Ás veces non resulta doado establecer o punto no que se sitúa a liña feble que separa uns xéneros literarios de outros. É coma participar nunha especie de xogo no que os autores rachan as barreiras establecidas e descolocan ao lector, quizais para provocar unha lectura diferente do texto que presentan. Algo parecido debeu de pensar Nazaret López á hora de redactar estes «Pecados veniais» nos que transita con claridade polo eido do relato para, aos poucos, esborrexer cara á novela. Onde está o límite entre un xénero e outro? Difícil sabelo.
Porque a proposta de Nazaret parece crearse a partir de historias independentes, desvinculadas entre si. Hai personaxes absolutamente secundarias en certos relatos que asumen o papel protagonista noutros, algo que se ven repetindo de cando en vez neste tipo de coleccións. Mesmo que cada peza se vincule a unha temática común, tampouco sorprende. Pero que acontece cando, avanzada a lectura, comezamos a decatarnos de que hai moitas máis coincidencias das que parece nos relatos que integran este repertorio? E se todos eles rematan por coincidir nun final que os vincula, aínda máis, entre si, ofrecendo unha nova perspectiva do conxunto? Seguiriamos a falar dunha colección de relatos ou dunha novela? Abofé que non sabería que responder! Pero ao chegar a ese final imprevisto, deume por pensar que ben podiamos falar dunha novela coral moi particular, na que os capítulos teñen vida propia dentro dun contexto común. É difícil de explicar. Lede e sacade as vosas conclusións.
En cada unha das pezas deste crebacabezas atopamos traizóns, vinganzas, decisións difíciles, mentiras, envexas, moita rabia e un pouco de retranca. Todas están protagonizadas por mulleres que asumen un papel co que non contaban; que superan as súas vulnerabilidades, persoais ou herdadas dun entorno hostil, enfrontándose a retos que semellan imposibles; que reivindican a súa condición á marxe dos tópicos debuxados polo patriarcado máis rancio e que se enfrontan aos seus medos e ás súas eivas ata superalas. Son mulleres fortes, empoleiradas, mulleres arroutadas e decididas a sobrevivir, lle pese a quen lle pese.
Se a estrutura é laboriosa, non o é menos o estilo. Nazaret xa se presentou na súa primeira novela como unha autora limpa e fresca, cunha redacción pulcra e equilibrada na que a palabra adquire unha dimensión especial. E nesta nova entrega mantén ese estilo refinado e preciso, esa atención ao detalle, esa concisión e esa claridade que semellan ser xa marca da casa. Iso sitúanos diante dunha autora que toma moi en serio o seu traballo e que esixe ao lector un certo esforzo para mergullarse nas historias que propón, mais a recompensa a ese esforzo vai dar un saldo ao noso favor pola satisfacción de gozar dunha boa lectura.
Nazaret López
«Pecados veniais»
Xerais
216 páxinas