Luns, 4 Agosto de 2025

A Deputación saca a licitación a mellora mobilidade da EP-4006 Ponteareas-As Neves

A Deputación de Pontevedra segue a apostar por un modelo amable, seguro e sostible nas estradas provinciais coa licitación da mellora da mobilidade peonil da EP-4006 Ponteareas-As Neves. As actuacións teñen un orzamento de 117.400 euros e con elas acondicionaranse 120 metros de estrada na contorna da rotonda que comunica coa EP-4202, situada no concello das Neves.

Con estas obras a institución provincial dálle prioridade ao tráfico peonil ao incrementar o espazo ocupado polas beirarrúas á vez que mellora a seguridade viaria mediante a reordenación dos accesos á rotonda e ao apartadoiro do autobús. As empresas que desexen levar a cabo este proxecto poden presentar as súas ofertas ata o 30 de novembro.

Máis polo miúdo, contémplanse actuacións na devandita rotonda, que contará con dous carrís de circulación  de catro metros e unha beiravía exterior de 0,5 metros, así como a instalación dunha nova marquesiña e da sinalización horizontal e vertical correspondente.

Do mesmo xeito procederase á reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e alumeado público con luminarias LED, máis respectuosas co medio ambiente. Tamén se acondicionarán as zonas verdes, rotonda e illotes con terra vexetal e céspede e ao longo das beirarrúas distribuiranse nove árbores e catro bancos de granito.

Este domingo celebrase o I Ciclocross Concello da Guarda

0

Na xornada deste xoves día 11 de novembro de 2021 a Casa dos Alonso acolleu a presentación do I Ciclocross Concello da Guarda, un evento deportivo que terá lugar o vindeiro domingo día 13 de novembro, organizado polo Clube Insitu, que conta xa con preto de 30 deportistas federados nos seus 5 anos de andadura.

No acto de presentación estiveron presentes o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e representantes do Clube Insitu, organizadores desta primeira edición, que deron a coñecer os pormenores deste evento deportivo.

Ás 9:30h da mañá arranca esta proba deportiva que terá lugar entre a Alameda da Guarda, o Campo de Fínola e o antigo Estadio do Trega, cun circuíto preparado para a ocasión con 3 quilómetros de percorrido nos que os participantes se atoparán con diferentes tipos de obstáculos que deberán superar. A proba, que contará con preto de 400 participantes, desenvolverase por categorías dende os Cadetes ata os Másters, comezando polas categorías superiores.

Destacan coma atractivos que se realizará nun entorno urbano, polo que se convida a toda a veciñanza a achegarse para presenciar a proba deportiva e animar aos deportistas participante, achegados dende toda a xeografía galega.

O ciclista local Jonatan Sousa afronta esta proba co ánimo de defender o maillot de líder na súa categoría.

Para Antonio Lomba, resulta moi importante que un clube local coma Insitu organice este tipo de eventos, promocionando un deporte que está a espertar moito interese e confía en que a proba se afiance nos vindeiros anos.

Montserrat Magallanes valorou moi positivamente a iniciativa, engadindo que o “deporte é saúde”, polo que as probas deportivas sempre contarán co apoio do Concello da Guarda.

Debido á celebración da proba as rúas Coruña e Rosalía de Castro terán limitacións de tráfico durante o transcurso do evento(entre as 9:00h e as 13:00h).

Fronte común para materializar a ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira

A recepción da presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez ao novo alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, finalizou hoxe coa certeza da necesidade de “aproveitar o momento” para materializar a nova ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira reclamando dende unha fronte común a inxección de novos fondos europeos do ‘Next Generation’.

O encontro, que tivo o seu momento institucional coa sinatura do rexedor cerveirense e da alcaldesa de Tomiño Sandra González no libro de honra da Deputación, serviu tamén como xornada de traballo para poñer sobre a mesa os avances na tramitación da construción do viaduto.

