Xoves, 10 Xullo de 2025

Ponteareas dálle voz ás mans do Corpus

Ponteareas pon en valor o traballo colectivo, o esforzo e a singularidade das súas alfombras e do seu Corpus. O vindeiro sábado 22 de abril, o Concello proxectará ante o público por primeira vez a peza audiovisual titulada ‘As mans do Corpus’, na que se destaca “o traballo colaborativo que realiza durante todo o ano un pobo envorcado na planificación, deseño, preparación de material e creación dun quilómetro de alfombrado no centro da nosa vila”, como destaca a alcaldesa, Cristina Fernández.

O documental recolle “o traballo interxeracional entre as e os alfombristas, xa que son as persoas con máis experiencia as que transmiten todos os seus coñecementos e as técnicas empregadas aos máis novos e novas”, salienta a concelleira de Turismo, Eva Gil.

Esta peza documental recolle o testemuño dalgúns dos protagonistas das alfombras ponteareás, que poñen voz e rostro a un arte efémero con 200 anos de tradición pero que soubo avanzar e modernizarse para ofrecer tamén un espectáculo festivo e cultural considerado Festa de Interese Turístico Internacional. “Por fin se lle da verdadeira voz a eles e elas, que son os verdadeiros protagonistas e as e os que conseguen que cada ano as rúas de Ponteareas se enchan de flores, de cor, de sensacións e olores únicos e irrepetíbeis e difunden, promocionan e ensinan o noso Corpus máis alá das nosas fronteiras ”, recalca a rexedora.

No documental Alejandro Porto, Ana Fernández, Iago Carrera, Julio González, Maruja Carrera, Miguel Mera e Pilar S. Garra poñen voz a toda unha tradición en representación de todo o colectivo, dende a experiencia das persoas máis maiores ata a mocidade, e a todos os pasos do proceso de creación das alfombras da vila. Son todas e todos eles os verdadeiros protagonistas do Corpus de Ponteareas.

Días de traballo, paixón e loucura que forxan amizades nunha festa que sitúa ás súas alfombras e a Ponteareas no mundo. O documental proxectarase ás 18.30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo nun acto aberto a toda a veciñanza con entrada libre ata completar aforo.

Redondela presenta un obradoiro sobre trastornos alimentarios

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela presenta o Obradoiro Prevención dos Trastornos da Conducta Alimentaria desde unha perspectiva de xénero, unha iniciativa que a alcaldesa Digna Rivas cualificaba como “fundamental para a prevención de ditos trastornos nas idades de maior risco”.

O obxectivo do programa é contribuír a elevar e mellorar o nivel de saúde do alumnado dos centros educativos do Concello de Redondela e das súas familias. A Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega, APAIOGA, será a encargada de impartir a formación concretamente nos seguintes centros e cursos: Alumnado e familias de 3º ESO A e B do IES Floriani, 3º ESO A,B e C do IES Mendiño, 3º ESO A, B e C e PDC e 2º ESO A e B do IES San Simón e os Ciclos Formativos Superiores de Nutrición e Dietética, Integración Social, Educación Infantil e Farmacia do IES Chapela.

No obradoiro os e as participantes aprenderán a identificar os elementos manipulativos da publicidade, das redes sociais e da contorna social, fomentando o espírito crítico. Darás as ferramentas ó alumnado para o mantemento dunha adecuada autoestima, para non sobrevalorar a idea da imaxe corporal en detrimento doutras cualidades persoais e proporcionará  os coñecementos necesarios que explican as variacións de peso, informando sobre a influenza na figura dos caracteres sexuais secundarios. Todo isto facilitando información adecuada sobre alimentación saudable.

“Como tódolos obradoiros e oferta educativa ou cultural deste Concello, están pensados dende a igualdade e a perspectiva de xénero para traballar de forma transversal na transformación cara unha sociedade máis xusta e igualitaria”, conclúe Rivas.

Tui está a realizar a desmontaxe de dous inmobles en ruínas

0

O Concello de Tui executou esta semana o desmonte das ruínas dunha vivenda situada na rúa Martínez Padín que levaba décadas en situación de abandono. Unha empresa contratada polo Concello realizou estes traballos, que proseguirán noutro inmoble nas mesmas condicións situado na rúa Sanz. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que se trata de “dúas vivendas que levaban moitos anos en situación de abandono”, e sobre as “os informes técnicos avalaban un posible risco de derrube e polo tanto un perigo tanto para as persoas coma para o propio patrimonio”. Por este motivo dende o Concello se instruíron os oportunos expedientes para proceder a súa desmontaxe.

En ambos casos o Concello asume a execución subsidiaria ante o risco que representan xa que no caso da vivenda situada na rúa Martínez Padín descoñécense os propietarios, e no do inmoble da rúa Sanz aínda que si se coñece a propiedade esta non asumiu as obras.

Unha vez completados os traballos orzamentados en 57 mil euros, o Concello de Tui repercutirá os gastos  aos propietarios que de non ser localizados ou non facerse cargo dos mesmos abrirase outro expediente para poder embargar estes bens e sacalos subasta. En ambos casos o PECHA (Plan Especial Protección Conxunto Histórico) contempla a recuperación da edificación existente. 

A VII Semana das Ciencias pon en valor ás e aos creadores de Ponteareas

Co obxectivo de dar a coñecer o talento das empresas locais e poñer en valor o seu traballo diario a VII Semana das Ciencias levará ao alumnado dos institutos de Ponteareas a distintas empresas de deseño e impresión da vila.

Unha das novidades desta edición é o Circuíto de Comunicación, no que participará o alumnado de Primaria, ESO, FP e Bacharelato. Unha proposta que ofrecerá un percorrido con actividades varias como a visita ao Museo do Reloxo no que José Higinio Garra descubrirá os segredos dos reloxos, a súa mecánica e evolución a través do tempo. Dende os reloxos de sol, aos de auga ou os mecánicos ata os reloxos dixitais dos nosos días.

A continuación participarán no taller de edición de son impartido por profesionais de Si Radio, que se celebrará na sala multiúsos do auditorio municipal, para continuar visitando a exposición da historia da radio e o Museo da Radio, onde poderán escoitar as voces do mestre Reveriano Soutullo, fragmentos do discurso sobre o Estatuto de Autonomía de Castelao ou a voz de Elena Francis no seu exitoso consultorio radiofónico.

Dentro deste circuíto tamén visitarán as empresas locais de deseño e impresión. Aceroplus, Omega, Imprenta Montero e Gráficas Rome recibirán ao alumnado para falarlles da súa profesión, da súa formación e de como foron os seus comezos. Ademais, no salón de plenos disputarán unha partida do xogo “7 Torres” do físico e profesor Xabier Prado, que compartirá co alumnado estratexia e habilidades.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, explica que “é moi importante que o alumnado coñeza de primeira man os distintos traballos, tomando contacto directo co día a día destes profesionais. Polas súas mans pasan materiais e traballos cos que convivimos a diario sen decatarnos, por iso é fundamental salientar a súa achega e saber que na nosa vila temos grandes profesionais capacitados para afrontar todos os retos”.

A VII edición da Semana das Ciencias completa o seu programa con distintas propostas, como o ciclo de conferencias que se celebran dende o luns 17 ao xoves 20 na sala multiúsos do auditorio municipal ás 19:30 horas.

Esta edición afondará na relación entre a Ciencia e a Comunicación, ao cumprirse neste ano 2023 noventa anos da chegada da radio a Galicia. “En Ponteareas conectaremos ao noso alumnado e a nosa cidadanía con expertas e expertos en comunicación, con recoñecidos e recoñecidas profesionais que viviron a revolución tecnolóxica dos medios, coas novas xeracións que utilizando novas canles de comunicación conciencian, sensibilizan, potencian proxectos, lanzan empresas e poñen o selo das galegas e dos galegos nas plataformas dixitais”, explica Cristina Fernández.

Aprender da man de xornalistas, comunicadores e comunicadoras, locutores e locutoras, community manager, persoas editoras ou deseñadoras e deseñadores gráficos é tamén un dos obxectivos desta nova edición da Semana das Ciencias de Ponteareas.

A programación arrinca coa presentación do proxecto YouTubeiras.gal o luns 17 ás 10.00 horas na que participará o alumnado para seguir co seminario para profesorado e dar a benvida xa ás 19.30 horas ao ciclo de conferencias. A profesora da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; o creador e profesor da Escola de Restauración, Mingos Teixeira; o xornalista de máis longa traxectoria nos medios, Fernando Franco; a comunicadora e escritora María Xosé Porteiro; locutores deportivos e condutores de programas radiofónicos de máxima audiencia e as responsábeis de webseries da produtora Illa Bufarda e creadores e creadoras de contidos para podcasts e canles de YouTube forman parte da programación.

Participar ten premio

O alumnado dos centros educativos de Ponteareas que asistan ás catro conferencias participarán no sorteo dun patinete eléctrico valorado en 300 euros.

Todas as conferencias serán ás 19.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal e as persoas que desexen asistir deberán reservar butaca no correo electrónico [email protected] ou no número de teléfono 986 64 00 00, departamento de Ensino.

Como cada ano a Feira das Ciencias pechará o programa de actividades na Praza Bugallal. Ducias de postos exhibirán os coñecementos e experimentos científicos froito da aprendizaxe e traballo de alumnado e profesorado.

Ademais, a cidadanía poderá visitar a exposición da Historia da Radio na entrada do auditorio municipal en horario de mañá e tarde. 

Espertar a curiosidade, decatarse da importancia de investir en innovación e investigación para mellorar o noso día a día e descubrir que a ciencia está detrás de cada unha desas melloras son algúns dos obxectivos da Semana das Ciencias de Ponteareas que este ano volve ás rúas e aos centros educativos do 17 ao 21 de abril.

“Amosar ao alumnado, profesorado e familias as ferramentas e contidos didácticos, útiles e positivos para o noso día a día é o obxectivo desta primeira xornada da Semana das Ciencias que nos achegará a canles de YouTube e redes sociais”, sinala Cristina Fernández.

Comezan as xornadas “Acompañando na aventura de crecer” no Porriño

Esta semana comezan no centro cultural as xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”, impulsada polas Concellerías de Cultura e Igualdade do Porriño a través da Biblioteca Municipal.

Esta segunda edición ten como novidade os obradoiros prácticos que se desenvolverán antes de cada conferencia, nos que se darán ferramentas útiles para aplicar cada día coa conciencia e o propósito de favorecer un bo desenvolvemento infantil.

O primeiro deles será hoxe venres, a partir das 16 h, e tratará a comunicación no conflito. O conflito é unha realidade en calquera relación, familiar, educativa… e pode levarnos a un muro separador ou pode tamén ser unha oportunidade para a transformación e o crecemento. Neste obradoiro, dirixido a nais, pais e profesionais do ámbito educativo e da saúde, aprenderemos as claves emocionais e comunicativas necesarias necesarias para aprender a manexar conflitos e convertelos nunha oportunidade

A partir das 19 h dará comezo a conferencia “Por que lle doe a tripa”, na que a psicóloga Gloria González, dará as claves para entender o comportamento dos nenos.

Dirixida tamén a nais, pais e profesionais do ámbito da sáude e da educación, na charla desenvolveranse as claves para entender o que nos están expresando os pequenos e co seu comportamento e como podemos abordar, dunha maneira máis adecuada, as necesidades que están a manifestar. Gloria González, é psicóloga sanitaria, formadora e psicoterapeuta Clínico EMDR por EMDR Europa. É experta en desenvolvemento, apego e trauma. Tamén é coautora do libro El desafío de crecer (Aurum Volatile, 2020) xunto con Iñaki Pastor e Lucila To.

Fin de semana grande en Tui coas Festas de San Telmo

0

Hoxe venres día 14 comeza a fin de semana grande das Festas de San Telmo en Tui con propostas musicais, teatro, e animación infantil.

Ás 18:00 h, na carpa do Paseo da Corredoira, o público infantil terá cita co espectáculo de Paco Nogueiras “C@nto contigo”, no que, con palmas, sinais e a voz dos e das asistentes creará música en galego para todos os públicos, dun xeito cómico e cercano.

Xa ás 21:00 h terá lugar a última cita da XIII Semana de Teatro Amador. Será coa obra “Deus (unha comedia)” do grupo de Teatro Aloia de Pazos de Reis. Bego Míguez dirixe aos doce actores e actrices que dan vida a esta obra teatral. As entradas están á venda ao prezo de 2 euros en tui.gal e mañá dende ás 20 h no despacho de billetes.

Tamén ás 21:00 h, pero no Espazo Feiral, volverá a ser protagonista a música e a festa coa Orquestra Olympus e o seu “Red Tour”, no que recupera cancións e melodías de festa máis clásicas e internacionais. Ás 23:00 h, e no mesmo espazo, ofrecerá un segundo pase.

Finalmente, Old Bridge, grupo emerxente con compoñentes tanto de Tui como de Valença, actuará ás 22:00 h na carpa do Paseo da Corredoira, ofrecendo un concerto de blues, funk, soul, rock e reggae.

Por outra banda, e por mor da predición meteorolóxica, o pasarrúas “Aves de paraíso” de Barafunda Animación foi adiada para o próximo luns día 17. O horario manterase, con espectáculos de rúa ás 17:00 h e ás 19:00 h, nunha mostra de cores vivos e traxes de fantasía. As aves, de gran tamaño, están confeccionadas con globos de todas as cores.

AporM aposta por crear un consorcio con Mondariz Balneario para compartir servizos públicos

0

Xoán C. Montes Bugarín -Calis-, candidato de AporM, avoga por crear un consorcio co concello de Mondariz Balneario para compartir algúns ámbitos de xestión pública. O alcaldable opina que “Mondariz e Mondariz Balneario teñen unha oportunidade nas próximas eleccións municipais para reiniciar a súa relación, abrindo unha nova etapa de entendemento e colaboración para mellorar o funcionamento dos servizos públicos e abaratar custes”. Para iso propoñen a creación dun consorcio, unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia e diferenciada, creadas por varias administracións para o desenvolvemento de actividades de interese común a todas elas dentro do ámbito das súas competencias.

As áreas que sinalan como prioritarias son:

  1. Recollida do lixo, compartindo persoal e maquinaria, nomeadamente os camións de recollida de lixo. AporM propón compartir a nave de servizos da que é titular con Mondariz Balneario e, se é necesario, abordar unha ampliación de forma conxunta “para optimizar o seu uso e que a maquinaria estea ben conservada e nunhas condicións de uso excelete”.
  2. Policía local. Para Calis é unha prioridade sumar un novo axente de policía ao cadro de persoal do concello, de maneira que sexan dous os axentes que presten os seus servizos de forma indistinta en Mondariz e Mondariz Balneario. A xefatura da policía será compartida entre os alcaldes de ambos concellos, atendendo a un criterio de poboación e extensión territorial.
  3. Piscina e Praia fluvial do Curuxón. Na actualidade Mondariz Balneario carece dunha piscina municipal. Ademais a que é propiedade do Concello de Mondariz permanece pechada e necesita levar a cabo unha serie de obras para abrila ao público. A maiores a praia fluvial máis próxima a M.Balneario -a do Curuxón- está dentro do termo municipal de Mondariz e presenta un mal estado de conservación (varandas rotas, cambiadores inutilizados, inexistencia de control de calidade da auga, etc.). AporM pretende consorciar entre ambos municipios esta praia fluvial para poñela a disposición da veciñanza de ambos concellos.
  4. Turismo. Calis pretende que Mondariz e Mondariz Balneario elaboren un plan de promoción turística de forma conxunta, creando unha oferta culinaria, natural, cultural e de aloxamento compartida, para que as persoas que nos visitan coñezan todos os nosos recursos e os visiten, achegándolles unha oferta e unha información atractiva e de calidade.
  5. Depuradora de augas residuais. Ambos concellos comparten dous ríos, o Xabriña e o Tea, polo que a solución ao problema de depuración de augas sucias debe ser conxunta, compartida. AporM quere chegar a un acordo definitivo con Mondariz Balneario sobre o problema da EDAR, que foi construída para xestionar as augas residuais dos dous municipios.
  6. Instalacións e eventos deportivos. Pretendemos compartir tamén as instalacións deportivas, xa que Mondariz Balneario carece de campo de fútbol e de pavillón polideportivo cuberto. A nosa formación quere que os eventos deportivos de impacto nas que colabora o concello se desenvolvan nos dous termos municipais; pretendemos tamén que Mondariz Balneario participe na Escola de Fútbol da Lagoa. Por último, traballaremos por recuperar o torneo de fútbol sala estival que tivo moita sona en Mondariz na década dos anos 1980 e 1990.
  7. Programación cultural. Montes Bugarín pretende que ambos concellos leven a cabo unha programación cultural única, para evitar contraprogramarse e restar público aos actos culturais que se planifican. “Queremos que os veciños asistan aos espectáculos que se programan en ambas localidades e crear unha oferta conxunta que nos permita traer concertos musicais e obras de teatro que, de maneira individual, resulta imposible”.

Mutuo beneficio

Para o candidato de AporM a creación deste consorcio deberá ser voluntaria e buscará en todo momento a cooperación en mutuo beneficio das veciñas e veciños de ambas localidades. “Trátase de levar ao campo municipal o que xa existe noutros concellos que comparten un mesmo territorio, onde os veciños fan a súa vida por igual nos dous termos municipais, como acontece coas vilas fronteirizas do Miño”, sinalou como exemplo. “Buscamos a mellora da eficiencia na xestión pública e a eliminación de duplicidades, o que nos permitirá reducir o custe dos servizos públicos”.

Ciclo de Cinema Galego hoxe en Redondela

0

O Servizo do Normalización Linguistica do Concello de Redondela presenta a proxección de ‘Beiras, vivir 2 veces’’ hoxe venres 14 de abril, ás 19:30 horas no Multiúsos da Xunqueira. Este documental forma parte do programa de proxeccións do Ciclo de Cinema Galego, unha iniciativa promovida pola Academia Galega do Audiovisual e apoiada polas catro deputacións galegas e á que está adherida o Concello de Redondela.

‘Beiras, vivir 2 veces’

É un documental dirixido por Pepe Coira, Gaspar Broullón e Jorge Coira onde repasan a traxectoria de Xosé Manuel Beiras seguindo dúas pistas: dunha banda, os lugares que mellor o identifican; e doutra, as imaxes máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas. O repaso da experiencia trénzase cunha das actividades predilectas do protagonista: a conversa. No documental, Beiras atópase con algunhas das persoas coas que mellor falar das cuestións que máis o incumben, desde a arte ao territorio, desde a política á casa.

Nigrán ofrece este sábado un concerto-homenaxe a ‘Os Alegres do Val Miñor’

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 15 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o concerto-homenaxe a ‘Os Alegres do Val Miñor’ con entrada de balde ata completar o aforo. O grupo folclórico da comarca conta con compoñentes de Tebra, Borreiros, Baiona, A Ramallosa, O Viso, Camos e Vincios. A música que interpretan forma parte do extenso patrimonio musical galego: xotas, muiñeiras, vals, pasodobres… incluso con pezas propias e outras con arranxos do grupo.

Como ben sinalan no seu nome, o obxectivo é que os asistentes gocen da súa música, bailen e, en definitiva, o pasen ben nunha xornada que o Concello quere destinar a homenaxear a este grupo galego de referencia en toda a comarca.

Comezan as xornadas da Semana das Ciencias en Ponteareas

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, presentou ao alumnado de Ensinanza  Secundaria para Adultos (ESA) o ciclo de conferencias da VII Semana das Ciencias. No Instituto Val do Tea de Ponteareas a rexedora convidou a todo o alumnado a participar nas conferencias que este ano xirarán arredor de ciencia e comunicación, afondando en como a tecnoloxía mudou o mundo do xornalismo, das artes gráficas, da ilustración e do deseño.

O luns 17 a responsable da vicerreitoría de Comunicación e Relacións Públicas da Universidade de Vigo, a doutora Mónica Valderrama, mergullarase no mundo das redes sociais, nas súas fortalezas, nas mellores ferramentas e na importancia dunha boa xestión para situarse no mercado, pero tamén advertirá dos erros e riscos máis frecuentes.

O profesor e divulgador Mingos Teixeira trasladará ao público participante ao mundo da Ciencia e da Arte o martes 18. Galardoado co 1º Premio “Alliance Française”, 1º Premio Internacional “Baixo Miño”, 2º Premio “Fundación Villabrille” ou co 1º Accesit “Carnaval Vigo”, Mingos Teixeira expón a súa obra en museos como os de Belas Artes da Coruña e Santander, o Museo Provincial de Pontevedra, o Museo Quiñones de León de Vigo, o Museo Municipal de Ourense ou o Museo Provincial de Lugo. Compaxinou o seu traballo artístico cun intenso labor académico e divulgador en relación coa arte e a creatividade, en artigos en diferentes publicacións, explorando a crítica artística e o comisariado de exposicións.

O mércores 19 o auditorio recibirá ao xornalista que foi quen de deixar a súa pegada día tras día coas súas crónicas e noticias ao longo de máis de corenta e cinco anos, Fernando Franco. O escritor, investigador e comunicador participará na mesa redonda “O xornalismo, do pasado ao presente” xunto á escritora e comunicadora, María Xosé Porteiro. Ao seu carón estará a xornalista deportiva Paula Montes para achegarnos unha ollada profesional e feminina ao mundo do deporte. Franco, Porteiro e Montes relatarán anécdotas e rememorarán os mellores momentos da profesión xunto ao público participante.

O xoves día 20 a sala multiúsos do auditorio municipal será testemuño doutro xeito de vivir a comunicación. Coas produtoras de Illa Bufarda o público vivirá novas experiencias comunicativas da man das webseries, dos podcast e das canles de YouTube.

Participar ten premio

O alumnado dos centros educativos de Ponteareas que asistan ás catro conferencias participarán no sorteo dun patinete eléctrico que se celebrará en directo no programa que Ponte Nas Ondas emitirá dende a Praza Bugallal no marco da Feira das Ciencias o vindeiro venres 21.

Todas as conferencias serán ás 19:30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal e as persoas que desexen asistir deberán reservar butaca no mail [email protected] ou no número de teléfono 986 64 00 00, departamento de Ensino.

A Semana das Ciencias de Ponteareas complétase con visitas a empresas locais de deseño e artes gráficas, con visitas ao Museo do Reloxo, cun taller de edición de son, co Museo da Radio, co seminario para profesorado, co xogo das 7 Torres de Xabier Prado e cos obradoiros para alumnado.

Ademais, como cada ano, a Feira das Ciencias pechará o programa de actividades na Praza Bugallal. Ducias de postos exhibirán os coñecementos e experimentos científicos froito da aprendizaxe e traballo de alumnado e profesorado.

Espertar a curiosidade, decatarse da importancia de investir en innovación e investigación para mellorar o noso día a día e descubrir que a ciencia está detrás de cada unha desas melloras son algúns dos obxectivos da Semana das Ciencias de Ponteareas que este ano volve ás rúas e aos centros educativos do 17 ao 21 de abril.

“A Semana das Ciencias  ofrece cada ano un espazo no que visibilizar todo o traballo que realizan os centros educativos de Ponteareas sendo eles e elas os e as protagonistas. Ademais facilita que o alumnado viva experiencias de aplicación da ciencia á realidade que dentro das aulas non se poden desenvolver. É un apoio didáctico, tamén, para as e os docentes”, sinala Cristina Fernández.

Novos obradoiros en maio e xuño nas aulas CeMIT de Chapela e Redondela

0

A Concellería de Novas Tecnoloxías do Concello de Redondela oferta cursos de balde para os meses de maio e xuño, unha serie de accións formativas nas aulas CeMIT de Chapela e Redondela en horarios de mañá. Estes cursos son totalmente de balde aínda que con prazas limitadas que serán asignadas por rigorosa orde de inscrición: Redondela oferta 16 prazas por curso e Chapela 12 prazas.

A alcaldesa de Redondela quixo resaltar a importancia destes cursos que “ofrecen a oportunidade de formarte de cara as competencias dixitais básicas tan importantes no mundo laboral actual e que facilitan a inserción laboral dos veciños e veciñas de Redondela. É un compromiso deste goberno cumprir coas necesidades actuais e continuar en paralelo cos avances tecnolóxicos que pode requerir calquera tipo de industria hoxe en día. Ademais, estes impartense en Redondela e Chapela para que poida chegar a maior xente posible, no noso compromiso firme coas parroquias”.

As instancias para participar nos cursos, con matrícula aberta ata o 29 de abril de 2023, pódense recoller na páxina web de Redondela (www.redondela.gal), no Centro de Formación A Marisma (ao carón da piscina municipal) e no multiúsos da Xunqueira en Redondela. En Chapela pódense solicitar nas Dependencias dos Servizos Sociais.

A presentación de ditas solicitudes e a documentación precisa, farase nos rexistros habilitados no Concello de Redondela tendo en conta que a selección será por orde de inscrición. Posteriormente, ao alumnado con praza concedida se lle chamará por teléfono para confirmar a súa participación.

Aula Cemit Redondela do 8 de maio ao 28 de xuño (16 prazas) en horario de 16:30 h a 20:30 h:

  • Competencias dixitais básicas.
  • Aplicacións informáticas de xestión.

Aula Cemit Chapela do 9 de maio ao 29 de xuño (12 prazas por curso) en horario de 9:30 h a 13:30 h:

  • Creación de Álbum de fotos con Photofancy e Powerpoint.
  • Ofimática na nube con Microsoft Onedrive.

Ademais, os venres darase o servizo de Aula Aberta, onde calquera cidadán poderá achegarse ás aulas (un venres en Redondela, o seguinte en Chapela, e así sucesivamente) para poder facer calquera consulta e aprender a tramitar co concello, trámites na sede electrónica e talleres de informática para adultos (dúbidas, consultas de cidadáns e asociacións). O horario será de 09.30 a 13.30 h.

A Universidade Senior de Monçao coñecerá o patrimonio material e inmaterial de Covelo

0

A asociación cultural e deportiva Río Xabriña de Paraños organiza a recepción, este venres día 14, dun grupo de persoas da localidade portuguesa de Monçao pertencentes á aula de Patrimonio da Universidade Senior de Monçao.

Co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio artístico, gastronómico e natural así como a música tradicional galega, dende primeira hora da mañá do venres visitarán o conxunto abacial de Barcia de Mera tendo tempo para facer unha proba da boa acústica da igrexa e para iso empregarán as súas voces. A tuna da Universidade Senior e o grupo Seixos Brancos entonarán para comprobar a sonoridade desta igrexa que cada ano acolle o Ciclo de Música. Dende aí desprazaranse ao serradoiro dos Carranos e pararán, a continuación, para xantar pratos típicos como a carne ao caldeiro, “un manxar galego que non adoitan preparar no país veciño e que supón unha mostra da nosa cociña tradicional”, explica María José Gallego González, presidenta da asociación Río Xabriña de Paraños.

A asociación Río Xabriña quixo agasallar, tamén, á Universidade lusa tempo de lecer cunha pequena festa na casa cultural de Paraños amenizada polo grupo de gaitas Chorima de Vilacoba. Tamén actuará a tuna da Universidade Senior de Monçao e o grupo Seixos Brancos pertencente á asociación de Paraños. Será a partir das catro da tarde.

Roteiro para aprender a recoñecer a lingua das aves no Rosal

0

O Concello do Rosal organizará a finais deste mes o roteiro ‘A lingua das aves’, unha interesant4e ruta pola Senda de Pescadores e o río Tamuxe para aprender a identificar ás diferentes especies de paxaros que viven na contorna a través do seu canto.

A actividade celebrarase o vindeiro domingo 30 de abril, con saída ás 10.30 horas do Parque do Tamuxe e remate ás 13.30 horas na Área Recreativa das Aceñas. Trátase dun roteiro impartido por Lorena Franco, de Biophilia, e Manu Sobrino, de El Naturalista Cojo, no que as persoas participantes farán un percorrido dun quilómetro de dificultade baixa e totalmente accesible.

A ruta contará con prazas limitadas polo que para participar será necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poderán solicitar información ou inscribirse a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 693 56 26 74.

O alumnado do CEP Pedro Caselles esculpe soños coa Asociación Avelaíña

0

Sensibilizar e previr problemas de saúde mental nas aulas pero tamén nos fogares. Con ese obxectivo nace ‘Esculpindo soños, tecendo ás’, un proxecto que busca poñer en contacto ao alumnado de 4º de primaria do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán con usuarios e usuarias da Asociación Avelaíña, unha entidade sen ánimo de lucro que axuda ás persoas con enfermidades mentais, ás persoas coidadoras e ás súas familias.

Para a posta en marcha deste proxecto, dende as aulas o alumnado traballou aspectos fundamentais como que é a saúde mental, a importancia de coidala e a necesidade de pedir axuda cando esta vese afectada. Arredor desta iniciativa, os nenos e nenas do centro educativo levaron a cabo varias actividades relacionadas, como unha saída ao pleno do Concello de Tomiño para expoñer todo o traballado sobre a saúde mental ou unha visita ás instalacións da Asociación Avelaíña na Guarda para comprobar de primeira man o importante labor que leva a cabo esta entidade. Ademais, os usuarios e usuarias de Avelaíña tamén estiveron nas aulas do colexio para realizar diferentes actividades cos nenos e nenas.

Esta iniciativa desenvólvese ao longo de todo o curso e pon en contacto directo ao alumnado coas persoas usuarias da asociación a través de correspondencia postal. Cada neno e nena cartéase cun usuario ou usuaria de Avelaíña, “establecendo así un vínculo especial entre eles e elas, ao mesmo tempo que traballamos en promover esa sensibilización e concienciación da sociedade plural e singular que nos rodea”, como sinalan dende o CEP Plurilingüe Pedro Caselleres Beltrán.

A alcaldesa, Sandra González, destaca o gran labor que están a realizar tanto a dirección, o equipo docente e o alumnado do centro como a Asociación Avelaíña con ‘Esculpindo soños, tecendo ás’, “un proxecto que proporciona ao alumnado distintas experiencias e aprendizaxes, achegándoos á realidade da súa contorna, favorecendo a capacidade de aprender por si mesmos, potenciando o pensamento crítico e a empatía e creando comunidades de aprendizaxe”.

