17.2 C
Pontevedra
Luns, 7 de Outubro de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelFrancisco Castro, «Isto SI é un home»

    Francisco Castro, «Isto SI é un home»

    Francisco Castro ten unha longa traxectoria como narrador de ficción, tanto no eido da literatura infantil e xuvenil como no da dirixida a adultos, e pídovos que reteñades este dato na vosa memoria. Nesta ocasión vén de dar un pequeno xiro á súa andaina ao presentar o seu primeiro ensaio, encadrado dentro da colección «Feminismos», promovida pola Editorial Galaxia dende fai algúns anos. O seu título, «Isto SI é un home», xa é bastante clarificador, pero o subtítulo evita que nos poidamos perder en interpretacións equívocas: «Unha mirada masculina contra o patriarcado».

    Resulta unha obviedade dicir que existe unha amplísima variedade de ensaios nos que autores de distinta procedencia expoñen os seus estudos, experiencias ou pensamentos, atendendo a moi diferentes criterios, pero cando escoitamos esa palabra, «ensaio», os prexuízos herdados fan que tendamos a pensar en textos sisudos, farragosos e aburridos nos que ao lector común lle resulta doado perderse. Pois ben, e aquí é onde reclamo a retención do lector, quero lembrar que estamos diante dun autor cunha dilatada andaina como narrador de ficción, coñecedor dunha morea de recursos para facer da lectura algo ameno e dinámico. Pois ben: na redacción deste texto conflúen ao Francisco Castro profesor de Filosofía e feminista confeso e mailo Francisco Castro narrador, e o resultado é unha obra contundente e necesaria na súa exposición e amable na súa lectura.

    Pero prefiro determe na tese defendida polo autor ao longo das páxinas deste libro. Castro cuestiona sen tapuxos a idea de masculinidade que tradicionalmente se mantivo na nosa sociedade, a do «macho alfa» aguerrido e intolerante, forte e poderoso, dominante e equívocamente sexualizado, para defender a imperiosa necesidade de darlle a volta completamente. Tales falsos mitos, defende, non inducen máis que a moldear o noso comportamento natural na procura dunha idea errada de nós mesmos, co único obxectivo de manter as estruturas dun patriarcado arcaico, rancio e teimudo no sometemento da metade da poboación.

    Aceptar esa mitoloxía patriarcal e adoptar os seus postulados non pode arrastrarnos máis que á infelicidade polo ocultamento sistemático do noso propio «eu» fronte aos modelos impostos. Por iso reclama o dereito de todos aqueles que fomos educados seguindo tales criterios, a mudar a nosa concepción, a esixir que os valores defendidos polo patriarcado tradicional sexan trocados por novos valores, a buscar a nosa propia liberdade sen imposicións de ningunha caste e sen que iso signifique ser sinalados por ninguén.

    Cunha linguaxe tan coloquial coma contundente, o texto de Castro é un reclamo sobre a necesidade de desenvolvernos individualmente como persoas, de esquecer os hábitos herdados por unha sociedade patriarcal que necesita unha remuda urxente e a fondo. E faino partindo da experiencia propia ao utilizar a súa memoria persoal como fío condutor do relato, sobre todo na parte inicial, o que axuda a centrar a atención do lector. Xa dixen que os recursos narrativos son abondosos e forman parte indisoluble do texto para facer da lectura algo áxil e ameno.

    Francisco Castro

    Isto SI é un home

    Galaxia