Neste sentido, anunciouse que xa existen informes sectoriais positivos das administracións competentes e que hai boa predisposición tanto a nivel autonómico como estatal para conseguir fondos europeos que financien a obra, aínda que é preciso pechar compromisos en firme e agardar a distribución final dos cartos. Queda por decidir tamén como se licita a obra, ben dende o AECT Rio Minho, dende a parte galega ou ben dende a parte portuguesa, xa que iso incidirá no custo final, por ser o IVE na parte española do 21% e apenas do 6% na parte lusa.

A presidenta provincial, Carmela Silva, felicitou ao alcalde de Vila Nova de Cerveira pola súa recente elección e pola dirección do Consello Coordinador da AECT Río Minho, unha entidade que, como subliñou, “é a AECT máis potente, e xa unha referencia dos novos valores de transformación que quere impulsar a Unión Europea agora concretados nos fondos Next Generation”. Neste senso, apuntou que “ambición” é a palabra que mellor define esta entidade, “de crer que podemos facer todo e non temos que ter límites” e concretada en proxectos como Visit Minho, Smart Minho, así como os que se presentarán aos fondos europeos. A presidenta incidiu tamén nos fondos POCTEP 2021-20276 e subliñou a “clara” posición da Deputación para que sexan investidos en concellos transfronteirizos: “Non pode ser que a maioría dos recursos os leven outros territorios que nada teñen que ver coa fronteira  e que están a recibir moitos recursos”, afirmou.

Respecto ao proxecto do Parque da Amizade, coa ponte peonil que unirá Tomiño e Vila Nova de Cerveira, subliñou que máis alá da calidade da obra arquitectónica, será “un vínculo de unión para crear estratexias e accións conxuntas e garantir dereitos e servizos a ambos lados do Miño”. Cualificouno como “innovador” e “unha excelencia”, para a que “temos o compromiso do Goberno para recibirnos e tomar conciencia de cal é este proxecto”.  “Non o podemos perder –indicou- e estou segura que imos conseguir a financiación. É un proxecto traballado con transparencia, participativo e comprometido”. “É –dixo-  intentar que dous concellos poidan ter un proxecto común que facilite poñer en valor dous territorios irmáns, e que permitiría converter esa zona nun espazo de excelencia, que marcaría unha forma de entender o territorio. Un espazo de encontro onde acontecerían cousas marabillosas a nivel cultural, social e de relación entre dúas vilas que levan tempo traballando para ter visións conxuntas.  E é un discurso que en Europa debería ser aplaudido. Realmente creo que hai poucos proxectos como este que nos poidan situar tanto e que poidan facer que Europa entenda que desde o mundo local hai moitísimo talento, intelixencia e ideas nos concellos”.

Pola súa banda, o deputado Uxío Benítez, lembrou que o proxecto da ponte peonil foi un soño anunciado en 2012, que deu o seu primeiro paso formal en 2016 co protocolo de colaboración entre Tomiño, Cerveira e a Deputación, cando esta se comprometeu a financiar un concurso de ideas. Subliñou que o proxecto gañador chegou da man da UTE de Burgos&Garrido e o enxeñeiro Alejandro Bernabeu e que o resultado é un proxecto que se adapta á contorna e que permitirá unir ambas beiras do río nun parque transfronteirizo. “Este é o momento”, insistiu Benítez citando a posibilidade de obter fondos europeos do Next Generation pola coincidencia cos obxectivos que a UE marca para os investimentos.

A alcaldesa Sandra González indicou, pola súa banda, que a ponte é un proxecto “para revalorizar o territorio, un espazo único e transfronteirizo que debe ser exemplo de sustentabilidade amais dunha irmandade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Os Fondos Next Generation deben darlle o empurrón final”.

