12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui presenta o seu III Plan Municipal da Igualdade con 50 medidas...

    Tui presenta o seu III Plan Municipal da Igualdade con 50 medidas e 162 actividades para unha igualdade “real e efectiva”

    Terá unha vixencia de 4 anos e aplicarase de forma transversal en todas as áreas

    A Casa do Concello de Tui acolleu, este pasado vernes, a presentación do III Plan de Igualdade entre homes e mulleres do Concello de Tui. Aprobado por unanimidade en plano o pasado mes de decembro, recolle a folla de ruta a seguir durante catro anos para lograr unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia de xénero. Con este acto abriuse hoxe o programa de actividades previsto con motivo do Día Internacional da Muller, 8M.

    A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Igualdade, Ana Núñez, e da técnica redactora do Plan, Laura Seara.

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que “este é un plan desta institución” indicando que “servirá coma guía e referencia das políticas que estamos desenvolvendo e se van desenvolver”. Apuntou que o este ten que ser “un documento vivo que permita levalo á práctica”. Amosou a súa satisfacción pola implicación dos distintos colectivos sociais no proceso de redacción deste Plan. Concluíu indicando que “en igualdade queda moitísimo traballo por facer porque non todo está conseguido”.

    A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, expuxo que o Plan presentado hoxe é “un documento para lograr unha igualdade real e efectiva” ao tempo que recoñeceu que “aínda queda moito por facer” xa que o propio Plan na súa diagnose amosa “a existencia e persistencia das desigualdades estruturais”. “As políticas de igualdade, os dereitos, as leis, os cambios perduran, e son patrimonio de todas e todos” indicaba a edil que concluía manifestando que “coa aprobación deste plan o Concello de Tui amosa un compromiso decidido e responsable, e coma sempre activo, para a igualdade. É a nosa responsabilidade dotarnos de todos os instrumentos para erradicar discriminacións e lograr unha sociedade máis xusta e máis igualitaria”.

    Laura Seara, técnica redactora desta III Plan de Igualdade, destacou que este é un documento ambicioso, moi participativo e transversal que nace cun gran liderato e gran implicación.

    O Plan de Igualdade recolle unha folla de ruta a seguir nos próximos catro anos. O documento comeza cunha análise pormenorizada da situación no municipio, por sectores e áreas, e cos resultados das enquisas realizadas á poboación. Na síntese sinálase a detección de “desigualdades entre mulleres e homes, fundamentalmente no ámbito sociolaboral”. As mulleres son o 51.8% da poboación tudense.

    Os obxectivos do Plan de Igualdade

    • Introducir a perspectiva de xénero no funcionamento do Concello
    • Implicar a todas as concellerías e departamentos municipais no desenvolvemento de políticas, programas, estratexias e accións de igualdade.
    • Detectar e combater as fendas de xénero económicas, sociais, culturais e políticas en Tui.
    • Favorecer a participación da cidadanía na posta en marcha das políticas de igualdade en Tui.
    • Poñer en marcha os mecanismos axeitados para remover os obstáculos que manteñen as discriminacións por razón de sexo e perpetúan a desigualdade estrutural das mulleres.

    O Plan desenvólvese en 8 áreas de actuación o Concello; Emprego; Conciliación da vida familiar, laboral e persoal; Inclusión con perspectiva de xénero: Saúde, Calidade de vida e deporte; Coeducación e cultura; Urbanismo, Mobilidade, Medioambiente e Seguridade; e o Combate contra a violencia de xénero. Nas mesmas recóllense en conxunto 50 medidas e 162 actividades a realizar.

    As medidas contempladas aplicaranse de forma transversal en todas as áreas municipais.

    Contémplase a adhesión do Concello de Tui ao sistema Viogen, a creación dunha Unidade de Apoio Local contra a Violencia de Xénero e un Protocolo de Prevención do Acoso Sexual e de Acoso por Razón de Sexo no Concello de Tui.

    Tamén se prevé a creación do “Espazo en Igualdade” na web municipal. No mesmo recollerase toda a información de normativa, recursos, enlaces de interese, novas municipais, actividades, ou un espazo para reflexión con texto de escritoras e activistas relacionadas co feminismo.

    A redacción do Plan contou co financiamento da Deputación de Pontevedra e cunha achega municipal.

    Acto institucional

    O próximo luns, 8 de marzo, ás 12 h, no edificio da praza da Inmaculada, terá lugar o acto institucional. O acto abrirase coa proxección do audiovisual Únete á R-Evolución nos coidados que rende homenaxe ás mulleres que estiveron en primeira liña durante a pandemia, e que ao tempo constitúe unha reivindicación do valor dun traballo absolutamente feminizado e invisibilizado no que urxe promover a corresponsabilidade.

    A continuación seis mulleres, de distintos ámbitos, darán lectura ao manifesto O persoal é político reivindicativo da axenda femininista en distintos ámbitos. Haberá poesía coa pedagoga Teresa Domínguez, quen dará lectura a un poema da súa autoría, e música con Dafne Piñeiro e Lourdes Quintela, alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

    O aforo está limitado pero poderase seguir en directo canle de Youtube, na web e nas redes sociais do Concello de Tui.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.