Venres, 23 Maio de 2025

Tui presenta o seu III Plan Municipal da Igualdade con 50 medidas e 162 actividades para unha igualdade “real e efectiva”

0

A Casa do Concello de Tui acolleu, este pasado vernes, a presentación do III Plan de Igualdade entre homes e mulleres do Concello de Tui. Aprobado por unanimidade en plano o pasado mes de decembro, recolle a folla de ruta a seguir durante catro anos para lograr unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia de xénero. Con este acto abriuse hoxe o programa de actividades previsto con motivo do Día Internacional da Muller, 8M.

A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Igualdade, Ana Núñez, e da técnica redactora do Plan, Laura Seara.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que “este é un plan desta institución” indicando que “servirá coma guía e referencia das políticas que estamos desenvolvendo e se van desenvolver”. Apuntou que o este ten que ser “un documento vivo que permita levalo á práctica”. Amosou a súa satisfacción pola implicación dos distintos colectivos sociais no proceso de redacción deste Plan. Concluíu indicando que “en igualdade queda moitísimo traballo por facer porque non todo está conseguido”.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, expuxo que o Plan presentado hoxe é “un documento para lograr unha igualdade real e efectiva” ao tempo que recoñeceu que “aínda queda moito por facer” xa que o propio Plan na súa diagnose amosa “a existencia e persistencia das desigualdades estruturais”. “As políticas de igualdade, os dereitos, as leis, os cambios perduran, e son patrimonio de todas e todos” indicaba a edil que concluía manifestando que “coa aprobación deste plan o Concello de Tui amosa un compromiso decidido e responsable, e coma sempre activo, para a igualdade. É a nosa responsabilidade dotarnos de todos os instrumentos para erradicar discriminacións e lograr unha sociedade máis xusta e máis igualitaria”.

Laura Seara, técnica redactora desta III Plan de Igualdade, destacou que este é un documento ambicioso, moi participativo e transversal que nace cun gran liderato e gran implicación.

O Plan de Igualdade recolle unha folla de ruta a seguir nos próximos catro anos. O documento comeza cunha análise pormenorizada da situación no municipio, por sectores e áreas, e cos resultados das enquisas realizadas á poboación. Na síntese sinálase a detección de “desigualdades entre mulleres e homes, fundamentalmente no ámbito sociolaboral”. As mulleres son o 51.8% da poboación tudense.

Os obxectivos do Plan de Igualdade

  • Introducir a perspectiva de xénero no funcionamento do Concello
  • Implicar a todas as concellerías e departamentos municipais no desenvolvemento de políticas, programas, estratexias e accións de igualdade.
  • Detectar e combater as fendas de xénero económicas, sociais, culturais e políticas en Tui.
  • Favorecer a participación da cidadanía na posta en marcha das políticas de igualdade en Tui.
  • Poñer en marcha os mecanismos axeitados para remover os obstáculos que manteñen as discriminacións por razón de sexo e perpetúan a desigualdade estrutural das mulleres.

O Plan desenvólvese en 8 áreas de actuación o Concello; Emprego; Conciliación da vida familiar, laboral e persoal; Inclusión con perspectiva de xénero: Saúde, Calidade de vida e deporte; Coeducación e cultura; Urbanismo, Mobilidade, Medioambiente e Seguridade; e o Combate contra a violencia de xénero. Nas mesmas recóllense en conxunto 50 medidas e 162 actividades a realizar.

As medidas contempladas aplicaranse de forma transversal en todas as áreas municipais.

Contémplase a adhesión do Concello de Tui ao sistema Viogen, a creación dunha Unidade de Apoio Local contra a Violencia de Xénero e un Protocolo de Prevención do Acoso Sexual e de Acoso por Razón de Sexo no Concello de Tui.

Tamén se prevé a creación do “Espazo en Igualdade” na web municipal. No mesmo recollerase toda a información de normativa, recursos, enlaces de interese, novas municipais, actividades, ou un espazo para reflexión con texto de escritoras e activistas relacionadas co feminismo.

A redacción do Plan contou co financiamento da Deputación de Pontevedra e cunha achega municipal.

Acto institucional

O próximo luns, 8 de marzo, ás 12 h, no edificio da praza da Inmaculada, terá lugar o acto institucional. O acto abrirase coa proxección do audiovisual Únete á R-Evolución nos coidados que rende homenaxe ás mulleres que estiveron en primeira liña durante a pandemia, e que ao tempo constitúe unha reivindicación do valor dun traballo absolutamente feminizado e invisibilizado no que urxe promover a corresponsabilidade.

A continuación seis mulleres, de distintos ámbitos, darán lectura ao manifesto O persoal é político reivindicativo da axenda femininista en distintos ámbitos. Haberá poesía coa pedagoga Teresa Domínguez, quen dará lectura a un poema da súa autoría, e música con Dafne Piñeiro e Lourdes Quintela, alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

O aforo está limitado pero poderase seguir en directo canle de Youtube, na web e nas redes sociais do Concello de Tui.

CRA ‘María Zambrano’ do Rosal, unha escola rural onde aprender é un xogo de nenos

Aprender xogando e xogar para aprender. Así de claro o teñen nas aulas do CRA María Zambrano do Rosal, un colexio rural agrupado con seis escolas unitarias para alumnado de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria no que unha forma de ensino pioneira se mestura cun trato moi personalizado e próximo tanto cos nenos e nenas como coas súas familias. Unha andadura conxunta durante os primeiros anos de vida dos cativos e cativas no que un completo equipo de docentes e expertos que os acompaña no seu crecemento educativo e persoal.

Novas Tecnoloxías

Para iso optan por escapar de métodos clásicos e traballar por proxectos con grupos reducidos que permitan atender á diversidade de todo o alumnado e cunha educación en valores na que as novas tecnoloxías tamén teñen cabida. A robótica, a mesa de luz, as pizarras dixitais… conviven tamén con metodoloxías manipulativas e cun coñecemento e agarimoso coidado da contorna con iniciativas como a horta escolar ou o recuncho de compostaxe. Todo con amplas zonas de lecer rodeadas de natureza no que os nenos e nenas poden aprender investigando, explorando e creando.

Incubando ovos

Un proxecto educativo integral no que os nenos e nenas son o máis importante e que conta cun ademais de cos mestres e mestras cun equipo de Orientación coa especialidade de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe. Cunha xornada lectiva de 09.00 a 14.00 horas, o vindeiro curso o CRA completará a súa oferta educativa cos servizos de aula madruga con almorzos saudables, variados e actividades educativas dende as 08.00 h ata o comezo das clases; biblioteca escolar, aberta a todas as familias e á comunidade escolar; comedor e actividades extraescolares organizadas pola ANPA do centro.

As aulas das escolas en Couso, Fornelos, Marzán, Novas, Paradelas e Pías contan nestes intres con 8 unidades de educación infantil e 3 de primaria e xa teñen aberto o seu proceso de admisión de novo alumnado para o curso 2021-22. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude de praza ata o vindeiro 22 de marzo e teñen á súa disposición toda a información necesaria na web do propio CRA.

Se che gusta o seu proxecto, non o dubides… escolarízate no rural!

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona presenta a segunda edición da ‘Primavera Lila’

0

O salón de actos do CPI Cova Terreña acolleu o acto de presentación da Primavera Lila, a programación deseñada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller.

En 2021, a área de igualdade de Baiona poñerá o foco de atención do 8M e da loita contra a violencia machista na forza das palabras a través do proxecto da artistas baionesa Irene Silva Xiráldez ‘A túa Palabra Conta’. Baixo o nome ‘Estelas da Palabra’ Silva realizará unha instalación artística cuxo obxectivo é incorporar no espazo público áreas de encontro; dotándolle a palabra unha voz visual que suscite respostas e reflexión sobre a linguaxe inclusiva.

Tamén se creará o ‘Muro da Palabra’, unha creación colectiva de etiquetas e palabras artísticas dirixido ao alumnado que cursa 1ºda ESO dos centros educativos municipais de Cova Terreña e do Primeiro de Marzo que ten como obxectivo: Aprender, sensibilizar e practicar a linguaxe inclusiva usando a palabra como elemento artístico na construción de símbolos para a igualdade; será a guía para traballar as emocións, a empatía, a confianza e o respecto; promover o valor da participación colectiva para acadar obxectivos sociais.

Entre os meses de marzo e xuño a artista coordinará e dirixirá diferentes talleres artísticos en cada uns destes centros escolares municipais para que alumnado elabore o material que dotará de contido o ‘Muro da Palabra’. O proxecto materializarase nas rúas da vila no mes de xuño.

Co 8 de marzo como escenario, a concelleira de igualdade, Yasmina Moreira Costas, lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “ a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinala Moreira Costas.

Por iso, ademais deste interesante proxecto dentro dá programación “ Primavera Lila”, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.

Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.

Tralo éxito da organización do primeiro autocine no Val Miñor por parte da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona o pasado mes de novembro, este departamento volve apostar por esta actividade ante a gran acollida que tivo entre a poboación pero nesta ocasión estará enfocada para os máis pequenos e pequenas da casa e ás súas familias.

Chan da Lagoa volverá converterse en sala de cinema por un día para 100 vehículos o vindeiro sábado 13 de marzo.”A rebelión dos contos” está baseada nas historias clásicas de Roal Dahl, as que todos coñecemos , pero cun xiro de 180º a súas personaxes: Que pasaría se Cincenta e Carapuchiña vermella se fixesen amigas ? e se o narrador , fora o lobo feroz? Unha reinvención con humor e espírito transgresor dos contos clásicos de sempre. A película recupera personaxes e relatos clásicos da literatura infantil tan coñecidos como “Carapuchiña Vermella” ou “Xan e as fabas máximas” para darlles a volta.

Co visionado desta película preténdese promover a ruptura de roles e estereotipos de xénero e promover a sensibilización e a concienciación social dos nenos e nenas sobre o significado da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Así, o 8 de marzo e 16 de marzo, o alumnado dos centros educativos municipais que cursa 1 e 2º curso da etapa de educación primaria (no CEIP de Belesar, no CEIP de Fontes, co CEP de Sabarís e no CPI Cova Terreña), gozarán do Contacontos Teatral “ Familias Diversas”. Unha peza teatral que fomentará a reflexión entre a poboación máis nova sobre a necesidade de promover unha sociedade igualitaria e diversa, promoverá a ruptura de roles e estereotipos de xénero e fomentará valores de respecto e tolerancia entre os máis de cen alumnos e alumnas de Baiona.

O día 25 de marzo os Obradoiros “Os amores non matan” o alumnado que cursa 3º curso da ESO do CPI Cova Terreña poderá gozar desta actividade que ten por obxectivo previr a violencia de xénero, previr e sensibilizar sobre os riscos emocionais e corporais que encerran as relacións tóxicas entre persoas mozas. Así como recoñecer e auto regular as relacións de parella tóxicas, coñecer as causas da violencia de xénero, e identificar a mesma.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, na sua intervención, aseugou ter claro que “o que non se nomea, non existe e non se combate, por iso programacións como a que hoxe se presenta aquí na ‘Primavera Lila’ son tan impornatantes”. Gómez descacó que se trata dunha programación “que destaca pola diversidade de actividades que a compoñen. Un programación que pretende chegar a toda a cidadanía e na que é importante que colaboremos todos os axentes sociais e institucións. Porque nesta loita contra a lacra da violencia machista todas e todos temos que implicarnos activamente”.

E finalizaou diciendo que Baiona “aposta firmemente por avanzar nos valores da igualdade de xénero desde a administración, como exemplo a seguir polo resto da cidadanía na construción dunha sociedade de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Entre todos contruímos unha Baiona mais igualitaria. Queremos unha Baiona libre de violencia machista.”.

O Concello de Tomiño continúa o labor de recuperación ambiental da ribeira do Miño

0

O Concello de Tomiño continúa coa posta en marcha do programa de recuperación e posta en valor da ribeira do Miño. Na actualidade desenvólvense intervencións nas parcelas de xestión municipal situadas a ambos lados da Ponte da Amizade, en Goián, enmarcadas dentro do Proxecto bianual de accións para a mellora do estado de conservación do bosque de ribeira nos entornos da Atalaia e da illa Morraceira na Zona de Especial Conservación (ZEC) Baixo Miño, dentro da Rede Natura 2000.

A parcela situada na parte norte da ponte, xunto á vía de acceso, atopábase moi degradada debido aos sucesivos depósitos de residuos vexetais realizados nela, o seu uso como cargadeiro de madeira e os movementos de terra sufridos debido á construción da Ponte da Amizade. Para evitar estes usos, inapropiados nun espazo natural protexido que se pretende recuperar e situado nas inmediacións dun xacemento arqueolóxico (a Atalaia), procedeuse á instalación dun valado de madeira, que irá acompañado da plantación de árbores de ribeira e veiga.

Por outra banda, na parcela sur leváronse a cabo no pasado accións de eliminación de novas plantas de eucalipto e outras plantas exóticas como a acacia. Tamén se plantaron varias especies características da carballeira presentes en Tomiño, habilitando un roteiro botánico interpretativo cun panel de 15 placas identificativas para as respectivas especies mais outras dez nun percorrido polo bosque da ribeira.

Ata o de agora no marco do proxecto controlouse a proliferación de especies exóticas invasoras en distintas áreas da ZEC Baixo Miño como a Illa Morraceira, aínda que debido a ecoloxía e demografía destas plantas é preciso un labor de seguimento e monitorización para evitar que a reaparición poida botar por terra o traballo realizado.

O proxecto conta cun investimento de 24.197,40 euros, está cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e a súa finalización está prevista nos próximos meses.

Os propietarios forestais da provincia de Pontevedra ingresan 25,9 millóns de euros por vendas de madeira no 2020

O monte en Galicia demóstrase unha vez máis como un sector resiliente ás cíclicas crises. Na provincia de Pontevedra, os propietarios forestais ingresaron no 2020 arredor de 25,9 millóns de euros polas vendas de madeira, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia, en base ós datos de cortas da Consellería do Medio Rural.

O distrito forestal de Caldas-Salnés é o que aglutina na provincia unha maior facturación para os propietarios por venda de madeira, con 9,4 millóns de euros. É o distrito que lidera tamén os ingresos por cortas de eucalipto, con 7,5 millóns de euros.

O segundo distrito en importancia forestal é o de Deza-Tabeirós, con 7 millóns de euros de ingresos para os propietarios no 2020 por vendas de madeira. É ademais o primeiro distrito en importancia por facturación derivada dos piñeiros, con 3,8 millóns de euros.

Pódense ver os datos detallados na seguinte táboa:

Fóra dos primeiros meses de confinamento, que ralentizaron a actividade de toda a cadea da madeira, comunidades de montes e propietarios particulares mantiveron no 2020 a xestión do monte dun xeito similar a outros exercicios, continuando cos traballos silvícolas, accións de prevención de lumes, plantacións e cortas habituais.