Finalmente, o novo presidente de câmara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, quen aproveitou para coñecer de primeira man o proxecto técnico da nova ponte con todos os seus detalles, recoñeceu tamén que nestes momentos  “hai cartos” para financiar a iniciativa, e subliñou que como responsable municipal traballará arreo por iniciativas que melloren a vida da cidadanía no territorio transfronteirizo.

O Centro Cultural de Saramagoso, no Viso, programa un concerto de música tradicional para o sábado 13 de novembro

0

O Centro Cultural de Saramagoso, conxuntamente coa Sociedade Cultural do Viso e o Concello de Redondela organizan para o vindeiro sábado 13 de novembro ás 18 h un concerto no que a musica tradicional é a protagonista.

O evento, de carácter familiar, pretende axudar a recuperar a música e as actividades culturais que viñan sendo habituais na parroquia antes da pandemia da Covid. Para esta cita coa música tradicional contarase coa participación das pandereteiras O Carballo das Cen Polas, os gaiteiros Airiños de San Simón e os gaiteiros do CRC de Chapela.

Gondomar inicia os trámites para que as Rondallas de Reis sexan Festa de Interese Turístico de Galicia

0

“É un compromiso que adquirimos como goberno hai case un ano e que, aínda que se viu freado pola pandemia, non deixamos de traballar nin un momento para que sexa unha realidade canto antes. Con esta aprobación damos un paso importante: formalizar a solicitude ante Xunta de Galicia para que o comité de valoración da Consellería de Turismo visite a celebración do 6 de xaneiro 2022”, explicou o rexedor Paco Ferreira.

O texto da moción aprobada pola corporación lembra que este certame é “unha das máis arraigadas e lonxevas tradicións do nadal en Gondomar, e que constitúe todo un símbolo distintivo dos fastos natalicios na localidade”. Nel tamén se recollen detalles sobre a orixe da súa celebración que xustifican os requisitos requeridos pola administración galega, como son, a antigüidade, arraigamiento, valor cultural e a súa continuidade no tempo.

Preto de 40 anos ininterrompidos

De feito o certame celebrouse de forma ininterrompida durante os últimos 37 anos, aínda que existe constancia dos seus oríxenes nos primeiros anos do século XX xa que se celebraba dalgunha maneira a visita de distintas grupos da provincia. De feito, xa no Faro de Vigo, en xaneiro de 1924, recóllese a noticia de que a rondalla “Piñeiro verde” de Bembrive acudiu a Gondomar onde foi obsequiada polo pobo e as autoridades da vila”.

A iso hai que sumar que o pleno da corporación municipal gondomareño aprobou en setembro de 1983 a moción pola que se convocaba o “I Certame de Rondallas de Reis e grupos floclóricos en Gondomar”, cuxa celebración se mantivo desde entón anualmente, sendo imposible a súa celebración no 2021 como consecuencia da pandemia e as restricións sanitarias establecidas.

O alcalde, Paco Ferreira, móstrase confiado en que se logrará a Declaración de Festa de Interese Turístico porque “cada ano son miles as persoas que se achegan a Gondomar para presenciar o desfile das rondallas da provincia que, no seu calendario, sempre teñen marcada esta data para dar o mellor nas nosas rúas”.

Tramitación

A instrución do procedemento corresponde á Axencia de Turismo de Galicia que, unha vez recibida a solicitude de Gondomar, deberá remitir á Dirección de Competitividade, que a examinará xunto a documentación requirida, remitíndose unha copia ás consellerías ou órganos do goberno galego que teñan competencias relacionadas coas manifestacións relativas á festa en obxecto de declaración.

Superado este trámite o expediente pasará ao Consello de Turismo para que emita o seu informe, tras o que será a quenda da Dirección de Competitividade constatar o cumprimento dos requisitos esixidos e pronunciarse sobre a procedencia ou non de outorgar a declaración de festa de interese turístico de Galicia. Ademais, poderase designar un equipo técnico que visitará o certame no día da súa celebración para elaborar un informe, visita que desde o concello confían celébrese o próximo 6 de xaneiro.

Completados todos os pasos a proposta de resolución elevarase ao Consello de la Xunta de Galicia, que terá un prazo de cinco meses para resolver e notificar a decisión final, que deberá publicarse non DOG e notificarse ao solicitante.

Menchu Lamas e Rosario Álvarez, gañadoras do premio Otero Pedrayo 2021

A artista viguesa Menchu Lamas e a presidenta do Consello da Cultura Galega, a pontevedresa Rosario Álvarez, son as gañadoras do Premio Otero Pedrayo 2021, convocado pola Xunta de Galicia e polas catro deputacións galegas e que este ano organiza a Deputación de Pontevedra. O xurado, reunido esta tarde e presidido por Carmela Silva, destacou a aportación de ambas galardoadas á cultura galega tras conceder este recoñecemento ex  aequo a Menchu Lamas, cuxa candidatura propuxo a Deputación de Pontevedra, e a Rosario Álvarez Blanco, proposta pola escritora Fina Casalderrey en representación da Real Academia Galega. O galardón está dotado con 16.000 euros.

Carmela Silva foi a encargada de comunicar  decisión a ambas as dúas premiadas ás que trasladou os parabéns de todo o xurado e manifestou a súa satisfacción por “este recoñecemento a representatividade das mulleres, algo que cremos imprescindible”. A presidenta provincial enxalzou “a extraordinaria” traxectoria das dúas premiadas” e lembrou que “durante moito tempo as mulleres xogamos un papel moi por debaixo do moito que temos aportado á cultura. É fundamental rachar cos datos abraiantes de invisibilización recordando que desde 1977 tan só cinco mulleres, co galardón de hoxe a Lamas e Álvarez Blanco, foron gañadoras deste Premio.

Carmen Lamas Pérez, Menchu Lamas (Vigo, 1954), é probablemente a artista galega de maior proxección internacional e unha creadora fundamental na renovación da arte galega. Convértese na primeira artista plástica en gañar o Premio. Lamas, tras estudar Deseño Gráfico na Institución Artística de Enseñanza (IADE) de Madrid e iniciar a súa traxectoria no Colectivo da Imaxe, con Carlos Berride, Antón Patiño e Jorge Agra, debutou cunha exposición colectiva na Praza da Princesa de Vigo en 1974 e colaborou tamén co grupo poético Rompente en dous libros de poemas. Foi fundadora do colectivo referente da Arte Galega contemporánea Atlántica en 1980, xunto a Antón Patiño, Ánxel Huete, Guillerme Monroy e Román Pereiro. Trala súa primeira exposición individual na Galería Buades de Madrid no ano 1982, durante esa década participou nalgunhas das mostras colectivas máis importantes da arte española contemporánea como 26 Pintores/ 13 Críticos, a segunda edición do Salón dos 16, a Bienal Nacional de artes Plásticas ou Cinco nomes de muller. Realizou múltiples exposicións individuais e participou en diversas mostras colectivas en distintos países.

Lamas pertence a unha xeración de artistas galegas e galegos que, tras a ditadura e instaurado o estado das autonomías, elabora un singular discurso plástico con referencias primitivistas á arte rupestre, ao románico popular ou ás lendas campesiñas. Deste xeito, estableceu un diálogo entre esa tradición de raíz autóctona e a modernidade, así como entre o abstracto e o figurativo, cun cromatismo vivo e luminoso. As súas primeiras pinturas son composicións abstractas a partir de elementos cotiáns coas que estrutura diferentes franxas a xeito de territorios cromáticos en expansión. Evolucionou logo cara á figuración  a través dunha enigmática iconografía composta por animais, humanos, círculos ou lúas. E posteriormente  someteu a súa obra a unha sintetización que dota a superficie pictórica dunha orde construtiva sobre a que asentan elementos figurativos reducidos á mínima expresión —siluetas, perfís, contornos— e emprega o recurso conceptual da sombra.

As súas obras están presentes no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, o Museo Patio Herreriano de Valladolid, o Museo Reina Sofía en Madrid e en coleccións como a Colección Abanca, Colección La Caixa de Arte Contemporáneo, Colección AFundación. En 2018 a súa obra O pescador (1983) formou parte da exposición El poder del arte, organizada polo 40 aniversario da Constitución española. En 2018 ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes. Conta cos premios Viguesa distinguida (2016) e o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas en 2010.

Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1953) é unha das mulleres máis relevantes da cultura en Galicia e a primeira en presidir o Consello da Cultura Galega, cargo que ocupa desde 2018. Atesora unha importante labor no ámbito da universidade, da investigación e da defensa da cultura gales e está vencellada desde o inicio da súa traxectoria profesional a numerosos organismos culturais e educativos. É licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde é catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa. Foi vicerreitora de profesorado da universidade (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013), entidade á que pertence desde 1974.

Integrante do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), é coautora de dúas gramáticas do galego, con Henrique Monteagudo e Xosé Luis Regueira (1986) e Xosé Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. É directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e codirectora do proxecto Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna; no CCG é, ademais, responsable do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica e directora da revista Estudos de Lingüística Galega. Pertence á Real Academia Galega desde o ano 2003, con funcións de coordinadora do Seminario de Gramática (desde 2003), Tesoureira (2013-2017) e directora da Sección de Lingua (desde 2013).

As súas liñas de investigación seguen tres eixes: o estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego; o cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio; e a edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento. Foi membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego dende os inicios. En 2014 participou na coordinación de Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada.  Ten publicados diversos libros de texto de lingua e literatura galegas para secundaria.  A súa labor investigadora é moi prolífica e ten publicado comunicacións en numerosos congresos e revistas, como Verba. Anuario Galego de Filoloxía, Madrygal, Cadernos de Lingua, Boletín da Real Academia Galega e Estudos de Lingüística Galega entre outros.

Xurado

Amais de Carmela Silva e Fina Casalderrey en representación da RAG, integraron o xurado o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez (por delegación do conselleiro de Cultura da Xunta); Xurxo Couto (en representación da Deputación de A Coruña); Tareixa Ferreiro (representando á Deputación Lugo); Ana Patricia Torres (Deputación Ourense); Victoria Alonso (Deputación de Pontevedra); María do Mar Lorenzo (en representación da Universidade de Santiago); Alfonso Caride Losada (Universidade de Vigo); Manuel Ferreiro Fernández (Universidade de A Coruña); Pablo Otero Piñeyro (en representación Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento); Marcelino Agís Villaverde (designado pola Xunta); Jose Antonio Fraga Vázquez (designado pola Deputación de A Coruña); Xosé Miranda Ruiz (designado pola Deputación de Lugo); Luis González Tosar (designado pola Deputación de Ourense); Paula Cabaleiro (designada pola Deputación de Pontevedra) e o representante da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López. Como secretario do xurado actuou o da Deputación pontevedresa, Carlos Cuadrado Romay.

O Rosal será un dos primeiros municipios da provincia en aprobar os orzamentos para 2022

0

O Concello do Rosal será un dos primeiros municipios da provincia en aprobar as súas contas para o vindeiro ano. O pleno ratificará este xoves 11 de novembro (20.30 h, salón de plenos do Concello) un orzamento para 2022 de case 4,8 millóns de euros. “A boa planificación e o bo funcionamento do Concello é o que nos permite aprobar xa uns orzamentos para o 2022 cos que facer fronte a un novo exercicio cheo de proxectos transformadores, como a Praza do Calvario”, sinala a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís.

O Rosal afronta o vindeiro ano con novos retos: xunto á Praza do Calvario, que recibiu recentemento o recoñecemento á súa calidade coa subvención da redacción do proxecto polo Plan Ágora da Deputación e o financiamento pola súa seguridade a través do ReacPon con 517.000 euros, tamén se vai a levar a cabo a ampliación do Mercado e a transformación da estrada Tabagón-As Eiras-Goián, entre outros.

Serán uns orzamentos “que recollen as necesidades de gastos estruturais e servizos con melloras para responder á realidade do Concello” no que se manterá por exemplo a aposta polas actividades culturais, festivas e deportivas, continuando coa liña do exercicio anterior, “coa capacidade de adaptación en todo momento ás circunstancias da realidade sanitaria e levando a actividade ás diferentes xudarías e barrios”. As contas para 2022 tamén dan continuidade ao traballo iniciado este ano no camiño da inclusión con programas como ‘Cocreando Sociedade’, facilitando así alicerces para traballar actividades dende a perspectiva integral da inclusión.

Por primeira vez, estes orzamentos contemplan unha liña específica de igualdade que xurde do compromiso do Goberno local por xerar unha actividade transversal que atenda a este obxectivo social de vital importancia, consolidando o programa ‘Revolucionando Mentes’ e as actividades que se desenvolven ao seu abeiro. Ademais, tamén se manterá a colaboración coas traídas de augas, mantendo o financiamento das analíticas das traídas veciñais iniciadas no actual exercicio, así como as subvencións para investimento nas mesmas.

Por outra banda, o presuposto municipal consolida o apoio ao tecido asociativo “como un dos motores do dinamismo social do Concello no eido cultural, deportivo, social e educativo”. “Despois dun ano atípico no que as asociacións atravesaron tantas dificultades, tamén en cuestións de financiamento, non podiamos deixar de colaborar con elas e de continuar cun apoio e colaboración que foi fundamental durante a pandemia”, recalca a rexedora.

No ámbito da promoción económica e do desenvolvemento de emprego o Concello está a traballar tamén cos organismos supramunicipais para tentar desenvolver algunha actividade formativa.

O Concello de Tui convoca un novo concurso de debuxo escolar para elixir a Postal de Nadal 2021

0

Imaxe de arquivo da postal gañadora do ano pasado

O Concello de Tui, a través da Concellería de Ensino e Cultura, convoca  unha nova edición do concurso para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2021. Vai dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explica que “a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal”.

Destaca que o traballo gañador deste certame será que o empregue o Concello de Tui na súa postal de Nadal coa que tradicionalmente felicita á veciñanza do concello. O positivo resultado da convocatoria deste certame no pasado ano 2020 animou ao Concello, en palabras de Sonsoles Vicente, a darlle continuidade á convocatoria.

A temática deste concurso de debuxo escolar é “O Nadal en Tui”. O que se pretende é que os nenos e nenas tudenses, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello, por tanto é obrigatorio incluír na postal algunha referencia a Tui.

Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados.

Cada participante poderá presentar un único traballo orixinal e inédito con técnica libre. Establécese coma condición que o deseño non presente releves, nin purpurinas ou outro material similar para facilitar a súa reprodución impresa. Cada centro elixirá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de novembro.

Establécense tres premios:

  • 1º premio de 100€ para consumir en establecementos comerciais do municipio, un lote de pinturas, bloc e material de pintura e un lote libros, valorado en 40 euros. A obra gañadora do concurso será a postal do Nadal do Concello de Tui.
  • 2º premio de 70€ para consumir en establecementos comerciais de Tui e lote de libros.
  • 3º premio de 50 € para consumir en establecementos comerciais do municipio e lote de libros.

Asinado o convenio coa Deputación para o mantemento dos semáforos das estradas provinciais

0

Concello de Mos e Deputación de Pontevedra veñen de asinar o convenio que regula o mantemento dos semáforos nas estradas provinciais que pasan polo municipio. Convenio que, desde a administración local mosense, víñase pedindo desde fai meses que se axilizase a súa formalización e remisión ao Concello por parte da Deputación de Pontevedra; polo que alcaldesa e tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Nidia Arévalo e Camilo Augusto, respectivamente, manifestaron a súa satisfacción, pois incluso atópase xa adxudicado o servizo e contratada a empresa concesionaria que asumirá o mantemento dos devanditos semáforos.

O obxecto do convenio é establecer as condicións que rexen a posta a punto e mantemento dos semáforos instalados nas estradas EP-2602 Peinador – Louredo, EP-2601 Mos – Puxeiros, e EP-2603 Puxeiros – Peinador.

O devandito convenio asume, e así o expresa literalmente, que “correspóndelle á Deputación de Pontevedra a contratación, comprobación e recepción do servizo necesario para a posta a punto dos semáforos cun período de garantía dos traballos contratados de tres anos, comunicarlle ao Concello a recepción dos servizos de posta a punto e asumir as obrigas de conservación e mantemento”. Ademais, calquera incidencia que poida xurdir no desenvolvemento dos traballos de posta a punto, por causas imprevistas e que obriguen a unha modificación do contrato e se produza un incremento do custo, será financiada pola Deputación.

Pola súa banda, o Concello debe levar a cabo, con carácter permanente, a vixilancia periódica e o mantemento da funcionalidade dos semáforos, continuando a ser titular do subministro eléctrico dos mesmos e sendo do seu cargo a conservación dos mesmos logo da comunicación da Deputación de Pontevedra de finalización dos traballos de posta a punto.

O servizo de posta a punto dos semáforos obxecto deste convenio será realizado e financiado pola Deputación de Pontevedra, cun gasto estimado de dez mil euros (10.000 €).

Os representantes municipais Arévalo e Augusto celebraron polo tanto a sinatura deste documento despois de tantos meses de espera e da presión que se tivo que exercer por parte da administración local mosense para que finalmente se formalizase.

Consideran que a espera para a reparación dos semáforos e a demora dun ano na formalización do convenio a tal fin foi excesiva, pero síntense satisfeitos de ter podido solventar dunha vez a problemática.

“As estradas provinciais en Mos son viais con moito fluxo de tráfico e conectan importantes núcleos de poboación tales como Puxeiros, Peinador, San Mamede de Torroso, Santa Eulalia de Mos, etc. de ahí a importancia de que se manteñan en perfecto estado de revista”, insisten Augusto e Arévalo.

Antecedentes do convenio

Fai meses que se mantivera unha reunión a este respecto con representantes da Deputación que recoñeceron a competencia e responsabilidade da administración provincial sobre estes semáforos e comprometéronse a arranxar os averiados que non funcionaban (Puxeiros e Guizán), ao tempo que redactarían un convenio entre Deputación de Pontevedra e Concello de Mos para establecer as competencias e responsabilidades de cada administración sobre os mesmos, asumindo a primeira o mantemento dos sistemas de funcionamento e a administración local as reparacións menores tales como o cambio de luminarias cando estas se fundan, por exemplo. Desde o Concello esperouse máis de dous meses tras esa reunión sen que se formalizase o documento que, por fin, hoxe é xa unha realidade, asinado por ambas partes e coa empresa contratada.

Sobre un ano de espera foi o que tivo que agardar Mos a que se resolvese esta situación, mentres veía como o número de semáforos de viais provinciais averiados aumentaba, xa que estropeouse tamén o de Torroso, co conseguinte perigo que iso supón para a seguridade viaria e as vidas das persoas, tanto viandantes como conductores; xa que a inactividade destes semáforos multiplica exponencialmente o risco de atropelos e/ou colisións entre vehículos en cruces perigosos de vías.

Oito mozos de Ponteareas intercambian experiencias en Croacia con voluntarios e voluntarias de cinco países

Oito mozos integrantes do Servizo de Voluntariado do Concello de Ponteareas participan estes días na localidade croata de Malino no proxecto de intercambio xuvenil ‘Actúa localmente, pensa globalmente’, unha iniciativa financiada polo programa de mobilidade Erasmus+ que ten por obxectivo sensibilizar á mocidade participante sobre a importancia da diversidade cultural dentro das comunidades e os seus beneficios, potenciando iniciativas dirixidas a fomentar a tolerancia, a solidariedade e unha verdadeira inclusión social.

Acompañados pola técnica da oficina de voluntariado municipal, Rocío Márquez, en colaboración coa Asociación Sociocultural Aporía, socia do proxecto, este oito rapaces e rapazas intercambiarán experiencias dende o 8 ata o 15 de novembro con outros mozos e mozas de entre 18 e 29 anos de organizacións locais procedentes de Turquía, Romanía, Grecia, Croacia e República de Macedonia.

Aloxados en casas hobbit ecolóxicas rodeadas cunha contorna natural e ambientalmente sostible, durante estes días os e as participantes mergullaranse nunha metodoloxía baseada nos fundamentos da educación non formal, traballando en grupo e fomentando o diálogo intercultural, o aprender facendo de xeito creativo e a reflexión persoal, entre outros aspectos. Durante estes días, estes mozos e mozas “desenvolverán propostas de participación xuvenil que se poderán aplicar nas súas propias localidades de residencia, creando ademais sinerxías para proxectos futuros”, explica o concelleiro de Voluntariado, Miguel Bouzó.

A Deputación distingue co ‘selo Revitaliza’ a catro negocios e o CPI de Mondariz

0

A Deputación de Pontevedra vén de distinguir co ‘selo Revitaliza’a catro negocios e ao CPI de Mondariz por compostar de maneira responsable o seu lixo orgánico. Algúns dos establecementos xa locen nas súas portas o distintivo que acredita que son ambientalmente sustentables e que fomentan a economía circular no relativo á xestión dos residuos.

Os distintivos foron entregados polo alcalde  de Mondariz Xosé Emilio Barros Bello, o concelleiro de Medio Ambiente Leopoldo Tato, e polo mestre composteiro Miguel Vilas Mestre, a Patricia Penelas, coordinadora do proxecto Paisaxe e sostentabilidade do CPI Mondariz, e ás persoas propietarias do restaurante pizzería O Castelo e das casas rurais Vinosobroso e A Cantaruxa Maruxa, ademais do restaurante Sevilla, cuxa representante non puido asistir ao acto e a quen se deu traslado da placa física posteriormente.

O vicepresidente César Mosquera lembra que a Deputación decidiuse a facer o distintivo de compostaxe responsable porque “todo o que se lle poida engadir de valor natural e ecolóxico a unha empresa ou entidade suma en positivo, sobre todo nun momento coma o actual”. “Queremos transmitir de maneira seria que hai restaurantes e centros que fan economía circular, que compostan os seus residuos, que teñen produtos abonados naturalmente que ofrecer no restaurante e que están aforrando unha cantidade de emisións de CO2 absolutamente enorme”, explicou, asegurando que os establecementos que compostan reducen as súas emisións a menos da metade. “Iso haino que ter en conta nestes días que se celebra o Cumio do Clima”, apuntou.

Mosquera lembrou que os negocios, colexios ou entidades de calquera tipo que teñan un “excelente en compostaxe” por cumprir os parámetros establecidos polo persoal do Plan Revitaliza poderán lucir nas súas portas os anagramas do Revitaliza, e tamén o distintivo personalizado, tal e como se fai con outras redes de calidade (Michelín,  Tripadvisor…).

Pola súa banda, o responsable da casa rural VinoSobroso, Saim Abi Saab, agradeceu o recoñecemento e subliñou que supón unha axuda para o negocio porque moita clientela ten en conta as cuestións de sustentabilidade ambiental á hora de decidir onde se hospeda. “A nosa política está moito nesas liña”, apuntou, para asegurar que o negocio está moi comprometidos e utiliza o compost producido coa materia orgánica para a horta, obtendo produtos de ