Mércores, 11 Decembro de 2024

A Universidade Senior de Monçao coñecerá o patrimonio material e inmaterial de Covelo

A asociación cultural e deportiva Río Xabriña de Paraños organiza a recepción, este venres día 14, dun grupo de persoas da localidade portuguesa de Monçao pertencentes á aula de Patrimonio da Universidade Senior de Monçao.

Co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio artístico, gastronómico e natural así como a música tradicional galega, dende primeira hora da mañá do venres visitarán o conxunto abacial de Barcia de Mera tendo tempo para facer unha proba da boa acústica da igrexa e para iso empregarán as súas voces. A tuna da Universidade Senior e o grupo Seixos Brancos entonarán para comprobar a sonoridade desta igrexa que cada ano acolle o Ciclo de Música. Dende aí desprazaranse ao serradoiro dos Carranos e pararán, a continuación, para xantar pratos típicos como a carne ao caldeiro, “un manxar galego que non adoitan preparar no país veciño e que supón unha mostra da nosa cociña tradicional”, explica María José Gallego González, presidenta da asociación Río Xabriña de Paraños.

A asociación Río Xabriña quixo agasallar, tamén, á Universidade lusa tempo de lecer cunha pequena festa na casa cultural de Paraños amenizada polo grupo de gaitas Chorima de Vilacoba. Tamén actuará a tuna da Universidade Senior de Monçao e o grupo Seixos Brancos pertencente á asociación de Paraños. Será a partir das catro da tarde.