13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelXosé Monteagudo, «Vémonos mañá»

    Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá»

    Realidade e ficción conflúen na última proposta narrativa de Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá», na que presenta o que poderiamos considerar unha dupla biografía novelada. Dupla, porque son dúas as personaxes nas que se centra a acción, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, político e científico en tempos da II República, e máis a súa dona, Josefina Arruti; biografía, porque relata acontecementos reais que tiveron que ver coa vida dos seus protagonistas como consecuencia do levantamento militar que desembocou en guerra civil; e novelada, porque Monteagudo xoga, conscientemente, a suplir coa ficción os ocos que deixa a documentación existente e mesmo se permite darlle maior protagonismo ao aspecto literario que ao puramente biográfico. Non, non se trata dunha biografía no sentido tradicional, senón dunha novela inspirada na realidade, un traballo de creatividade literaria.

    O relato arranca en 1986, cun Bibiano na vellez que viaxa dende México a Galicia para presidir os actos conmemorativos do 50 aniversario da redacción do Estatuto. Leva medio século de exilio no país azteca e non só conta con pisar de novo a súa terra natal, logo de tanto tempo fóra, senón con reencontrarse coa súa dona, Josefina, coa que casara en 1929, e cos seus tres fillos, aos que o levantamento militar afastou do seu lado durante todo aquel tempo. Dende o avión, el, e dende a súa casa en Pontevedra, ela, ámbolos dous lembran os sucesos que desembocaron nesa separación forzada e a persecución á que se viron sometidos.

    Independentemente de que os feitos relatados sexan máis ou menos coñecidos, o autor é quen de argallar unha fermosa historia de amor e de compromiso truncada polos antollos da Historia, na que o fío da narración responde aos sucesos reais que tiveron que ver cos protagonistas e nos que Monteagudo se escuda para armar a trama da novela. Deste xeito consegue darlle forma a dúas personalidades cunha enorme forza (permitiríame engadir tamén á nai de Bibiano, cun papel secundario, pero fundamental para entender a trama), aos que acompañaremos non só na loita no primeiro plano da acción, protagonizada polo político e científico, senón tamén á resistencia silandeira exercida na retagarda pola súa dona, Josefina, sempre firme nos seus convencementos.

    O autor presenta en paralelo dúas vidas senlleiras e dignas de lembrar para as novas xeracións, tan faltas de referentes de fondo calado na superficialidade da sociedade contemporánea. Bibiano e Josefina, cada un no seu plano particular, afondan nas súas evolucións persoais; el, desenvolvendo unha carreira profesional de éxito no mundo do ensino e da política que o levou incluso a figurar nunha terna de candidatos á presidencia da ONU; ela, loitando heroicamente por sacar adiante unha familia sinalada e humillada polos vencedores da contenda fratricida, padecendo cadea e diversas formas de persecución nunha Pontevedra irrecoñecible. Así, a novela de Monteagudo érguese como un exercicio de necesaria reparación moral sobre ambas figuras, logo de tantos anos de esquecemento.

    Xosé Monteagudo

    «Vémonos mañá»

    296 páxinas