Domingo, 9 Febreiro de 2025

Inma López Silva, «O libro da filla»

Inma López Silva regresa ao primeiro plano literario cunha nova proposta narrativa que ten un certo punto inquietante. Inma acostuma a ser unha autora incómoda por provocadora, no sentido de ser capaz de situarnos fronte a un espello como sociedade ou como individuos, para que vexamos a nosa propia imaxe e tomemos consciencia dunha realidade que, na vertixe actual, pode ser que nos pase desapercibida. É coma se nos arrastrase fronte ao noso reflexo para dicirnos: “Mira, isto é o que hai. Decide que vas facer”. E iso, a miúdo, resulta desacougante.

A historia nace dun encontro entre Helena, xornalista de éxito que enfía a madurez, e Fernando, un preso acusado de abusar da súa filla que defende a súa inocencia. A partir de aí, a novela contrapón o mundo destes dous personaxes que resulta non ser tan diferente como en principio podería parecer. E neste percorrido, asistimos ao esnaquizamento de ambas as dúas familias e tamén a unha análise das relacións materno-filiais que, en realidade, é o que soporta o peso principal do relato. A revisión de tal concepto dende unha óptica contemporánea resulta ser o tronco ao que se aferran unha serie de pólas que integran o entramado da novela.

Entre esas pólas, un dos elementos que considero máis interesantes é a reflexión á que nos induce respecto do concepto de ‘verdade’, fronte á manipulación dos datos para contar outras realidades que non sempre se corresponden co acontecido, mesmo para manter agochados certos secretos persoais ou familiares. A autora sementa dúbidas no lector respecto dos casos de abusos a menores, que non sempre resolve dunha maneira contundente, deixando no aire a reflexión sobre a credibilidade das acusacións e a súa intencionalidade. Velaí conceptos tan vixentes como as ‘fake news’ ou a ‘posverdade’ campando pola novela.

Non é o único elemento que a vincula coa actualidade, pois outra desas pólas destacadas ten que ver coa auxe de Ágora, un grupo de extrema dereita que resulta doado vincular coa actualidade política e co que, como sociedade, nos coloca fronte ao espello do que falamos ao principio desta recensión. O noso comportamento pasivo e a falla de reacción fronte a determinados abusos, pétannos na cara mentras lemos e lévannos a reflexionar sobre a nosa actitude fronte aos abusos daqueles que ansían o poder a toda costa.

Xa dixemos que Inma é unha autora incómoda e que achegarnos aos seus traballos significa participar da súa provocación. A dosificación da información tamén redunda nesta idea, pois hai cuestións relevantes na trama que aparecen de súpeto, sen avisar, collendo ao lector por sorpresa e provocando certa incomodidade. Rachar de tal xeito coa empatía xerada cara a certos personaxes vainos predispoñer de maneira inevitable e condicionará o resto da lectura, creando entre o relato e nós un vínculo moi especial. Coido que manexar esa situación coa habilidade da que fai gala Inma López Silva, colocando ao lector xusto onde ela quere e reconducindo o seu camiño polas páxinas da novela, é algo que está ao alcance de moi poucos narradores.

Inma López Silva

O libro da filla

Galaxia