A nivel de toda a comunidade, en cortas, destacaron como é habitual o eucalipto (58 % das cortas) e os piñeiros (39 % das cortas). En canto ás frondosas caducifolias, supuxeron menos dun 3 % das cortas comerciais de Galicia, polo que non é posible precisar datos fiables da facturación que xeraron, pois ademais, presentan diversidade de especies e calidades. O principal aproveitamento das frondosas continúan a ser as leñas domésticas.

Máis alá do seu escaso valor comercial, comunidades de montes e propietarios particulares son parte protagonista da conservación das más de 400.000 hectáreas de frondosas caducifolias en Galicia, contribuíndo así á conservación da biodiversidade e ós usos sociais destas masas.

Teresa Ríos Noya, «Non estamos preparados para medrar»

Que a poesía de base é unha marmita na que se van aliñando os nomes que mañá serán referente da nosa escrita, é algo que moi poucos poñen en dúbida a estas alturas da vida. E o caso que nos ocupa vén ser un exemplo máis de tal afirmación. Teresa Ríos deuse a coñecer ao abeiro do grupo poético e literario Versos de Areas, xurdido en Ponteareas un par de anos atrás, e curtíu o seu estilo en recitais e andainas colectivas abeirada a esa agrupación e á magnífica iniciativa que é a Nova Poesía Guitirica que, xa fai tempo, espallou a súa área de influenza alén dos límites da Terra Cha. Gañou algúns certames e participou en algunhas obras colectivas e agora, por fin, toma a decisión de dar o paso definitivo e publicar o seu primeiro poemario individual.

«Non estamos preparados para medrar» é a súa presentación pública. E todos sabemos o que ten de desgarro íntimo o primeiro libro de calquera autor ou autora, de exposición ao mundo do seu pensamento máis profundo e das inquedanzas de cadaquén. Neste caso esa idea configúrase en torno a un eu poético que resulta doado identificar coa propia Teresa, que exhibe as súas inseguridades fronte a un mundo que funciona dun xeito que non acaba de comprender, algo polo que, antes ou despois, pasamos todos. Dende unha perspectiva que ten algo de contemplativa pero que, no fondo, agocha un tinte contestatario, a autora rememora a quietude e pracidez da infancia enfrontándoa ás inseguridades dun presente que racha coas ensoñacións e as visións idealizadas do futuro que tivemos de nenos. Porque, no fondo, as súas palabras, aínda que falen dun eu poético moi persoal, engloban ao común da sociedade polo que, a pesar da súa aparente carga intimista, case podemos chegar a falar de poesía social. Que tire a primeira pedra aquel que non se sentiu defraudado polo presente que lle tocou vivir. E que conste que non estamos a falar de nostalxia, senón de aprendizaxe.

Eis o espiñazo do poemario. Ademais dese retorno á pracidez da infancia, chaman a atención as reiteradas referencias a elementos propios da natureza, do entorno rural no que a autora desenvolve a súa vida diaria. Así, a lúa convértese nunha confidente á que acudir nos momentos de incerteza, os paxaros –en ampla variedade– aloumiñan coa súa presenza as súas –nosas– ansias de voar, e os soños toman forma de follas de árbores ou de regatos nos que contemplar o transcorrer da vida. E, nese sentido, empúrranos a concibir a poesía e máis a propia natureza como elementos analxésicos cos que sanear as feridas da alma; unha especie de ferramentas liberadoras ás que aferrarnos para vivir e manter a nosa cordura nun mundo inestable e antolladizo.

Todo é moi diáfano, pois Teresa emprega unha linguaxe sinxela e directa, non por iso exenta de figuras literarias de gran variedade. A claridade expositiva é un dos grandes valores deste poemario que nos presenta unha voz desgarrada na dor, contristada na visión do mundo, potente no berro, latexante no contacto e sempre acariñadora para o lector, ao que é quen de envolver nos seus brazos coma unha nai protectora. E, sobre todo, unha voz esperanzadora para o futuro da nosa poesía.

Teresa Ríos Noya

Non estamos preparados para medrar

Urutau

Ponteareas pon en marcha a peonalización do Baratillo e ábrese ao tráfico San Roque como rúa residencial

A Concellaría de Mobilidade que dirixe Roberto Mera informou este sábado da entrada en funcionamento da peonalización da rúa do Baratillo e da apertura ao tráfico da rúa San Roque. Estas actuacións complétanse coa rúa Cortiña Vella á que só poden acceder residentes e autorizados desta rúa e de San Roque.

Con esta reordenación da mobilidade nesta zona o tráfico de paso procedente da rúa Braña que discorre pola parte posterior da Praza de Abastos e pola Biblioteca e Museo Municipal deberá continuar pola rúa Perillana e saír á Avenida de Castelao. O primeiro tramo da rúa do Baratillo, dende a Biblioteca até a fonte, convértese nunha rúa sen saída destinada dende hoxe a acceso a garaxes e á única actividade comercial existente no lugar. A partires da fonte non se poderá circular agás vehículos autorizados.

A Concellaría de Mobilidade explica que a subida do Baratillo só poderá ser utilizada polas persoas usuarias do garaxe existente na zona intermedia da costa. Os días de feiras e mercados, mentres se manteñan postos ao redor do auditorio, tamén poderán subir pola costa do Baratillo os vehículos autorizados a entrar na zona peonil de Esperanza e República Arxentina e os residentes de Ferreiros e garaxes da Calexa. Os sábados pola tarde e domingos, coa peonalización do centro urbano, os vehículos autorizados poderán acceder a todas esas rúas por Braña e Fernández Vega, rodeando o auditorio.

Por outra banda, a rúa San Roque abríuse á circulación de vehículos tralo remate da súa humanización. Este vial, que une a rúa Ferreiros con Avenida de Castelao, é agora unha rúa residencial, de preferencia peonil e cunha parte en plataforma única pola que os vehículos deben circular a 10 km/h e respectando a preferencia dos peóns.

Roberto Mera lembrou que estas actuacións están dirixidas a reducir sustancialmente o tráfico no centro da vila, limitando a circulación de vehículos a aqueles que realmente o precisan por razóns xustificadas. Mera explicou que “o Concello está comprometido cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel promovidos pola ONU para reducir as emisións de CO2, o ruido e a inseguridade viaria, recuperando os espazos para as persoas, promovendo os desprazamentos a pé e facendo do entorno urbano un lugar habitábel e un espazo para a convivencia e a relación social”.

José Luis Álvarez, presidente do MRCYB, “O Monte Real está máis vivo que nunca”

0

A piques de cumprirse un ano da declaración do estado de alarma derivado do coronavirus, o presidente do Monte Real Club de Iates de Baiona, José Luis Álvarez, fai balance do que significaron para o club estes últimos meses de confinamentos e restricións; e das actuacións que lles permitiron ser unha excepción nun panorama desolador.

A organización das SUPER SERIES acaba de anunciar a suspensión da Baiona Sailing Week, que o próximo mes de xuño ía traer a Galicia a estes ‘fórmula 1 do mar’. Sería un golpe moi duro para o club…
Foi, sen dúbida, todo un trompazo, xa que estabamos moi ilusionados coa chegada das SUPER SERIES a Galicia, pero entendemos perfectamente a decisión da organización e alegrámonos de que conten connosco para 2022. Agora mesmo a situación derivada do COVID19 non lles daba a seguridade que necesitaban e preferiron minimizar os riscos reducindo as viaxes e suspendendo as regatas máis próximas no tempo. Desde o club o único que esperamos que o ano que vén a situación estea moito mellor e podamos ver a estes fóra de serie en Galicia, nun ano que ademais seguirá sendo Xacobeo, polo que será sen dúbida un bo ano para recibilos como merecen.

O certo é que a crise do COVID19 xerou numerosas perdas na actividade económica de numerosos sectores (o sector náutico non foi unha excepción) e non se sabe moi ben aínda como será o impacto a curto e medio prazo. Como afectou esta situación ao Monte Real Club de Iates?
No Monte Real temos a sorte de que a gran maioría das prazas están ocupadas por socios do club, polo que logramos que os pantaláns se manteñan cheos durante todo o ano. Pero si que notamos un enorme descenso no número de tránsitos, debido ás restricións de mobilidade. A caída de cifras foi tremenda, pero claro, é que non podían traspasar fronteiras. Houbo repercusión, sen dúbida, pero moita menos que a que posiblemente sufriron outros clubs que tiveron, ademais, moitas baixas de socios.

No Monte Real non sufriron esas baixas?
O certo é que non. Todos os anos hai algunha, por diferentes motivos, pero as poucas baixas que houbo nestes meses de pandemia cubríronse coa entrada novos socios e seguimos co mesmo número que antes. É máis, segue habendo xente en lista de espera para entrar no club, porque non se aceptan todas as solicitudes. Queremos manter un número estable, ao redor dos 700 socios, que garanta a comodidade das instalacións, e é por iso polo que non crecemos de maneira exponencial, non porque non haxa demanda, que a hai.

Como viviu o socio do club estes meses de restricións e prohibicións?
A verdade é que o club estivo máis vivo que nunca. Nos momentos nos que nos deixaron, iso si. Nos meses de restricións máis estritas tivemos que cancelar actos sociais, pechar o restaurante, paralizar as regatas e a escola… pero cando no verán permitíronnos abrir, aínda que con restricións, tivemos unha afluencia de socios, alumnos e regatistas que non viamos en anos.

A que cren que foi debida esa inesperada afluencia de xente durante o verán?
Ao principio pillounos un pouco por sorpresa, porque non o esperabamos, pero logo entendemos o que pasaba: o club converteuse nun lugar seguro no que poder pasar un tempo de lecer sen preocuparse do coronavirus. Os socios entenderon todas as medidas de control postas en marcha, algunhas mesmo que non esixían as autoridades, e sentíronse cómodos e seguros con elas.

Que outras medidas a maiores puxeron en marcha para esquivar o COVID?
Sempre tentamos ir un paso máis aló do que nos pedían as autoridades. Cumpríronse a estritamente todas as esixencias de peches, aforos, limpeza, control… e ademais compramos máquinas de ozono e termómetros para controlar a temperatura nos accesos, repartimos máscaras, e chegamos mesmo a contratar persoal externo para garantir que todos cumprisen as normas. Foron meses de moito control e restricións que fixeron todo un pouco máis incómodo e xeraron algunhas queixas, pero que ao mesmo tempo, crearon como unha burbulla, un ambiente de seguridade no club que non había fora. E ese foi o motivo polo que cremos tivemos máis afluencia que nunca, e sen que se producisen, que saibamos, casos de COVID, que era o que realmente nos importaba.

Foto © Rosana Calvo

“Foron meses de moito control e restricións que fixeron todo un pouco máis incómodo e xeraron algunhas queixas, pero que ao mesmo tempo, crearon como unha burbulla, un ambiente de seguridade no club que non había fora”

Un dos aspectos que máis afectou os clubs náuticos españois, moi ligados ao turismo, foi unha gran caída no número de visitantes, algo que repercutiu directamente nos seus ingresos directos. Notárono tamén en Baiona?
No Monte Real temos a sorte de que a gran maioría das nosas prazas están ocupadas por socios do club, polo que logramos que os pantaláns se manteñan cheos, pero no resto de prazas si que notamos un descenso. De feito, a caída no número de tránsitos, sobre todo internacionais, foi drástica, nisto non conseguimos ser excepción, pero claro, é que ninguén podía ser excepción porque as fronteiras estaban pechadas, era imposible. A verdade é que son momentos difíciles, pero cremos que en canto podamos volver á normalidade, o Monte Real, Baiona, Galicia e España en xeral teñen potencial máis que suficiente para recuperar as boas cifras do turismo pre- COVID.

Perdéronse turistas e suspendéronse regatas, moitas regatas, mesmo cando estaba permitida a súa celebración. Foi unha decisión acertada?
É difícil xeneralizar e cada club terá que facer balance das súas decisións en base aos motivos que lles levaron a tomalas. Algúns suspenderían pensando que non terían regatistas, outros por medo a que se producisen contagios, e outros simplemente por comodidade. No noso caso chegouse a valorar tamén o paralizar toda a actividade deportiva, pero finalmente optamos por seguir impulsando a vela. Sabiamos que a decisión nos ía a esixir moito, como así foi, pero decidimos seguir adiante. E o resultado foi perfecto. Celebramos practicamente todas as nosas competicións, incluídas as de maior afluencia como o Conde de Gondomar e o Príncipe de Asturias, e fixémolo sen que se producisen contagios. Foi unha aposta pola vela e saíunos ben. Con moito esforzo, iso si.

O ano pasado, en plena pandemia, anunciaban a celebración das Super Series, que terán que esperar ao 2022, e a outra gran noticia que o club nos deixou nos meses de COVID foi a súa elección como sede para o Mundial de J80 de 2023, algo que levaban anos perseguindo. Supón este logro o culmen da súa aposta por estes monotipos?
Non sabería dicir se é o culmen ou non, pero desde logo o que nos concederan a celebración do mundial dunha clase pola que levamos anos apostando é un fito importantísimo. Un dos puntos do noso programa era, e segue sendo, a internacionalización do Monte Real, e nesas estamos. Traer estas dúas competicións de altísimo nivel a Galicia son resultado de meses e meses de traballo, e a verdade é que estamos moi contentos.

Un dos proxectos que teñen previsto poñer en marcha este ano é o de VELA EN FEMININO, destinado a impulsar a figura da muller no mundo da vela. Cóntenos algo máis desta proposta.
Trátase de dar un paso máis na nosa aposta pola muller no mundo da vela, porque aínda son moi poucas as mulleres que navegan hoxe en día. Hai 25 anos puxemos en marcha non se se a primeira, pero si una das primeiras competicións exclusivamente femininas de España, a Ladies Cup, e agora o que pretendemos é poñer en marcha novas liñas de actuación co mesmo obxectivo, que non é outro que lograr que a muller teña máis presenza no mundo náutico. Deseñamos unha serie de propostas de formación, de competición e tamén de carácter social, con mulleres vítimas de violencia de xénero; e estamos a tratar de atopar un patrocinador que comparta nosa mesma visión e queira impulsar esta iniciativa.

A muller será, entón, protagonista do futuro do club… que outros proxectos teñen en mente para os próximos anos?
A verdade é que temos moitos proxectos sobre a mesa aínda que non todos se poden contar porque algúns están en negociacións aínda ou non están pechados ao completo. Do que se pode contar, a formación será sen dúbida una das nosas apostas. Conseguimos converternos en training center da Royal Yachting Association e nuns meses seremos o primeiro club de Galicia e todo o Cantábrico español en ofrecer os seus prestixiosos cursos, que son os máis importantes no sector náutico a nivel mundial. Tamén empezaremos a ofrecer os cursos para conseguir o PNB, o PER e as titulacións de patrón e capitán de iates; e no referido a infraestruturas, imos mellorar as instalacións do club, poñendo fingers a todas as nosas prazas, que era unha demanda de moitos dos nosos visitantes, sobre todo os internacionais. Hai tamén un importante avance que se está xestando e que esperamos poder anunciar nunhas semanas, pero de momento toca esperar.

Digna Rivas, “homenaxeamos ás mulleres que foron quen de conquistar o dereito a ser elas sen necesidade de pedir o permiso deles”

0

“A exposición ‘Conquistadoras’ quere amosar nas rúas de Redondela a historia do esforzo de moitas mulleres que, dende o seus ámbitos de vida persoais e profesionais, foron quen de ‘conquistar’ o dereito a ser elas sen necesidade de pedir o permiso deles”, afirmou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, na apertura oficial da exposición que quedará instalada durante todo o mes de marzo na Alameda Castelao.

Na apertura desta mostra –na que a alcaldesa estivo acompañada por algunhas das protagonistas da mesma, como era o caso de Carmen Avendaño, e das familias doutras redondelás que, ou ben por falecemento ou por outras circunstancias, non podían estar presentes– Rivas lembrou que ‘Conquistadoras’ refírese precisamente “ás conquistas que moitas mulleres galegas conseguiron para todas nós. O seu esforzo permitiu abrir camiños antes pechados ás mulleres. Por esta razón, pareceunos acaído que o título da exposición fose tomado da canción “MAtriarcas”, de Guadi Galego. Nós conquistadoras, brillantes activistas da vida cotiá“.

Dende o comezo do acto inaugural, a artista Alba Fernández Troiteiro, comezaba a pintar un mural representativo da xornada na que, segundo as propias palabras da autora “quería representar mulleres sen rostro, como representación de todas, e coas súas trenzas unidas como mostra de unión e fortaleza”.

Rivas, logo de agradecer “o enorme traballo que realizaran os técnicos de Cultura e Normalización Lingüística na organización desta mostra”, lembrou que cada un dos paneis “cada rostro e cada nome, representa un caso de éxito profesional, solidariedade, cultura ou loita pola xustiza que exemplifican a importancia da participación da muller”. Durante séculos considerouse que a muller non podía acadar os mesmos éxitos ca os homes, ou que simplemente non tiña capacidade dabondo para igualalos “todos estes prexuízos, que tristemente aínda se manteñen na sociedade contemporánea, foron pouco a pouco desterrados co exemplo destas mulleres que hoxe protagonizan ‘Conquistadoras’”.

A intención da exposición é, polo tanto, achegar á veciñanza de Redondela un anaco da historia de galicia e sobre todo “destas mulleres capaces de sobrepoñerse a todo tipo de adversidades para demostrar o que non debera precisar de xustificiación: calquera muller pode realizar os mesmo traballos ca un home”.

[su_image_carousel source=”media: 31814,31815,31816,31817,31819,31828,31824,31820,31821,31822,31823,31825,31827,31829,31830,31831″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Nun percorrido por ‘Conquistadoras’ atopámonos con rostros e semblanzas biográficas de María Pita ou de María Castaña, dúas mulleres que na época medieval enfrontáronse con armas na man aos abusos do invasor inglés e da igrexa, respectivamente. “Elas lideraron revoltas sociais marcando un camiño, exercendo un liderado nun tempo en que a muller só era recoñecida coma “ama de casa”. Non foi así. A muller traballou na casa e fóra da casa, axudou e colaborou en múltiples loitas, coma calquera persoa sexa do sexo que sexa”, aclarou Digna Rivas.

Por outra parte, nesta visita de rostros femininos, veciñas e veciños atoparán nomes de mulleres capaces de ser símbolos da cultura, coma Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán; mulleres que abriron o camiño para o acceso á universidade, coma Olimpia Valencia; mulleres conectadas co máis selecto da cultura mundial do seu tempo, coma Maruxa Mallo; pintoras, pianistas, xornalistas… De feito Galicia é berce de mulleres pioneiras en distintos eidos e moitas delas sendo as primeiras de todo o Estado español en chegar a ocupar eses postos, “como sucede con María Luz Morales, a primeira muller en ser directora dun periódico de grande alcance (La Vanguardia); ou Irene González, quen foi a primeira porteira de fútbol nun equipo de homes”.

A resposta a esta loita das mulleres foi en moitos casos “o machismo e a persecución. Non debemos esquecer, porque é a mellor maneira de sabelo valorar, que moitas destas mulleres foron vítimas de represión” subliñou a alcaldesa de Redondela ao que engadiu que “por iso quixemos incluír mulleres que colaboraron na loita democrática contra o franquismo, coma María Araújo, ou na resistencia contra os nazis, coma Placeres Castellanos. Mulleres coma Pepa Noia, cofundadora da Madres de la Plaza de Mayo, que tanto fixeron por esclarecer a verdade da ditadura en Arxentina, ou a editora María Miramontes na importantísima editorial Nós, quen se exiliou en América tras o asasinato do seu compañeiro Ánxel Casal. Houbo mulleres de orixe galega que saíron ao exilio e alí atoparon o seu camiño. Un caso único foi María Casares, unha das actrices centrais do teatro francés no século XX”, apuntou Digna Rivas.

Nesa loita, lembrou a rexedora local, “as mulleres de Redondela tamén estiveron presentes por iso nesta mostra hai rostros de veciñas nosas como Paulina Sánchez, Ernestina Otero, Rita Regojo, Rita Otero… e tamén mulleres dos nosos días que triunfan nos seus ámbitos, coma Cristina Codesido (xerente dos vermús Petroni, que etiquetan todo en lingua galega acadando unha proxección internacional), a atleta Ana Peleteiro, que vén de gañar o campionato de España ou a directora de cine, natural de Cesantes, Diana Toucedo ”.

Trala intervención da alcaldesa, tomaron a palabra familiares dalgunas das protagonitas de ‘Conquistadoras’, así, Pedro Regojo facía unha semblanza da súa nai, Rita Otero de igual forma que Rita Márquez, falaba sa súa nai Rita Regojo, irmá de Pedro. Pola súa banda, Marita Sánchez recordaba a súa tía Paulina Sánchez e Faustino Castro, da Fundación Filomena Otero, salientaba o traballo que a favor das persoas máis necesitadas tiña realizado a muller que daba nome á fundación.

Finalmente, Carmen Avendaño, protagonista tamén desta mostra, falaba do seu traballo, duro traballo, na loita contra as drogodependencias e da inserción laboral e social das persoas ás que a Asociación Érguete, axuda a reconstruír a súa vida.

‘Conquistadoras’ permanecerá durante todo este mes de marzo na Alameda Castelao de Redondela para, xa no mes de abril quedar instalada no paseo marítimo de Chapela e en maio, quedar exposta en Cesantes. A partir de aí e con carácter itinerante, percorrerá todas e cada unha das parroquias de Redondela, ademais dos centros escolares.

Cúmprese deste xeito, un dos obxectivo que ten a Concellería de Igualdade que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, que non é outro que “a loita pola igualdade, non quede cinguida a un so día, senón que sexa unha acción continuada ao longo de todo o ano porque é o único xeito de acadar unha sociedade xusta, igualitaria e decente”.

Gonzalo Caballero, “Feijóo non pode estar de brazos caídos coa autoestrada do Val Miñor mentres o Goberno de España bonifica a AP-9”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe ao presidente da Xunta que siga o camiño do goberno de España e levante a peaxe da autoestrada autonómica AG-57 entre Puxeiros e o Val Miñor. O responsable socialista desprazouse ata o Val Miñor, onde mantivo unha xuntanza cos alcaldes socialistas de Gondomar, Francisco Ferreira; Baiona, Carlos Gómez; e Nigrán, Juan González.

O líder do PSdeG sinalou que Feijóo “non pode estar de brazos caídos sen facer nada polo Val Miñor” no mesmo ano no que o goberno de España vai destinar 63 millóns de euros para bonificar as peaxes da AP-9. O responsable socialista respaldou esta “demanda histórica dos veciños e veciñas que queren poder desprazarse entre Gondomar, Baiona e Nigrán ata Puxeiros en igualdade de condicións que outras partes de Galicia”.

Ademais, Gonzalo Caballero criticou que “mentres o goberno de España vai bonificar a AP-9 ata 2048”, o PP ten previsto manter o pago polo uso da autoestrada no Val Miñor ata 2045. Reclamoulle á Xunta que “tome medidas, poña fondos e en seis meses leve ao Parlamento un plan de traballo con financiamento para levantar estas peaxes abusivas” e recuperar a comarca do “esquecemento da Xunta, que se olvida e despreza aos veciños que usan a AG-57”.

Visión dos alcaldes

Así o dixo nun encontro cos alcaldes socialistas do Baixo Miño no que participou o rexedor de Baiona, Carlos Gómez, quen reivindicou esta medida para “facerlle a vida máis fácil e cómoda” aos veciños das tres localidades e da forte demanda turística no verán.

Pola súa banda, a alcalde de Nigrán, Juan González, ratificou o “fundamental” desta medida para a vida duns veciños que poden viaxar dende Madrid a Vigo case sen pagar un quilómetro ata que chegan ao Val Miñor.

O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, considerou “intolerable” que a comarca teña que asumir “prezos desmesurados mentres pagamos o impacto paisaxístico dunha mole de cemento que fende os concellos á metade”.

Avance para a variante de Ponteareas

En paralelo, Gonzalo Caballero rematou poñendo en valor o compromiso do goberno de España coas infraestruturas de Ponteareas e da comarca do Condado.

Así o dixo logo de coñecer hoxe mesmo a posta en marcha da tramitación da circunvalación de Ponteareas para conectar a N-120 coa autovía A-52 cun investimento estimado de sete millóns de euros. Sinalou esta actuación logo de anos nos que o PP “non fixera nada importante” por estas infraestruturas.

Semana Santa

O líder dos socialistas galegos emprazou ao presidente da Xunta a “colaborar co goberno de España, non xerar confusión, olvidarse da estratexia de salvar a Semana Santa e permitir certa actividade pero protexendo a saúde e o nivel de contaxios” pola covid.

Gonzalo Caballero lembrou que a estratexia de “Salvar o Nadal” acuñada por Feijóo “fracasou” e provocou un elevado nivel de contaxios en xaneiro e febreiro, polo que emprazou a non repetir os mesmos erros de cara á próxima festividade da Semana Santa.

Así, chamou á Xunta a que traballe “con lealdade” co goberno de España para “protexer á xente e evitar a cuarta onda da covid”.

Sinalou que “semella axeitado” manter o peche perimetral ata a Semana Santa fronte á “semiestratexia” de “Salvar a Semana Santa”, que pode poñer en cuestión a recuperación na loita contra o virus.

O Pazo Provincial acolle a edición máis potente de “As mulleres que opinan son perigosas”

A presidenta da Deputación Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, xunto ás xornalistas Diana López e Susana Pedreira impulsoras do encontro, deron onte á tarde o pistoletazo de saída á IV edición de As mulleres que opinan son perigosas. Nun salón de Plenos, iluminado en lila e decorado con ferramentas vintage do mundo do xornalismo escrito, radiofónico e fotográfico, arrancou a edición “máis potente” de todas as organizadas, que como ano pasado faise en liña debido ás restricións da pandemia. Foron dúas xornadas, sete horas de debate, máis de duascentas inscritas, doce relatorios, dúas intérpretes de signos e dezaseis mulleres do mundo do xornalismo local, nacional e internacional, que debaterán sobre o tecnoestrés, os podcasts, a prensa local, o fotoxornalismo, a opinión, a perspectiva de xénero, as noticias da ciencia, a información económica, a comedia e as mulleres nas direccións dos xornais, nos países musulmáns e como correspondentes.

Premer para ampliar

“As mulleres que opinan son perigosas é xa unha referencia a nivel estatal” asegurou Carmela Silva na inauguración desta cita que atrae cada ano a “mulleres potentísimas para transmitir as súas opinións, visións e propostas; mulleres empoderadas que reclaman un espazo igualitario, cunha voz lila que di que non imos parar ata que non teñamos todos os dereitos que nos correspondan”. Neste eido, a presidenta provincial subliñou que “é hora de que a axenda feminista estea no centro de todas as actuacións políticas, non pode seguir aparcada, precisamos que se tomen xa decisións e poñer no centro de todo a necesidade dun cambio de paradigma de sociedade para construír outro mundo, porque este no que vivimos non nos interesa xa que nos exclúe e discrimina”. Ao respecto Silva recordou a importancia dos coidados, “o centro da vida”, que “teñen nome de muller e iso é un peso insoportable, que durante a pandemia xerou un estrés moi grande. Por iso esiximos corresponsabilidade, que sexa unha realidade e se tomen medidas xa”.

Pola súa banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a importancia do encontro, “unha das mellores xornadas que temos a nivel estatal para reflexionar sobre novas formas de facer xornalismo nunha sociedade máis avanzada e xusta” e polo que “pasaron e pasarán grandes mulleres do xornalismo”. Lores, que recordou datos da desigualdade entre homes e mulleres nas condicións laborais e fenda salarial, convidou a “todas as persoas e sobre todo aos homes que se dedican ao xornalismo a que escoiten ás súas compañeiras, que aprendan das súas experiencias porque as súas voces son imprescindibles se queremos avanzar”. O alcalde rematou destacando que “precisamos máis que nunca ao feminismo para cambiar o mundo, que debemos facer entre todas e todos, homes e mulleres”.

Trala apertura do encontro, Mar Cabra, xornalista de investigación e premio Pulitzer 2017 polos papeis de Panamá, ofreceu a conferencia titulada Do Pulitzer polos papeis de Panamá ao tecnoestrés xornalístico. A continuación, Mª Jesús Espinosa de los Monteros, xornalista, directora de ‘Podium Podcast’ e ‘Podium Studios’ e con tres premios Ondas recibidos en 2012, 2016 e 2021, afondou no Podcast, unha nova forma de contar historias. Despois chegou a quenda da prensa local, con Belén López, do Diario de Pontevedra, e Montse Fajardo, integrante do equipo redactor do programa ‘A memoria das mulleres’ que se centraron na Cultura e memoria na prensa local. A fotoxornalista da axencia Reuters e primeira española en gañar un premio Pultizer de fotografía (2020), Susana Vera, falou dende as Trincheiras do fotoxornalismo. A linguaxe propia da imaxe. E pechou a primeira xornada do encontro As mulleres que opinan son perigosas Esther Palomera, xornalista, cronista política e analista de actualidade adxunta ao director de elDiario.es, que afondou na Opinión en zona crítica.

A xornada do sábado comezaba ás 11.30 horas tamén coa presenza da presidenta Carmela Silva e con Pilar Álvarez, xornalista e correspondente de xénero en El País, que falou sobre as Novas responsabilidades con perspectiva de xénero. A continuación Pampa García, xornalista especializada en ciencia e redactora xefa da axencia SINC, ofreceu a conferencia A ciencia é noticia. A mañá remataba coas xornalistas e directoras de Nós Diario, Vinte e As Nosas, María Obelleiro, María Yáñez e Silvia Carregal, que se centraron nas mulleres que dirixen os novos medios galegos.

Pola tarde, a partir das 17:00, era a quenda de Ebbaba Hameida, xornalista e vogal de ‘Reporteiros Sen Fronteiras España’, que afondou nas Voces desterradas. Mulleres en países musulmáns. A continuación Lara Graña e Mercedes Mora, xornalistas e xefas da sección de Economía en Faro de Vigo e La Voz de Galicia, falaron sobre Elas dirixen a información económica. Posteriormente Henar Álvarez, cómica, guionista e presentadora de radio e televisión, centrouse na Opinión precisa comedia: un pouco de boismo ben e algo de mala leite. O peche correrá a cargo de Almudena Ariza, correspondente de TVE en París e antes en Pekín e Nova York, que deu a súa visión do Mundo no plano corto. A experiencia dunha correspondente.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana inicia o proxecto da ‘circunvalación’ de Ponteareas

O goberno ponteareán vén de valorar positivamente o anuncio do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o inicio dos traballos de redacción do anteproxecto da circunvalación ou variante de Ponteareas. Para o Executivo local trátase “dun avance positivo, un novo paso para concretar o anuncio realizado polo Ministerio no 2019, cando se comprometeu a levar a cabo esta actuación como resultado de diversas solicitudes e encontros mantidos co goberno local”.

Dende o goberno ponteareán apuntan que manterán unha actitude atenta e de máxima colaboración “para que se continúe avanzando ata lograr por fin solucionar un problema histórico creado no 1996 coa apertura da autovía sen conexión co núcleo urbano e a N-120 e que a día de hoxe sigue supondo graves prexuízos para Ponteareas”.

Por último, o goberno considera positivo “que se estuden as diferentes alternativas de trazado e se avalíe o seu impacto ambiental para que se implante aquela cunha maior viabilidade e cun menor impacto para unha zona sensible como o río Uma”.

O PSOE salienta o compromiso do Goberno do estado con Ponteareas

Dende o Partido Socialista de Ponteareas a noticia foi acollida con satisfacción porque “salienta, como xa viñamos anunciando, o compromiso do goberno de Madrid con Ponteareas” e ao mesmo tempo, engaden, “quedan en entredito os argumentos do BNG para votar en contra duns Orzamentos, que como se demostra, ainda que non se reflexe unha partida específica nos mesmos para Ponteareas, as actuacións comprometidas na Subdelegación do Goberno seguen o seu curso e avanzan según o previsto”.

Cómpre salientar que a N-120 soporta unha intensidade elevada de tráfico, “debido á mobilidade que se xenera entre a nosa vila e a área metropolitana de Vigo”, explica o PSOE ponteareán, polo que cómpre estudar unha nova conexión coa A-52 “na contorna do enlace desta última coa estrada PO-403, permitindo así redistribuir os movementos, diversificando os tráficos existentes”.

Os traballos definirán agora a alternativa máis adecuada para o novo vial, mediante a diagnose da situación de área de estudo e obtención dos posibles corredores para acoller a nova infraestructura, a definición das alternativas de trazado e posterior selección da máis adecuada para os obxectivos fixados. Asimesmo, desenvolverase a tramitación da evaluación ambiental correspondente. O orzamento estimado da actuación ascende a 7 millóns de euros, importe que se irá axustando ao definirse a alternativa.

A Deputación lanza o directorio de ‘Descúbre-as’ que visibiliza as mulleres do sector musical

‘Descúbre-as’, o proxecto que Regalamúsica está a levar a cabo da man da Deputación de Pontevedra “para visibilizar ás mozas e mulleres da música e rachar coas discriminacións que tamén sofren neste ámbito”, conta desde hoxe cunha nova iniciativa: o primeiro directorio de mulleres da industria musical en Galicia que xa pode consultarse no sitio web www.descubreas.com. A presidenta provincial, Carmela Silva, e a coordinadora do proxecto, Olalla Dopico, presentaron hoxe “este mapa creativo que xurde da necesidade de visibilizar ás mulleres na industria musical e reivindicar o seu papel na mesma”. “Desde agora, dixo a presidenta, ninguén vai a poder dicir que non atopa mulleres para contratar”.

O directorio persegue varios obxectivos entre os que destacan a visibilización das profesionais e o fomento das redes colaborativas. Busca visibilizar tamén a estas mulleres para que a mocidade poida ter referentes femininos e así ser conscientes de que realmente existe unha escena feminina na música. Ademais, quérese que a cidadanía en xeral tamén coñeza o traballo destas mulleres e que non caian en estereotipos. Así, ‘Descúbre-as’ pon á disposición de empresas, asociacións ou institucións públicas e privadas unha longa lista de mulleres que traballan na industria. Neste senso, a presidenta informou de que a Deputación de Pontevedra enviou unha carta a todos os concellos da provincia para que teñan en conta este directorio e contacten coas mulleres que participan en “Descúbre-as” para as súas programacións. Como tamén indicou a coordinadora do proxecto, Olalla Dopico, “queremos que estean todas as mulleres da música de Galicia, tanto do ámbito artístico como de outros eidos profesionais”. Ademais, “queremos visibilizar o traballo das escolas e doutros colectivos que están relacionados coa música e tamén coas mulleres”.

Programación en marzo

Premer para ampliar

‘Descúbre-as’ intégrase na programación do 8M da Deputación e neste mes de marzo celebrará Conversa e descubre, un ciclo de charlas nas que profesionais e artistas contarán as súas experiencias e traballos dentro da música. As charlas arrancarán o día 20 cunha sesión na que participarán Mariña Paz (voz en Furious Monkey House); Susana Saavedra (voz en Agoraphobia), Patricia Hermida (mánager) e Raquel Seijo (promotora de Sweet Nocturna). A semana seguinte, o día 26, terá lugar un concerto e a presentación dun vídeo colaborativo no que mozas da provincia interpretarán Matriarcas, de Gaudí Galego, “unha das grandes mulleres da música galega”. Con esa iniciativa a Deputación de Pontevedra está a crear unha rede entre as escolas e as mozas coa que se conseguirá formar novos grupos e mesmo chegar a facer pequenos concertos.

Datos intolerables

Carmela Silva puxo sobre a mesa datos sobre a situación das mulleres na música “que sacan a cor a calquera”. Exemplo disto é que “só o 37 % das empresas da industria musical están lideradas por mulleres, que no caso das discografías independentes soamente un 14% contan con figuras femininas ou que as tras grandes multinacionais -Sony, Universal e Warner- non teñen mulleres na súa presidencia”. Neste senso, Silva subliñou outros datos “intolerables” como que “o 65 % das mulleres traballaron na industria musical sen ningún contrato nin remuneración durante ao menos un ano, que o 35 % estiveron entre un e tres anos traballando sen remuneración ou contrato, e que case o 70 % das mulleres cobran menos do soldo medio dos homes”.

A presidenta provincial destacou tamén que moitas experimentaron actitudes sexistas e lembrou o movemento Me Too, co que as mulleres da cultura denunciaron os acosos sexuais os que estiveron ou están sometidas. Tamén puxo en valor o talento das mulleres dentro da industria musical aportando datos tan relevantes como que “máis do 40% das profesionais comezaron na música con formación universitaria ou formación de grao superior e con coñecemento de idiomas”, e que case un 40 % cursou máster ou formación especializada”. Polo tanto, concluiu, “estamos no de sempre, as mulleres son o talento pero non acadan os postos de dirección”

Galicia, por debaixo dos 4.000 casos activos por coronavirus, datos que non se acadaban dende antes de setembro do 2020

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.952, deles 1.342 son da área da Coruña, 339 da de Lugo, 244 da de Ourense, 541 da de Pontevedra, 676 da área de Vigo, 451 da de Santiago e 359 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 82 están en UCI, 310 en unidades de hospitalización e 3.560 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 107.299 persoas curadas, rexistrándose 2.264 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.707.039.

O parque deportivo do Codesal consolidase como espazo de ocio

0

O Concello da Guarda avanza na mellora do Parque Deportivo do Codesal  en Camposancos, onde se teñen realizado diferentes tarefas para adecuar o terreo para a práctica de diferentes modalidades deportivas coma o volei, o fútbol, o balonmán  ou a petanca.

Na xornada do pasado mércores día 3 de marzo o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español, achegáronse ata o Codesal para comprobar “in situ” os diferentes traballos que se teñen acometido nestas instalacións deportivas, que ven incrementadas as súas funcionalidades cunha significativa mellora nos espazos para a práctica deportiva. 

Deste xeito se teñen incrementado as pistas existentes para a práctica da Petanca, instalacións que emprega o Clube de Petanca O Caldeiro, o clube con maior número de deportistas federados nesta modalidade en Galicia, con máis de 40 membros é o primeiro clube para a práctica deste deporte na Comarca do Baixo Miño.

Tamén se habilitaron dúas canchas para a práctica do volei, nunhas instalacións que son empregadas polo Clube de Volei Miño, entidade deportiva que organiza diferentes torneos na tempada estival.

O Concello non só acometeu neste espazo a mellora destas pistas ou canchas senón que tamén se creou unha   zona de vestiarios e aseos, se dotou ao espazo do Parque Deportivo de iluminación interior e exterior  e dunha fonte de auga potable, o Parque conta tamén con bancos e mesas para que as familias podan desfrutar  dunha xornada de ocio ao aire libre.

A todas estas actuacións de mellora hai que sumarlle  que queda aínda por realizar un parque infantil e a instalación duns elementos de calistenía que se están xestionando  e serán acometidos con recursos propios. 

O concello da Guarda considera que este é un dos espazos con maiores posibilidades de consolidarse como punto de encontro interxeracional, xa que as instalacións permiten a práctica deportiva de  diferentes colectivos que abarcan idades moi diferentes.  O Parque Deportivo do Codesal ofrece á cidadanía  desfrutar de diferentes actividades  nun entorno paisaxístico  natural (deporte, paseo, lectura, fotografía…) actividades todas elas  seguras e moi necesarias neste momento de pandemia, seguindo así a liña estratéxica marcada polo equipo de goberno de mellora das instalacións deportivas e das instalacións que posibiliten aos veciños e veciñas da localidade espazos seguros ( parques, sendas, zonas deportivas..) tal e como establecen as autoridades  sanitarias.

A mellora deste espazo foi realizada conxuntamente con fondos propios do Concello da Guarda e tamén cunha  importante subvención con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Entra en vigor o novo regulamento do punto limpo de Gondomar

0

Gondomar continúa a dar pasos para converterse en municipio de referencia en materia medioambiental. Entra en vigor o novo regulamento de funcionamento do punto limpo, unha normativa revisada e actualizada que buscaba dar resposta ás necesidades da veciñanza e que incorpora importantes melloras.

“Seguimos avanzando nos nosos compromisos e na mellora das infraestruturas. Este regulamento supón un salto cualitativo na prestación do servizo, agora adaptado á realidade da nosa veciñanza. Queremos seguir potenciando o punto limpo e invitar a todo o mundo a que faga un uso responsable del”, destaca o alcalde, Paco Ferreira.

Entre as principais novidades destaca a ampliación da tipoloxía de residuos e das cantidades máximas que se poden depositar, un cambio no regulamento que puido levarse a cabo grazas aos traballos de mantemento e mellora das instalacións e a habilitar un lugar específico para os Residuos e Aparellos Eléctricos e Electrodomésticos (RAEES), que cada vez adquiren maior importancia e requiren máis espazo.

O Concello de Gondomar investiu máis de 15.000 euros na actualización das instalacións, que supuxo o cambio das luminarias por unhas led, o abastecemento de auga potable ao recinto, o asfaltado dos accesos, o reforzo do peche perimetral, a instalación de paneis informativos e de sinalización ou a mellora da oficina e o almacén que alberga os residuos máis perigosos.

Por outra banda, ademais das persoas residentes dende agora tamén poderán empregar o punto limpo terceiros que estean autorizados para facer a entrega en nome doutra persoa, para o que se deberá encherse documentación previa recollida no Anexo I da ordenanza.

Mellora do proceso

O Punto Limpo é un centro de recollida selectiva no que se almacena de forma temporal os residuos domésticos que non se procesan a través da recollida diaria, residuos que soamente saen do recinto para enviar aos xestores autorizados. Para unha maior eficiencia do servizo, o novo regulamento permitira unha mellora no control documental de todo o proceso para coñecer o perfil do usuario e saber que residuos se depositan e cales saen cara os xestores autorizados.

A entrada en vigor deste novo regulamento é un paso máis na aposta decidida do go berno de Paco Ferreira polo medio ambiente e a sostenibilidade do municipio, que se complementará con campañas de información e sensibilización sobre a necesidade de usar o punto limpo por parte da veciñanza.

O Concello de Oia mellora a accesibilidade do Centro Sociocultural de Pedornes coa instalación dun ascensor

0

O Concello de Oia vén de acometer as obras de mellora da accesibilidade no Centro Sociocultural de Pedornes, consistentes na instalación dun ascensor como alternativa aos accesos existentes ata o de agora: dous tramos de escaleiras ou ben un camiño con moita pendente.

Estes accesos eran a única maneira de entrar no centro, o que supuña unha dificultade para que as persoas con problemas de mobilidade puideran asistir de forma autónoma ás distintas actividades socioculturais que alí se organizan.

As obras supuxeron un investimento total de 27.931,18 euros. Deste total, 19.272,51 corresponden a fondos propios do Concello e os restantes 8.658,67 euros foron subvencionados a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra (dentro da liña 1 investimentos).

O proxecto para a instalación do ascensor do Centro Sociocultural de Pedornes foi elaborado polo arquitecto redactor do proxecto orixinal de construción do centro, Luis Miguel Zozaya.

Baiona presenta a súa Festa da Arribada “máis especial”

0

A Capitanía Marítima de Baiona acolleu esta mañá a presentación oficial da XXVI Edición da Festa da Arribada, unha edición moi especial que este ano tivo que ser posposta para a primeira fin de semana de outubro, concretamente o 1, 2 e 3 de outubro, sendo o día 1 festivo local en Baiona.

Ante o actual contexto sanitario e o panorama de incerteza que afecta a calquera tipo de previsión, o goberno local de Baiona decidiu o cambio de data da súa festa estrela programada, como é habitual, para esta primeira fin de semana de marzo nun intento de salvar a celebración.

No acto de presentación de hoxe foi presentado pola Concelleira de Cultura encargada de organizar a festa da Arribada, Miriam Costas Iriarte, e no interviñeron Ángela Rodríguez Miguens, Xefa de Zona Vigo-Sur de Abanca; a Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias Nuñez; e a Presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva Rego. Carlos Gómez Prado, Alcalde de Baiona, foi o encargado de pechar o acto.

De Baiona partiron as noticias que informaron a toda Europa da existencia dun novo continente en 1496; unha efeméride que puxo á vila real no mapa da historia hai 528 anos e que desde fai máis dun cuarto de século celébrase ao grande coa Festa da Arribada. O evento, un dos nove de Galicia co distintivo de Interese Turístico Internacional celebrouse de forma ininterrompida na vila desde hai 26 anos e precisamente leste é o gran anhelo e unha das máximas do goberno baionés nun ano marcado pola pandemia: Que a Arribada de Baiona poida chegar a celebrarse e coa súa celebración búscase incentivar a economía local tras un ano difícil para a hostalería e o comercio.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que: “Desde hai 26 anos, Baiona vén celebrando cada primeiro de marzo a Festa da Arribada, pero este ano será diferente: a data trasládase á primeira fin de semana de outubro, coa intención de conmemorar o 528 aniversario como se merece, por todo ou alto ”, precisamente leste é o texto final co que finaliza o vídeo promocional da Arribada 2021 presentado esta mañá.

O rexedor insiste en que a postura adoptada parte de asegurar unha festividade que “xera un retorno económico moi grande ao comercio local” entendendo que canto máis se distancie “máis posibilidades teremos de levala a cabo a pleno rendemento garantindo a seguridade dos asistentes”.

Goméz expuxo na súa intervención que “Para iso, o equipo de Goberno aprobará unha batería de medidas dirixidas a garantir a seguridade sanitaria e cidadá de todos e todas para poder gozar de tres días cheos de historia, historia como a que estamos a facer agora sobrepoñéndonos toda a humanidade a unha pandemia mundial que está a sacudir a todo o planeta”.

Polo momento toca esperar e avogar porque a boa tendencia á baixa, en canto á incidencia de Covid-19 no municipio, siga confirmándose. Outro punto importante é a inmunidade da poboación e, co cambio de data, deste xeito tamén se deixa unha marxe para que se vacine á poboación. Gómez adiantou que “se irán adaptando ao transcurso dos acontecementos, aínda que sempre tentando que leve a cabo unha Festa da Arribada o máis normal posible”.

Así mesmo, o rexedor finalizou a súa exposición argumentando que: “Estou convencido de que en Baiona sairemos adiante como sempre o fixemos, unidos e traballando en equipo, cooperando, e axuntando esforzos todos os sectores implicados na reactivación económica e turística do municipio. Para iso, teremos que seguir incentivando o comercio local, incrementado o consumo na nosa hostalería, apoiando aos nosos empresarios para que o que naceu como unha obrigación perimetral e de abastecemento local quede entre nós e convértase en costume, achegando o noso granito de area para reflotar e manter desta maneira ao sector turístico, comercial e económico da nosa vila”.

Carmela Silva: “Non podemos renunciar a ter soños”

A presidenta provincial quixo felicitar ao goberno municipal, así como a todos os grupos políticos de Baiona, que tomaron unha “decisión moi acaída” ao dar luz verde á celebración da Arribada. “Non podemos renunciar a ter soños, a manter aquelas festas tan importantes que, amais, son un elemento de gran atracción de visitantes e, polo tanto, de riqueza”, polo que considerou que “foi unha extraordinaria decisión” mantela.

No acto proxectouse o vídeo oficial da Arribada 2021 –que ten por título ‘Mensaxe nunha Botella’– protagonizado por baionesas, Ángela Loureiro Giráldez e Ángela González Comesaña, que xa participaron anos anteriores na obra de teatro que todos os anos represéntase na praia Ribeira durante a festa. No video pódese ver como unha nena explica a emoción da veciñanza de Baiona ao coñecer o descubrimento do “Novo Mundo”. En relación a esta peza, Carmela Silva sentiuse satisfeita porque “teña a unha moza como protagonista”, xa que será visualizado por milleiros de persoas “que verán na voz, na escrita e no rostro de dúas mulleres unha da nosas festas máis representativas”.

Exactamente igual que no cartel, “no que aparece unha moza empoderada escribindo, pensando e recoñecendo”. Silva tamén puxo en valor o enxeño da muller que ideou o vídeo así como das actrices que participan nel: “que talentazo feminino temos no eido do audiovisual e da cultura na nosa provincia e en Galicia”.

O vídeo, que emocionou a todos os presentes na presentación da XXVI Edición da Arribada, promocionará a festa de interese turístico internacional ao longo destes meses a través de distintos medios. O filme é en galego, e é inclusivo, xa que esta subtitulado para as persoas xordas, e ademais hai outras versións que irán subtituladas ao castelán e ao inglés. O vídeo é obra de *Ño Espazo Creativo con sede en Sabarís e a súa autoría é da fotógrafa e profesional audiovisual Cris Grande.

“Este vídeo que servirá para promocionar a XXVI Edición da Arribada é un gran traballo que supera, con fartura, as expectativas que tiñamos no proxecto ”, destaca o rexedor, Carlos Gómez Prado.

Tamén no acto de hoxe presentouse un novo doce os ‘Panizos Indios’, unha receita típica indíxena que a panadería Yajoma de Sabarís recuperou e adaptou como doce para esta edición tan especial da Festa da Arribada.

O BNG inicia unha ofensiva en defensa da Serra do Suído e contra a invasión eólica

Os deputados e deputadas do BNG no Parlamento Galego, Luís Bará, Alexandra Fernández, Noa Presas e Manu Lourenzo, xunto ao alcalde e tenente de alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros e Leopoldo Tato; as concelleiras de Covelo, Laura Santiso e Belén Carballo e outros responsables do BNG nas comarcas do Condado Paradanta, Pontevedra, Vigo, O Ribeiro e O Carballiño mantiveron un encontro nas inmediacións do Foxo do Lobo de Campo, no Lombo da Serra, concello de Covelo, para denunciar os megaparques eólicos que poñen en risco hábitats declarados de interese prioritario pola Unión Europea como as turbeiras altas activas, as matogueiras húmidas atlánticas e os bosques aluviais de ameneiros e freixos.

Por outra parte, os proxectos que están a tramitación non teñen en conta a declaración da Serra do Suído como Área de Especial Interese Paisaxístico. Diante da ameaza de destrución irreversíbel de ecosistemas de grande valor ambiental, a representación nacionalista demandou a paralización cautelar destes proxectos e o estudo de alternativas compatíbeis con un desenvolvemento racional e equilibrado do territorio.

O BNG considera que “os 20 proxectos eólicos previstos no Suído, O Faro de Avión e A Paradanta conforman un megaparque industrial e responden a unha visión economicista, depredadora e de espolio dos recursos locais, que conta co beneplácito e o impulso da Xunta do PP. Están promovidos por empresas do oligopolio eléctrico que procuran maximizar beneficios sen importarlles os graves impactos negativos da construción de pistas de acceso, instalación de aeroxeradores, construción de subestacións e redes de evacuación de enerxía” sinalaron as nacionalistas.

Propostas en defensa dun desenvolvemento equilibrado e harmónico do territorio

Fronte a este modelo extractivo, o BNG defendeu un plan plurianual de dinamización socioeconómica e o desenvolvemento sustentábel, liderado pola Xunta de Galiza en coordinación cos concellos e deputacións e coa participación das entidades sociais da zona.

Ademais, o grupo nacionalista anunciou a presentación nos vindeiros días de iniciativas no Parlamento Galego, nas deputacións e nos concellos para reclamar a integración da serra do Suído e do Alto Tea na Rede Natura, a protección dos humidais, das nacentes e das concas dos ríos Avia, Tea, Oitavén e Verdugo; e a declaración como Ben de Interese Cultural, na modalidade de paisaxe cultural, do extraordinario patrimonio etnográfico da serra formado por chozas, cortellos, curralas, sesteiros e foxos do lobo, construídos coa técnica da “pedra seca” ou “cachotería en seco”, incluída na listaxe do patrimonio inmaterial da UNESCO en 2018.

Ademais, o BNG salienta a necesidade de avaliar e protexer a función do Suído como colector hídrico e o seu valor estratéxico para o subministro de auga ás comunidades locais e á área metropolitana de Vigo.

Campaña de información e de mobilización social

Ademais de presentar iniciativas nas institucións, o BNG ten previsto iniciar neste mes de marzo unha campaña de información e mobilización social mediante a organización de charlas, roteiros, recollidas de sinaturas e reunións con colectivos sociais. O obxectivo desta campaña é alertar das irregularidades da tramitación dos megaparques eólicos debido á división fraudulenta dos proxectos en unidades máis pequenas e á ausencia de avaliación ambiental conxunta de proxectos que comparten infraestruturas. Ademais, o grupo nacionalista presentará propostas alternativas para a dinamización e o desenvolvemento dos concellos da serra do Suído e do Alto Tea.

Ponteareas co mestre Rogelio Groba

A Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas vén de convidar a toda a veciñanza a apoiar a candidatura do compositor Rogelio Groba Groba aos Premios Princesa de Asturias das Artes 2021. Os vindeiros sábados colocarase unha mesa diante do Auditorio Municipal, entre as 11 h e as 13:30 horas, para recoller sinaturas de apoio á candidatura.

O mestre Rogelio Groba naceu na parroquia de Guláns o 16 de xaneiro de 1930. Entrou en contacto coa música a través da banda da súa parroquia. Alí, deu os seus primeiros pasos musicais e comezou os seus estudos de música aos once anos, tocando o piccolo. Os progresos de Groba levárono a ser aceptado, con tan só 13 anos, como piccolo solista da banda de Guláns. Anos máis tarde, exerceu como director da Banda de Música da súa parroquia

Na súa dilatada traxectoria, dirixiu numerosas bandas e agrupacións musicais, tanto en España como en Europa e foi promotor da Orquestra Sinfónica de Galicia. Exerceu como profesor de harmonía, contrapunto, fuga e composición no Conservatorio Superior de Música da Coruña, que dirixiu durante vinte anos, ao tempo que fundou paralelamente numerosos conservatorios por toda Galiza.

Autor de varios ensaios e libros, dende 1992 dedícase exclusivamente á creatividade musical. A súa obra supera as 700 composicións, o que converte no compositor galego máis prolífico.

“Dende o Concello queremos apoiar activamente esta candidatura pois, a través da súa música, Groba universaliza a música galega e reflicte o carácter da nosa terra con composicións como “Corpus en Ponteareas” comenta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Alcaldesa de Redondela e novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo manteñen a primeira reunión oficial dende o relevo de titular no Porto

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, mantiveron hoxe unha reunión na Casa do Concello de Redondela, a primeira dende que Vázquez Almuíña tomou posesión como presidente do Porto vigués e que serviu para poñer sobre a mesa, a dar a coñecer ao novo presidente portuario, todos aqueles temas pendentes entre ámbalas dúas administracións e que son considerados pola rexedora local como “irrenunciables para Redondela”.

Na xuntanza de traballo, na que tamén estaban tamén presentes a concelleira de Urbanismo, María Castro e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, Digna Rivas solicitou información sobre o cargadoiro de mineral de Coto Wagner e se o Porto segue a manter a idea da súa demolición e explicou que o informe redactado polo enxeñeiro contratado para o análise do cargadoiro “concluía con que era posible a súa restauración”, explicoulle a alcaldesa quen tamén deu conta “do envío deste informa a Patrimonio do Estado e á Xunta de Galicia”.

O Plan de Delimitación de espazos e usos do Porto de Vigo (DEUP) foi outro dos temas tratados neste primeiro contacto entre a alcaldesa redondelá e o presidente da Autoridade Portuaria requirindo a rexedora local información “sobre o punto en que se atopa a tramitación e se hai algún avance na mesma logo das alegacións que presentamos dende o concello, en decembro do 2020, diante do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico”.

A explanada de Duchess, (proxecto de reordenación do acceso á zona portuaria de Rande dende a N-552), foi outro dos asuntos tratados. Digna Rivas lembrou ao novo presidente que o Goberno redondelán “amosou sempre a súa oposición ao proxecto e así o deixamos patente cando foi sometido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para informe de impacto ambiental”. Rivas solicitou información sobre o Porto seguía adiante con ese proxecto porque, recalcou, “a fecha de hoxe no temos comunicación algunha sobre o asunto”.

A alcaldesa redondelá insistiu en que tanto o DEUP como a reodenación de accesos, “son de extraordinaria importancia para coñecer cal é a intención do Porto de Vigo sobre a zona do cargadoiro mineral e se manteñen o proxecto de depósito de contedores, algo ao que este Goberno oponse frontalmente”.

Amais de poñer ao corrente ao novo presidente do Porto de Vigo, dos temas pendentes entre ámbalas dúas administracións, a reunión de traballo serviu para transmitirlle a Jesús Vázquez Almuíña que os todos os asuntos tratados “son considerados como irrenunciables por parte do Goberno local”.

“Gústannos as cousas claras e a nosa postura sobre os asuntos que lle trasladamos ao novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, non mudaron porque son, ante todo, defender os intereses das nosas veciñas e veciños”, apuntou Digna Rivas, quen asegurou que “como membro do Consello de Administración do Porto de Vigo, seguirei defendendo os intereses de Redondela e a súa veciñanza por enriba de calquera consideración partidista”.

Finalmente, Digna Rivas, que cualificou a reunión de “cordial e frutífera”, expresou a súa confianza en que “avancemos nos temas postos sobre a mesa de traballo e que poidamos chegar a un punto de entendemento que lles dea unha solución definitiva”.

A Deputación arranca o #8M vestindo de reivindicación as súas sedes e coa axenda feminista no centro da acción

Coa descuberta nas sedes de Pontevedra e Vigo da pancarta do 8M, que reclama volver poñer no centro as reivindicacións da axenda feminista, a Deputación arrancou onte a súa potente programación para este mes de marzo. A presidenta, Carmela Silva, participou no acto desenvolvido na balconada do Pazo Provincial xunto ao vicepresidente César Mosquera e deputadas e deputados, e insistiu en que a Deputación ten o obxectivo irrenunciable “reclamar as iniciativas lexislativas, de financiación e de posicionamento para recuperar a nosa axenda” .

A loita contra as violencias machistas, a abolición da prostitución e a oposición contra dos ventres de alugueiro, como a loita para que a corresponsabilidade nos coidados sexa unha realidade “son o centro da vida” están entre os seus principios, como tamén a erradicación da hipersexualización e cousificación do corpo das mulleres e das nenas, “que cada día está máis presente”, e na denuncia contra as precariedades laborais das mulleres, “porque hai que tomar medidas para poñer fin á brecha salarial”. “Demandamos –engadiu- a presencia igualitaria das mulleres, queremos o 50% do poder e que se visibilicen as súas achegas. É intolerable que haxa menos dun 8% de presencia feminina nos libros de texto. Queremos que a educación en igualdade sexa un eixo transversal en todos os contidos que reciben as nenas e nenos”.

“Estou en contra da decisión de prohibir as manifestacións do 8M”

Carmela Silva aproveitou para amosar a súa “desconformidade total e absoluta” coa decisión da prohibición das manifestacións do 8M. “Dáme igual quen tome esa decisión –afirmou–. Eu non vou participar en manifestacións e concentracións porque estamos nun momento de pandemia, saíndo dunha terceira ola e hai que evitar entrar nunha cuarta. E creo que podemos facer miles de cousas, facer unha grande denuncia e berrar máis alto que nunca na defensa dos dereitos das mulleres. Pero tamén creo que non é acaído tomar a decisión de impedilas. Por que non se impiden outras?”. Recordou que desde que comezou a pandemia tense visto concentracións “case que todos os días” ou mesmo “un concerto de Raphael con 5.000 persoas” en Madrid. “Canta ideoloxía e canto culpabilizar ás mulleres hai nestas decisións –sostivo-. Entre outras cousas, os colectivos feministas xa anunciaron que as concentracións serán con todas as medidas sanitarias, así que xa está ben que se prohiba e impida soamente cando son actividades realizadas por mulleres e que demandan os dereitos das mulleres. Reclamo o dereito das mulleres a poder ter garantidos sos dereitos constitucionais, igual que noutro tipo de manifestacións. Cando son de mulleres criminalízanse e non estou de acordo”.

Actos para o #8M

Coa descuberta da pancarta e co acendido esta noite da iluminación de cor violeta de ambas sedes, que permanecerá ata o día 31, a institución provincial entra de cheo na súa programación para este mes da muller, que terá os seus actos centrais o propio luns 8 de marzo

Tanto a presidenta provincial, as deputadas do goberno, como as mulleres dos seus equipos farán folga e asistirán aos actos de reivindicación que se desenvolverán en Vigo e Pontevedra. Así, ambas sedes provinciais serán o escenario de dúas intervencións artísticas coordinadas polas creadoras Celeste Garrido, (que levará o título “Un feminismo inquebrantable e se desenvolver no exterior do Pazo Provincial ás 11 horas), e Luz Darriba (titulada “Coidarmos” e que terá lugar no edificio do Casco Vello de Vigo ás 18 horas).

O BNG esixirá no Parlamento o aumento de persoal médico e de enfermaría no Centro de Saúde de Salceda de Caselas

O BNG presentará no Parlamento Galego novas iniciativas para esixir que a Consellaría de Sanidade e o SERGAS cumpran co compromiso de aumentar persoal médico e de enfermaría no Centro de Saúde de Salceda de Caselas. O deputado Luís Bará visitou o xoves 4 de marzo o centro, para coñecer a situación en que se desenvolve a asistencia sanitaria; recolleu información e a demanda de melloras que lle comunicaron membros da Xunta Directiva da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Salceda.

Luís Bará salienta que “as infraestruturas sanitarias e o cadro de persoal médico e de enfemaría teñen que estár en correspondencia co incremento poboacional de Salceda; para así garantir unha calidade asistencial prestada por un servizo público esencial, como é o sanitario.”

O Centro de Saúde de Salceda non conta co persoal que se correspondería co demanda existente; nestes momentos, nas catro consultas de medicina, cada profesional ten no seu cupo uns 1.650 pacientes; cando a ratio médico/paciente que ten establecido o SERGAS está nos 1.300 pacientes. A situación asistencial do día a día é de saturación; o que se trata de paliar transitoriamente con persoal de refozo.

A quinta praza de medicina, coa correspondente de enfermaría, situaría as ratios na media establecida polas autoridades sanitarias. É de salientar que coa inauguración das novas instalacións xa non existe a problemática de “falta de espazo para consultas”; ademais, o compromiso do SERGAS é que, dado o incremento de poboación en Salceda, se atendería a demanda co aumento de persoal, xa no ano 2020.

A súa vez, no curso da visita, comentouse a alta demanda de atención á poboación infantil de Salceda; un dos concellos de Galiza co indice máis alto de natalidade; polo que se considera necesario tamén aumentar persoal en Pediatría.

É de salientar que o Partido Popular rexeitou unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galiza para o 2021 para prever o aumento de persoal no Centro de Saúde de Salceda.

Diante desta situación o Deputado anunciou que formulará preguntas ao SERGAS e ao Consellaría de Sanidade para que expliquen o motivo de non cumprir co comprometido sobre o aumento de persoal sanitario en Salceda de Caselas; asi mesmo, presentará unha proposición non lei instando op aumento de profesionais de mdeidina e enfemaría; mellora necesaria da que é coñecedor o Conselleiro, xa lle foi demandada unha solución, sendo xerente da Área Sanitaria de Vigo.

A Praza do Calvario acolle unha exposición interactiva para amosar que o traballo non ten xénero

0

Aínda quedan moitos pasos que dar no camiño cara a igualdade, comezando por concienciar e sensibilizar á veciñanza. Con este obxectivo, o Concello do Rosal  organiza a exposición ao aire libre ‘O traballo non ten xénero’, unha mostra conformada por diversas figuras de persoas sen rostro desempeñando traballos máis ligados a algún dos dous xéneros e que poderá visitarse ata final de mes na Praza do Calvario.

Trátase dunha exposición que busca a participación activa do público, que será o verdadeiro protagonista: as persoas que visiten a mostra poderán achegarse ás distintas figuras e poñer a súa cara nelas. “Queremos transmitir que calquera persoa pode ser o que desexe, sen importar se é muller ou home. Pode haber bombeiras, xuízas, limpadores, matróns… Calquera persoa pode ser o  que queira, porque o xénero non ten que condicionar as nosas eleccións profesionais”, salienta a concelleira de Igualdade e Muller, Sara Vicente.

Para afondar nos problemas cos que se atopan as mulleres por cuestións de xénero, a carón desta exposición estará colocada unha lona coa que se recreará o teito de cristal, esa barreira invisible que impide ás mulleres, por exemplo, acceder a postos laborais directivos ou de responsabilidade. As persoas visitantes poderán pasar por debaixo desta lona e ver algunhas das problemáticas laborais, sociais, familiares… ás que se enfrontan as mulleres ao longo da súa vida, “ese teito de cristal que temos enriba polo mero feito de ser mulleres e que temos que traballar para ir afastando ata facelo desaparecer”.    

Estas actividades forman parte da programación centrada na igualdade organizada polo Concello do Rosal para todo o mes de marzo e que busca a implicación da veciñanza participando en accións como a colocación das pegatinas do ‘Revolucionando Mentes 8M’ en fiestras e escaparates. Estas pegatinas poden recollerse na casa consistorial.

Esgotadas as prazas da segunda edición da Escola de Letras da Deputación e a Editorial Galaxia

A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia mantén intacto o seu tremendo tirón. Deste xeito, en só catro días xa se esgotaron as 90 prazas dos seis cursos que ofrecerá este ano a Escola, e hai unha importante lista de agarda con medio centenar de persoas. Unha magnífica acollida que volve amosar, tal e como sucedera o pasado ano, o gran interese da cidadanía en participar nesta actividade de formación na escrita da man dalgunhas das principais voces da literatura galega actual.

Xa o mesmo luns 1 de marzo, en que se abriu o prazo para formalizar as solicitudes, en tan só tres minutos, estaban cubertas as prazas do curso “Escribir unha novela” que ofrecerá Anna R. Figueiredo, que este ano se incorpora á Escola, entre setembro e decembro. Unha hora despois quedou tamén completo o Obradoiro Literario que ofrecerá Inma López Silva. O cartel de completo colgouse a primeira hora desta mañá, aínda que a inscrición segue aberta e as persoas interesadas poden seguir anotándose, por se se producen baixas. Os cursos desta segunda edición da Escola de Letras desenvolveranse entre marzo e decembro nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo –en principio de xeito presencial, aínda que se a situación sanitaria o require desenvolveranse de xeito telemático- en horario de 18 a 20 horas.

A escritora Inma López Silva iniciará as actividades o vindeiro día 15 en Vigo, co seu Obradoiro Literario, que continuará nesta sede os días 22 de marzo; 12, 19 e 26 de abril e 3, 10 e 24 de maio. A autora ofrecerá o mesmo curso en Pontevedra os días 17 e 24 de marzo; 14, 21 e 28 de abril e 5, 12 e 19 de maio.  Posteriormente, en xuño Antonio García Teijeiro ofrecerá os días 2 e 9 en Pontevedra o seu Obradoiro de Poesía, mentres que en setembro será Anna Figueiredo impartirá o curso “Escribir unha novela”, en Vigo os días 15, 22 e 29 de setembro; 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro.

O escritor Diego Giráldez ofrecerá en Pontevedra o seu Obradoiro Literario os días 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro. Para pechar as actividades da Escola este ano, Elvira Ribeiro, que tamén debuta este ano na Escola, impartirá un Obradoiro de Poesía en Pontevedra os días 2 e 9 de decembro. Amais destes cursos, a Escola de Letras tamén ofrecerá nesta segunda edición varias materclass abertas a toda a cidadanía, nas se convida a diversas autoras e autores a realizar unha clase práctica. A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia é a primeira de Galicia e un dos poucos proxectos deste tipo existentes no Estado español. A iniciativa, que naceu o pasado ano 2020, busca fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega,  a través dun variado abano de obradoiros , de novela, relato ou poesía, para todas as idades.

A Xunta comeza as obras da nova escola infantil na Guarda

0

A Xunta de Galicia e o Concello de A Guarda anunciaron hoxe o inicio das obras da nova escola infantil deste municipio. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez; e do alcalde do municipio, Antonio Lomba Baz, visitou hoxe o comezo desta actuación coa que se mellorarán as posibilidades de conciliación das familias da zona.

O investimento ascende a 692.000 euros, dos cales a Administración autonómica achega 410.000 (cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder) e o Concello os 282.000 restantes. O prazo de execución é de 14 meses, polo que se prevé que o centro entre en funcionamento para o curso 2022-2023.

Os traballos que veñen de iniciarse consisten na rehabilitación integral da que fora vivenda dos mestres e do comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde, onde se emprazará a nova escola infantil. Este novo servizo contará con 41 prazas distribuídas en tres unidades; un espazo de usos múltiples; aseos; cociña e estancias para o persoal do centro.

Rede autonómica

Unha vez que as obras estean rematadas, a Xunta ocuparase da contratación e dos custes do equipamento necesario para a entrada en funcionamento da escola, que se xestionará a través da rede pública autonómica, de acordo co modelo de cofinanciamento acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O xerente do Consorcio destacou a importancia desta intervención, que fará máis doado ás nais e pais da Garda e dos concellos limítrofes compaxinar as súas vidas laborais e familiares. Coa nova escola infantil a ratio de cobertura de prazas públicas e de iniciativa social de 0 a 3 anos nesta localidade pontevedresa elevarase ata o 49%, 16 puntos por riba da recomendada pola Unión Europea.

Peche de fronteiras. AECT Río Miño lanza o documental ‘Confinados no río Miño’

Traballadores, empresas e poboación en xeral do territorio do río Miño continúan a sufrir un dobre impacto na súa rotina diaria: o da Covid-19 e o peche de fronteiras entre o Alto Miño e Galicia. Detrás das perdas económicas, das viaxes de centenares de quilómetros de máis para traballar e dos gastos en combustíbel e de tempo, hai emotivas historias persoais que son o exemplo do que acontece aos cerca de 6.000 traballadores e traballadoras afectadas por esta medida.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño dálles voz, a través dun documental denominado ‘Confinados no Río Miño’, e que será lanzado nas próximas semanas aínda que neste momento xa circula un avance nas redes sociais da Deputación de Pontevedra, do Smart Miño e dos gobernos autónomos do AECT.

Con esta iniciativa preténdese atribuír un rostro e un nome ás distintas dificultades causadas pola existencia de só un punto de paso autorizada en réxime permanente (24 horas) entre o Alto Miño e Galicia. O obxectivo é difundir e compartir o documental para chegar ao maior número de persoas e autoridades de Portugal e de España, así como coa Comisión Europea, polo que será subtitulado en portugués, galego e inglés.

O documental ‘Confinados no Río Miño’, producido polo AECT foi elaborado polo director, realizador, guionista e actor Suso Pando. Cunha duración aproximada de 60 minutos e, con imaxes do territorio transfronteirizo, recolle testemuñas en primeira persoa de quen viviu o impacto do peche da fronteira no primeiro confinamento debido á Covid-19. Presenta unha visión económica e institucional das reivindicacións pola apertura das varios pasos fronteirizos, insistindo na máxima de que o Miño é un territorio moi dinámico economicamente, cunha interdependencia secular enorme entre ambas ámbalasdúas beiras do río, e cunha fronteira que representa 5 % do total de quilómetros entre Portugal e España e que asume 50 % do tráfico de vehículos.

O trailer agora lanzado presenta tres testemuños en dous minutos. Noélia Salgueiro, residente en Valença e traballadora en Tui, explica que, durante o primeiro confinamento e peche de fronteiras, tivo que deixar a súa residencia en Portugal co fillo máis novo para se instalar na casa dos pais, en Tui, durante un mes e medio, separándose do resto da familia, unha vez que problemas administrativos non lle permitían pasar o control fronteirizo. “Españois e portugueses estamos todos mesturados, involucrados. As autoridades non saben como se vive nesta zona”, criticou.

Outro dos casos narrados é o da peiteadora Cecilia Puga, que vive en Arbo e ten o seu salón en Melgaço. Un percorrido diario normal de só 8 kms transformouse en centenares de quilómetros co peche de fronteiras, ao ter que pasar obrigatoriamente en Valença-Tui. “Só pido que me deixen traballar. Que os traballadores poidan pasar polos pasos habituais. Que poñan máis medios de control porque, se soubese isto, nunca montaría o meu negocio do outro lado”, sinala.

Finalmente, Andreia Costa, residente en Ponte de Lima e traballadora en Tomiño, expón que a interdependencia de ambas as marxes do río Miño é moi grande e que “o tecido económico que existe nestas vilas da raia está a ser destruído” co peche de fronteiras.

O documental será presentado oficialmente, en formato presencial, no territorio do Miño cando se alivien as restricións vixentes pola actual situación de pandemia e os peches de fronteiras. Non obstante, nas redes sociais xa está a ser difundido o antedito avance.

‘Confinados no río Miño’ resulta da acción-piloto do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas –ODT–, que pretende ser un instrumento de apoio á decisión, co obxectivo de estruturar información e mellorar o coñecemento da realidade socioeconómica do territorio do AECT Río Miño, no ámbito do proxecto REDE_ Lab_Miño, cofinanciado polo Interreg V A.

Salceda traballa en bonificacións sociais no IBI

O Equipo de Goberno do Concello de Salceda traballa na modificación da ordenanza reguladora do IBI, na liña de poder realizar bonificacións ás persoas e familias máis desfavorecidas despois de revisión anunciada unilateralmente dende o catastro. A Alcaldesa, Loli Castiñeira, e o equipo de goberno coinciden en que o máis xusto ante estes cambios é ofrecer beneficios fiscais a aquelas persoas que máis o precisan, baseándose na situación socioeconómica da veciñanza, no lugar de plantexar baixadas lineais que non teñen en conta esta situación.

Tras diversas conversas mantidas coa xerente de catastro, esta confirmoulle aos concellos afectados que o proceso está en marcha de xeito irreversible e non hai volta atrás. De feito, na sede electrónica de catastro a veciñanza pode comprobar xa os seus valores catastrais actualizados tras esta revisión que nos vindeiros días será notificada ás persoas afectadas. Cabe lembrar que o Concello de Salceda conta cunha ponencia de valores do ano 1989, e que precisamente estes valores tan antigos, xunto co feito de que no ano 1997 non se deu traslado a catastro das novas normas subsidiarias, fai que dende a Dirección Xeral de Catastro se tomen este tipo de medidas para intentar regularizar e actualizar os valores e calificación do solo. Descartada polo tanto por parte de catastro a opción da moratoria, e conscientes de que en moitos casos esta nova valoración vai supoñer claras dificultades para as familias en peor situación socioeconómica, o equipo de goberno decantouse polas medidas sociais.

Ademais o equipo de goberno anunciou xa fai uns días a creación da oficina de atención e asesoramento para os trámites da veciñanza con respecto a este proceso, que contará con catro persoas en atención ao público no propio Concello, evitando deste xeito que a veciñanza teña que desprazarse ás oficinas de catastro de Porriño e Tui, a pesares de non ser unha competencia propia do Concello. As persoas que precisen acudir a esta oficina deben solicitar cita previa no teléfono 689029232 unha vez que reciban as notificacións pertinentes.

Lembran tamén dende o goberno que o Concello ten delegada a recadación do IBI na ORAL, e que a ORAL ofrece a posibilidade do fraccionamento dos recibos, para aquelas persoas ás que lles resulte imposible afrontar os pagos dunha soa vez. Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Dende o equipo de goberno queremos apoiar á veciñanza con unha serie de medidas realistas, sen enganar a ninguén, e actuando con claridade nun proceso que todos e todas sabíamos que en calquera momento iba chegar. Sabemos que non é o mellor momento para que cheguen este tipo de procesos, por iso dende o Concello apostamos por estas medidas”.

Vive Nigrán anuncia a súa primeira confirmación na súa quinta edición

0

O festival regresa ao recinto no que naceu en 2017 –o Campo de fútbol de Monte Lourido– e adaptarase a un formato “especial” con asentos e aforos limitados. As entradas para este primeiro día anunciado poñeranse á venda este venres a un prezo inicial de 25 € + gastos para os primeiros tickets a través da web do Festival e de Ataquilla.com. Os abonos sairán á venda proximamente.

Sidecars é o primeiro nome confirmado para a edición deste ano, pero aos poucos irase desvelando o resto do cartel que encherá coa mellor música a terceira fin de semana de xullo.

Superado con éxito o reto da pasada Picnic Club Edition 2020 na que, con todas as entradas esgotadas, a resposta do público e os artistas foi inmellorable, a organización, fiel ao seu espírito, recupera para 2021, a escasos metros de Praia América, o seu incomparable escenario de cada verán no campo de fútbol de Monte Lourido.

Vive Nigrán quere agradecer o compromiso e apoio de todas as administracións – Deputación de Pontevedra, Concello de Nigrán, Xunta de Galicia – e á cervexeira Mahou, polo seu esforzo común como principais patrocinadores do evento.

O Concello cualifica de “delirante” atribuír á cheminea da caldeira de biomasa un risco para a seguridade aérea

O Goberno Municipal de Ponteareas considerou “delirante a presentación dunha denuncia na Axencia Estatal de Seguridade Aérea atribuindo á cheminea da caldeira de biomasa un risco para a seguridade da aviación”. Segundo a Alcaldesa accidental, Cristina Fernández, “a cheminea instalada ten a altura dos edificios colindantes e na localidade existen outras instalacións de moita maior altura ou máis aparatosas coma a antena dunha compañía telefónica situada na Avenida de Galicia”.

“Denunciar que a cheminea pode ser un risco para a seguridade da aviación só pode cualificarse de surrealista e de disparate e reflicte até que punto pode chegar a obsesión dalgúns para entorpecer a execución desta obra tan importante”, engadíu Cristina Fernández. “O peor é que con este tipo de denuncias que sonan a broma faise perder o tempo a institucións e forzas de seguridade que deben ocuparse de cousas serias”, lamentou a alcaldesa accidental.

O executivo local pide rigor e seriedade e que “deixe de chamarse planta de biomasa ao que é unha caldeira”. A alcaldesa accidental, Cristina Fernández, lembrou que os detractores da rede de calor “chegaron a falar de catro grandes chemineas de 4,5 metros de diámetro e como se pode observar a cheminea instalada é idéntica ás chimeneas adosadas a edificios para a saída de gases de moitos restaurantes”.

Cristina Fernández salientou que a fiscalía arquivou outra denuncia presentada pola mesma asociación e que o proxecto ademais de ser completamente legal está sendo aplaudido e recoñecido por profesionais de prestixio e institucións coma o Eixo Atlántico ademais de converterse nun modelo e exemplo a seguir noutros concellos. “Resulta irónico”, conclúe a alcaldesa “que fronte a unha iniciativa aplaudida por supoñer unha mellora do medioambiente os seus detractores se autodenominen Ponteareas Saudábel”.

AECT Río Miño lanza o documental ‘Confinados no Río Miño’ para visibilizar o problema do peche da fronteira con Portugal

Persoas traballadoras, autónomas, empresas, veciñas e veciños do territorio do Río Miño están a sufrir un doble impacto nas súas vidas: o da COVID e o do peche da fronteira con Portugal. Detrás das perdas económicas, dos rodeos de centos de quilómetros para ir traballar, e dos gastos en combustible e de tempo hai historias persoais que son exemplo do que acontece a máis de 6.000 afectados e afectadas e o AECT Río Miño quere darlles voz, polo que vai lanzar un documental, ‘Confinados no Río Miño’, que se estreará nas vindeiras semanas e do que xa está a circular un tráiler nas Redes Sociais da Deputación e do Smart Minho.

Esta iniciativa, segundo explica o vicedirector Uxío Benítez, pretende visibilizar e poñer cara e nome e apelidos ás difentes casuísticas por só haber un paso aberto na raia 24 horas. “Detrás disto hai persoas, seres humanos, hai vidas, hai realidades vitais que deben ser coñecidas, e que exemplifican o desafortunada que foi a decisión de fechar as fronteiras”, inisiste Benítez, explicando que a intención é chegar coa peza audiovisual ao maior número de xente e ás autoridades galegas, estatais e tamén da Comisión Europea –polo que ademáis de utilizar o galego e portugués tamén se subtitulará en inglés-.

O documental ‘Confinados no Río Miño’, producido polo AECT foi elaborado polo director, realizador, guionista e actor Suso Pando. Ten unha duración de arredor dunha hora e, con imaxes do territorio transfronteirizo, recolle testemuñas directas de persoas que viviron o impacto do peche da fronteira no primeiro confinamento. Tunha visión económica e institucional de como se reivindicou a apertura dos pasos, insistindo en que o do Miño é un territorio moi dinámico económicamente, cunha interdependencia moi grande entre ambas beiras do río, e cunha fronteira que supón o 5% do total de quilómetros entre España e Portugal pero que asume o 50% do tráfico de vehículos.

Noelia Salgueiro, veciña de Valença e traballadora en Tui,  é Unha das persoas nas que se exemplifica a situación e explica que durante o primeiro confinamento e peche de fronteira tivo que marchar da súa residencia habitual, volver á parte española co seu fillo máis pequeño, e instalarse na casa de seus pais durante mes e medio porque por problemas administrativos non lle permitían pasar o control fronteirizo. “Españois e portugueses estamos todos mezclados, involucrados. Non saben as autoridades como se vive nesta zona”, criticou.

Outro dos casos narrados é o o da peiteadora Cecilia Puga, que vive en Arbo e ten o seu salón en Melgaço, ata onde diariamente percorre apenas 8 quilómetros que se converteron en centos ao ter que pasar polo paso de Tui obrigatoriamente durante o ‘encerramento’. “Só pido que me deixen traballar. Que os traballadores poidan pasar polos pasos habituais. Que poñan medios, porque se eu soubera isto nunca tería montado o meu negocio do outro lado”, explica.

Finalmente, Andreia Costa, veciña de Ponte de Lima e traballadora en Tomiño, expón que a interdependencia de ambas ribeiras é moi grande e que “o tecido económico que existe nestas vilas da raia queda destruid” co peche da fronteira.

O documental será presentado oficialmente de maneira presencial no territorio do Miño en canto se alivien as restricións da pandemia e os peches fronteirizos. Mentres tanto, nas redes sociais tanto da Deputación como do Smart Minho estase a difundir un ‘tráiler’ reivindicativo.

https://www.facebook.com/DeputacionPontevedra/videos/1364102473951988.

Rexistro

A posta no foco das persoas afectadas polo peche de fronteira é un dos obxectivos do AECT Rio Minho dende todos os ámbitos. Nestes momentos está activo un rexistro de persoas afectadas co fin de cuantificar as perdas das para reclamar indemnizacións. No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos, o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio), o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada. Tamén se solicitan datos sobre os perxuízos padecidos: percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, aumento do custo do desprazamento, redución de clientes da outra marxe ou impedimento de atravesar a fronteira.

Mondariz busca un maior acceso á EDAR construída en Mondariz-Balneario

0

O Concello de Mondariz dirixiu este venres un escrito á comisión de seguimento do convenio de colaboración subscrito co Concello de Mondariz-Balneario para o sostemento conxunto dos servizos de gardería, punto limpo e depuración de augas residuais, no que solicita que se tramite un aumento da autorización de vertedura na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) situada no Paseo de Troncoso (Mondariz-Balneario) ata a capacidade técnica máxima para a que foi deseñada e se proceda a conectar o colector xeral de augas residuais construído por Mondariz na marxe esquerda do río Tea.

Para o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, “estas medidas son necesarias para dar solución aos problemas de depuración que hai no curso medio do río Tea”.

O convenio de colaboración entre os dous concellos para o sostemento conxunto dos servizos de gardería infantil, punto limpo e depuración de augas residuais foi asinado en setembro de 2005. Naquel momento, a vella estación depuradora que había en Mondariz-Balneario recollía augas residuais da poboación deste concello e tamén duns 480 habitantes do Concello de Mondariz. No propio convenio, sen embargo, xa se facía referencia á construción dunha nova EDAR en territorio de Mondariz-Balneario “para servir aos dous concellos” e á previsión dunha “rede de colectores que aumente considerablemente o número de veciños de Mondariz que vertan as súas augas residuais na nova depuradora” (apartado III da exposición de motivos).

Tal e como figura no proxecto construtivo executado e financiado con fondos europeos por parte de Augas de Galicia, a nova EDAR de Mondariz-Balneario foi deseñada para satisfacer as necesidades dunha poboación de 6.000 habitantes. Mondariz, pola súa banda, emprendeu a construción dun colector xeral de augas residuais para 2.000 habitantes que precisa ser conectado á EDAR urxentemente, en conformidade co convenio, porque as obsoletas mini estacións depuradoras que reciben ese caudal resultan insuficientes para evitar verteduras ao río Tea, un grave problema medioambiental que perxudica a ambos concellos.

Hoxe en día, a nova EDAR conta cunha autorización de vertedura para 2.500 habitantes, moi por debaixo da capacidade de depuración que permiten as súas características técnicas. No Concello de Mondariz, sen embargo, só ten acceso a este servizo a mesma cantidade de poboación que xa accedía en 2005 á vella depuradora.

Comezan as obras para o cambio de caldeiras a biomasa no Concello, Casa da Cultura e Xulgado

O Concello de Salvaterra de Miño e a Deputación de Pontevedra asinaron un convenio de colaboración, a mediados do ano 2019, para levar a cabo dentro do termo municipal as actuación recollidas no proxecto denominado “Substitución e instalación de caldeiras de biomasa” (FEDER – EELL-2019-000559), que conta co financiamento do 80% do FEDER a través da convocatoria de axudas a entidades locais para proxectos singulares que favorezan o paso a unha economía Baixa en carbono do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía no marco do programa operativo Feder de Crecemento Sostible 2014-2020.

A través deste  convenio o Concello de Salvaterra  substituirá as caldeiras existentes na Casa do Concello, Casa de Cultura e Xulgado por  Caldeiras de Biomasa, co fin de baixar o consumo en carbono, unha acción que xa viña marcada dentro do recén aprobado  Plan PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible) do Concello e que marcará a liña de actuación municipal.

Son tempos nos que calquera xesto a prol de potenciar a enerxía sostible  resulta de vital importancia á hora de reducir a contaminación medioambiental, polo que O Concello de Salvaterra de Miño pretende dar saída e continuidade a este tipo de proxectos, no seu afán de ser un Concello adaptado ás necesidades medioambientais actuáis. Neste caso, o cambio a Biomasa terá unha reducción de  consumo  eléctrico en cada unha das instalacións modificadas  de máis de un 30%.

O total da obra ascende a 176.942,10€, dos cales 141.553,68 está cofinanciado por fondos FEDER, 17.694,21€ pola Deputación de Pontevedra e 17.694,21€ polo Concello de Salvaterra de Miño a través do Plan Concellos.

Tui celebra o 8M co lema “Somos e seremos as loitadoras”

0

Somos e seremos as loitadoras” é o lema co que este ano o Concello de Tui vai celebrar o 8M, Día Internacional da Muller. O obxectivo é visibilizar e lembrar a algunhas das mulleres que ao longo da historia acadaron os dereitos dos que hoxe gozan, pero tamén a reivindicación que as mulleres seguen a realizar en prol da igualdade real.

O programa de actividades previsto comezou hoxe venres, 5 de marzo, ás 12 h na Casa do Concello. Alí presentouse o III Plan de Igualdade de Oportunidades entres homes e mulleres do Concello de Tui.  Un plan que foi aprobado por unanimidade en pleno o pasado mes de decembro. A presentación, que terá lugar no salón de sesións, con aforo limitado, correrá a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e da técnica redactora do Plan, Laura Seara, quen fóra secretaria de Estado de Igualdade.

O luns, 8 de marzo, ás 12 h, no edificio da praza da Inmaculada desenvolverase o acto institucional que, debido ao limitado do aforo, será retransmitido en directo pola canle de Youtube do Concello de Tui.  No mesmo 6 mulleres darán lectura ao manifesto “O persoal é político” reivindicativo da axenda femininista en distintos ámbitos. Amais a pedagoga Teresa Domínguez dará lectura a un poema da súa autoría para a ocasión, e as alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui, Dafne Piñeiro e Lourdes Quintela, porán a nota musical a este evento. O acto abrirase coa proxección do audiovisual “Únete á R-Evolución nos coidados” que rende homenaxe ás mulleres que estiveron en primeira liña durante a pandemia, e que ao tempo constitúe unha reivindicación do valor dun traballo absolutamente feminizado e invisibilizado no que urxe promover a corresponsabilidade.

Amais deste eventos está prevista a colocación de lonas reivindicativas en rexeitamento das violencias machistas nos espazos públicos deportivos, en colaboración coa concellería de Deportes.  “Aquí xogamos contra a violencia machista. O mellor resultado é cero violencia” é a mensaxe impresa, acompañada de imaxes de rostros femininos en memoria daquelas mulleres que xa non están. 

Tamén distintos carteis co lema “Somos e seremos as loitadoras” serán colocados en distintos espazos no centro urbano. O programa completarase con outras actividades ao longo do mes de marzo que serán anunciados proximamente.

A Xunta concede 224 axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, eléctricos ou de baixas emisións

A Xunta concedeu no último ano un total de 224 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións, cun investimento total de case 1,15 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución que recolle a listaxe dos beneficiarios destas axudas concedidas para a adquisición destes vehículos, no marco da convocatoria do ano 2020.

Para ampliar a información sobre esta resolución pode consultarse o DOG a través do seguinte enlace: https://xurl.es/zt8z0.

A iniciativa da Xunta, que incrementou o Orzamento inicial destes incentivos ao sector do taxi, para atender á demanda das distintas convocatorias, permitiron atender 41 solicitudes de axudas para vehículos adaptados á mobilidade reducida, 180 para taxis ECO e 3 para coches de cero emisións.

As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

Das mesmas beneficiáronse as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.

A Xunta suma máis de 3 M€ en incentivos ao sector nos últimos 5 anos, para a modernización da súa flota, tendo en conta a convocatoria correspondente ao ano 2021, que está actualmente aberta, dotada cun crédito de 350.000 euros.

Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade deste sector do que dependen case 4.000 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.

A Guarda conmemora o Día Internacional da Muller 2021

0

Nun ano marcado pola pandemia e polas restricións sanitarias desde o Concello da Guarda programáronse actividades adaptadas á situación actual para seguir reivindicando e loitando por unha igualdade real entre mulleres e homes en todas as esferas da vida (no ámbito persoal, familiar, laboral, de lecer…).

Actividades programadas para este ano 2021:

Campaña de sensibilización – O Concello de A Guarda énchese de frases e palabras a prol da Igualdade á muller durante o mes de marzo.

A través do poder dos deseños, composto dun perfil de caras de mulleres de diferentes idades e razas, e mostrando palabras ou frases a prol da Igualdade, pretendemos conmemorar dende A Guarda o Día Internacional da Muller.

Queremos indicar que o material empregado para pendurar os carteis de formato redondo nas árbores foi corda de cáñamo coa intención última de non ferir ás árbores.

A Campaña de Sensibilización vese complementada cunha valla publicitaria na Alameda con motivo do 8M, a colocación dunha pancarta no balcón do Concello, a Iluminación en cor morada do Concello e do CIM, así como unha entrevista á directora do CIM na radio do IES A Sangriña feita polo propio alumnado do Centro.

E este ano queremos centrar as nosas actividades na poboación máis nova, as crianzas e a xuventude, porque consideramos primordial que a concienciación e o fomento de Igualdade entre mulleres e homes estea centrada neste sector da poboación.

Actividades nos centros de ensino

O Contacontos “O pozo das Señoras” con  Rilo e Penadique (contadora de contos e música) levarase a cabo en formato online (debido a situación sanitaria actual) dirixido a crianzas con idades comprendidas entre os 6 e 10 anos.

Ofreceráselle a todos os centros de ensino da Guarda unha ligazón que estará dispoñible durante toda a mañá do martes día 9 para facilitar o seu acceso e adaptarse á programación educativa de cada centro.

A actividade que chamamos “Mulleres galegas, donas do seu”  vai ir dirixida ao alumnado de 1 º de Bacharelato do IES A Sangriña,  é un dos exercicios prácticos  de Interpretación do Patrimonio material e inmaterial galego, que 14 alumnos/as de 2º curso do Ciclo Superior de Guías, Información e Asistencia Turística  do CIFP de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza en Pontevedra, deseñaron no módulo de Procesos de Guía que imparte a profesora Tina Otero.

Consiste en investigar e recuperar aspectos moi interesantes da dura vida de  moitas mulleres galegas e non galegas tiveron ao longo da historia e convertelo nun discurso dinámico, interesante e actual para que a nosa audiencia,  xoves  adolescentes coñezan as estas protagonistas, mulleres que viviron en tempos duros, difíciles.. pero que  non se acobardaron… loitaron, traballaron e se esforzaron para mellorar a súa situación, a das súas   familias e sen sabelo a de toda a sociedade, porque elas axudaron a que agora no século XXI as mulleres teñamos máis dereitos, liberdades e unha mellor vida, de feito van recoñecer nestas historias ás súas nais e avoas.

O obxectivo principal deste traballo é aplicar os coñecementos, destrezas e habilidades acadadas durante o ciclo e preparar  emotivos discursos complementados con  dinámicas presentacións que sacan do esquecemento  histórico a estas mulleres,  darlles voz e poñelas como exemplo para invitar a toda a sociedade a seguir loitando por esa igualdade e liberdade  que desgraciadamente aínda a día de hoxe as mulleres e as xoves ás que está dirixido este discurso as  veces  non temos…. buscamos provocar na nosa audiencia  unha reflexión e reacción final  positiva con cada unha das mulleres e oficios que presentamos, por iso a grande importancia de proxectos como o que nos presenta a profesora Tina Otero que nos ofrecen a oportunidade de crear sinerxias entre diferentes centros educativos e o CIM da Guarda. Convídase a todas as persoal que queiran vestir algunha prenda ou pór algún complemento de cor morada, como cor que simboliza o Día Internacional das Mulleres.

Mos constitúe a Mesa Local da Saúde coincidindo co Día Mundial da Obesidade

Coincidindo co Día Mundial da Obesidade, e a petición do persoal de Enfermería do Centro de Saúde de Mos, onte celebrouse no Pazo de Mos a sesión constitutiva da Mesa Coordinadora dos Programas Municipais de Saúde, contando coa presencia do Xerente da Área Sanitaria de Vigo e do CHUVI, Javier Puente.

Ademais de Puente asistiron á constitución da Mesa, convocada polo Concello de Mos, a alcaldesa, Nidia Arévalo; Sara Cebreiro, concelleira de Política Social e Igualdade; Julia Loureiro, concelleira de Educación; Lorena Comesaña, Macarena Chacón e Lucía Leirós, enfermeiras de medicina Familiar e Comunitaria do Centro de Saúde de Mos; Pablo López, Traballador Social da Asociación Española Contra o Cancro; Lorena Lago, monitora deportiva do Concello de Mos; Sandra Ledo, Traballadora Social do departamento municipal de Servizos Sociais, e Alba María Bugarín, Educadora Social do departamento municipal de Educación.

Na súa intervención o Xerente do CHUVI, manifestou a “total dispoñibilidade e absoluta colaboración da Área Sanitaria, do SERGAS e da Consellería de Sanidade en iniciativas deste tipo orientadas a facer un Mos máis saudable”.

Sobre esta Mesa que aglutina a diferentes colectivos municipais relacionados coa saúde, profesionais do ámbito e sector sanitario, etc. a rexedora local mosense declarou que “faise especialmente importante e necesiaria nun momento no que consideramos fundamentais este tipo de iniciativas dada a crise sanitaria derivada da COVID-19 na que nos atopamos inmersos, polo que felicito e doulle as grazas ao persoal do Centro de Saúde que tivo a iniciativa. E tamén destacar que teña sido constituída no día de hoxe, Día Mundial da Obesidade, como símbolo da loita contra esta importante causa de enfermidade e a promoción desde o Concello de Mos de hábitos de vida e alimentación saudables para combatila”.

Durante a celebración da Mesa plantexáronse e paníficaronse actividades a levar a cabo cos diferentes colectivos (escolares, adolescentes ,mediana idade e maiores) por parte das enfermeiras. Presentouse o obradoiro de almorzos saudables na escola por parte de Julia Loureiro. E acordouse iniciar, despois da vindeira Semana Santa, un programa de actividades deportivas ao aire libre para maiores, organizadas en grupos moi reducidos e guiadas polos monitores deportivos municipais; para que este colectivo, moi activo no municipio e que é o que máis está a sufrir o illamento por mor da crise sanitaria, poida retomar o exercizo físico e a socialización que tanto lle convén e que tanto ansía.

Os obxectivos desta primeira reunión da Mesa eran dar a coñecer aos principais activos comunitarios, a iniciativa de crear un espazo que se converta nunha ferramenta clave de participación que permita coñecer as necesidades sentidas dos cidadáns, organizacións e institucións locais e que a través da coordinación desenvólvanse intervencións comunitarias que dean resposta a estas demandas mellorando a calidade de vida da poboación mosense. Facilitar o contacto, comunicación e coordinación intersectorial no municipio. Crear sinerxias entre os diferentes actores do territorio optimizando os recursos da comunidade. Visualización das fortalezas e debilidades do territorio. Promover a saúde e o benestar social, potenciando a capacidade das persoas e grupos para a abordaxe dos seus problemas, demandas e necesidades.

O Concello de Tui creará unha nova área recreativa na sede do CRA Mestra Clara Torres nas Bornetas

0

Nos próximos días iniciaranse as obras de acondicionamento da área recreativa na sede do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres, nas Bornetas. Os traballos, financiados con fondos do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra, tiñan un prezo inicial de licitación de 107.105,11 euros e adxudicáronse nun procedemento en aberto á empresa Sodein Solucións Integrais por un importe de 87.271,55, cun prazo máximo de execución de 2 meses.

A obra abrangue unha superficie de 346 m2. Consistirá nunha serie de actuacións previas, como a retirada da marquesiña que se atopa na fachada, por atoparse en moi mal estado xerando un importante feísmo non só para a edificación senón tamén para o viario, retirada dun telladiño que se atopa no interior dese recinto, ao estar en mal estado e ser de amianto, acondicionamento de todo o muro exterior e renovación de todo o sistema de peche perimetral xunto co tratamento do todo o muro exterior.

Esta actuación segue a nova política de parques e xardíns que contempla o acondicionamento e recuperación de espazos de lecer ao aire libre para o goce de todos e cada un dos membros da unidade familiar. Así enténdense estes lugares coma inclusivos e integradores, que a maiores de ser un espazo para xogos deben incluír zonas de aprendizaxe e desenvolvemento en idades temperás, sen deixar atrás a posibilidade de gozar e realización de exercicio para os maiores nunha contorna adaptada, adecuado e agradable para o desempeño destas actividades.

[su_image_carousel source=”media: 31683,31684,31681,31680″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Na sede do CRA nas Bornetas a área de xogos infantís estará composta por unha montaña, con zona de escalada por cordas, 15 puños de escalada, un trampolín circular, un tobogán para os máis pequenos, e un túnel. Tamén incluirá unha randeeira (columpio) de dobre asento: asento plano e asento tipo berce para bebes; balancín dobre: para ir sentado ou de pé; xogo de peirao tipo cesto e xogo de peirao para dous usuarios. Outro dos elementos a colocar será unha torre dobre para nenos de 3 a 14 anos: integrada por dúas torres con acceso una por unha escaleira colgante e outra por un muro inclinado de escalada, comunicadas entre si por unha ponte de cordas e con saída por un tobogán. Unha das torres ten un xogo de 3 en raia.

Areas de seguridade dos elementos, de caucho continuo

Tamén se vai acondicionar unha area de biosaludables cun elemento de biosaludables de cintura para 3 usuarios, un elemento de esquí de fondo, un elemento biosaludable elevador para 2 usuarios e unha bicicleta estática.

O proxecto a executar contempla tamén a colocación de mobiliario coma unha mesa de picnic feita de material reciclado, unha mesa con 4 bancos con taboleiro para xogar ao parchís, aparcabicicletas, unha papeleira con capacidade para 240 litros, con 4 espazos para recollida selectiva e de orgánicos, e dous bancos.

superficie do recinto cuberta de céspede artificial

Cabe facer unha mención especial ao nomeamento no pasado ano 2020 ao CRA Mestra Clara Torres como a Mellor Escola de España, sendo un exemplo para todo o país de dinamización en contornas rurais a través da participación e implicación das familias e da comunidade que forma parte. Un centro creado hai máis de 20 anos coa fusión de 9 escolas unitarias repartidas en 9 parroquias de Tui, que por desgraza a data de hoxe víronse mermadas de forma considerable.

Neste sentido, e recollendo o espírito de integración, igualdade e solidariedade nas súas actividades xunto coa súa capacidade de transformación, o Concello de Tui como homenaxe a este labor educativo realizará un grafiti en todo o muro perimetral, recollendo todos estes aspectos que esta comunidade educativa ten abanderado durante estes anos. Esta actuación foi encargada ao Grafitero do Val Miñor Gori, que conta entre outros traballos destacados co parque da Coelleira en Gondomar, o traballo na Asociación de Mariñeiros en Bouzas en Vigo, as pinturas da empresa Aqualia inspiradas no mundo mariño entre outros. O Concello de Tui xa conta cunha das súas obras no pavillón novo coa figura de Michael Jordan.

Galicia rexistra un total de 4.168 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.168, deles 1.388 son da área da Coruña, 373 da de Lugo, 250 da de Ourense, 599 da de Pontevedra, 722 da área de Vigo, 460 da de Santiago e 376 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 89 están en UCI, 311 en unidades de hospitalización e 3.768 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 106.901 persoas curadas, rexistrándose 2.262 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.700.113. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 255.595.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

CCDR-N, Xunta de Galicia e AECT’s da Eurorrexión analizan actual situación de fronteira

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño participou, este pasado mércores, nunha reunión promovida polo AECT Galiza-Norte de Portugal (GNP, AECT), na que tamén participou o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente e o vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, António Cunha e Beraldino Pito, e o director xeral de Relacións Externas da Galicia, Jesús Gamallo, así como o AECT Eurocidade Chaves-Verín.

Deste encontro de traballo conxunto, e que se pretende que pase a ter un carácter regular, resultou a convicción común de que os graves impactos da pandemia Covid-19 e das fortes limitacións impostas á circulación económica e social nas zonas fronteirizas, altamente integradas entre o Norte de Portugal e Galicia, nomeadamente polo peche das fronteiras, xustifican a adopción de medidas de compensación económica e de estímulo á reactivación das actividades empresariais, comerciais e turísticas.

O AECT Río Miño reiterou “a urxencia” para que os concellos do territorio do Miño afectados polo polo peche da fronteira “teñan prioridade” no momento da distribución dos fondos europeos que están agora a ser xestionados: os do ‘ Next Generation’ e os do próximo cadro comunitario, do programa POCTEP 2021-2027, no cal tanto a Xunta da Galicia como a CCDR-N teñen capacidade de xestión.

Reiteran, solidariamente, o chamamento anteriormente efectuado de que sexan abertos todos os puntos de fronteira existentes, cos mecanismos de control necesarios para respectar as normas sanitarias definidas, traballando así para que os cidadáns e as empresas destes territorios non sexan penalizados por habitaren unha rexión onde “a Europa se fai” diariamente.

Os participantes acordaron apoiar tamén a iniciativa para a creación dun “Mecanismo para remover os obstáculos xurídicos e administrativos nun contexto transfronteirizo”, por consideraren que pode ser unha ferramenta útil para encontrar solucións para problemas de natureza xurídica e administrativa que se colocan aos habitantes das zonas de fronteira.

No encontro tamén quedaron reflectidas expresamente “as ganas e o compromiso eurorrexional de relanzamento da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, cuxo plenario, que se realizará en canto sexa posible, será obxecto duna actualización para integrar a nova realidade da cooperación territorial, especialmente, de axentes como os AECT e as Eurocidades.