pero o camiño non resulta doado. As fases propostas polo filósofo alemán (sumisión, rebeldía e conciliación) implican unha mudanza profunda do ser e do sentir da rapaza, mesmo un comportamento que semella estrano, antolladizo, incluso contraditorio, o que dificulta que poida ser comprendido polo seu entorno. Deste xeito, Xeila navega por distintos mares na procura de si mesma, e faino con tal firmeza e enerxía que nada será quen de afastala da ruta trazada, nin sequera a posibilidade de que, novamente, o seu mundo se volva a esnaquizar.
No fondo, trátase dunha novela de aprendizaxe no máis amplo sentido da palabra, pois a protagonista procura a súa propia identidade asumindo que a búsqueda nunca poderá xurdir dun comportamento estático e repetitivo, senón da experimentación e da ruptura coas inercias adquiridas nas anteriores fases da súa vida. E iso provocará un rebumbio de sensacións que teñen como verdadeira finalidade a mudanza definitiva da concepción do seu papel no entorno e o asentamento da “Super-Muller” anunciada polo filósofo.
A particular visión sobre as relacións que se establecen entre a protagonista e o seu entorno inmediato, resulta, ao meu entender, un dos elementos máis destacados da novela. Ver como a comprensible reacción de sorpresa perante o seu inicial comportamento errático, muda en asombro cando a crisálida se converte en mariposa, resulta gratificante. Porque, á postre, a aprendizaxe de Xeila acaba por se converter nunha lección de vida para todos os que a rodean. Mesmo para o lector.

Xosé Ricardo Losada
A casa xunto ao volcán
Galaxia
204 páxinas