«O ceo das reixas» é unha desas novelas curtas que deixan un gran sabor de boca, pois en apenas 80 páxinas Eli Ríos é quen de relatar unha historia chea de silenzos, de complicidades, de maxia, de violencia, de crítica social, de amizade, e da imprescindible calidade literaria da que fai gala en cada nova entrega. Unha novela de ambientación un tanto claustrofóbica, pois case toda a acción transcorre nunha cela carceraria, asumindo o protagonismo dúas personaxes femininas que dialogan para descubrírense a unha á outra, e que pola súa estrutura e desenvolvemento ben podería ter sido construída como unha impactante peza teatral.
A primeira das protagonistas é Noelia, unha ciruxiá que non dubida en socorrer a outra presa logo dun terrible suceso e que, de volta á súa cela, atopa a unha nova compañeira, Fina. Entre as dúas establécese de primeiras unha certa liorta, un enfrontamento por marcar o territorio e o dominio nun ambiente hostil para ambas, pero non tardarán en abrazar a complicidade na procura da ansiada liberación de calquera que se atope nesa situación.
Resulta clarificadora a maneira na que os dous personaxes femininos que protagonizan a historia, de enorme forza calquera delas, sufren en tan corto espazo unha importante evolución psicolóxica, que é a que favorece o seu achegamento. É en Noelia onde máis se percibe esa evolución, pois pasa dun posicionamento, como dixemos máis arriba, frentista, de marcar territorio fronte á súa nova compañeira, a empatizar con ela de maneira profunda ata o punto de deixar a historia ao bordo mesmo da absorción da súa personalidade e a transformación final na propia Fina. Isto resulta difícil de comprender para quen non lese a novela, pero cando cheguedes ao sorprendente final entenderedes o que quero dicir.
Son as personaxes femininas as que dominan a narración, adquirindo os poucos homes que aparecen un rol basicamente secundario, case decorativo; a excepción é Lois que, pese á súa breve aparición, adquire unha presenza moi forte nas derradeiras páxinas. Isto é algo moi habitual na narrativa de Eli Ríos, onde acostuman a ser as mulleres as que levan o peso da historia. E esa concepción da literatura ten moito de reivindicativo do papel feminino, dese tan repetido “empoderamento” da muller en calquera dos eidos da sociedade, e aí, a literatura tamén conta. Non cómpre falar só das autoras no seu rol, senón das historias que elas nos transmiten e do papel das mulleres como protagonistas –a miúdo con personalidades fortes e arroutadas–, máis alá dos papeis submisos que debuxaba para elas a literatura doutros tempos, por fortuna, xa superados.
O relato alterna a presenza dun narrador omnisciente nalgúns dos capítulos, con longos monólogos interiores de Fina e con extensos diálogos entre as protagonistas, facendo así a súa lectura áxil e amena. Frases curtas e contundentes, ás veces incendiarias, e unha linguaxe exenta de tecnicismos artificiosos e que nos vincula coa terra, agochan un traballo moito máis duro do que pode parecer a simple vista. E todo iso converte «O ceo das reixas» nunha lectura imprescindible para calquera que pretenda coñecer o que se está a cocer nas nosas letras nestes intres.
Eli Ríos
O ceo das reixas
Xerais
80 páxinas