Sempre fun dos que defenden a valía do teatro como asignatura en todos os niveis da educación. Polas súas evidentes compoñentes pedagóxicas e pola súa capacidade para aprender a expresarnos en público e a empatizar con outros, tan distintos de nós, merecería un espazo de honra no noso curriculo educativo. Por iso non quero deixar pasar o inicio do novo curso escolar sen facer un par de recomendacións de pezas teatrais dirixidas aos máis pequenos da casa que, de seguro, farán que disfruten da súa lectura. E aínda máis se se deciden a representalas no seu centro. A primeira está dirixida a un público claramente infantil, a segunda encaixa mellor entre a mocidade.
Raquel Castro, «Planeta Bugallo»
Raquel Castro xa se converteu nunha referencia indiscutible no eido do teatro para nenos. Son moitos anos os que leva mergullada tanto na posta en escena de distintas pezas como na escrita das mesmas. De feito, a que hoxe traemos a este andel xa foi estreada fai catro anos pola agrupación que ela mesma dirixía, pero non é ate o de agora que ve a luz en formato impreso. Trátase, como é costume nela, dunha obra de factura sinxela, cargada de humorismo e con certas pinceladas reivindicativas.
O que nos conta é a historia de dous extraterrestres procedentes do Planeta Bugallo, que aterran no Courel, en pleno Camiño de Santiago, buscando a alguén que lles fale na lingua interplanetaria: o galego, e que lles explique cal é a orixe do nome do seu planeta. Mais no lugar que foi berce de tal lingua, falada, como dicimos, en todos os currunchos do cosmos, non son capaces de atopar quen se exprese en galego e lles dea as explicacións que precisan. Na súa misión atoparán peregrinos que se dirixen a Compostela, un par de rapaces que andan na súa procura, sabedores da aterraxe dos extraterrestres, e unha especie de fada que vixía a conservación dos bosques, entre outras personaxes sorprendentes e divertidas.
O humor é, como xa apuntamos, un dos elementos esenciais desta peza teatral, mais non debemos esquecer que, a miúdo –e no caso de Raquel Castro é bastante habitual–, a retranca non fai outra cousa que agochar cuestións que deben inducirnos á reflexión. E de seguro que moitos nenos atoparán entre estas páxinas un feixe de ideas sobre as que deliberar, tanto no referente ao coidado da nosa lingua como ao coidado do planeta. Mensaxes todos eles de indubidable necesidade para as novas xeracións.
Raquel Castro
Planeta Bugallo
Ilustracións de Blanca Millán
Galaxia
116 páxinas
Ánxela Gracián, «Donas de nós»
No caso da peza teatral de Ánxela Gracián, “Donas de nós” (que sae do prelo avalada polo premio Meiga Moira deste mesmo ano), enfrontámonos a unha obra destinada a un público xuvenil. Neste caso, a fantasía e a realidade, a maxia e a vida cotiá, conflúen nun exercicio literario no que propón un xogo de roles co que achegarse a temas do noso tempo que teñen que ver co papel da muller nunha sociedade altamente patriarcal e, se se me permite dicilo, tamén co papel do home nese mesmo contexto.
Aquí aparecen personaxes xa coñecidas e redebuxadas para a ocasión, como unha Fada Morgana combativa contra o patriarcado e que loita pola liberdade da muller, ou un Mago Merlín que, de ser o seu inimigo, pasou a se converter nun aliado imprescindible para que Morgana dea conta dos seus proxectos. Mais a verdadeira protagonista desta historia de ambientación medieval é a xograresa Mendiña, que percorre os camiños cos seus versos e as súas músicas. Nun encontro casual co Príncipe Azul, galán namoradizo cun punto de paifoco, este cae engaiolado polos encantos da xograresa aguilloado polo seu Criado para sufoco do Camarlengo, que non cesa de lembrarlle o seu compromiso coa princesa provenzal Mademoiselle Xuxú. No medio desta lea de intereses, Mendiña deberá decidir sobre o seu futuro, con Morgana e Merlín como animadores excepcionais.
Neste caso tamén xogan un papel esencial o humor e a ironía, presentados a través de personaxes que son prototipos cos que representar valores xa caducos, pero aínda moi presentes. Fronte a eles, a arroutada sinceridade de Mendiña e as argalladas de Morgana e Merlín na procura dese final feliz anunciado no subtítulo da obra (“Traxicomedia en tres actos e un ‘happy end’ para un conto de fadas”) que, de seguro, deparará algunha sorpresa ao lector.
Ánxela Gracián
Donas de nós
Baía Edicións
92 páxinas