Chega ao Porriño “Ladrando ladrando a clase pasa voando”

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e a OMIX, está a desenvolver nos centros educativos os obradoiros de educación en valores asistidos por cans de terapia “Ladrando ladrando a clase pasa voando”.

Nesta actividade participan 206 nenos de segundo de primaria do CEIP Antonio Palacios, CEIP de Atios, CEIP Cruz Budiño, CEIP Ribeira do Louro, CEIP Xosé Fernández López, CEIP Ribeira, CEIP Xosé Fernández López, CPR Hermanos Quiroga, CPR Santo Tomás e EI de Mosende.

“O obxectivo desta actividade é trasladar os beneficios que achegan os animais nas contornas escolares, co fin de traballar de forma transversal a educación en valores e a posesión responsable de mascotas”, explicou a concelleira, Carolina González.

No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que engadiu que se elaboraron para traballar tamén “o compañeirismo, o respecto, a integración, a solidariedade e a autoestima, así como os hábitos de hixiene e alimentación saudable”.

Nestes obradoiros abórdanse, entre outros temas, a educación en positivo o acoso escolar e os contratempos derivados de problemas de conducta. A metodoloxía en todos eles é sempre activa, participativa, lúdica e integradora.

Moita música e animación en Padróns coa Charanga SDK

O programa Cultura24 continúa levando actividades de lecer ás parroquias de Ponteareas. O vindeiro domingo 16 de abril a Casa Cultural Irmáns Barcia de Padróns acollerá a actuación da Charanga SDK, que fará gozar ao público coa súa música e animación á partir das 16.00 horas.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a participar neste novo concerto do Cultura24, “un programa cultural que achega a actividade ás 24 parroquias do concello ao tempo que se dinamizan os centros culturais e o tecido creativo do propio municipio, promocionando a súa arte, potenciando o seu funcionamento e favorecendo o seu mantemento”.

A actividade será de balde con entrada libre ata completar aforo.

A Deputación celebrará o Día do Libro

A Deputación adianta este ano a celebración do Día Internacional do Libro cun acto de homenaxe á escrita galega e á nova canteira de autoras e autores, que terá lugar o vindeiro mércores 19 de abril na sede provincial en Vigo. Deste xeito, a Sala Rosalía acollerá este evento a partir das 20 horas, no que a actividade central será a presentación da publicación Tes cinco minutos #3; o terceiro volume que sae das mans do alumnado da Escola de Letras que promoven a institución provincial e a Editorial Galaxia. O acto, no que estarán presentes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o director da Escola, Francisco Castro, así como representantes do claustro e do alumnado, estará amenizado polo trío Abril e contará coa proxección dun vídeo no que algunhas das autoras do libro Ti non sabes o que é ser escritora, a publicación xurdida ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, lerán fragmentos dos seus textos. A celebración está aberta á cidadanía, aínda que é preciso confirmar asistencia no enderezo electrónico [email protected].

Tes cinco minutos #3 recolle unha escolma do traballo das escritoras e escritores que participaron na terceira edición da Escola de Letras e supón unha nova mostra do talento da canteira da literatura galega.  Neste volume de 115 páxinas participan con poemas e relatos curtos de diferente temática 34 autoras e autores, a maioría mulleres (25). Elas e eles son Silveria Álvarez Martínez, Elda Álvarez Rivera, Lara Boubeta Bamio, Carlos Camaño Rial, Diana Cidrás, Rosario Elena Comesaña Estevez, Uxía Conde Noguerol, Celestino Crespo Piñeiro, Celia Durán Abollo, Lucía Durán Paredes, Ana Fernández Agra, Raquel Fernández Fernández, Javier García García, Fernando González Graña, Miguel González Sardón Mencía Jorge Cabaleiro, Diana Lois, Yemina López Ozores, Marina Lorenzo Rial, Luís Losada Rodríguez, Xosé Lueiro, Elena Martínez Castro, Cristina Montes Calvelo, Luz Moscoso Palacios, Isa Pazos, Víctor Pérez Estévez, Pitusa Pinheiro, Alba Piñeiro Estévez, Rosa Piñeiro Fraga, Almudena Santamaría, María Josefa Soto González, Verónica Sousa Suarez, Pablo Vázquez e María José Villar Ferreiro. Unha representación do alumnado tamén participará no acto coa lectura dos seus textos.

O libro conta cun limiar escrito polo director da Escola, Francisco Castro co título “Tedes cinco minutos #3”, que segue a estela dos anteriores volumes ao facer referencia á frase pronunciada polas e polos docentes da Escola para que o alumnado soubese que ese era o tempo que tiñan para desenvolver unha proposta literaria.

Proxección de vídeos

No marco do acto de celebración impulsado pola Deputación tamén se proxectará un vídeo no que o claustro da actual edición da Escola e da do ano pasado lerán textos que lles marcaron na súa vida. Os e as docentes participantes nesta peza son Inma López Silva, Marta Dacosta, Esther Carrodeguas, Antonio García Teijeiro, Diego Giráldez, Elvira Ribeiro e Anna R. Figueiredo.

Tamén se presentará outro vídeo no que as autoras que participan no libro Ti non sabes o que é ser escritora, un dos proxectos resultantes do Manifesto de Soutomaior, len os seus textos. A citada obra, que foi editada o pasado mes de marzo, recolle textos inéditos de Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega acompañados das ilustracións de 10 creadoras ‘aliadas’ do Manifesto: Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel.

No evento actuará o trío Abril, de música tradicional con influencias indie e percusións ibéricas. O grupo está formado por Marina Carpente ao violín, Claudia Abril á voz e pandeireta e Antón Lago á guitarra clásica. As distintas influencias musicais do trío vigués conflúen no seu repertorio, que inclúe melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados. Para iso utilizan guitarra flamenca, arranxos de fiddle con influencias americanas e europeas e mais percusións tradicionais ibéricas. Tamén empregan a voz coma acompañamento e harmonías das músicas modernas.

“A memoria histórica en viñetas” e sobre as táboas en Mondariz

0

Neste mes do libro que é abril, o Concello de Mondariz non se esqueceu doutras datas sinaladas do calendario e programou dúas actividades socioculturais sobre memoria histórica para os días 14 e 15 de abril.

Este venres, ás 18:00 horas, o debuxante galego Kiko da Silva, fundador da escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético, impartirá un obradoiro titulado “A memoria histórica en viñetas” na biblioteca municipal de Mondariz. Esta actividade, que é gratuíta e non require inscrición previa, está aberta a todos os públicos e celébrase xusto o 14 de abril, unha data marcada na historia de España e con enorme valor simbólico que merece reivindicación institucional nun Estado democrático como o noso.

O sábado, 15 de abril, está programada a representación da obra de teatro “A volta á provincia das misións pedagóxicas”, producida pola compañía galega Polo Correo do Vento, que a mediados de marzo xa visitou o concello co espectáculo teatral “Seminario de Estudos Galegos”. Esta función teatral, que admite entrada libre e sen reserva ata completar a cabida do auditorio municipal, recupera a memoria das misións pedagóxicas e pon en valor a súa contribucións en materia de dereitos culturais. As misións pedagóxicas, creadas en 1931 e desmanteladas ao rematar a guerra civil, foron un proxecto de solidariedade cultural apoiado polo Goberno da Segunda República Española a través do ministro de Instrución Pública e desde plataformas como o Museo Pedagóxico Nacional e a institución Libre de Ensinanza. Chegaron a reunir a centenares de persoas voluntarias de diverso orixe. Artistas e intelectuais do momento, como Antonio Machado, Pedro Salinas, María Zambrano, Alejandro Casona, Luis Cernuda, Rafael Dieste, Maruja Mallo,… participaron neste gran proxecto interdisciplinar que levou a lectura, o teatro, a música,… a todos os recunchos do país, incluído o rural galego.

Tanto o obradoiro de ilustración “A memoria histórica en viñetas” como o espectáculo teatral “A volta á provincia das misións pedagóxicas” forman parte do programa O Pasado por Vir da Deputación de Pontevedra.

Baiona, sede da Liga Nacional de Bádminton esta fin de semana

0

Os próximos 15 e 16 de abril volve o mellor bádminton nacional á vila de Baiona con motivo da celebración da xornada final da liga Nacional Bronce no Pavillón Municipal da localidade.

O Club Escola Rosalía Peixes Vimar foi o adxudicatario desta xornada por parte da Federación Española de Bádminton e dada a afinidade entre o Club e o concello de Baiona, onde o Club posúe unha escola desde hai xa varios anos, é polo que se quixo que o bádminton de máximo nivel volva a “voar” nesta localidade.

Baiona foi berce de grandes xogadores do deporte durante os anos 80 e 90 e onde todo o Val Miñor era un referente a nivel nacional no noso deporte. Por iso, desde o Club Escola Rosalía Peixes Vimar están a tentar devolver a esta localidade ao lugar que se merece.

Esta última xornada decidirá a clasificación final da mesma polo que en terras baionesas, a recado, haberá moitos nervios e tensión para os posibles ascensos e descensos de categoría, xa que a maioría dos 12 equipos participantes chegan a esta cita xogándose algo tras as xornadas anteriores celebradas en Huelva, Alfajarín e Lanzarote.

Na competición participan os seguintes equipos C.B. Alfajarin (Zaragoza), ADC Arroyo Tejada (Madrid), CB Ronda (Málaga), CIDE (Mallorca), CB Huesca La Magia (Huesca), Recreativo IES La Orden (Huelva), Larios Rental Jorge Guillén (Málaga), Lanzarote Raqueta Club (Lanzarote), CB Mao (Mahón), CB Palencia (Palencia), CB Valladolid (Valladolid) e o anfitrión Club Escola Rosalía Peixes Vimar (Pontevedra).

Nestes momentos a clasificación está encabezada polo Recreativo IES La Orden, seguidos por CIDE e AD Arroyo Tejada empatados na segunda praza e por CB Mao, Larios Rental Jorge Guillén e Escola Rosalía Peixes Vimar na terceira praza que loitarán polas 2 prazas de ascenso á división de prata. Mentres que pola loita de evitar o descenso están CB Alfajarín, CB Valladolid e CB Ronda.

