9.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelFran Fernández Davila, «Groenlandia»

    Fran Fernández Davila, «Groenlandia»

    A Fran Fernández Davila gústalle sorprender cos seus traballos literarios, descolocar ao lector para levalo por paisaxes pouco transitadas física e emocionalmente, escapar da rutina diaria e, cunha forte carga de imaxinación, argallar historias nas que a intriga e o humor acaban por se converter en personaxes convidadas da trama. A súa nova novela, «Groenlandia», coa que vén de acadar o premio de narrativa breve Repsol deste ano, é un claro exemplo de tal afirmación que o consolida como un dos autores máis suxerentes e peculiares do panorama actual.

    A historia que nos relata comeza cun naufraxio preto de Terra Nova e o rescate dun supervivente en estado case moribundo, que é trasladado ás illas dos Azores para a súa recuperación. Estamos a mediados dos anos 90 e, cando o mariñeiro esperta do seu letargo, descobre que perdeu a memoria, polo que terá que reconstruír a súa identidade e mailo seu pasado ao tempo que se enfronta a un entorno novo e descoñecido. Ao seu arredor, un grupo de personaxes ben peculiares entre os que sobresae unha enfermeira coa que establece unha conexión moi especial, un turista alemán moi particular, a súa antiga dona, que viaxa ata as illas con intencións incertas, e ata unha pantasma que se lle aparece tentando influenciar os seus progresos para desvelarlle un segredo agochado.

    Así, e partindo duns inicios un tanto imprecisos, irémonos adetrando nunha especie de crebacabezas no que as pezas semellan non encaixar como deberan. A medida que avanzamos entre as súas páxinas, iremos atopando historias de espionaxe, de contrabando, de narcotráfico, de vinganza e de oportunismo, que se entrelazan ata darlle a forma precisa aos ocos nos que cada unha desas pezas se acople con precisión. Debúxase desta maneira un relato moi diferente do que aparentaba ser, con xiros constantes de guión para darlle a volta a todo o que criamos saber sobre esta historia. E todo iso nun entorno tan paradisíaco como son as illas dos Azores que, a pesar da súa indubidable beleza, agochan un submundo volcánico sobre o que se espellan as intrigas violentas que flúen na superficie.

    A pesar de que non podemos falar, nin con moito, dunha novela humorística, si que é certo que a ironía e a retranca abrollan constantemente nos diálogos, na linguaxe empregada e na elaboración das escenas, chegando a lindar co surrealismo. Mención aparte merece o tratamento das personaxes, pois a súa singularidade converte o que aparentaban ser meros prototipos, nunha auténtica galería de perderores con múltiples facianas, ás veces contraditorias, que teremos que ir descubrindo ao longo da narración. Porque se algo caracteriza esta nova entrega de Davila é, como xa avanzamos, que nada é o que parece. E iso, ao meu entender, é un aliciente máis para adetrármonos nas páxinas de «Groenlandia».

    Fran Fernández Davila

    «Groenlandia»

    Galaxia