Afirmar que «Mnemea» é unha novela englobada dentro do xénero fantástico ao que Xosé Duncan nos ten acostumados, sería faltar á verdade; pero afirmar o contrario, tamén. Nesta nova entrega, o autor navega entre xéneros sen decantarse por ningún deles nun difícil equilibrio do que non é doado saír ben parado, pero Duncan é quen de xogar con habilidade co simbolismo das personaxes para moverse con soltura nese gume da navalla ao que nos arrastra durante a lectura.
Por situar a cuestión, lembremos que Mnemea, segundo a mitoloxía grega, era unha das musas primixenias, protectoras das artes; concretamente a relacionada coa plasmación real das ideas argalladas polo autor. O seu nome identifícase coa memoria como elemento instigador da arte. Falamos, xa que logo, dun mito lendario que na novela cobra vida para axudar ao protagonista, Lois Mourinho, un autor en decadencia que loita por recobrar a posición de privilexio da que gozou tempo atrás. E para iso, necesita a axuda de Mnemea na redacción da súa nova novela, que el presinte como o seu gran legado literario. Pero a inspiración é esquiva e caprichosa, polo que deberá pagar un alto prezo que o vai situar no límite mesmo da cordura.
Estamos, polo tanto, diante dun traballo metaliterario, no que a fin última do protagonista é escribir ese libro definitivo que o coloque no lugar que considera que merece, pese a que a evolución do xénero fantástico no que sempre se desenvolveu o sitúen agora coma unha especie de dinosaurio doutro tempo. E aí xoga un papel fundamental a psicoloxía do autor-personaxe, que deberá loitar contra os seus propios demos para decidir ata onde está disposto a chegar para conseguilo, así como da súa colaboradora, Carla, que ao longo do relato vai asumindo o protagonismo perdido polo escritor.
Ao meu entender, un dos elementos máis destacables desta novela é a presencia desa musa inspiradora, que sempre aparece espallando un leve aroma a primavera e que apenas se deixa intuír ao longo da novela. Esa presencia etérea, case fantasmal, que se desdebuxa cando entra en escea algún outro personaxe, dálle ao conxunto unha aura moi particular que afonda na idea expresada ao principio de equilibrio de xéneros: estamos diante dun relato bastante realista, case unha novela psicolóxica, pero Mnemea cambia a atmosfera coa súa presenza para arrastrarnos ao eido da fantasía.
Sei que isto é unha apreciación moi persoal, pero polo tema tratado, polo enfoque e estrutura do relato, pola linguaxe coidada e precisa, pola evolución das personaxes e por un cento de razón máis, eu creo ver en ‘Mnemea’ un paso evolutivo moi importante na narrativa de Duncan, que nos fai presaxiar un futuro prometedor. Haberá que agardar polo seus próximos traballos para confirmalo.
Xosé Duncan
Mnemea
Galaxia
188 páxinas