18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelMiguel Sande, «O negociador»

    Miguel Sande, «O negociador»

    Poeta, dramaturgo e narrador, Miguel Sande vén de presentar un novo traballo, unha novela na que se move entre a realidade e a ficción, coa que chegou a ser finalista do último premio Xerais. O feito de que non acadase tal galardón non lle resta mérito a esta proposta, que destaca por situar ao lector nun territorio pouco transitado e mesmo, por veces, incómodo, pero coido que aí é onde radica o seu valor, pois non resulta doado facer tal cousa e, ao tempo, provocar as sensacións que esta novela provoca.

    A acción nace dun feito histórico, como son as conversas mantidas en Alxer entre o Estado Español e a banda terrorista ETA durante o cativerio dun empresario, o secuestro máis longo dos cometidos polos radicais vascos. Unha das persoas que participaron nesa negociación vai relatando as súas lembranzas e sensacións, cunha cidade violenta como pano de fondo e un xogo de intrigas políticas como materia prima. A novela está estruturada en catro partes cun alto grao de independencia entre elas, xa que cada unha conta cun relator diferente que nos sitúa en distintos espazos físicos e temporais, mais unha e outra vez, a roda xira ata que nos fai regresar de novo ao hotel de Alxer no que se desenvolveron as devanditas negociacións.

    Se dixen antes que a novela se move entre a realidade e a ficción, é porque, a pesar de nacer dun feito histórico contrastado, afástase completamente do estilo documental para construir unha realidade diferente, froito da imaxinación do autor. Iso non significa que careza de rigor documental, nin moito menos, pero quen busque unha novela histótica ao uso deberá procurala noutro sitio. «O negociador» é un exercicio literario, sen máis pretensións, mais un exercicio de excelente calidade.

    Respecto da afirmación de que arrastra ao lector a territorios incómodos, prefiro non desvelar máis detalles da trama, pero os lugares e os momentos nos que se sitúan cada unha das catro historias resultan, cando menos, desacougantes: dende un Alxer en armas mentres se negocia sobre a vida dun secuestrado, a un Londres suburbial, homófobo e racista; dende unha residencia de anciáns vapuleada pola covid-19, ata unha «caixa escura» na que practicar sexo (ou non) con descoñecidos. Son lugares pouco transitados que provocan, cando menos, certa inquietude no lector. Mais esas peza que semellan inconexas acaban por encaixar no seu sitio segundo avanzamos cara ás páxinas finais.

    Todo isto está revestido dunha prosa moi coidada e con clara vocación de estilo, o que é de agradecer dentro do panorama literario actual. Frases curtas que ás veces se sobrepoñen entre si, acción e reflexión misturadas, palabras precisas e contundentes que se deixan caer coma impulsos do pensamento, son pistas que delatan un traballo longo e meditado. Na linguaxe aparentemente azarosa, agóchase un punto delicado e unha sensibilidade que, a pesar da súa vocación transgresora, reflicte unha fonda preocupación pola sociedade que nos tocou en sorte.

    Miguel Sande

    O negociador

    Xerais