Os horarios dos enfrontamentos serán o sábado 15 de abril ás 11:00 horas e ás 16:15 horas mentres que o domingo 16 de abril será o último enfrontamento ás 10:00 horas. Pódese consultar toda a información en https://www.badminton.es/sport/league/draw?id=07B688F5-2F63-48DB-BC48-FBEEDA7A7FDA&draw=19.

Este evento é patrocinado pola Federación Española de Bádminton e o Concello de Baiona e conta co apoio do Consello Superior de Deportes, a Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Asociación Escola Rosalía de Castro e das firmas privadas da Federación Española de Bádminton O Corte Inglés, Iberdrola, Loterías e Apostas do Estado e Yonex.

Á rolda de prensa de presentación celebrada esta mañá asistiron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, o Xefe do Servicio Provincial de Deportes de Pontevedra, Daniel Benavides Alosnso,  a Concelleira de Deportes de Baiona, Andrea Pérez González, Jesús Gómez, Presidente Club Escola Rosalía e Paula Espinosa, Xogadora do Equipo de Liga Nacional Club Escola Rosalía.

O alcalde de Baiona agredece “a implicación dos organizadores neste evento que atraerá ata Baiona a un gran número deportistas durante esa fin de semana para disfrutar de esta disciplina”.

A Xunta inicia as obras da senda peonil en Forcadelas

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de construción dunha senda peonil na estrada PO-195 en Forcadela, no concello de Tomiño.

Esta intervención de mellora da seguridade e da mobilidade supón un investimento autonómico de preto de 50.000 euros.

Os traballos consisten en habilitar un itinerario peonil nun treito antigo da PO-552, de 390 metros de lonxitude na marxe esquerda da vía, entre o cruzamento coa PO-552, no quilómetro 0+050, e a beirarrúa existente no quilómetro 0+440.

Concretamente, estase a executar unha nova senda de formigón duns 2 metros de ancho mínimo, mantendo a calzada de dous carrís. O novo itinerario será de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos.

A senda adaptarase á rasante existente, separada por un bordo elevado uns 6 centímetros e unhas beiravías que non superan 0,5 metros na marxe sobre a que se actúa. Para acadar este obxectivo, readaptarase lixeiramente a drenaxe da plataforma, para o que se disporán sumidoiros conectados ás obras de drenaxe transversal.

Ademais, como as obras de drenaxe transversal existentes están bastante próximas á calzada, os traballos incluirán a execución dunha pasarela de madeira que cubra a canle de rega entre os quilómetros 0+100 e o 0+120, permitindo o paso de peóns. Deste xeito, o ancho variará desde 2 metros nos seus extremos coa senda de formigón, ata os 3,6 metros para permitir unha correcta ancoraxe no terreo adxacente á canle de rega.

Na actuación empregaranse pequenas superficies de madeira para salvar os pasos de obras de drenaxe transversal que non permitan un ancho suficiente ao final do percorrido, onde este tránsito peonil unirá coa beirarrúa existente.

Nos pasos de madeira disporase varanda e nas interseccións con pasos peonís colocarase un pavimento en baldosa podotáctil con sinalización de advertencia de perigo.

Unha vez executada esta obra, o treito da estrada autonómica será obxecto de cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño.

Escape room, contacontos e obradoiros para animar á lectura na biblioteca de Ponteareas

O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova campaña de animación á lectura cunha morea de actividades coa biblioteca municipal como escenario. Dende este 14 de abril e ata o vindeiro mes de xullo, a biblioteca acollerá cada venres “iniciativas diferentes e divertidas que sabemos que terán unha grande acollida por parte do público e que achegará á veciñanza ao pracer de ler”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Deste xeito, durante tres meses a biblioteca acollerá actividades varias máis tradicionais como obradoiros e contacontos, pero tamén iniciativas innovadoras como escape room deseñadas para o público máis novo. Todas as actividades desenvolveranse de 18.00 a 19.30 horas e estarán dirixidas a nenos a partir dos 5 anos.

Haberá prazas limitadas polo que para participar é necesario facer a correspondente reserva na propia biblioteca municipal, a través do correo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 660 765.

Programación de hoxe das Festas de San Telmo

0

Hoxe xoves, 13 de abril, dentro da programación das Festas de San Telmo haberá acrobacias e maxia, teatro e música.

As actividades comezarán ás 16.30 h coa actuación da Coral San Telmo na Residencia Paz e Ben, dentro da iniciativa para achegar aos e ás maiores do centros de día e residencias tudense a música nestas festas.

Ás 18.00 h Patty Diphusa  actuará na carpa do Paseo da Corredoira co seu espectáculo “SúperHarte”, no que conectará cos máis pequenos e pequenas da casa con acrobacias de altura e comedia, meténdose incluso dentro de globos e conseguindo voar.

Xa ás 21.00 h no Teatro Municipal de Tui continúa a XIII Semana de Teatro Amador co grupo de teatro A Insua de Caldelas coa obra “E ti, a que escola fuches?”. Seis actores e actrices baixo a dirección de Sofía González Durán darán vida a esta comedia inspirada na obra de ‘O Florido Pensil” de Andrés Sopeña. As entradas están á venda en tui.gal ao prezo de 2 euros. Tamén se poderán mercar mañá xoves dende ás 20 h no despacho de billetes.

Tributo a Juan Pardo no Pazo de Mos

0

O vindeiro domingo, 16 de abril, o Pazo de Mos acollerá ás 18.00 horas, o Tributo a Juan Pardo a cargo de Antonio Barros, Lis Pardo, Ialma e Fernando Calderón.

O evento está promovido polo Concello de Mos e incluído no programa MUSIGAL da Deputación de Pontevedra.

Este proxecto musical nace do programa da TVG “O sucesor de Juan Pardo”, no que Lis Pardo foi xurado, entre outros membros, resultando gañador o noso mosense da parroquia de Tameiga, Antonio Barros.

A Guarda pide a colaboración cidadá para reducir o impacto da avespa velutina

0

Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda, pídese a colaboración cidadá nestas datas para detectar e notificar a presenza de niños de avespa velunita no noso municipio.

É de vital importancia esta colaboración nestas datas, xa que dende o mes de febreiro e ata o mes de maio as raiñas fundadoras da vespa velutina saen a formar o niño primario, momento no cal se debe de facer o trampeo por parte da cidadanía, xa que axuda ao control desta especie invasora nesta época.

Por cada raiña velutina collida nestas datas, poderíamos atoparnos cunha redución dun niño menos nos vindeiros meses. A construción dos niños adoita ser en lugares resgardados coma troncos ocos, teitos de uralita, estruturas abandonadas, etc.

A vespa velutina xera un gran impacto na biodiversidade da nosa contorna, debido a súa gran voracidade podería extinguir especies autóctonas, cun grave prexuído para o ecosistema natural.

Pregase a todos os veciños que cando vexan un niño chamen o 012.

Xornada en Baiona sobre a Cultura Castrexa no Val Miñor

0

A Casa da Navegación de Baiona organiza unha xornada para divulgar o estado actual da Cultura Castrexa no Val Miñor.

Unha oportunidade para coñecer o que hai e como está, da man dos especialistas.

A asistencia é de balde ata completar aforo, polo que é necesario inscribirse a través do 986 356688 ou do correo electrónico: [email protected].

Sabes que en Baiona hai 5 castros?

Se queres saber máis destes primeiros poboados prehistóricos, temos unha cita o próximo sábado 15 a partir das 10:00 da mañá. Poderás pedir información aos especialistas que se van reunir no auditorio da Casa da Navegación.

Xornada sobre a Cultura Castrexa

A CULTURA CASTREXA NO VAL MIÑOR: ESTADO DA CUESTIÓN
10:00Rosa Villar QuinteiroOs Castros do Val Miñor. Estado da cuestión.
10:45Darío Peña PascualEscavacións no Castro de Chandebrito. Nigrán
11:45Rosa Villar, Nicolás Villacieros RobineauO Castro de Panxón
12:45Pausa cafe
EXPERIENCIAS DE POSTA EN VALOR DUN CASTRO
13:00Rafael RodríguezO Castro de Santa Trega, A Guarda.

Reseñas dos poñentes

Rosa Villar Quinteiro: directora da Casa da Navegación. Doutora en Arqueoloxía.

Darío Peña Pascual: árbore Arqueoloxía. Arqueólogo.

Nicolás Villacieros Robineau: instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo. Investigador da ondada e as correntes costeiras e seus efectos físicos, biolóxicos e xeoquímicos.

Rafael Rodríguez: deputación de Pontevedra. Arqueólogo.

Reunión con Audasa para presentar o proxecto de reposición dos viais da AP9

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de reunirse hoxe con representantes de Audasa, a Asocición de veciños de Chapela, a Asociación de veciños de Trasmañó e a Asociación de Afectados pola AP9 para anunciar o proxecto final que recolle tódalas alegacións feitas polos mesmos colectivos para unha correcta compensación polos viais danados.

“As alegacións presentadas pola veciñanza e colectivos de Chapela ao proxecto de reposición de viais da AP9, son irrenunciables e o Concello loitou para que a débeda que o Ministerio ten con Chapela sexa resarcida”, afirma Digna Rivas.

En outubro de 2018, co anterior goberno de Mariano Rajoy, o Ministerio de Fomento prometía ultimar os trámites para a mellora dos viais en Chapela. Sen embargo, como recolleu a prensa no seu día, a propia Asociación de Afectados pola AP9 recoñecía e denunciaba o retraso de ano e medio na execución das obras. A rexidora local lembra que “nada máis entrar a gobernar en 2019, unha das primeiras medidas que tomei foi manter reunións cos distintos responsables do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, non só para darlles conta das xustas reivindicacións dos veciños e Asociación de Afectados da AP9, senón tamén para comezar a traballar e alcanzar compromisos en firme para solucionar á reposición de viais que recollía a adenda”. Na mesma liña engade que “de todas as reunións mantidas coa Delegación do Goberno e Fomento, sempre se comunicou os avances e se mantivo informados aos colectivos implicados”.

