18.9 C
Pontevedra
Xoves, 21 de Setembro de 2023
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelBranca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo. Branca leva no sangue a súa paixón pola poesía, ou quen sabe se os misterios da xenética e o feito de criarse nun entorno como o Courel terán algo que ver, o caso é que, unha vez máis, íspese emocionalmente para nós nunha colección de textos, maiormente breves, que non nos deixará indiferentes.

    «As cunchas baleiras» é un poemario que, máis que «minimalista, eu definiría como «esencialista», pois o que fai a autora é amosar a esencia das cousas que a rodean. Para iso sérvese do mencionado minimalismo ao eliminar toda referencia ornamental que poida desviar a atención do lector, para centrarse na consecuencia ou, por mellor dicilo, na cerna da idea expresada. Velaí o verdadeiro valor da palabra como elemento comunicativo entre o «eu» interior e o «eu» externo, como ponte de tránsito entre ambas caras da moeda, como balconada dende a que asomarse ao mundo, como xogo entre significante e significado co que afondar no pensamento íntimo. Mais, a pesar do dito, custa traballo atopar nestes versos un «eu poético» individual e diríase que o conxunto de textos semella máis preocupado por recoller o sentimento da colectividade, a través dun tratamento que vai dende o reflexivo ao meramente contemplativo.

    A condensación das ideas e o emprego de simbolismos non sempre xogan a favor da claridade expositiva, pero a autora consegue que isto non supoña un atranco para o disfrute da lectura, pois induce ao lector á reflexión, da que andamos tan carentes dun tempo a esta parte. Deste xeito, resulta doado deixarse levar pola cadencia rítmica dos versos cara á propia introspección dentro da globalidade da que formamos parte. Cada poema agocha unha fondura de pensamento que o achega a conceptos filosóficos, ás veces expresados como meros aforismos, ás veces cunha linguaxe puramente lírica, ás veces como pegadas firmes do pensamento. Pero sempre provocadores. Non se podería cualificar o poemario de pesimista, a pesar de que o mundo que nos rodea parece empurrarnos día a día nesa dirección, pero si hai certo transfondo de tristura existencial sobrevoando os versos, sobre todo nos fragmentos relativos á enfermidade e á debilidade do corpo para enfrontarse a ela.

    Branca xoga con elementos, como dicimos simbólicos, en canto ao fondo. No que respecta á forma semella buscar os límites da poesía como xénero, coma se andivese na procura de novos camiños que percorrer entre a lírica tradicional e a poesía visual, mesmo entroncada co teatro e a danza. O resultado desta década de traballo e de condensación, é unha pequena alfaia pensada para aguilloar o noso pensamento e espelir o noso sentimento. O que non é pouco nos tempos que corren.

    Branca Novoneyra

    «As cunchas baleiras»

    Chan da Pólvora

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    89 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS