Venres, 2 Maio de 2025

Arantza Portabales, «Sobrevivindo»

No verán de 2015, Arantza Portabales daba os seus primeiros pasos como escritora, cando menos publicamente, traendo debaixo do brazo o premio de novela por entregas organizado por un xornal galego. As bases para acadar aquel galardón eran moi estritas en canto a extensión e división en capítulos, o que condicionaba en estremo a estrutura e desenvolvemento da narración. Todo un desafío. Seis anos despois, Arantza decide recuperar aquel primeiro traballo, «Sobrevivindo», que presenta en «versión ampliada». Alén dunha simple revisión e actualización da novela orixinal, o que se nos ofrece agora é unha reforma integral na que, liberada dos condicionantes impostos polo premio, a autora decide afrontar con amplitude aquelas cuestións que na trama orixinal considerou que ficaban sen desenvolver completamente. Tanto é así que a nova «Sobrevivindo» chega, practicamente, a duplicar a extensión da novela breve orixinal.

Como non podía ser doutra maneira, a historia segue a ser a mesma e as personaxes principais mantéñense na súa integridade, mais agora podemos comprender un pouco mellor as razóns das súas actuacións. Val Valdés, a protagonista, amosa facianas que na primeira versión quedaban esquecidas ou eran simplemente suxeridas, penetrando deste xeito na fondura psicoloxía dunha muller tan peculiar coma esta. Algunhas tramas están máis desenvolvidas e outras personaxes tamén adquiren máis presencia, redondeando desta maneira o relato orixinal e dándolle unha nova dimensión máis completa.

A historia que nos conta é a dunha muller que decide presentarse a un concurso televisivo de telerrealidade do que sae gañadora e, por supossto, obscenamente enriquecida. Os cartos serviranlle para alonxarse dos medios de comunicación e para se converter nunha empresaria de éxito, –moito éxito–, ata que un día confesa o asasinato dun home. A partir desta proposta, a autora tece unha tea de araña na que pasado e presente se dan a man continuamente e na que o lector ficará irremediablemente enredado. Val Valdés comeza a presentar distintas facianas segundo o momento, dende a nena inocente e namoradiza á empresaria feroz ou a concursante manipuladora. Un xogo poliédrico que, no fondo, amosa unha muller moito máis feble do que exhibe ao mundo, unha muller que é quen de construir un entorno no que colocar e ordear as carencias afectivas que padece, pois o trunfo e a derrota forman un tándem indisoluble para ela.

Cun estilo fresco e abundantes diálogos, Arantza xoga con nós ao relatar parcial e desordenadamente os acontecementos sobre os que se alicerza a trama. Necesítase, deste xeito, a complicidade do lector para colocar cada peza no seu lugar nunha sorte de proceso creativo colaborativo digno de ser destacado. Mantén, iso si, a mesma estrutura fraccionaria a base de capítulos breves característica da versión inicial, sobre a que se van intercalando novas pezas do crebacabezas coas que deberemos darlle a forma definitiva ao relato. O resultado é unha melloría notoria da novela galardoada e máis un fascinante reto para o lector.

Arantza Portabales

Sobrevivindo

Galaxia