11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelDaniel Asorey, «As mulleres da fin do mundo»

    Daniel Asorey, «As mulleres da fin do mundo»

    Daniel Asorey xa nos sorprendeu gratamente coa súa primeira novela, ‘Nordeste’, na que se achegaba ao mundo dos cabaçeiros misturando a realidade con pingas de fantasía que dotaban o relato dun fondo moi especial. Agora regresa cunha nova historia na que nos prantexa un futuro distópico que non semella excesivamente lonxano e na que, unha vez máis, transmite un pouso social co que semella querer axitar as nosas conciencias.

    Un relato cheo de matices que poden chegar a provocar certo desacougo intelectual porque, para chegar ao fondo do lector, case sempre é necesario incomodar e rabuñar na nosa alma.

    A novela transcorre nunha sociedade totalitaria e xerarquizada, na que o Líder Supremo, apoiado ideoloxicamente pola igrexa e sempre baixo as indicacións das Corporacións, goberna con man de ferro unha sociedade sometida e marxinada aos arrabaldes da Capital do Mundo, o que o autor chama os Aneis Azuis. A situación é altamente inestable e cada vez son máis as voces que se alzan contra ese poder totalitario e contra unha cúpula que sobrevive aillada e allea a todo, grazas ao esforzo da maioría da poboación. Ata que esa inestabilidade salta polos aires e comeza unha revolución que vai estar capitaneada por un grupo de mulleres que actúan de maneira independente a prol da comunidade e que serán as responsables de reconstruir un mundo en decadencia a partir de novos principios baseados na solidariedade e na colaboración.

    Nesta proposta resulta doado ver as pegadas doutras distopías clásicas da literatura, como ‘1984’, de George Orwell; ‘Farenheit 451’, de Ray Bradbury; ou ‘Un mundo feliz’, de Aldous Huxley; mesmo de clásicos do cinema do estilo de ‘Blade Runner’, de Ridley Scott. Quizais unha das diferencias máis claras respecto destes predecesores sexa Asorey se centra máis na descripción de situacións e ambientacións, deixando de lado cuestións técnicas e máquinas peculiares que, dada a evolución tecnolóxica que hoxe vivimos dá por sobreentendidas. E, por suposto, o papel das mulleres na resolución do conflicto, verdadeiras protagonistas do relato, como xa se desvela dende o título. Rebeca, Faheema, Blau (‘muller por decisión propia’), mesmo Olga ou Neiva, son, en realidade, prototipos que representan á totalidade de mulleres. O seu peso no relato é absoluto, só interrompido por un único home, Tichborne, que pese ao seu papel secundario ten unha función relevante, e polo Líder Supremo e a súa cohorte patriarcal, xefe relixioso incluído.

    A novela presenta, como xa se dixo, moitos matices, malia que isto conveña explicalo: percíbese na súa redacción unha vocación de estilo que Asorey recrea a través de frases curtas, pero moi medidas, nas que cada palabra ten a súa función e o seu propio significado en función do contexto. Unha precisión que dirixe o noso pensamento cara a esa idea que o autor pretende transmitir, sen posibilidade de desviarnos do seu obxectivo. Os matices son, así, unha parte fundamental do relato, pero fronte a outros casos nos que esas diferentes percepcións parten do propio lector, aquí son suxeridos directamente por Asorey para levarnos a onde el nos quere situar. Deste xeito, a novela énchese de posibilidades de lecturas diferenciadas, pero sempre seguindo as propostas do autor.

    as mulleres do fin do mundoDaniel Asorey
    As mulleres da fin do mundo

     

    Editorial: Xerais
    248 páxinas