14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAlgunhas suxerencias para os Reis Magos...

    Algunhas suxerencias para os Reis Magos…

    Ao igual que fixemos en anos anteriores, a primeira edición do ano de «O meu andel» pretende botarlle unha man aos Reis Magos na procura de material de lectura acaído para os cativos. Por iso hoxe traemos a estas páxinas tres obras doutros tantos autores consagrados do noso panorama literario, destinadas, principalmente, a nenos e nenas.

    Paco Martín: «O home que mercou un libro»

    Volver a Paco Martín sempre é regresar á infancia e á fantasía máis xenuína. Da súa pluma saíron algunhas das personaxes máis queridas da literatura infantil e xuvenil (sen esquecer a súa prolífica produción adulta) dende o nacemento do mítico Ramón Lamote, xa van aló tres décadas e media. Agora, o autor parece querer recuperar o pracer de narrar porque si, sen pretextos nin premisas, argallando unha historia que, na súa simpleza, encerra unha grande dose de sabedoría.  

    «O home que mercou un libro» fálanos, simplemente, diso: dun home que, por puro azar, deu en mercar un libro de poesía, e todo o que lle acontece durante unha única xornada como consecuencia de tal acto. Non espere o lector unha historia enrevesada nin un nobelo de fíos dos que turrar, nin sequera unha linguaxe extremadamente coidada, nin grandes figuras retóricas, porque non hai nada diso nesta novela breve. A súa grandeza reside, precisamente, en saber relatar unha historia que semella non ter nada de especial e atrapar ao lector con verbas simples e unha linguaxe directa e sen adobíos.  

    Pero non debemos esquecer que estamos a falar de Paco Martín, e nos seus traballos, as cousas non sempre son o que parecen. Porque ao protagonista deste relato, Aníbal Hortensio López de Carricova, fillo dunha familia acomodada, ao que acompañaremos minuto a minuto durante apenas doce horas, sucédenlle un monllo de cousas como consecuencia de ter mercado un libro de poesía. E ese libro que mercou, sen necesidade de ler máis ca un par de versos en todo o relato, é quen de abrirlle novas portas coa súa soa presencia ata trocarlle o seu xeito de ver o mundo, mesmo a súa forma de ser. Velaí o poder da literatura.   Paco Martín é un dos grandes referentes das nosas letras. E neste traballo demostra unha vez máis as razóns de tal categorización. A súa habilidade narrativa para darlle forma a esta historia queda sobradamente demostrada a través dun exercicio de estilo que semella tremendamente doado pero que, no fondo, agocha a mestría dun ourive da palabra.

    Paco Martín

    O home que mercou un libro

    Galaxia


    Antonio García Teijeiro: «Bicos e non balas»

    Antonio García Teijeiro leva moitos anos sendo un dos nosos grandes referentes en literatura infantil e xuvenil, polo que nunca está de máis achegarnos aos seus versos a través dunha antoloxía monográfica como a que hoxe traemos a este andel. «Bicos e non balas», fermosamente ilustrado por Bea Gregores, recolle algúns dos seus poemas dedicados á paz que figuran na súa abundante bibliografía, dende 1988 ata a actualidade, incluíndo tamén algúns textos inéditos, que sempre lle engaden valor á colección.

    O que atopamos entre as súas páxinas son versos sinxelos e directos, como é habitual na faciana de Teijeiro máis achegada á mocidade, doados de seguir e de sentir a profundidade do pensamento que encerran. Pequenas historias que inducen á reflexión sobre unha sociedade francamente mellorable, a través de imaxes oníricas e moi suxestivas que nos conducen cara á espereranza. Porque a mensaxe que hai detrás de todos estes versos é a de que é posible construír outro tipo de mundo se todos nos poñemos de acordo; de que, como afirma a contracapa do libro, “non hai camiño para a paz, senón que a paz (e a poesía) é o camiño”.  

    Así, encontramos poemas de denuncia, poemas de esperanza, poemas de arelas dun mundo mellor, e cruzarémonos con exiliados, con nenos soldado, con inmigrantes perseguidos, con soñadores e con cantores cheos de luz e de bicos para substituír polas balas que anuncia o título. E malia que este libro teña esa visceralidade primitiva e inocente de toda a literatura infantil, de seguro que será proveitoso para ese neno ou nena que levamos dentro de nós aínda que teñamos moitos anos vividos ás nosas costas.

    Antonio García Teijeiro

    Bicos e non balas

    Ilustracións de Bea Gregores


    Rosa Aneiros: «Xelís, o guieiro das botellas de mar»

    Rosa Aneiros é outro deses nomes recurrentes na literatura galega dos últimos anos e preséntase nesta ocasión cun Premio Merlín debaixo do brazo que avala esta aventura de corte fantástico, pero moi apegada á actualidade.  

    O seu protagonista é Xelís, un neno que forma parte dos Gueiros da Natureza na illa de Otilc, responsables da protección do seu entorno. A súa misión semella pequena, pois é o responsable de guiar as botellas con mensaxe que recalan nas costas da illa para facelas chegar aos seus destinatarios. Pero un día recolle unha estraña botella de cristal cunha mensaxe dirixida a el e que fala da existencia dunha xigantesca illa de lixo que navega á deriva e ameaza con engulilo todo. Xelís, xunto co mascato Mult, inician así unha aventura que os levará ata os confíns do mundo na que a loita pola supervivencia do planeta xoga un papel fundamental.  

    A desbordante fantasía que exhibe Rosa Aneiros á hora de argallar esta historia é un dos elementos máis salientables desta obra que, como vemos se nos presenta moi apegada á realidade. Pero, ao meu entender, o máis destacable sería a linguaxe empregada. A cotío, a literatura infantil e xuvenil céntrase máis na historia relatada que na maneira de contala, descoidando deste xeito a creación de verdadeiros afeccionados ao pracer da lectura, non só á narración de historias máis ou menos destacables. Por suposto, son moitas e moi válidas as excepcións a esta afirmación, pero coido que tal precisión é mellorable no noso sistema literario. Máis a autora que nos ocupa emprega unha linguaxe suficientemente clara como para que poida ser seguida sen problemas polos nenos e nenas, ao tempo que dabondo elaborada como para albergar recursos literarios que poidan incitar á rapazada a seguir por ese camiño e a afeccionarse, como digo, ao pracer da lectura, algo que me parece enormemente meritorio dados os tempos que corren.

    Rosa Aneiros

    Xelís, o guieiro das botellas de mar

    Ilustracións de Andrés Meixide

    Xerais