17.9 C
Pontevedra
Martes, 17 de Maio de 2022
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAmador Castro Moure, «Shanghai a Barcelona»

    Amador Castro Moure, «Shanghai a Barcelona»

    Cando unha novela vén avalada polo premio Xerais merece, cando menos, prestarlle unha mínima atención. Neste caso, a proposta narrativa de Amador Castro Moure que se fixo con tal galardón este mesmo ano é unha novela ben peculiar e moi traballada, arriscada no seu prantexamento e resolta con gran habilidade. Por iso, de seguro, será quen de enganchar aos afeccionados ás letras dende o primeiro momento.

    A historia está escrita en primeira persoa, malia que isto merece deternos por un intre sobre tal cuestión. Temos tres escenarios diferentes sobre os que se desenvolve o relato (Barcelona, a aldea de Trasmundi e o mítico tren Shangai que durante tantos anos uníu Cataluña e Galicia), que se van alternando entre si, presentando desta maneira tres facianas diferentes da historia que se complementan entre si. E cada un destes escenarios conta co seu propio narrador. Pero dous deles son, en realidade, unha especie de desdobramentos psicolóxicos do protagonista: unha Voz e unha Sombra coas que dialoga e coas que lembra tempos pasados. Logo, e a pesar desta presentación tripartita, estamos en realidade diante dun único narrador ‘a tres voces’.

    Tal peculiaridade podería levarnos a pensar, non sen fundamento, nunha ‘novela psicolóxica’, pero a verdade é que non responde aos cánones tradicionais deste xénero e brinca entre varios conceptos que van dende o relato rural ata a novela negra, pasando polos libros de viaxes, o monólogo interior, a inmigración ou o relato urbanita, entre outros. Deste xeito confronta conceptos (rural-urbano), ou mira con outros ollos o abandono das nosas aldeas e mesmo a procura de futuro alén das nosas fronteiras. Todo iso está aí, ao longo desta novela, pero ao meu entender, esas cuestión non deixan de ser as roupaxes coas que revestir o relato e o fondo está máis aló de todos eses elementos.

    Coido que unha das cuestións máis interesantes desta novela é o seu protagonista, un tal Orlando, furioso e desencantado co mundo e consigo mesmo, desgarrado por un pasado do que prefiro non dar pistas, e que loita (a través de Voz e Sombra) cun xeito de entender o mundo que vai evolucionando ao longo da narración. Unha dosificación ben medida de pistas é quen de manter a intriga no lector e de arrastralo ao longo das súas páxinas. E non podo deixar de destacar que quedarán para sempre na miña memoria capítulos tan vibrantes e estarredores como aquel no que rememora unha partida de cartas hipnotizadora, ou o da liorta de tractores-cabalo (teredes que lelo para comprender o que digo) que camiña polo gume da irrealidade mantendo sempre un equilibrio perfecto.

    Se a todo isto lle engadimos unha linguaxe clara e ben medida, dosificada (outravolta) en frases curtas e contundentes, mesmo reiterativas para fixar algúns conceptos, e unha pulcritude expresiva encomiable, poderemos entender que o resultado é un deses traballos aos que sabemos que volveremos antes ou despois. E iso, creo eu, é moito dicir…

    Amador Castro Moure

    Shanghai a Barcelona

    Xerais

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    19 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    12 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    63 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    40 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    4 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS