Sábado, 12 Xullo de 2025

Chega a Ponteareas a representación de ‘Leo e as cores’

Nova sesión do Programa Apego, que regresa a Ponteareas cunha nova historia coa que a cativada poderá pasar unha divertida tarde de lecer e descubrimentos en lingua galega. O vindeiro mércores 12 de abril a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá ás 18.00 horas a representación de ‘Leo e as cores’, de Trémola Teatro, un espectáculo recomendado especialmente para nenas e nenos de entre 6 meses e 4 anos.

Nesta actividade a rapazada e as persoas acompañantes descubrirán a historia de Leo, o león máis curioso de toda a selva. Un día unha chuvia de pompas quítalle ao Elefante Ante e á Tartaruga Uga as súas cores. Pero, será quen Leo de, coa axuda de nenas e nenos, devolverlle ás cores aos seus amigos e amigas? A través de diferentes elementos sensoriais, Leo axudará aos máis pequenos e pequenas da casa á gozar das cores.

A actividade será de balde, aínda que para poder asistir é necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas en asistir poden reservar a súa praza a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 640 000, extensión 1010.

Esta actividade de Trémola Teatro está encadrada dentro do programa Apego, “un proxecto colectivo pensado para fomentar e facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización da cativada de entre 0 e 6 anos no noso idioma”, como salienta o concelleiro de Lingua, Fernando Groba. O edil convida a todas as familias con nenos e nenas desta idade a asistir a esta divertida actividade.

Xa dispoñible a comunicación vía Whatsapp co Concello da Guarda

0

O Concello da Guarda continua co seu proceso de modernización e establecemento de novas canles de comunicación coa cidadanía. Nesta ocasión incorpora o servizo de mensaxería instantánea Whatsapp, a popular app que ten un uso tan estendido entre persoas de todas as idades.

Pódense consultar as normas de uso na seguinte ligazón (https://www.aguarda.es/wp-content/uploads/2023/04/Normas-uso-whatsapp-concello.pdf). Recordar que para a recepción de incidencias segue estando en funcionamento a aplicación “Concello da Guarda” e o apartado “Diríxete ao Alcalde” da web municipal www.aguarda.es.

Mos habilita amplia o espazo de estacionamento en Puxeiros

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, José Areal, informaron de que xa se pode aparcar na parcela alugada polo Concello para habilitala como aparcadoiro en Puxeiros.

Os vehículos xa poden estacionar no terreo cuxo expediente de contratatación, para o devandito aluguer da parcela para estacionamento na zona de Puxeiros (Avenida do Rebullón), aprobouse en sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local, de data 29 de marzo.

O aluguer, de contratación directa, de parcela para estacionamento de vehículos no Rebullón, parroquia de Tameiga, conta con expediente, no que consta informe de necesidade xustificativo.

A parcela alugada ten unha superficie útil de 1.250 m2. A administración local aboará unha cantidade mensual en concepto de aluguer. Para o gasto anual do alugueiro o Concello conta co crédito do importe total contemplado e reservado no orzamento vixente de gastos de 2023.

A renda aboarase por anualidade vencida, previa presentación e tramitación da factura correspondente, mediante ingreso na conta corrente que indique a arrendadora.

Á vista da ubicación da parcela que se pretende alugar e a súa proximidade á Avenida de Puxeiros, onde se concentra o problema do estacionamento de vehículos, tendo en conta as condicións esixidas no expediente respecto da superficie necesaria para o estacionamento, acceso rodado a vía pública e orografía plana, así como a dispoñibilidade dos propietarios para alugar esta parcela por debaixo dos prezos de aluguer da zona, atendendo á valoración dos Servizos Técnicos, decídese alugar por parte do Concello para habilitala como aparcadoiro público gratuíto.

Mos “únese ao reto” da reciclaxe

0

A Xunta de Galicia e Ecoembes colaboran na cuarta edición da iniciativa Únete ao reto, que ten como obxectivo fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks en contedores amarelos en 11 concellos das catro provincias. Entre eles atópase o Concello de Mos, no que se instalaron elementos publicitarios da campaña na fachada da propia Casa Consitorial e na zona do Multiusos das Pozas (onde se colocou un contedor xigante), precisamente xunto ao parque infantil temático da reciclaxe.

O reto da campaña Únete ao reto, valla a redundancia, consiste en incrementar, polo menos, nun 10 % as cifras de recuperación deste tipo de residuos con respecto ao ano anterior. Para cumprir o obxectivo, os municipios contarán con programación especial nas súas rúas durante tres meses para concienciar á cidadanía da importancia e o beneficioso que é para o medio ambiente este pequeno xesto.  

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático explicou que as localidades que logren o reto recibirán como recompensa 1.500 euros, unha cantidade que deberán destinar á causa social local que elixan. Ademais, Sagrario Pérez, tamén anunciou que a iniciativa comezou a desenvolverse o luns 3 de abril, e que se prolongará ata o 30 de xuño nos concellos participantes. Concretamente, estes son: Arzúa, Melide, Ribadeo, Barbadás, Celanova, Xinzo de Limia, Baiona, Mos, Nigrán, Salvaterra de Miño e Silleda; que, en total, suman preto de 140.000 habitantes.

Entre as medidas que se levarán a cabo para superar o desafío, está a instalación de contedores xigantes e a realización actividades de concienciación a pé de rúa. Estas accións serán promovidas polos 16 monitores do proxecto, que estarán un mínimo de 4 días en cada un dos 11 municipios que colaboran na campaña.  

Do mesmo xeito, cómpre lembrar que nos próximos días ademais dará comezo a iniciativa O Mundo, tamén promovida pola administración autonómica, e esta vez dirixida a toda a poboación galega, co fin de seguir mellorando as taxas de reciclaxe de envases e concienciar á cidadanía dos beneficios que ten unha boa calidade do aire e o coidado do medio ambiente.

Carla Carrón, do CN Ponteareas, campioa de España nos 100 e 200 metros libres

Gran participación do Club Natación Ponteareas no Campionato de España Absoluto Open celebrado a pasada fin de semana en Mallorca. Unha cita clasificatoria para os campionatos de Europa e do Mundo junior, que se disputarán en Belgrado e en Fukuoka o vindeiro verán.

As tres deportistas do CN Ponteareas participantes, Sofía Carballo, Iria Lemos e Carla Carrón, tiveron en Baleares un papel sobresaínte, batendo varias mellores marcas persoais e clasificándose no top 10 en varias das súas probas.

Carla Carrón acadou cinco medallas e proclamouse campioa de España na categoría absoluto-moza nas probas de 100 e 200 metros libre, ademais de lograr a marca mínima clafisicatoria para o Campionato de Europa e o Mundial, aos que acudirá coa selección española para participar nas probas de 800, 200 e 400 libres. Nesta última proba acadou tamén a mínima para participar no Europeo Sub-23 de Dublín o vindeiro mes de agosto. 

Tamén foi destacado o papel de Iria Lemos, que acadou a mellor marca galega de 17 anos nos 50 bolboreta.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, felicitou ao club e ás tres nadadoras “que teñen un horizonte moi ilusionante por diante, con múltiples citas e retos deportivos”.

Pistoletazo de saída para as festas de San Telmo 2023

0

Todo preparado en Tui para o inicio este sábado das Festas de San Telmo 2023. O polifacético actor, presentador e monologuista Carlos Blanco será o encargado da lectura do pregón o sábado, ás 12.45 h na praza da Inmaculada.

Xa dende ás 12 h a charanga Cantos Somos e os Xigantes e Cabezudos estarán na praza da Inmaculada, onde a esa mesma hora comeza o II Encontro de Viños da Raia no que van participar a Adega Corisca, de Tui; Adega do Vimbio, de Tomiño; Adega Edmun do Val, de Valença; Sergio Álvarez, do Rosal; Lagar Pedregales, de Tomiño; Adega do Ricón, de Arbo; Adega Pateira, do Rosal; Márcio Lopes, de Melgaço, Adega María Bargiela, de Salvaterra de Miño e Jorge Marcote Viticultor de O Rosal. Tamén haberá distintos postos de comida que ofrecerán petiscos coma xamón, queixo, patés, empanadillas… Unha cita gastronómica que terá lugar tanto o sábado coma o domingo de 12 a 15 h e de 19 a 22 h.  No marco deste encontro o sábado ás 19 h presentaranse os viños da enóloga tudense Susana Esteban no interior do edificio da propia praza da Inmaculada, sendo preciso inscribirse previamente na Oficina de Turismo. No mesmo lugar ás 20.30 h terá lugar a presentación do libro “A nación dos mil viños” de  Martiño Santos, Xosé Gontá Sobrino e Toño Núñez Amigo-Rivadulla publicado por Edicións Laiovento.

Neste primeiro día das Festas ás 18.30 h no Teatro Municipal de Tui terá lugar a III Gala Premios Cidade de Tui na que se recoñecerá a nivel individual ao médico Juan Carlos García-Valdecasas Salgado, e no colectivo á Radio Municipal de Tui. Unha hora despois, ás 19.30 h, na Sala de Exposicións Municipal será inaugurada a mostra “As orixes da fotografía de Tui”.  A continuación as bandas de gaitas Arume de Malvas, e Lembranzas da Terra de Guillarei desfilarán dende o edificio Francisco Sánchez até a Corredoira onde actuarán.

Ás 22 h no Espazo Feiral celebrarase o primeiro gran concerto das festas a cargo de Nena Daconte e Rafa Sánchez, que ofrecerán os seus grandes éxitos e tamén os novos temas dos seus traballos discográficos. Así no concerto poderemos escoitar ‘Lobo hombre en París’ ou ‘Maracaibo’ xunto aos novos temas que ten composto Rafa Sánchez, ex de la Unión como ‘Vístete princesa’. Mentres Nena Daconte  interpretará  ‘Tenía tanto que darte’, ‘El Aleph’ e os temas do seu novo disco ‘Casi Perfecto’ como ‘Despiértame, Madrid’ e ‘Detrás de cada luz’, entre outros.

Na parte gastronómica amais do II Encontro de Viños da Raia prosegue en Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo  Cabalo Furado e Parador de Tui a Festa do Meixón, sendo preciso reserva previa en cada establecemento.

Asinado o acordo de colaboración entre A Cañiza e a eólica Green Capital Development XXVI SL

0

O alcalde da Cañiza, Luís Piña, vén de asinar co representante da empresa Green Capital Development XXVI S.L., Ricardo Fernández, un acordo marco de colaboración entre as entidades.

O obxectivo é compensar os impactos causados polo desenvolvemento dos seus proxectos eólicos e fotovoltaicos.

Neste acordo,a empresa Green Capital comprométese a destinar o 2,5 % da recadación do Parque Eólico “Alto do Ceo” do grado de afectación que lle corresponde ao Concello da Cañiza para actuacións que repercutan no termo municipal. De concretarse finalmente o proxecto deste parque eólico na configuración que está programada actualmente, ao Concello da Cañiza corresponderíalle a metade do 75 % do 2,5 % da facturación do parque eólico, e un tercio do 25 % da facturación pola liña de evacuación.

Isto traduciríase nunha estimación conservadora (prezo de 65 €/MW) de 21.977,33 € ao ano.

O convenio firmado terá unha vixencia de 4 anos. A partires dese momento será renovable anualmente.

As aportacións que realice a empresa ao Concello, no caso de concretarse a execución do parque eólico, terán que ser aprobadas para inversións recollidas dentro dos tipos de ámbitos de colaboración.

Crearase unha comisión de supervisión integrada por membros da empresa e do Concello.

Oia organiza unha reunión informativa sobre o parque eólico de Torroña

0

O Concello de Oia está a preparar as súas alegacións contra o parque eólico Torroña I, que se atopa actualmente na fase de información pública. Paralelamente, e ao igual que vén facendo con anteriores proxectos eólicos con afección no municipio, convoca unha xuntanza informativa coa veciñanza.  Será o luns 10 de abril ás 19.00 horas na casa cultural de Viladesuso.

Na xuntanza, un técnico achegará toda a información sobre o proxecto e as súas afeccións no concello e se porá a disposición da veciñanza un modelo de alegación para que as persoas que desexen posicionarse en contra deste novo parque eólico podan cubrila cos seus datos, asinala e presentala.

Ao mesmo tempo, o Concello vén de colgar o modelo de alegación na web municipal. Unha vez cuberto e asinado, o pódese presentar por rexistro ou ben pola sede electrónica do propio Concello. O documento está accesible na ligazón: https://www.concellodeoia.es/parque-eolico-torrona-i/ e o prazo para presentalas conclúe o 18 de abril.

O DOG do pasado 3 de marzo anunciou o procedemento de información pública do estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, e do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), das instalacións do parque eólico Torroña I. Este proxecto prevé a instalación de 4 aeroxeradores no concello de Oia.

Segundo consta no anuncio do DOG, o proxecto prevé unha potencia a instalar de 22,8 MW e unha produción neta anual de 67.530 MWh/ano. As súas principais características son as seguintes:

  • 4 aeroxeradores de 5.700 kW de potencia unitaria, de 163 metros de diámetro de rotor e unha altura de buxeiro de 148 metros, o que faría unha altura total de 229,5 metros
  • 4 centros de transformación de potencia nominal 6.350 kVA e tensión 0,75/30 kV, situados no interior dos aeroxeradores
  • Rede de media tensión de 30 kV soterrada
  • Instalación de celas de media tensión na subestación de transformación Barrantes 30/132 kV para a conexión dos circuítos provenientes do parque eólico, situadas na sala de celas do edificio
  • 2 torres meteorolóxicas, unha delas temporal, e outra permanente, de 148 m de altura

Mil e unha formas para descubrir o Castelo de Soutomaior

A deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, informou sobre as actividades que a institución provincial ten previsto realizar este ano no Castelo de Soutomaior. “Unha programación de visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenas e nenos que este ano se enmarcan en ‘Orixe Rías Baixas’”, explicou a deputada, polo que “terán moito que ver coas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia de Pontevedra”. O calendario distribúese en dous bloques: ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’ e as visitas teatralizadas. Ofértanse en total para as dúas liñas de actividades 2400 prazas e as entradas xa están á venda na plataforma de venda en liña do sitio web do Castelo, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €).

A deputada de Turismo sinalou que ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’ “fará que as familias se acheguen á mitoloxía popular da provincia, aos xogos tradicionais, aos oficios artesanais, aos seres mitolóxicos ou a tradicións coma os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín”. Ofertaranse en total de 360 prazas, 30 por cada unha das actividades desta liña. A programación arrinca o domingo 16 de abril ás 11:30 horas cun obradoiro sobre a mitoloxía popular que explorará a orixe de mitos como a Coca, o Cobregón, o Lobishome, a Galiña de Ouro, a Santa Compaña, a lavandeira, os mouros, os trasnos, o Apalpador ou as meigas. A esta seguiralle, o sábado 29 de abril ás 16:30 horas, unha sesión de contacontos sobre os seres mitolóxicos do Castelo na que as nenas e nenos descubrirán a historia de mouras e mouros ou biosbardos que habitan o Castelo.

O domingo 14 de maio ás 11:30 horas terá lugar un obradoiro sobre o ciclo tradicional do pan no que as persoas participantes replicarán o proceso tradicional de elaboración deste produto e mais o seu universo máxico e simbólico: desde a sega de cereais ata os ritos asociados a eles. A seguinte actividade será o sábado 27 de maio ás 16:30 horas, cun contacontos sobre a tradición e a celebración dos maios onde se darán a coñecer as plantas típicas desta festa e as familias poderán crear un pequeno maio.

O sábado 3 de xuño ás 16:30 horas a Deputación organiza un obradoiro e roteiro familiar para coñecer o bosque do Castelo segundo a estación: as súas cores, as súas formas, as súas texturas e as especies que habitan nel, así como as propiedades e os beneficios que teñen as árbores e demais especies vexetais da contorna. As actividades continúan o domingo 18 de xuño ás 11:30 horas cun roteiro sobre as sete herbas tradicionais de San Xoán: os seus beneficios, os seus usos, as lendas arredor desta tradición… Trátase dunha actividade para difundir o respecto pola natureza e coñecer a biodiversidade autóctona da provincia e todo o que achega no día a día, e nela as persoas participantes elaborarán saquiños aromáticos para uso cotián.

Nos meses de verán, o sábado 15 de xullo celebrarase un día en familia con dous obradoiros. O primeiro deles, sobre xogos tradicionais, onde descubrir a orixe da buxaina, das bolas… E outro chamado ‘As cucañas’ no que se instalarán distintos postos onde as e os participantes poderán ir coñecendo cada xogo, a súa tradición e como se xoga. O domingo 6 de agosto ás 11:30 horas será a quenda dun obradoiro sobre os oficios artesanais no que se observará como era a economía tradicional galega. As familias converteranse en artesás e traballarán co liño, co barro ou a lá, e resolverán problemas de iluminación con recursos naturais como a cera. O sábado 19 de agosto ás 11:30 horas terá lugar un obradoiro infantil de cociña no que elaboraremos queixo fresco para recuperar a tradición da antiga queixería que existía no Castelo na época de María Vinyals.

Xa de cara ao outono, o sábado 2 de setembro ás 11:30 horas o Castelo acollerá un novo obradoiro no que as nenas e nenos se converterán en vendimadores percorrendo os viñedos do Castelo, colleitando as distintas variedades de uva da súa plantación e pisándoas para elaborar mosto. As últimas dúas actividades da programación celebrarán dúas efemérides sinaladas na cultura galega tradicional: o Samaín e o Magosto. O sábado 28 de outubro ás 16:30 horas será a quenda do Samaín cun obradoiro no que as familias coñecerán as árbores e froitos “de defuntos”, a Santa Compaña, as pantallas, os ósos e o ciclo escuro do ano. E, por último o sábado 4 de novembro terá lugar un roteiro polo bosque da fortaleza para recoller castañas e despois celebralo cun verdadeiro Magosto.

Ademais, Ana Laura Iglesias tamén deu a coñecer a programación das visitas teatralizadas do Castelo de Soutomaior, que, ao igual que ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’ “estarán centradas no patrimonio cultural inmaterial da provincia” e nas que, con excepción das reservadas unicamente a persoas adultas, “poden participar nenas e nenos a partir dos tres anos”. A Deputación organiza en total 68 sesións, con 30 prazas en cada unha, polo que poderán participar ata 2040 persoas. As actividades terán lugar os luns e os venres de xullo e de agosto ás 11:30 horas e ás 19:00 horas, e terán versións temáticas por Samaín e polo Nadal. As visitas de Samaín para persoas adultas serán os venres e os sábados de outubro ás 20:00 horas; e as infantís os sábados e domingos de outubro ás 11:30 horas e ás 16:30 horas. Por último, do 6 ao 10 de decembro celebraranse as visitas teatralizadas de Nadal.

Citas para a renovación do DNI na Guarda para o mes de abril

0

O vindeiro luns día 10 de abril de 2023 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondente ao mes de abril de 2023.

A apertura do prazo para a solicitude de novas citas en abril ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o luns día 10 de abril de xeito preferentemente telefónico no 986 61 0000 de 9:00h a 14:00h ou presencialmente na Casa dos Alonsos.

A Unidade Móbil desprazarase á Guarda o 18 de abril e a recollida de documentos terá lugar o 21 de abril.

Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.

A semana que vén iniciarase a instalación do saneamento no Camiño da Coutada en Mos

0

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que o Concello de Mos xa ten contratada e adxudicada a acometida das obras de “Saneamento no Camiño da Coutada-parroquia de Louredo”.

Trátase dunha obra financiada con fondos propios municipais cuxo orzamento ascende a un total de 109.968,55 euros.

Os representantes municipais Arévalo e Augusto anunciaron, así mesmo, que as obras necesarias para realizar o “saneamento no Camiño da Coutada-parroquia de Louredo”, indicadas para completar as redes de alcantarillado, iniciaranse a vindeira semana e permitirán que dita acometida de saneamento dea servizo á maxima extensión do Concello en xeral e da parroquia de Louredo en particular.

As obras consisten na canalización das diferentes tuberías de PVC destinadas á rede de saneamento incluíndo todas as operacións complementarias: excavacións, pozos, reposicións….

O obxecto do presente proxecto consiste na ampliación e mellora da rede de saneamento na parroquia de Louredo, co fin de chegar a todos aqueles lugares e vivendas do concello de Mos, que aínda carecen deste servizo. Levarase a cabo a execución de 807,04 metros lineais de saneamento no camiño da Coutada.

Entre as actuacións previa á obra proxéctase o corte e demolición de pavimento en todos os ramais, onde está previsto repor o firme na zona de apertura de zanxa. Procederase á excavación da zanxa e posterior recheo e compactación da mesma. Para a rede de saneamento instalarase un colector de PVC de Ø315 para dotar de saneamento ás vivendas situadas nos marxes das zonas obxecto dos traballos e que actualmente carecen del.

As obras permiten que o trazado do colector discurra por terreos de titularidade pública ou particulares co conseguinte permiso de paso.

O prazo de execución que se estima para a execucións das obra é de tres meses, incluíndo o estudo e preparación das mesmas. Dito prazo comezará a contar a partir do día seguinte ao da sinatura da Acta de Comprobación do Replanteo, entre a dirección de obra e a empresa contratista da mesma.

Pavimentación

Tras os traballos de acometida da instalación da nova rede de saneamento en Louredo procederase á reposición da zanxa con 20 cm de zahorra e 5 cm de mezcla bituminosa en quente.

Recepción oficial ao deportista Álex Sierpes na Guarda

0

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, recibiron na Casa dos Alonso na mañá do mércores día 5 de abril ao deportista guardés Álex Sierpes, ao seu irmá e á súa nai para dar os parabéns á súa gran traxectoria deportiva.

Nun ambiente distendido, representantes do grupo de goberno interesáronse por como o carismático deportista local é capaz de compaxinar os seus estudos coa práctica deportiva, cun calendario de competicións e de adestramentos que lle deixa moi pouco tempo libre.

Sen dúbida, tanto Álex como o seu irmá, son dúas grandes persoas que, malia a súa curta idade, saben asumir o gran compromiso que representa as súas respectivas participacións en grandes competicións a nivel nacional e internacional, levando sempre o nome da Guarda alí onde van.

Para Montserrat Magallanes é fundamental ter un grupo de apoio constante que neste caso se representa na figura dos seus pais e no seu clube.

O rexedor valorou o esforzo que significa á súa idade, sacrificar moitas fins de semana ao ano para adestrar o competir, interesándose polos novos retos deportivos e por como afronta Álex o seu futuro máis próximo, desexándolle moitos éxitos.

Rematou esta recepción oficial coa entrega dun ramo de flores e un agasallo coa imaxe da fachada marítima da Guarda, confeccionado pola Asociación avelaíña.

A Cañiza e GDR Condado-Paradanta lanzan varios proxectos de gran interese

0

O Concello da Cañiza vén colaborando co GDR Condado Paradanta nos últimos anos para a posta en marcha de diferentes proxectos que  terán diferente implicación no municipio.

Un dos proxectos é o denominado “centro BTT Condado Paradanta” que porá a disposición da veciñanza e de visitantes máis de 200 km de roteiros pola Cañiza e concellos da comarca. Unha infraestrutura turístico deportiva para por en valor a riqueza natural e paisaxística do Condado Paradanta.

A Cañiza contará cunha ruta compartida co concello veciño de Covelo, que percorre os montes do Pedroso e Fontefría, e cunha ruta propia que ascenderá polos montes da Franqueira e da Paradanta. Ademais, a espectacular ruta Condado Paradanta 360 tamén atravesa o municipio cañicense; unha ruta circular que percorre todo o territorio de actuación do GDR Condado-Paradanta.

Esta actuación atópase dentro do plan “Entre ríos e estrelas”, promovido pola Deputación de Pontevedra, dentro dos fondos Next Generation do Goberno de España, que obtivo unha subvención de 1,5 millóns dos fondos europeos que impulsará 12 accións específicas dentro dos Concellos das comarcas do Condado e a Paradanta, cunha que porá en valor os ríos Oitaven, Tea, Deva e Miño. Dentro das diversas actuacións que se desenvolverán na Cañiza,  a acción “Centro BTT Condado-Paradanta” conta cunha inversión de 80.000 €.

Outro dos proxectos é o denominado “A Cañiza, a capital do xamón” que pretende  presentar as vantaxes do clima da Cañiza para o secado do xamón, o proceso de curación e a historia da Festa do Xamón, e dispor dun espazo no que poidan organizarse catas, actividades e talleres.

Esta actuación, deseñada e proxectada polo GDR, inclúese dentro do “Plan Territorial Enogastronómico de Galicia 2023-2025” promovido pola  Xunta de Galicia, dentro dos fondos Next Generation do Goberno de España, que obtivo unha subvención de 1,5 millóns dos fondos europeos para impulsar medidas relacionadas coa recuperación de espazos degradados polos incendios e especies invasoras, combinadas co impulso do destino enogastronómico e posta en marcha de medidas específicas que melloren as oportunidades de destino turístico. A acción “A Cañiza, a capital do xamón”  conta cunha inversión de 97.000 €.

A outra actuación “Viño e froita: Mobilización de terras agrarias destinadas á viticultura. Outras alternativas para as terras agrarias” que desenvolve o GDR e na que o Concello fai unha aportación de 1.500 € ten por obxectivo potenciar o sector vinícola que é un dos sectores máis importantes e con maior dinamismo económico na nosa comarca. Esta actuación está financiada co Programa Leader Galicia 2014 -2020 e aportacións

Baiona goza das procesións de Semana Santa

0

A Santa Casa de Paz e Misericordia de Baiona atópase inmersa nos preparativos das procesións da Semana Santa. Tras semanas de ensaios e preparativos na capela da Misericordia, os máis de sesenta costaleros da Irmandade da Santa Casa, a confraría máis antiga de Galicia, volverán a saír de procesión.

Portarán, a partir das oito da tarde de hoxe, Xoves Santo, polo centro histórico baionés, a oración do horto das oliveiras, a flagelación de Xesús atado á columna, o Ecce Homo –máis coñecido como Cristo dá Caniña polo xunco que porta a modo de cetro nunha man–, o Xesús da primeira caída, o Xesús axudado por Simón de Cirene, o Xesucristo crucificado e a Virxe da Primeira Dor.

Pola súa banda, o  Vía Crucis na Igrexa Parroquial iniciará a xornada do Venres Santo (10:00 horas), desde onde sairá ás 20:00 horas a Procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Música de Baiona. Ás 23:00 horas sairá desde a Igrexa Parroquial a Procesión da Soledad (só para mulleres).

Case 230 peregrinos pasaron na fin de semana pola oficina de turismo de Tui

0

Un total de 229 peregrinos pasaron durante a fin de semana, entre o venres 31 de marzo e o domingo  2 de abril, pola Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui. Esta cifra supón un incremento do 12,5 % con respecto aos números do pasado ano. Nestes días de inicio do período da Semana Santa achegáronse na procura de información a esta Oficina de Turismo tudense un total de 58 peregrinos e peregrinas internacionais procedentes de ata trece países de catro continentes. Pola súa banda, as 171 persoas españolas que estaban a realizar o Camiño e pasaron por este punto de información chegaron de 22 provincias distintas.

Estes datos reflicten unicamente unha tendencia de crecemento na presenza de peregrinos polos Camiños Portugueses que conflúen en Valença e Tui, pois unicamente unha porcentaxe menor achégase ata esta Oficina Municipal de Turismo. O Camiño Portugués destaca logo polo seu carácter multicultural como lugar de encontro de peregrinos de múltiples nacionalidades que comparten esta ruta, chea de historia, de patrimonio e de valores culturais e espirituais que caracterizan ao Camiño de Santiago.

Do desglose dos datos estatísticos podemos ver como os 58 peregrinos internacionais proceden dos seguintes países:

No tocante aos peregrinos internacionais 14 proviñan de Portugal, 13 de Alemaña, 5 de M’éxico, 5 de Italia, 4 do Reino Unido, 4 de Brasil, e en menor número de Irlanda, República Checa, Dinamarca, Noruega, Puerto Rico, e Corea.

Mentres das 171 persoas de orixe nacional que realizaban o Camiño de Santiago 64 procedían de Madrid, 30 de Xaén, 12 de Toledo, 8 de Málaga, e en menor número chegaron tamén dende Cidade Real, Guadalaxara, As Palmas, Ourense, Pontevedra, Sevilla, Albacete, Barcelona, Cádiz, Lugo, Salamanca, Sevilla, Tenerife, Murcia, Córdoba e Toledo.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes datos expresan como o Camiño Portugués é unha das principais fortalezas da oferta patrimonial, cultural e turística de Tui, e reclama de todos os sectores implicados unha aposta por incrementar a calidade dos nosos servicios. Neste sentido o Concello ten logrado a certificación de calidade Sicted para a Oficina Municipal de Turismo, expresando o seu compromiso neste ámbito, que comparte con outros dez establecementos e servicios da nosa cidade que contan con esta distinción de calidade.

O Museo de Pontevedra rehabilitará os seus edificios centrais cunha subvención do PIREP

O Museo de Pontevedra vén de conseguir unha subvención de tres millóns de euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos –PIREP- no marco dos fondos do Next Generation para realizar as obras de consolidación, restauración e interconexión mediante o subsolo dos seus edificios centrais situados na Praza da Leña. Trátase da primeira inxección de fondos externos que consegue o Museo para iniciar unha obra “moi necesaria para o futuro da institución”, segundo destaca o vicepresidente César Mosquera.

O proxecto para a rehabilitación do Museo foi un dos 181 seleccionados de entre os 1020 presentadas e acadou unha puntuación de 51,75 puntos. Outros 799 expedientes de solicitude non foron aprobados e outros 140 nin sequera pasaron á fase de valoración por incumprimento dos requirimentos ou desestimento das administracións solicitantes.

A petición económica da Deputación no contexto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) fixérase en xuño de 2022. Calculárase sobre un custe total elixible da obra (sen impostos) de 3,8 millóns de euros e un orzamento total ( tamén sen impostos) de 6,5 millóns de euros.

A súa aprobación supón unha “grande satisfacción”, entre outras cousas –destaca Mosquera-, porque se acadou o importe máximo ao que se podía optar na convocatoria, unha contía que se entendía difícil, pero que no seu momento se presentara con bastante confianza de bos resultados porque se cumprían todos os criterios esixidos.  É de subliñar que na resolución aprobada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana apenas acadaron a cifra de fondos máxima de tres millóns de euros outras 14 institucións locais, sendo o importe mínimo concedido de  236.470 euros.

Por outra banda, só outras tres administracións locais de carácter supramunicipal foron beneficiarias das axudas ademais da Deputación de Pontevedra: a Deputación de Salamanca (para o proxecto Habitat 2030) e a de Huesca (destinadas á rehabilitación dunha residencia para uso universitario), xunto ao consello insular de Menorca (para unha granxa rural). Quedaron fóra 44 iniciativas solicitadas por outras 29 administracións provinciais.

No expediente presentado polo Museo á convocatoria subliñábase que o proxecto de rehabilitación dos edificios centrais “é un claro expoñente da visión integral promovida polo PIREP, unindo criterios de eficiencia enerxética que responden ás directrices do Pacto Verde Europeo con outros de sustentabilidade, inclusión e calidade arquitectónica da Nova Bauhaus”. A proposta da rehabilitación –dicía a solicitude- “garante o cumprimento dos prazos previstos, o aforro enerxético e a incorporación de altos estándares de calidade arquitectónica en consonancia co conxunto patrimonial dos edificios do Museo de Pontevedra”.

Unha vez aprobada a resolución do Goberno central coas subvencións concedidas, o Museo ten de prazo ata o 18 de abril para aceptar a axuda e as súas condicións a través da plataforma creada ao efecto.

Un proxecto sólido, innovador e oportuno   

Os seis criterios de valoración puntuables segundo as bases do PIREP facían referencia á calidade, enfoque integral, innovación, gobernanza, solidez e oportunidade do proxecto presentado.

Sobre o primeiro valor, a calidade, na candidatura do Museo subliñábase que a obra é “unha intervención exemplificativa sobre un BIC, axuntando unha arquitectura de recuperación de valores orixinais na que conviven achegas de diferentes épocas cun uso museístico contemporáneo, tecnificado, sostible, dixitalizado, accesible e flexible que permita un funcionamento diario óptimo e a correcta conservación preventiva do propio ben e das obras que contén. Esténdese a intervención ao exterior coa recuperación da súa imaxe gráfica, o axardinamento e as zonas de espera exteriores como motivos de revitalización da contorna”.

Sobre o enfoque integral, o Museo defendeu que ademais da redución do consumo enerxético en torno ao 80%, a reforma introduce accesibilidade completa aos inmobles ao  establecer unha plataforma única por piso, e entre plantas, mediante ascensores, estando os inmobles comunicados entre si por un soto. Engadíase que grazas ao proxecto illaranse e impermeabilizarán cubertas e fachadas exteriores e substituiranse  cerraxerías e carpinterías, actualizando as calidades dos vidros.

No que ten que ver coa innovación, a proposta do Museo agora subvencionada incorporaba tres puntos fundamentais: primeiro, a innovación enerxética, cun aforro en torno ao 80%, parte do emprego dunha bomba de calor xeotérmica auga-auga debido ao grao de protección patrimonial do edificio e da contorna; segundo, innovación construtiva, coa unificación dos sistemas de illamento, ventilación e climatización que distribúen verticalmente as instalacións desde a cuberta evitando afectar os muros interiores; e terceiro, innovación tipolóxica, co establecemento dunha mesma ‘pel grosa’ interior multifunción que compacta simultaneamente as instalacións e as vitrinas expositivas, ademais de servir de encontro entre a cota de planta e as de balcóns.

A rehabilitación das edificacións en canto á gobernanza, salienta o Museo, é o resultado da xestión e interacción con diferentes axentes sociais, baseada en criterios de responsabilidade compartida, participación, transparencia e eficiencia. Indicouse aquí a cooperación institucional entre o  Concello de Pontevedra mediante a firma do convenio de colaboración e a tramitación da modificación puntual do Peprica, así como a interacción coa  administración patrimonial, responsable no seu momento da autorización do proxecto de rehabilitación. Tamén se subliñou a participación cidadá por medio da participación do  Consello Asesor do Museo Pontevedra, que integra profesionais de diferentes ámbitos relacionados coa cultura, que achegaron unha visión plural e representaron aos diferentes sectores sociais da cidade.

Sobre a solidez da proposta de rehabilitación presentada, na xustificación da candidatura o Museo subliñou que desde o peche ao público en 2014 dos edificios centrais sucedéronse diferentes iniciativas para solución da accesibilidade, todas elas incompatibles coa catalogación dos edificios, ata que en 2020 se puxo sobre a mesa o programa específico de actuacións técnicas conxuntas para a restauración dos edificios que engloba o desenvolvemento da actual proposta mediante unha conexión subterránea con encaixa na protección patrimonial e a normativa urbanística. A partir de aquí realizáronse, explica o expediente, tanto os preceptivos estudos técnicos -xeotecnia, arqueoloxía e patoloxía construtiva- como o baleirado final do inmoble, o cal permitiu a realización dun levantamento preciso por nube de puntos mediante tecnoloxía de láser escáner 3D. “Toda esta documentación técnica xerada con gran precisión asegura a fiabilidade e definición necesarias para evitar problemas na redacción dos proxectos que deriven en atrasos no proceso construtivo; así como unha tramitación administrativa correcta do expediente”, apunta o documento.

Finalmente, no relativo á oportunidade do proxecto e á súa subvención, o Museo de Pontevedra defínese como unha das principais institucións culturais de Galicia,  “polo que a rehabilitación de dúas das súas sedes primixenias é unha demanda cidadá desde hai anos, fundamental para o futuro da institución”, lembra o vicepresidente Mosquera.

A OMIX de Tomiño propón un obradoiro de bailes de serán

0

A OMIX de Tomiño prepara para o vindeiro mes de maio un obradoiro de bailes de serán, un taller de catro horas de duración no que os mozos participantes “poderán coñecer os aspectos básicos do baile popular galego, entendelo como unha forma de expresión, gozar dun ambiente igualitario e libre de estereotipos de xénero, asociar o baile a unha forma lúdica de expresión social e vincular a transmisión oral popular coa música e o baile”.

O baile popular é unha parte fundamental de calquera cultura, xa que está vencellado á historia e á sociedade, así como á lingua, á música e incluso ás profesións propias dun territorio. Por este motivo, a OMIX de Tomiño organiza este obradoiro para achegar á mocidade o baile popular galego, que mostra unha gran riqueza e diversidade, en parte pola orografía e a dispersión demográfica, que permitiu que chegaran ata hoxe formas de expresión moi antigas.

O curso impartirase o sábado 13 de maio de 16.00 a 20.00 horas no Espazo Mercado de Goián. Este obradoiro está destinado a mozos e mozas a partir de 12 anos e terá un custo de 10 euros. A inscrición para participar xa está aberta na páxina web do Concello.

O Porriño creará un gran parque á beira do río Louro

Unha nova inversión de 401.763,52 euros é o que vén de recibir o Concello do Porriño da man da Xunta de Galicia. Así, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde porriñés, Alejandro Lorenzo, asinaron un convenio para a execución do proxecto de acondicionamento do viario asfaltado paralelo á vía do tren nas proximidades do Paseo do Louro, ou o que popularmente se coñece como “ruta do colesterol” transitado a diario por centos de veciños, pequenos e maiores, que empregan o lugar para pasear, correr ou andar en bicicleta.

O tramo sobre o que se acometerán os traballos é de quilómetro e medio (1.460 metros exactamente) que comprende dende Atios ata o paso soterrado peonil da vía do tren que da acceso ao casco urbano. O proxecto inclúe a instalación de alumeado público e a mellora do pavimento habilitando un carril ciclista bidireccional e outro para peóns, eliminando o tráfico rodado, que na actualidade xa é escaso ao ser unha estrada sen saída e que só conduce ás veigas; aínda que si se habilitaría unha zona de aparcamento de vehículos para facilitar o acceso da veciñanza de fóra que acuda ao lugar.

 “Esta actuación suporía unha primeira fase de transformar a contorna do río Louro, ao seu paso por Porriño, no pulmón da vila, unha gran área verde, con parques para pequenos e maiores, zona de paseo, bici e tamén unha superficie acondicionada para a celebración de eventos que poden ser dende grandes concertos, a modo de auditorio ao aire libre, ata incluso o oficio de vodas”, explica o alcalde. Para elo, a empresa Frigolouro xa ten cedido unha superficie importante e estanse a adquirir terreos de particulares para acondicionalos a tal fin.

O convenio asinado fai uns días na casa consistorial por parte da conselleira e do alcalde foi posible trala recepción de todos os permisos e informes sectoriais, que se demoraron meses imposibilitando que se formalizase antes o convenio. Unha vez aprobado o proxecto pola Xunta de Galicia procederase á súa licitación para o inicio dos traballos que estarán rematados neste mesmo ano 2023.

“Con esta actuación Porriño suma e sigue en zonas verdes e recreativas. Está en marcha o gran espazo en pleno casco urbano que une as rúas Antonio Palacios e Pío XII e tamén a remodelación integral do antigo Campo da Feira. Ademais temos proxectadas tamén áreas de lecer e adecuación de espazos públicos nas diferentes parroquias. Somos un pobo comercial e industrial si, pero tamén dispomos de áreas de lecer ás que a veciñanza pode acudir a desconectar, soa ou en grupo, con familia e amigos, tanto a cativada como a mocidade e os nosos maiores, un espazo de convivencia sen necesidade de saír da vila”, conclúe Lorenzo.

Salceda formará a persoas desempregadas para mellorar o seu perfil

A Concellería de Formación e Emprego porá en marcha neste mes de abril, no CDL de O Torrón dúas formacións destinadas a orientar e formar ás persoas desempregadas para que melloren a súa procura activa de emprego.

A primeira delas denominada “Trámites SPEG e SEPE” se desenvolverá o 14 de abril dende as 10:30 e terá unha duración de 2 horas. Na mesma tratarase de informar as persoas participantes dos trámites administrativos máis habituais que teñen que realizar como desempregadas dende solicitar cita, renovar a demanda de emprego ata obter o certificado da súa vida laboral.

A segunda das accións formativa denominada “Inscrición en portais de emprego e ETT´s se celebrará o 21 de abril dende as 10:30 e contará igualmente con 2 hora de duración. Nesta acción tratarase de formar ás persoas participantes para que poidan aprender como rexistrarse nos diferentes portais de emprego e nas empresas de traballo temporais e poidan así planificar e incrementar as posibilidades de éxito na súa procura de emprego.

Verónica Tourón indicou que “a formación na procura de emprego é unha excelente ferramenta para as persoas desempregadas que ten como finalidade que poidan atopar empregos adaptados as características dos seus perfís laborais á maior brevidade posible. Dende o concello apostamos por estas actuacións para mellorar a capacidade de inserción laboral das persoas no mercado de traballo”.

O Centro Cultural Os Muíños de Oliveira acolle un curso de cestería de balde

As parroquias de Ponteareas continúan acollendo os novos cursos de balde postos en marcha polo Concello para achegar as actividades lúdicas e didácticas aos diferentes centros e casas culturais. O vindeiro en arrancar será un curso de cestería no Centro Cultural Os Muíños de Oliveira, un taller de 12 horas de duración no que as persoas participantes aprenderán a elaborar distintas pezas artesanais.

Este curso iniciarase o vindeiro 18 de abril e as clases impartiranse martes e xoves de 17.00 a 19.30 horas. Haberá un máximo de 12 prazas dispoñíbeis e o prazo de inscrición e reserva abrirase o próximo luns 10 de abril.

As persoas interesadas en participar poderán solicitar máis información sobre o curso achegándose ao centro cultural ou ao departamento de Cultura ou enviando un correo electrónico coas dúbidas ao enderezo [email protected].

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nesta e en todas as actividades de cultura e lecer que o Concello está desenvolvendo nas distintas parroquias.

Máis de 240 nenos participan no XI Torneo Infantil ORosalCup

0

O Rosal volve encherse de deporte durante a Semana Santa. Máis de 240 nenos participarán esta semana no XI Torneo Infantil ORosalCup, unha nova edición deste xa tradicional evento deportivo organizado pola UD Ribera en colaboración co Concello, Deputación de Pontevedra, Real Federación Galega de Fútbol e Deporte Galego. Trátase dunha competición de referencia do fútbol base infantil no Baixo Miño e a nivel galego no que se pon en valor o deporte base.

Xogadores e xogadoras nados en 2009 e 2010 van gozar desta cita anual que se disputará en dous días. O venres 7 de abril a partir das 15.30 horas celebrarase a fase previa, na que os clubs da comarca tentarán atopar o seu oco na final. Nestes encontros participarán a UD Ribera, o Sporting Guardés, o AD Tomiño e o Goián CF.

Xa o sábado 8 de abril o gañador da fase preliminar enfrontarse ao equipos da máxima categoría galega e clubs portugueses que visitarán O Rosal para gozar dunha apaixonante xornada de fútbol. A fase final contará coa participación da UD Ribera do Rosal, do SC Braga luso, do UD Santa Mariña vigués, do CD Areosa de Vigo, o EF Portero 2000 de Pontevedra, o Pabellón Ourense CF e o CD As Pontes. A derradeira xornada comezará ás 09.00 horas e rematará sobre as 20.45 horas.

O 15 de abril arranca o programa “Bosques Terapéuticos”

Volven os “Bosques Terapéuticos”, a proposta provincial de lecer, cultural e terapéutica que invita a desfrutar da natureza e dos beneficios dos chamados “baños de bosque” nos espazos naturais da provincia. A partir do 15 de abril e ata o 20 de agosto haberá un total de 38 rutas por sete paraxes situados nos concellos de Marín, Vilaboa, Poio, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Vigo e Meis, cun total de 570 prazas. O vindeiro luns, 10 de abril, abriranse as inscricións para as primeiras seis rutas deste mes de abril e as persoas interesadas poderán anotarse na web da Deputación.

Esta é -como destacou a deputada provincial de Medio Ambiente, Iria Lamas- “unha actividade integral e participativa na que se prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna e, amais, trátase dunha terapia que cada vez máis estudos definen como beneficiosa para a saúde e para a prevención mesmo de enfermidades”. Así, a través dunha ruta guiada danse a coñecer os espazos naturais e, de xeito especial a posta en valor dos beneficios destes “baños de bosque”, que permiten “conectar coa natureza empregando todos os sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación da contorna”.

As 38 rutas desenvolveranse por sete espazos singulares, en concreto o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín); A Fervenza do Toxa (Silleda); a Carballeira de san Xusto (Cerdedo-Cotobade); a Illa de Tambo en Poio; a ruta pola contorna do Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro); a do Espazo Natural do Río Eifonso (Vigo) e a Ruta da Pedra e da Auga en Meis. Serán 15 prazas as ofertadas en cada sesión, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento desta actividade. Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza. Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

Calendario

As rutas celebraranse os sábados e domingos e, das 38 previstas, 6 celebraranse en abril, outras 8 en maio , 8 en xuño, 10 en xullo e 6 en agosto. En concreto, no mes de abril os “Bosques Terapéuticos” arrancarán o día 15 coa ruta polo Lago de Castiñeiras e continuarán o 16 pola carballeira de San Xusto; o día 22 pola ruta do Río Eifonso;  o 23 pola Illa de Tambo; o 29 da Ruta da Pedra e da Auga e o 30 pola Ponte Colgante do Lérez. Por outra banda, en maio serán o día 6 na Fervenza da Toxa; os días 7 e 13 no Lago de Castiñeiras; o 14 na carballeira de San Xusto; o día 20 na Illa de Tambo; o día 21 a Ruta da Pedra e da Auga; o 27 no Río Eifonso e o 28 pola contorna da Ponte Colgante do Lérez.

No mes de xuño, os itinerarios chegarán os días 3 e 18 á carballeira de san Xusto; o 4 á Fervenza do Toxa; o 10, á Ruta da Pedra e da Auga; o día 11 á Ponte Colgante do Lérez; o 17, ao Lago Castiñeiras; o 24, ao Río Eifonso e, o 25, á Illa de Tambo. En xullo, haberá tres rutas pola Fervenza do Toxa os días 1, 16 e 30; dúas pola Illa de Tambo (2 e 22); e unha no Lago de Castiñeiras (día 8); tamén pola Carballeira de San Xusto (día 9), a Ruta da Pedra e da Auga (día 23) e o Ponte Colgante do Lérez (29). E en agosto, as sesións terán lugar  na Ruta da Pedra e da Auga o día 5; na Illa de Tambo o 6; no Lago de Castiñeiras o día 12; na carballeira de San Xusto o día 13; no Río Eifonso o día 19 e no Ponte Colgante do Lérez o día 20.

As inscricións para as visitas abriranse de mes en mes. Deste xeito, a partir do vindeiro día 10 de abril, ás 9 horas, as persoas que desexen participar nalgunhas das 6 rutas de abril poderán inscribirse a través do formulario que atoparán na web provincial www.depo.gal. Despois, para os baños de bosque de maio as inscricións comezarán o 17 de abril. No caso das de xuño, o prazo iniciarase o 15 de maio, para as de xullo arrancará o 12 de xuño e para as de agosto, o 17 de xullo. En todos os casos, o prazo rematará dous días antes da ruta.

O Teatro Principal de Tui rehabilitarase con fondos do PIREP Local

0

O Concello de Tui recibirá, do PIREP Local, 772.000 euros para a rehabilitación do Teatro Principal. Este é un dos 181 edificios públicos que recibirán fondos europeos de recuperación NextGenerationEU do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) dentro da Liña 2 do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos de titularidade local (Pirep Local) do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

En concreto o concello de Tui, segundo figura na resolución provisional, recibirá 772.293,00 €. O proxecto presentado polo Concello de Tui obtivo 64,25 puntos sobre 100, ocupando o posto 37 dos 181 subvencionados.

As actuacións financiadas deberán ser solventes técnica e financeiramente e estar efectivamente implantadas e en funcionamento antes do 31 de marzo de 2026.

Chega a nova edición de “Degusta Europa” a Redondela e Baiona

A Deputación pon en marcha unha nova edición de “Degusta Europa”, un programa co que a institución provincial conmemora o Día de Europa, efeméride que recorda cada 9 de maio a firma da “Declaración de Schuman” (1950), a través de degustacións gastronómicas en mercados e prazas de abastos da provincia. Os concellos de Redondela, Cambados, Pontevedra, Tui, Baiona e Vigo acollerán entre o 19 de abril e o 4 de maio esta iniciativa que “fará –tal e como explicou a deputada provincial Iria Lamas- unha homenaxe á gastronomía das nosas avoas, volvendo á orixe da cociña das Rías Baixas, recuperando receitas tradicionais e reinterpretándoas con produtos locais”. Contará, para elo, coa colaboración do alumnado e o profesorado dos centros integrados de formación profesional (CIFP) Carlos Oroza, de Pontevedra, e Manuel Antonio, de Vigo.

“As prazas de abastos e mercados municipais serán protagonistas de “Degusta Europa”, porque sempre foron uns grandes referentes comerciais dos concellos, nos que se poden adquirir produtos frescos e de gran calidade”, remarcou a deputada Iria Lamas. Deste xeito, estes espazos dos concellos de Redondela, Cambados, Pontevedra, Tui, Baiona e Vigo acollerán entre o 19 de abril e o 4 de maio este programa de degustacións gastronómicas a través do cal “realizamos unha serie de pratos ante o público, tipo show cooking, que se elaboran con produtos da zona, incluíndo algúns que se mercan alí mesmo”. Todas as actividades terán lugar entre as 11.00 e as 12.00 horas.

O alumnado do CIFP Carlos Oroza será o encargado de elaborar os menús de Redondela, Cambados e Pontevedra, que contarán con dous pratos salgados e, nos tres casos, larpeira de sobremesa e ponche de Sansón e queimada 4.0. para beber. Así, o mércores 19 de abril “Degusta Europa” chega á Praza de Abastos de Redondela con lacón con grelos á feira e arroz negro de chocos con alioli; o xoves 20 de abril á Praza de Abastos de Cambados con zamburiña gratinada e mexillóns á crema, e o venres 21 de abril ao Mercado de Abastos de Pontevedra con empanada de bacallau con pasas e torrada de sardiña con pementos e patacas. Pola súa banda o CIFP Manuel Antonio elaborará o mesmo menú para o resto dos mercados: tosta de lacón con grelos, chopo de caldo galego e aire de chourizo, tosta de San Xoán, tacos de secreto de porco, tartaleta de queixo e marmelo, melindres e enreixado de cabelo de anxo. Serviranse o mércores 26 de abril na Praza de Abastos de Tui, o mércores 3 de maio na Praza Ángel Bedriñana de Baiona e rematará o xoves 4 de maio no Mercado do Calvario de Vigo.

Cinema e teatro para celebrar o mes do libro en Mondariz

0

O Concello de Mondariz comezou o mes de abril recuperando a memoria de José Gil, un pioneiro do cinema galego que se iniciou profesionalmente na localidade a principios do século XX. Con todo, este mes do libro, o cinema compleméntase con teatro e outras actividades socioculturais.

Proxección de filmes

O ciclo de cinema de abril, que incluíu a principios de mes a proxección de filmes do proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” e a proxección do filme de animación “Los mundos de Coraline”, continúa o 22 de abril, en véspera do Día Internacional do Libro, coa película “El editor de libros”.

Teatro e memoria histórica

Durante este mes, a concellería de Cultura e Igualdade de Mondariz ten programados tres espectáculos teatrais no auditorio municipal: “A volta ás provincias das misións pedagóxicas” o día 15, “Running” o día 21 e “Un home con lentes de pasta” o día 30. A éstes súmase o contacontos teatralizado “Pepiña Maruxiña quere voar”, financiado polo programa Ler Conta Moito e previsto para o 23 de abril ás 19:00 horas, nos Xardíns do Concello ou na Biblioteca Municipal en caso de choiva.

“A volta ás provincias das misións pedagóxicas” (15 de abril, 21:00 horas) é unha obra da compañía galega Polo Correo do Vento que forma parte do programa O Pasado por Vir, da Deputación de Pontevedra. Recupera a memoria das chamadas misións pedagóxicas, que en tempos da Segunda República levaron libros, teatro e cultura polas distintas aldeas de Galicia. Esta actividade estará complementada o mesmo venres 14, data emblemática na nosa historia, cun obradoiro de ilustración titulado “A memoria histórica en viñetas” que terá lugar na Biblioteca Municipal ás 18:00 horas.

Tanto “Running” como “Un home con lentes de pasta” son representacións teatrais financiadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. “Running” (21 de abril, 21:00 horas) é unha comedia da compañía De Ste Xeito que cuestiona desde o humor a denominada crise dos 40. “Un home con lentes de pasta” (30 de abril, 21:30 horas), producida por Redrum Teatro, tamén se presenta como comedia e afonda nas crises existenciais que todos e todas vivimos nalgún momento.

Alén destes espectáculos teatrais, as participantes do Club de Lectura de Mondariz tamén teñen preparada unha actuación para amenizar a presentación da nova novela negra de Begoña Gil, “Los deseos oscuros. Segundo caso de Lila Madrigal”, prevista para o venres 28 de abril, ás 21:30 horas, no auditorio municipal de Mondariz.

Talento local e solidariedade

Na programación de actividades socioculturais do Concello de Mondariz para o mes de abril tamén destaca a inauguración dunha exposición de pintura de Arcilia Pérez Melón titulada “Pintando a vida de cores”. A propia autora, pintora de formación autodidacta e veciña de Mondariz, realizará unha visita guiada polas súas obras o día 23 de abril, ás 12:00 horas, na Casa do Concello.

Ese mesmo domingo 23, a partir das 20:00 horas, a Escola Municipal de Música de Mondariz organiza un festival de música solidario, en apoio das familias da Ucraína que residen en Mondariz. Actuarán o coro Añoranzas da Escola Municipal de Música de Mondariz e o coro da Asociación de Maiores de Mondariz, entre outros colectivos.

Baiona ofrece rutas guiadas gratuítas en Semana Santa

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo, aposta por diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio con diferentes programas de visitas gratuítas durante Semana Santa.

Deste xeito, a Concellería de Turismo volva retomar a oferta de visitas guiadas durante a Semana Santa que tan boa acollida ten na nila. A cidadanía de Baiona e as persoas visitantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural do municipio acompañados por unha guía oficial durante venres, sábado e domingo santo ás 11:30 horas. O punto de encontro para a saída será o exterior da oficina de turismo de Baiona (entrada ao Parador).

As visitas son gratuítas e  é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico: [email protected], ou por teléfono no  986 68 70 67.

Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia, acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade entre os que se atopan o monumento Atopo Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira, cun percorrido polo Centro histórico finalizando no paseo marítimo.

A Guarda presenta o libro “Todo chega desde o Mar” de Santiago Ferragud

0

O Concello da Guarda aposta durante todo o ano pola Promoción da Igualdade entre mulleres e homes en todas as esferas da vida e pola visibilización da muller ao longo da historia, por esa razón, se busca darlle continuidade ao programa  “Semente de Igualdade”, unha campaña na que se inclúen as accións polo Día Internacional da Muller con actuacións musicais, obradoiros  e contos para crianzas, entre outras.

Despois das diferentes actividades realizadas ao longo do mes de marzo, o vindeiro xoves día 13 de abril, ás 20:30 h na Casa dos Alonso está prevista a presentación do libro Todo chega desde o Mar, de Santiago Ferragud (escritor e músico).

O autor estará acompañado por Beatriz Núñez, profesora de Debuxo e responsable do Departamento de Igualdade do IES A Sangriña.

Todo chega desde o mar (Medulia Editorial, 2022) supón a estrea de Santiago Ferragud como novelista.

Continuando coas actividades propostas, e dado o éxito obtido na 1ª edición de Historias de Mulleres Guardesas, este ano  durante o mes de maio vaise levar a cabo a 2ª edición, coa finalidade de visibilizar e pór en valor o importante papel das mulleres guardesas. Realizaranse un total de dúas actividades, un roteiro, que terá lugar o venres, 5 de maio ás 20:30 h con saída dende a Praza do Reló e unha andaina, o domingo 7 de maio ás 10:30 h, con saída dende a Alameda da Guarda. É preciso inscrición previa no Departamento de Turismo do Concello da Guarda, a través do teléfono 986614546ou no enderezo [email protected].

As actividades programadas están subvencionadas pola Deputación de Pontevedra e polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

Mellorada a iluminación dos pavillóns do Complexo Deportivo Álvaro Pino de Ponteareas

O Concello de Ponteareas renovou as luminarias dos dous pavillóns do Complexo Deportivo Álvaro Pino, substituíndo as que se estaban empregando ata o momento de haloxenuro metálico por novas de tecnoloxía LED. Un avance importante que permite, como sinala a alcaldesa, Cristina Fernández, “que os niveis de iluminación sexan os óptimos para este tipo de edificios, non só mantendo uns niveis uniformes de luminancia e cor axeitados, senón tamén instalando sistemas de control que permiten regular automaticamente o nivel de iluminación dependendo da luz natural que haxa nese momento”.

Estes traballos supuxeron unha mellora da eficiencia enerxética destes dous pavillóns deportivos, un deles con 30 anos de antigüidade, “e permitirán un aforro estimado do consumo de máis dun 65 % á vez que melloran as condicións para a práctica deportiva”, como explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

O Goberno municipal levou a cabo nestas instalacións a desconexión eléctrica e mecánica do sistema de iluminación antigo, así como a retirada do cableado eléctrico e dos equipos auxiliares. Tras isto instaláronse os novos proxectores LED, así como os controis e o cableado e procedeuse á programación e posta en marcha de todo o servizo.

As obras de mellora da eficiencia enerxética nestas instalacións deportivas supuxeron un investimento superior aos 26.000 euros financiados con fondos FEDER de crecemento sostíbel 2014-2020 a través do IDAE, Ministerio para a Transición Ecolóxica, e con fondos do Concello a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

Oia renovará o céspede e as porterías do campo de fútbol das Tornas

0

O Concello de Oia continúa coas accións de mellora das instalacións do campo de fútbol das Tornas (Santa María de Oia) que vén realizando nos últimos anos a fin de garantir as boas condicións do terreo de xogo e equipamentos. Neste caso, acometerase a renovación do céspede e das dúas porterías, por chegar á fin da súa vida útil.

A actuación supón un investimento total de de 258.783,58 euros (IVE incluído) nesta infraestrutura deportiva municipal. Deste total, o Concello ten solicitado 236.350,86 euros de financiamento a  través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A actuación incluirá a retirada do material actual e a axeitada xestión do residuo xerado, a nivelación e regularización do terreo, a colocación de novo céspede con selo FIFA Preferred e a renovación das dúas porterías. O estimado prazo de execución das obras será de 3 meses.

A Cañiza estrea unha escultura de Diego de Giráldez

0

Baixo o título “La humanidad y el trabajo”, a obra luce no parque de Heriberto Fuertes, na rúa Vilanova do concello da Cañiza.

Unha obra esculpida en bronce cunha altura de 115 cm e 0.72 cm de ancho, valorada en máis de 24.000 euros, na que o autor quixo doar todo o seu traballo e creación, cobrando únicamente ao Concello os gastos do material. Un total de 13.260 € (IVE incluído).

Unha contribución impagable deste pintor, escultor e anatomista de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional e tamén Fillo Predilecto do Concello da Cañiza.

En palabras do seu autor, a obra de arte “La humanidad y el trabajo” fai referencia ao home no planeta terra e ao legado, en forma de traballo, que a especie humana deixa ás xeneracións futuras. Un legado que se transmite a través do traballo, utilizando a MAN como instrumento e ferramenta.

Ademais da parte simbólica, esta obra ten un grande traballo no referente á morfoloxía anatómica. Materia na que Diego de Giráldez é tamén un dos grandes mestres.

“A mente pensa, e a man executa”, esta é a principal simboloxía que expresa esta nova xoia do Patrimonio Arquitectónico do municipio.

En palabras do alcalde da vila, Luis Piña, “esta nova obra de arte que, dende hoxe, luce no Parque da Cañiza, quedará tamén como o legado de Diego de Giráldez á súa Vila Natal. Unha pegada máis que ven a engrandecer o orgullo e admiración que todos os cañicenses sentimos polo noso máis grande artista”.

Novo éxito do ‘Basket Sen Barreiras’ do CB Nigrán

0

O Club Baloncesto Nigrán organizou a VII edición do torneo ‘Basket Sen Barreiras’ no pavillón de Panxón cun dobre obxectivo: romper obstáculos sociais a través do deporte e recadar fondos para “Bicos de papel”, asociación de axuda a nenos enfermos de cancro do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Máis de 40 equipos de baloncesto déronse cita durante dous días no pavillón de Panxón en horario de mañá e tarde. As xornadas de mañá serviron especialmente para visualizar e promover a integración social de persoas con algún tipo de discapacidade. Para iso contaron co Club AMFIV, o centro Juan María e a presenza de Nacho Fernández, sete veces campión de España de slalom en cadeira de rodas, así como do presidente da Federación de deporte adaptado, Marcos Casal Grajal.

Para as xornadas de tarde habilitáronse 3 pistas onde xogaron os equipos dos diferentes clubs participantes nas categorías alevín, benxamín e baby. Estas dúas últimas o luns de tarde e a categoría alevín pechando o torneo o martes de tarde.

Á entrega de medallas asistiron o presidente da FGB, Julio Bernardez, o alcalde de Nigrán Juan González, Susana García, secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado e Natalia Dieste, directora de Bicos de Papel.

Para finalizar o torneo, os asistentes da última franxa construíron un gran corazón en homenaxe a “Bicos de papel”

Cada xogador participante realizou un donativo para “Bicos de papel” que foi depositado na urna que se atopou no pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores así como o resto de persoas asistentes ao torneo tamén colaboraron con este fin solidario achegando o seu donativo na devandita urna.

Todo o recadado coa venda das rifas que se realizaron durante o torneo así como o recadado na urna solidaria será entregado a asociación.

Ademais da axuda da Fundación a Caixa, o Concello de Nigrán, ou A Federación Galega de Baloncesto, Clubs como o Obradoiro; o Breogán ou o Seis do Nadal colaboraron co torneo achegando diferentes obsequios para sortear durante os dous días.

700 ciclistas pedalearán o domingo nos montes de Budiño

Os montes de Budiño volverán ser este domingo 9 de abril epicentro do ciclismo galego. 700 ciclistas pedalearán no Porriño nas dúas probas organizadas pola AD Avanza, en colaboración co Concello do Porriño: o VI TROFEO MINI BTT CONCELLO DO PORRIÑO e o II XCO TROFEO CONCELLO DO PORRIÑO.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, e os/as ciclistas da AD Avanza, presentaron ambas probas no que será punto neurálxico do evento: o centro cultural A Forna de Budiño.

O rexedor felicitou á organización por poñer en valor o ciclismo na nosa localidade e polo labor que fan coa súa canteira.

Pola súa banda, dende a organización convidaron a todo o mundo a disfrutar do evento o próximo domingo e agradecer a colaboración das entidades que axudaron na posta en marcha do evento, Concello do Porriño, Comunidade de Montes de Budiño, Deputación de Pontevedra e Federación Galega de Ciclismo.

VI Mini BTT Trofeo Concello do Porriño

Arredor de 500 nenos e nenas, de entre 4 e 14 anos , participarán na sexta edición do torneo. A saída darase ás 9:30 h no Centro cultural A Forna.

A proba consta de cinco categorías: Benxamíns, Promesas, Principantes, Alevíns e Infantís.

III XCO Trofeo Concello do Porriño

A terceira edición do trofeo congregará a uns 200 ciclistas. A proba arrancará ás 16:30 h do centro cultural A Forna e estará aberta ás categorías de Élite (masc-fem), Sub23 (masc-fem), Junior (masc-fem), Cadete (masc-fem) e Master30/40/50/60 (masc-fem).

Espectacular reforma do parque de San Esteban de Negros

0

O Concello de Redondela transforma o parque de San Esteban de Negros, un espazo pensado para a vida social da veciñanza que inclúe instalacións infantís e para adultos.

A parcela onde se sitúa o parque, xunto á estrada N-555 e próximo ás rúas Camiño do Sapal e Camiño Costa Mouriño, atópase valada e delimitada por noiros de gran dimensión. Conta cunha superficie plana de 5.000 m², polo que o proxecto puido realizase con veriedade de zonas dedicadas ao recreo, tanto infantís como para os maiores.

Conta con 4 zonas definidas e diferenciadas polas súas instalacións. A zona infantil sitúase ao leste da parcela onde se realizou un acondicionamento do terreo para a construcción de instalacións de xogo combinado, carruseles, columpios e estructuras de diversas formas e variedades;

A zona de maiores sitúase ao sur da parcela onde se realizou un acondicionamento do terreo para o posterior recheo e estendido de area fina lavada, para depois instalar unha tirolesa de dous carrís con vistas dende a altura á natureza;

A zona deportiva sitúase ao oeste da parcela onde tamén se realizou un acondicionamento do terreo para posterior execución de soleira de formigón armado e a formación dunha pista deportiva polivalente con esquinas achafranadas de dimensións 24×12. Esta pista ten uso para moitos deportes, dende o patinaxe, ao baloncesto ou o fútbol.

Por último, a zona de descanso sitúase na parte central da parcela, aquí instalouse mobiliario como, bancos, 3 mesas de picnic con bancos de madeira de piñeiro, 2 mesas de parchís con catro asentos, 2 mesas de xadrez con dous asentos e 3 papeleiras coas súas cubetas.

Ana Fernández Melón presenta en Ponteareas a súa obra ‘1977-2023’

Ponteareas continúa este mércores co seu ciclo ‘Abril, mes do libro’ cunha nova presentación, a de Ana Fernández Melón e a súa obra ‘1977-2023’, un poemario do que resulta un rosario de vivencias e un manual para resistir e sobrevivir. Durante o acto, a autora, nada en Mondariz, achegará ao público a historia que se atopa detrás deste libro que conta cun fermoso limiar da escritora galega Chus Pato.

Este libro reflicte a paixón polas letras da filóloga, gañadora co seu texto ‘A illa do tesouro’ do primeiro premio dunha das edicións do concurso de microrrelatos ‘O libro da túa vida’, organizado polo Concello de Ponteareas. 

A presentación terá lugar este mércores 5 de abril a partir das 20.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. O acto estará presentado por Lino Cendón Vidal. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nesta nova actividade de ‘Abril, mes dos libros’, un ciclo de presentación de obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila de Ponteareqas co que o Concello conmemora o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor que se celebra o vindeiro 23 de abril.

Renovada a instalación de bombeo da Escola de Educación Infantil “O Areal” de Sabarís

0

O Concello de Baiona informa do remate das obras de renovación da instalación de bombeo da Escola de Educación Infantil “O Areal” de Sabarís, dando resposta ás demandas dos pais e a comunidade educativa.

O Concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez Álvarez dettalla que “Instaláranse  dúas novas bombas, un cadro de protección e mando, así como a  renovación da instalación, o que supuxo unha inversión de 8.348 euros”

Aínda que o concello non ten competencias directas en materia de ensino, realizou durante o mandato municipal numerosas obras para manter os centros en boas condicións.

“O ensino público de calidade é unha das prioridades deste equipo de goberno”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado.

Nigrán crea o seu propio servizo público de atención temperá

0

O Concello de Nigrán vén e poñer en marcha no Ceán o seu propio ‘Servizo de Atención Temperá’ público, dirixido a crianzas de 0 a 6 anos con algún trastorno transitorio ou permanente no seu desenvolvemento ou en risco de padecelo. Este estará dirixido pola Asociación La Esperazanza del Valle Miñor (empresa adxudicataria e xestora do CEE Juan María) e se atopa na antiga Escola de Nenas do Ceán (local municipal sede da entidade veciñal Dunas e cuxos usuarios, xenerosamente, autorizaron a empregar e a reformar).

O servizo conta cun logopeda, un fisioterapeuta e un psicólogo e   forma parte da Rede Galega de Atención Temperá, estando cofinanciado ata finais de 2024 polo programa FSE+Galicia 2021-2027 con 182.604 €. A súa presencia en Nigrán permite dar verdadeira resposta ás necesidades das familias do municipio, xa que evitan ao fin desprazarse ata Vigo, onde a Consellería de Sanidade o ofrece a través da Clínica San Rafael, tendo lista de agarda. En calquera caso, os pacientes son derivados a través dos centros de saúde de Nigrán (pediatría), onde os centros educativos ou ben os propios servizos sociais do Concello tamén poderán recurrir para a petición de diagnóstico, sendo fundamental o seu traballo para a detección precoz dos trastornos ou do risco de padecelos.

“Recibimos unha subvención de aquí a finais de 2024 pero o noso obxectivo é mantelo permanentemente como un piar da nosa política ‘Un Nigrán para todos'”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que desde o Concello traballouse a contrarreloxo para “axeitar o local á nova función”. “Era unha demanda de moitas familias, educadores e sanitarios e unha prioridade para o Departamento de Servizos Sociais de Nigrán, así que a satisfacción é máxima”, recoñece.

Tal e como se solicitou desde o Concello, dispón dun fisioterapeura a media xornada e un logopeda e un psicólogo a xornada completa que ofrecen o servizo de 7:30 a 15:30 horas e catro tardes á semana un mínimo de 4 horas. A maiores, a Asociación La Esperanza del Valle Miñor ofrece como mellora ás instalacións do CEE Juan María en Parada, como poderían ser a piscina terapéutica, a sala de psicomotricidade ou a de estimulación.

Entre os casos con alta probabilidade de precisar deste servizo están as crianza con gran prematuridade, dano cerebral, parálises, trastornos do espectro autista, TDAH, trastornos de conducta ou emocionais, sordeira, cegueira, anomalías conxénitas do cerebro… Isto xeralmente implica un retraso no desenvolvemento xeral, da motricidade fina ou grosa, do sistema cognitivo, da linguaxe… Noutros casos, a crianza que  o precisa se atopa nunha situación de vulnerabilidade evolutiva debido a factores de risco biolóxicos, psicolóxicos

O concurso de TikTok de Salvaterra xa ten gañadores

Onte recolleron os premios os gañadores do certame de TikTok de “Salvaterra pola igualdade”, dentro das iniciativas enmarcadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a través dos créditos recibidos da Secretaría do Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

O primeiro premio de 200 € foi para Roi Álvarez Domínguez por este vídeo https://www.tiktok.com/@oscaral…/video/7213872289073368326

O segundo premio conseguiuno de 100 € para María Fernanda Fernández Martínez por https://www.tiktok.com/@nandafm015/video/7212284990246178053

O certame convidaba á súa cidadanía para subir vídeos pola igualdade de xénero á rede social TikTok polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Ademáis Roi Alvarez logrou o 2ª posto no certame de TikTok “Rodando pola igualdade”.

O primeiro premio, dotado con 1.000 euros, foi a parar á murciana localidade de Alcantarilla, para o alumnado de “3º ESO G” do IES Francisco do municipio, cunha obra na que, cunha nutrida participación da clase reivindicou activamente un cambio nos roles de xénero que historicamente se lle atribuíron á muller.

O segundo premio, que conta cunha dotación de 500 euros, logrouno Roi Álvarez Dominguez, da localidade pontevedresa de Salvaterra de Miño, por un vídeo no que a reivindicación de igualdade de xénero vén a cargo da narración dun neno que fala en “voz en off” da súa propia nai.

O podio desta segunda edición completouno Ana Montes, de Fuenlabrada (Madrid), ao conseguir o terceiro premio, dotado con 400 euros, por un vídeo no que, por medio da  mirada sobre a relación dunha moza parella, relátanos “50 segundos de malos tratos psicolóxicos”.

En total presentáronse 146 participantes e superáronse os 6 millóns de visualizacións en TIkTok.

Os vídeos gañadores de cada certame local están publicados e poden verse na web www.rodandoporlaigualdad.com.

A Deputación abre o prazo de inscrición para Deportermal

A Deputación de Pontevedra abre o vindeiro luns 10 de abril o prazo para solicitar praza para o programa de termalismo “Depotermal”. O programa, que conta cun orzamento próximo aos 185.000 euros, oferta este ano 3.500 prazas para que a veciñanza da provincia poida acceder a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros (balnearios, talasos ou spas). As solicitudes poderán presentarse de maneira presencial ou a través de Sede electrónica da Deputación ata o vindeiro 8 de maio.

O programa está destinado a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1973, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65 % ou persoas que teñan acreditado un respiro familiar. As e os solicitantes tamén deben cumprir con outros requisitos, como estar empadroadas na provincia de Pontevedra ou non padecer enfermidades ou patoloxías incompatibles coa actividade a realizar, entre outras. Do total das 3.500  prazas, 1.000 son para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spas durante cinco mañás ou tardes consecutivas (delas 122 serán prazas reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social). As restantes 2.500 prazas serán con pernoita e pensión completa de domingo a venres, das que 122 serán tamén reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social.

Na modalidade de asistencia diúrna o programa inclúe ao Balneario de Mondariz, Termas de Cuntis, Hotel Bienestar Moaña, Hotel Spa Galatea e Hotel Exe Vía Argentum. En todos eles as persoas beneficiarias poderán gozar de dous tratamentos complementarios, diferentes en cada establecemento, ao longo da duración do programa e que abranguen dende tratamentos dixestivos ata sauna, baño de hidromasaxe, piscina terapéutica e termolúdica, chorro a presión ou flotarium.

Pola súa banda, no caso da modalidade de pernoita en réxime de pensión completa, os establecementos ofertados son o Gran Talaso Hotel de Sanxenxo, Hotel Carlos I Silgar, Hotel Spa Norat Torre do Deza,  Hotel Spa Galatea e o Hotel Novo Astur & Spa. En todos eles e durante a estadía as persoas beneficiarias poderán gozar de ata tres tratamentos complementarios, diferentes en cada un dos establecementos, e que abranguen dende chorros a presión, ata jacuzzi privados, saunas, barros quentes, sesións de activación muscular, ducha circular, aplicación de parafangos, masaxes, presoterapia e programas especiais de saúde e beleza.

Chega o Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024 da Xunta a O Condado e A Paradanta

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, destina unha achega de 524.624 euros a prol dos nove concellos das bisbarras do Condado e A Paradanta ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da resolución para esta zona nunha dobre visita a Mondariz, onde supervisou as obras realizadas nos viais de Lougares e Vilar, e a Mondariz-Balneario, onde fixo o propio na contorna do Escobeiro, grazas aos fondos concedidos coa anterior convocatoria.

Nas mesmas estivo acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e os alcaldes Xosé Emilio Barros e José Antonio Lorenzo, aos que confirmou que a dotación deste programa para os seus concellos sitúase este ano en 55.076 euros no caso de Mondariz e de 29.523 euros no de Mondariz-Balneario, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao exercicio precedente.

“A Xunta vai colaborar cos concellos do Condado e A Paradanta, como todos os anos, e prevé inxectar uns 525.000 euros nesta bisbarra para a mellora dos seus camiños municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do agro. Ademais, a aposta polo apoio aos concellos volve saír reforzada, posto que se consolida o forte incremento de entre o 20% e o 30% aplicado o ano anterior”, sinalou o representante autonómico.

En concreto, a resolución da Consellería do Medio Rural distribuirá, na comarca do Condado, os citados 55.076 euros para Mondariz e 29.523 euros para Mondariz-Balneario, 58.890 euros para As Neves, 65.276 euros para Ponteareas e 55.166 euros para Salvaterra do Miño.

No caso da bisbarra da Paradanta, as achegas serán de 45.696 euros para Arbo, 88.398 euros para A Cañiza, 77.678 euros para Covelo e 48.191 euros para Crecente. Precisamente hoxe finaliza o prazo de solicitude.

Visita a Lougares, Vilar e Escobeiro

Nas súas visitas, o delegado territorial acudiu a supervisar as obras de pavimentación de camiños en Lougares, Vilar e Escobeiro, que foron executadas coas achegas do Plan Marco 2022-2023. Estas actuacións consistiron na renovación do firme en diversos tramos, que se atopaban deteriorados pola antigüidade da capa asfáltica, a carga de tráfico e os efectos da meteoroloxía, e outras pequenas melloras.

Ademais, Luis López lembrou que o Concello de Mondariz recibiu nos últimos anos, ao abeiro deste programa de investimentos da Consellería do Medio Rural, unha contía global de case 300.000 euros, o que lle permitiu actuar en ata 17 pistas municipais nos lugares de Vilasobroso, Gargamala, Toutón, Cernadela, O Costal, O Couto, Cavada Nova, Graxal, Saniñáns, Penalonga, Brea ou Sabaxáns. Pola súa banda, Mondariz-Balneario contou con algo máis de 100.000 euros do Plan Marco nestes exercicios para actuar en oito vías municipais.

Tui renovará o seu mobiliario urbano

0

O Concello de Tui está a mellorar o mobiliario urbano situado ao longo do termo municipal tanto no centro urbano, coma nas parroquias, nos parques infantís, ou nos centro educativos. O investimento a realizar ascende a 25.925,46 € e suporá a colocación de 45 bancos, 25 papeleiras, e 9 fontes.

En concreto estanse a substituír aqueles elementos en mal estado, que pese ao labores de mantemento realizados non é posible a súa recuperación xa que chegaron ao final da súa vida útil. Noutros casos colócanse en lugares que carecían dos mesmos dando resposta as solicitudes presentadas pola veciñanza.

A concelleira de Urbanismo, Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez, explica que “estas actuacións responden ás necesidades máis urxentes, sendo coñecedores que é necesario seguir traballando até acadar a renovación de todo aquilo que sexa preciso”.

Os materiais empregados nestes novos elementos son resistentes e adaptados ao ámbito no que van ser colocados. Así instalaranse tres tipos de bancos, 25 unidade de polietileno de alta calidade en cor vermello e violenta. 10 de polietileno de gran calidade ecolóxico en cor corten, e 10 de madeira con patas de fundición dúctil.

Colocaranse 10 papeleiras de polietileno para a recollida selectiva de residuos, e 15 de aceiro con sombreiro abatible, aro suxeita bolsas, con capacidade de 80 litros.

Tamén serán colocadas 5 fontes de aceiro inoxidable adaptadas para persoas con discapacidade, e outras 4 en aceiro inoxidable que incorporan un bebedeiro para cans. Estas últimas serán instaladas no ámbito fluvial e na zona de calistenia ao final do paseo da Veiga do Louro.