As obras, denominadas Reposición de viario en Chapela (Redondela). Autopista AP-9. Tramo: Enlace de O Morrazo – Enlace de Teis, contan finalmente cun orzamento do Ministerio de Transportes de  4,1  millóns de euros e inclúen as seguintes actuacións:

Os traballos a realizar que figuran no proxecto, inclúen a adecuación e mellora dos camiños de Piñeiral, Penisal, Torreiro, Camiño da Igrexa, Oliveira e Pasán mediante a reposición de firme, servizos urbanos e de saneamento, a disposición de beirarrúas, a creación de zonas axardinadas e sendas peonís que garantan a seguridade das e dos viandantes.

O Camiño Mouriño atópase nun estado impracticable, polo que renóvase na súa totalidade mellorando a accesibilidade e seguridade.

Doutra banda, o proxecto dota de continuidade ao Camiño da Igrexa ata a rúa Pasán, para o que será preciso ampliar a pasarela peonil de Chapela que cruza a AP-9. Ao mesmo tempo, proxéctase tamén a reordenación da sección transversal do paso superior sobre a autopista da rúa Pasán, para permitir a disposición dun itinerario peonil sobre o mesmo.

Aténdense tamén peticións reiteradas da veciñanzacomo a creación dunha praza empedrada no contorno da Igrexa como punto de encontro parroquial e dote á parroquia, a renovación do Parque Infantil na zona da Igrexa ou  a recuperación da Fonte Cornido.

No que atinxe á contorna do IES de Chapela, adecuarase a contorna mediante a disposición dunha dársena para subida e baixada de estudantes que viaxan en vehículos particulares e que, na actualidade, carecen de espazo habilitado na Avenida de Redondela para realizar esta operación.

Entre eses temas cualificados como “irrenunciables” pola está a necesidade de arranxar a Ponte de Trasmañó no que fai referencia a súa accesibilidade cara a N-552 de xeito que mellore as súas condicións de seguridade e de comodidade.

O proxecto inclúe as necesarias actuación de integración ambiental, estética e paisaxística e é compatible coa actuación de disposición das pantallas antirruído nese tramo, proxecto que se está a desenvolver de xeito paralelo.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, non ocultaba a súa satisfacción ao sinalar que, tal e como quedaba demostrado, “os compromisos que adquire o Goberno de Pedro Sánchez, non quedan en palabras baleiras ou boas intencións, senón que se cumpren”.

Quixo Digna Rivas destacar “o incansable traballo e compromiso da Asociación de Veciños de Chapela, da Asociación de Veciños de Trasmañó e da Asociación de Afectados pola AP-9 e, froito dese traballo conxunto co Goberno de Redondela, agora estamos falando de poñer punto e final a un problema que afectaba seriamente a calidade de vida da veciñanza da contorna da AP-9”.

Os rapaces de Ponteareas coñecen a vida de Domingo Fontán

A rapazada de Ponteareas, máis de 400 alumnos de todos os institutos da vila, acompañada da alcaldesa Cristina Fernández, reuníronse hoxe no auditorio municipal para coñecer a vida do matemático e xeógrafo Domingo Fontán, un dos máis grandes homes que deu Galicia, e reflexionar sobre a importancia do seu Mapa Cartógráfico de Galicia, o primeiro no estado realizado con metodoloxía científica e coa tecnoloxía do século XIX.

A actividade, realizada dentro do ciclo de proxeccións do audiovisual ‘Fontán. O primeiro rostro de Galicia’ xunto a unha conferencia e un coloquio explicativo, estivo organizada polo departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación -dirixido pola deputada María Ortega-, que dispón dunha Cartoteca e unha Casa do Mapa que leva o nome do propio Domingo Fontán, na que se poden consultar diferentes materiais cartográficos e documentos, mapas e planos dentro dun importante fondo documental. A actividade da xornada de hoxe foi asignada ao Concello de Ponteareas por ser un dos dez municipios que máis rapidamente amosou interese cando se abriu o prazo de solicitudes para participar na iniciativa.

O documental proxectouse durante uns 45 minutos falando de Domingo Fontán, un ilustrado, galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galiza, a Carta xeométrica de Galiza, labor ao que dedicou  dezasete anos da súa vida, ademais de ser secretario da Deputación Provincial de Galiza durante o trienio liberal, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e Presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago.

A peza audiovisual convida a facer un percorrido pola historia e a orografía galega, incluíndo entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía, o que a converte nunha ferramenta didáctica atractiva e multidisciplinar. No vídeo explícase que a Carta Xeométrica de Galiza é un mapa físico de Galiza realizado entre 1817 e 1834, e está considerado como o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (triangulación, altimetría barométrica, etc).

Para cartografar Galiza, Domingo Fontán, segundo explicaron as persoas conferenciantes, aproveitou os avances científicos da época e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos. No seu obxectivo tivo que percorrer todo o territorio galego a pé e a cabalo e recolleu a totalidade dos accidentes xeográficos e acadou un nivel de detalle no mapa que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite nos anos 50 do século XX.

O documental serviu para falar dunha época, o século XIX, esencial no desenvolvemento de Galiza e chea de acontecementos e figuras históricas salientables que se relacionan con Domingo Fontán.  A temática do coloquio enlazou ademais con temas de actualidade como o ‘big data’ ou a xeolocalización.

A rapazada tamén puido manipular instrumental para medir distancias e ángulos, similar ó de Fontán, co fin de comparalo co que existe na actualidade, principalmente os teodolitos que utiliza o persoal que traballa en topografía.

Costas do Estado reconstruirá parte da senda que une Tomiño e O Rosal danada polas inundacións

A reconstrución do tramo da senda peonil que une Tomiño e O Rosal danada polas inundacións do pasado mes de xaneiro comezarán en breve. As alcaldesas de ambos concellos, Sandra González e Ánxela Fernández Callís, e o xefe do Servizo Provincial de Costas do Estado en Pontevedra, Miguel García, visitaron este martes as zonas afectadas tras as intensas chuvias e as fortes crecidas do nivel do río Miño, nas que se produciron estragos de consideración.

Costas comezará en breve os traballos de reparación dos derrubos sufridos na senda peonil, sobre todo nos dous tramos antes e despois do seu paso sobre o río Tollo, un dos afluentes do Miño. Para a reconstrución empregaranse técnicas de bioenxeñería, xa que se trata de unha zona de actuación situada en espazos protexidos da Rede Natura 2000.

As obras de reconstrución consistirán na reposición do pavimento natural primitivo e no emprego de pilotes de madeira colocados no chan aos que se unirán franxas de vexetación viva para que se estableza un entramado de raíces e vexetación que axude a conter as marxes do río Miño. Os traballos incluirán ademais a renovación dos valos e dos bordes de madeira ao longo de toda a zona de reparación.

Por outra banda, Costas xa está a realizar os trámites necesarios para completar esta intervención coa reconstrución da ponte peonil de madeira sobre o río Tollo, xa que o estado actual no que se atopa interrompe a continuidade do itinerario desta senda que une a parroquia tomiñesa de Goián coa rosaleira das Eiras.

A unidade móbil de doazón de sangue estará en Oia o xoves 13 de abril

0

A unidade móbil de doazón de sangue visitará Oia este xoves 13 de abril. Permanecerá aparcada diante do Concello de 16.00 a 21.00 horas, a disposición de todas as persoas que queiran achegarse.

Os requisitos xerais para facer unha doazón de sangue son ter máis de 18 anos de idade e pesar máis de 50kg. Cómpre almorzar pola mañá e, despois do xantar, ao mediodía recoméndase agardar 2 horas antes de acudir. Á hora de presentarse é necesario levar a tarxeta de doante, DNI ou documento similar.

Para consultar calquera información relacionada con estes temas, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS)  ten habilitadas varias vías de comunicación: o teléfono 900.100.828, o correo electrónico [email protected] e a web https://ados.sergas.gal.

Acto solidario

A doazón de sangue é un sinxelo acto solidario que non leva máis de 10 minutos e grazas ao cal pódese salvar a vida doutras persoas.

En Galicia, os hospitais atenden unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos. Por iso, cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns de sangue. Para facilitar as doazóns, a Axencia conta con locais nas sete grandes cidades, así como 10 unidades móbiles que percorren toda a comunidade autónoma.

I edición da “Porriño Fashion Week” esta fin de semana

Desfiles, música e moito máis é o que ofrecerá a primeira edición da “Porriño Fashion Weekend” que se desenvolverá dende o venres ata o domingo.

Este evento, que convertirá a vila nunha gran pasarela de tendencias, arrancará o venres 14 coa Shopping Night, unha noite de comercio aberto na que os establecementos da vila abrirán tamén dende as 21 h e ata as 24 h. Unha noite de compras na que haberá tamén Djs, coctelería, sorteos e moitas propostas da man de comerciantes e hostaleiros.

O broche de ouro a esta primeira xornada será musical da man da orquestra Panoramaque actuará a partir das 24 h na rúa Antonio Palacios (á altura do parque Ordóñez) e a continuación DJ DGrace. Reservarase unha zona para persoas con mobilidade reducida.

A programación continúa o sábado 15 coa Fashion Night. A partir das 19 h a rúa peonil transformarase nunha gran pasarela que mostrará as últimas tendencias en moda, peiteados e florería da man do comercio local. Zapatería, moda,  roupa infantil e deportiva, complementos, peiteados, maquillaxe, vestidos de noiva e arreglos florais compoñen as propostas que lanzan os establecementos participantes.

A xornalista porriñesa, Raquel Atanes, será a encargada de presentar o desfile, que rematará coa música en directo de Manu Pereyra (en colaboración con Origen Café).

A música tamén clausurará a xornada coa sesión dj na praza da man de DJ Raper & Traffic House.

O domingo 16 desenvolverase o Fashion Market, un gran mercado que se instalará na rúa Leandro Diz a partir das 16 h.

O evento está organizado polo Concello do Porriño en colaboración cos comercios da vila, a asociación de hostaleiros AHOSPOR e a Xunta de Galicia.

Participantes

Addiction, Elisardo Moda, Ishop, Moda Click, Volvoreta, Zafiro, Topitos, Polisport, Mapa Porriño, Orevshop, Meigallo, Dana Shop, Brooklyn Moda, Suengas, Andreu, Minerva, Noa, Zapatería Tic Tac, José Vila Estilistas, Sencar Peluqueros, Blackbird, Xiada Costas,  Merchy Díaz, Eliseo Peluquería, Ondas y Perfil, Dillarte, Abreu, Marisé, Xantar de Pepa, La de Chato, Nómadas, Scala, Francachela, Argentino 2, Hotel Parque, La Cueva, La Bendecida, El pincho, Origen Café, Underground, La Bici, Bolboreta, Galibar, El cincuentaicinco e a Vinoteca.

O auditorio reabre as súas portas cunha homenaxe a Reveriano Soutullo e o monólogo de Federico Pérez

O auditorio municipal de Ponteareas reabre as súas portas. Este venres 14 de abril as instalacións volverán abrirse ao público tras as obras realizadas polo Concello para a impermeabilización e reparación dos graves danos causados polas filtracións tras unhas obras de executadas incorrectamente en 2010 e que obrigaron ao peche deste espazo hai dous anos para garantir a seguridade dos usuarios.

Tras cinco meses de traballo e un investimento de case 167.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022, o auditorio municipal subirá de novo o seu pano a partir das 21.30 horas cun evento aberto a toda a veciñanza que comezará coa presentación dun documental ‘Ponteareas, paisaxe sonora de Reveriano Soutullo’. Tras a proxección da peza, o protagonista será o monologuista e actor Federico Pérez, moi coñecido polos seus papeis como Moncho en ‘Era Visto!’ ou como Josito en ‘Padre Casares’ e gañador dun Mestre Mateo ao mellor actor de reparto por ‘O corpo aberto’. O cómico fará pasar un bo momento ao público compartindo todo o aprendido nas tabernas para converterse nun gran humorista. O acto concluirá cunha actuación musical.

“Esta fin de semana recuperamos unha instalación emblemática para a vila e devolvemos a vida ao seu escenario. E facémolo do mellor dos xeitos, cunha pequena homenaxe ao célebre compositor ponteareán que lle dá nome ás instalacións, Reveriano Soutullo”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Con estes traballos, que forman parte da primeira fase do proxecto de integración do auditorio municipal na malla urbana da vila, elimináronse as principais causas de filtracións ao interior do inmoble que, segundo un informe técnico do ano 2021 chegaban ao interior do edificio principalmente pola parte central da praza, nos arredores do parque infantil, e pola auga acumulada no sumidoiro perimetral, que entraba a través dos ocos da fachada ás cámaras interiores dos muros e aos falsos teitos.

Durante os últimos meses reparáronse paredes, falsos teitos e todas aquelas zonas danadas como consecuencia da entrada de auga, remodeláronse os lucernarios cun novo sistema acristalado estanco, realizouse o saneamento da zona do parque infantil e do perímetro da praza e arranxáronse as filtracións que entraban a través das fiestras, que non tiñan un sistema para escorrer a auga, entre outros aspectos.

Areeiro advirte da aparición das primeiras manchas de mildio nas viñas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra advirte da aparición das primeiras manchas de mildio en viñas tralas revisións realizadas polo seu persoal que confirmaron a alerta realizada por persoas técnicas e viticultoras. O centro recomenda iniciar a revisión dos predios ante as condicións de inestabilidade meteorolóxica e, no caso de non facelo, tratar as viñas nos momentos en que as condicións climatolóxicas o permitan. A viña debe estar seca (pódese engadir un mollante para facilitar a adherencia do funxicida) e non debe haber ventos de velocidade superior a 3 m/s (10,8 Km/h) para que o produto non sexa arrastrado fóra da viña.

Ante as predicións previstas para estes días, con alternancia de choivas e períodos de claros e tendo en conta que a primavera é unha estación onde a situación pode variar con facilidade, a EFA recomenda estar alerta ás previsións diarias e iniciar a revisión. En caso de non facela, será preciso tratar as viñas nos momentos en que as condicións climatolóxicas o permitan.

O centro asegura que aínda que nestes días aparecerá a primeira mancha en todos os predios, as condicións de desenvolvemento da vexetación ou de aireación poden variar.

A parroquia de Maceira contará cun novo centro de día e unha residencia de maiores

0

A dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello de Covelo a autorización para a construción dunha residencia xeriátrica e centro de día na parroquia de Maceira. Así o informa o alcalde de Covelo, Pablo Castillo.

Co obxectivo de que as nosas persoas maiores non teñan que abandonar Covelo cando xa non poden vivir soas e precisan coidados profesionais o Concello de Covelo continúa cos trámites para obter todos os permisos necesarios e evitar, así,  o desarraigo dos nosos maiores que poderán envellecer na súa terra.

A nova residencia de Covelo contruirase nunha parcela municipal do centro urbano de Maceira que o Concello xa puxo a disposición do proxecto. Ofertará 59 prazas na residencia de maiores e 20 no centro de día. Pola súa ubicación no centro da parroquia, accesibilidade e por estar preto de servizos que poden ser utilizados polos usuarios e familiares a parcela reúne os requisitos precisos para acoller este tipo de infraestrutura.

O Concello de Covelo estudará agora as posibles colaboracións de empresas xestoras para redactar o plan de viabilidade e a futura xestión. O concello conta xa cunha residencia de maiores ubicada na praza Troveiros do centro urbano de carácter privado pero con prazas públicas, fórmula que podería volver repetirse xa que o concello non dispón de persoal propio para o desenvolvemento diario da xestión do centro nin capacidade económica nin legal para a contratación de profesionais. Por este motivo, o goberno municipal avaliará as diferentes propostas.

A Gala Benéfica Salvaterra terá lugar o vindeiro 28 de abril

Gala Benéfica Salvaterra é un proxecto organizado por un grupo de empresarios de Salvaterra, abatidos polas imaxes que chegaron de Turquía e Siria, tras os desastrosos terremotos que sucederon fai moi pouco alí. O obxectivo desta gala é recadar o máximo posible e facer chegar os fondos aos damnificados

O recadado será xestionada pola ONG IAE, e será destinada á adquisición de contedores vivenda. O labor principal desta organización, é a intervención en catástrofes natural, en Galicia están dotados cunha unidade canina, que interveu en Turquía na primeira fase e rescatado a tres persoas con vida baixo os entullos.

Esta gala benéfica terá lugar o 28 de abril pola noite (21:30 h), é unha cea cóctel con actuacións musicais, que terá lugar no salón principal de Adegas A Val, en Salvaterra de Miño. A entradas están a disposición nos restaurantes A Miña Lareira, A Ojiva, A Cantinera e nas cafeterías O Que Queda do Día, A Broa e Centro Cultural Casal. Ademais pódense reservar no teléfono 691 18 51 00.

Continúa o cliclo ‘Primavera de Jazz’ este venres en Nigrán

0

O Concello de Nigrán prosigue este venres 14 de abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o seu primeiro ciclo ‘Primavera de Jazz’ co trío do contrabaixista Xacobe Martínez Antelo. O músico compostelano, un dos máis prolíficos do jazz español, estará acompañado por Max Gómez á batería e Xosé Miguelez ao saxo. A seguinte cita será o domingo 7 de maio co trío do pianista Xan Campos. Este ciclo, que arrancou o 19 de marzo co guitarrista de Nigrán Felipe Villar, reúnen fora da tempada estival aos mellores músicos de jazz do noroeste peninsular (o Concello ten o Nigranjazz, o festival máis lonxevo de toda a comarca dentro deste xénero musical e que cada ano se celebra en Xullo no esteiro de A Foz).

Antelo cursou os seus estudos musicais nos conservatorios de música de Santiago de Compostela e Vigo, e nos seus primeiros escarceos ‘semiprofesionais’, tocou en bandas alleas aos ámbitos do jazz, onde definitivamente estableceuse cando formou o grupo ‘Sumrrá’. Ten asinados preto dunha decena de discos e colaborado con outros grandes da escea galega como Marcos Pin, Abe Rábade ou a Orquestra Galega de Liberación, da que é fundador. Ten escrita máis de 60 composicións propias que vai debullando en cada formación musical onde toca. Xácobe Martínez Antelo compaxina o seu labor nestas formacións cos seus combos en forma de trío, cuarteto ou quinteto. Foi finalista nos V, VI e VII Premios Martín Códax da Música Galega, na Categoría de Jazz e Músicas improvisadas, e tamén foi Premio ‘María Casares’ á mellor música orixinal polo seu proxecto ‘Citizen’ en 2011. Volveu repetir galardón en 2015, polo seu traballo titulado: ‘Ultranoite non País dous Ananos’ co grupo teatral ‘Chévere’.

Juan Carlos García-Valdecasas e a Radio Municipal de Tui, premios ‘Cidade de Tui’ 2023

0

O cirurxián tudense Juan Carlos García-Valdecasas Salgado, na categoría individual, e a Radio Municipal de Tui, na modalidade colectiva, recibiron o pasado sábado os ‘Premios Cidade de Tui’ 2023, na gala celebrada no Teatro Municipal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, entregou sendos premios, poñendo en valor o labor dos premiados. Dicía que “a gratitude e a xenerosidade fixeron posible a existencia desta bimilenaria cidade”.

Con respecto a Juan Carlos García-Valdecasas  indicaba que “ao premiar a súa traxectoria tamén premiamos ao conxunto dos profesionais sanitarios deste país, aos que tanto lles debemos e a veces pouco lle recoñecemos”. Engadía que “Juan Carlos é un claro exemplo desta profesionalidade e dese sistema sanitario magnífico do que disfrutamos os españois”. Mentres sobre o premio colectivo indicaba que “30 anos de traxectoria dunha radio pública municipal reflicte que as cousas se fixeron moi ben e que grandes profesionais estiveron e están ao fronte da nosa radio municipal”. Engadía que “eses 30 anos de radio reflicten ese traballo serio e rigoroso”.

Remataba Enrique Cabaleiro indicando que “todos como tudenses nos sentimos moi orgullosos de que un médico tudense sexa referencia mundial, e todos  como tudenses nos sentimos moi orgullosos de que un medio de comunicación local sexa o principal medio de comunicación que temos na comarca”.

Pola súa banda a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, lembraba no acto coma estes  Premios Cidade de Tui “naceron para celebrar, para recoñecer o labor de milleiros de persoas, a nivel individual e de maneira colectiva, que nos enriquecen e que fixeron que nos sintamos orgullosos da sociedade que construímos ao longo destes séculos”. Engadía a concelleira que “sen vos, os tudenses, esta cidade non tería acontecido tal e coma a coñecemos, esa colina de pedra da que falaba Eliseo Alonso, non sería a que é sen a aportación de milleiros e milleiros de homes e mulleres que de maneira individual e ou en comunidade traballaron, e seguirá acontecendo para seguir construíndo entre todos a mellor cidade”.

Tras recibir o premio o médico Juan Carlos García-Valdecasas confesaba que para el “é unha honra e unha gran alegría que se me concedera esta importante distinción”.  Destacaba que  “sempre tiven a Tui coma referencia, estou moi orgulloso de ter nacido aquí”. Lembrou a casa familiar da rúa Canicouva, os veráns en Tui, e coma sempre que pode aproveita para vir á cidade e ensinar Tui e Galicia.  Dicía García-Valdecasas que “despois de 44 anos de exercicio profesional, de máis de 2.500 transplantes realizados polo seu grupo, de ter percorrido o mundo, véxome aquí e o que máis ilusión me fai é compartir estes momentos cos que me acompañaron naqueles veráns inesquecibles”. Tamén se refería a súa carreira profesional indicando que “tivemos a oportunidade de facer algo que cando rematei a carreira era impensable” sinalando que “co transplante de fígado fomos capaces de cambiar a vida e a calidade de vida de moitísimas persoas”.

Na súa intervención, o director da Radio Municipal de Tui, José Font, tras recoller o premio salientaba que “hoxe estamos aquí polo o esforzo de centos de persoas, este é un premio colectivo, i é que desde hai trinta anos son centos as persoas que traballaron ou colaboraron con esta emisora, a todos eles quero dicirlles que este premio é de todos e de todas”. Afirmaba que “a información local, interesa , como interesou sempre e interesará no futuro” polo que “radio local seguirá falando do que pasa o lado da casa , na cidade ou na comarca do día a día de cada un de nós”.  Indicaba Jose Font que “a Radio Municipal de Tui, é percibida por moitos como a radio da casa, esa voz familiar que nos acompaña, coa que  rimos, falamos …e as veces… ata discutimos”.  Agradecía o apoio que, dende o seu comezo, “sempre mostrou o Concello de Tui” e daba as grazas aos cinco alcaldes que nestes 30 anos tivo Tui  cos que “a radio funcionou dun xeito autónomo e independente”.  E remataba sinalando que “este premio é merecido, merecido por todos aqueles que dedicaron o seu tempo a facer da Radio Municipal de Tui a radio que é”.

A Gala contou coa actuación da Banda de Gaitas Arume de Malvas.

Mos contará co seu primeiro Bacharelato Internacional no municipio ao implantar Los Sauces esta opción o vindeiro curso

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou o Colexio Europeo Los Sauces, onde o seu director, Alberto Álvarez Ferreira, e o coordinador do BI (Bacharelato Internacional), Albino Pombo Rodríguez, espuxéronlle o novo proxecto que porán en marcha o vindeiro curso escolar, consistente en ofertar, ademais dos itinerarios clásicos de Bacharelato, o Bacharelato Internacional; primeiro centro que ofrece esta posibilidade á rapazada interesada en cursala, xa que a opción existente no tamén mosense O Castro British School consiste no Modelo Británico. Actualmente o Colexio Los Sauces conta cun total de 700 alumnos/as.

O programa do Diploma do IB do Colexio Los Sauces céntrase na preparación do alumnado para a edcación superior e a participación activa nunha sociedade global. O tronco común do programa do Diploma baséase en tres piares básicos: esixe que os alumnos realicen unha investigación independiente, aplica a teoría do coñecemento para un enfoque coherente á aprendizaxe; e fai fincapé na creatividade, actuvidade e servizo contribuíndo a que o alumnado desenvolva a súa propia identidade, para o que se propoñen iniciativas de voluntariado nas que os mozos e mozas fagan un servizo colaborativo coa comunidade en compromiso e reciprocidade e en base e resposta a unha necesidade verdadeira.

O BI impártese en máis de 5.000 colexios nos 5 continentes e dá acceso a universidades de todo o mundo. Impártese en 3 idiomas, español, inglés e francés e inclúe a opción de estudar, como asignaturas, ata 55 linguas. O perfil do estudante de IB, segundo explican desde Los Sauces, é indagador, informado e instruído, pensador, bo comunicador, reflexivo e de mentalidade aberta. Tráballanse os contextos locais e globais, foméntase o traballo en equipo e a colaboración, e a eliminación de barreiras. A metodoloxía apóiase na mentalidade internacional e dálle gran importancia ás habilidades sociais e de autoxestión. Nel estúdanse un total de 6 asignaturas.

Aberto o prazo de inscrición para participar na III Mostra Creativa do Baixo Miño

0

O Concello da Guarda segue apostando polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión.

Ao igual que o ano pasado, a Mostra coincidirá en data coa Festa do Peixe Espada, polo que existirá unha programación de actividades conxunta e que complemente a ambos eventos. Desde o Concello queren agradecer a boa disposición para sumar esforzos de ORPAGU e establecer lazos de colaboración.

Invítase a todas as persoas deseñadoras, marcas e artesáns da nosa comarca que desexen participar a que revisen as bases publicadas no taboleiro de anuncios (https://www.aguarda.es/wp-content/uploads/2023/04/20230411_Resolucion_DECRETO-2023-0565-DECRETO-DE-ALCALDIA-DE-APROBACION-DE-BASES-III-MOSTRA-CREATIVA.pdf) cubran a ficha de inscrición (https://www.aguarda.es/wp-content/uploads/2023/04/20230411_Ficha-de-inscripcion-2023.docx ) e a envíen ao correo electrónico [email protected].

Baiona súmase ao reto da reciclaxe

0

Baiona é un dos 11 municipios galegos que participan na campaña “Recicla, únete ao reto” co obxectivo de mellorar os datos de quilos recolleitos a través do colector amarelo.

Trátase dun reto proposto pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe de envases domésticos lixeiros en España), para aumentar a achega ao colector amarelo un 10 % durante tres meses consecutivos, comparando estas achegas co mesmo período de tempo do ano anterior de cada municipio; é dicir, cada municipio compite consigo mesmo.

Os municipios que consigan mellorar a súa taxa de reciclaxe neste período, recibirán un premio de 1.500 € para investir nunha causa social, a elixir por cada municipio.

Para conseguir o obxectivo marcado, será fundamental motivar á cidadanía informando sobre a importancia de separar correctamente os envases en orixe, para a súa posterior recollida selectiva e reciclaxe, sen depositar impropios en ningún caso.

Con este fin, desde o 1 de abril ata o 30 de xuño desenvolveranse diferentes accións nos 13 municipios participantes. Xa se están a instalar uns valos publicitarios coa imaxe da campaña en puntos estratéxicos do Concello.

Irase informando da campaña en redes sociais e un equipo de 2 promotores visitará distintos puntos de Baiona co fin de tomar contacto co comercio e a hostalería, repartindo e instalando vinilos coa imaxe da campaña en escaparates, repartindo pulseiras de tea, e explicando aos cidadáns a campaña e a importancia da reciclaxe no colector amarelo para conseguir o reto.

“Con estas accións de proximidade o Concello de Baiona traballa para xerar un cambio de hábitos na cidadanía e mellorar as cifras da recollida selectiva na localidade. A campaña enmárcanse no cambio de modelo de xestión de residuos que promove o consistorio baionés para alcanzar os obxectivos europeos de recollida selectiva, tender cara ao residuo cero e avanzar cara á economía circular. Este cambio implica a participación activa de toda a cidadanía”, sinala o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.

Así pois, o obxectivo é comunicar o gran custo económico, ambiental e sobre a saúde que supón a xestión dos residuos xerados e difundir o cambio de paradigma do novo modelo: os residuos dun proceso son recursos doutro proceso.

Chega a X edición da carreira “Corre x Salceda”

O vindeiro 7 de maio a carreira popular “Corre por Salceda”, fiel á súa cita, celebrará a súa X edición consolidándose como un dos eventos máis importantes do calendario deportivo de Salceda de Caselas.

Esta proba que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, estará organizada pola concellería de Deportes e o persoal técnico das Escolas Deportivas Municipais xunto coa colaboración de numerosas persoas voluntarias, a Policia Local e a Agrupación Local de Protección Civil de Salceda de Caselas.

A carreira se desenvolverá polo trazado das rúas do casco urbán e por algunhas das sendas do concello, e constará das seguintes categorías:

  • Categoría absoluta(anos 2007 e anteriores) de 10 km e 5 km con saída conxunta as 10:30 horas
  • Categoría A(anos 2008, 2009 e 2010) de 2,5 km ás 10:35 horas
  • Resto de categorías(escolares e menores) con saída a partires das 12:00 horas

A categoría absoluta de 10 km de distancia será, como en anteriores edicións, proba puntuable(ruta) para o Circuito Galego de Carreiras Populares 2022/2023.

A entrega de premios realizarase na Praza do Concello a partir das 12:45 horas.

As persoas participantes deberán inscribirse na páxina www.championchipnorte.com ata o próximo martes 3 de maio e poden obter toda a información necesaria na páxina do concello www.deportesalceda.gal ou dirixíndose a Concellería de Deportes ou ás Escolas Deportivas Municipais.

Rubén González Coto Concelleiro de Deportes “É unha ledicia que esta proba acade á súa décima edición gozando de moi boa saúde xa que cada ano acada máis participación de corredores e corredoras de Salceda e de municipios da contorna”.

Verónica Tourón Alcaldesa “Dende o concello queremos contribuír decisivamente a que estas probas e eventos deportivos de Salceda se consoliden e nos axuden a promover un estilo de  vida no que o deporte e a sáude sexan valores fundamentais para o benestar da nosa veciñanza”.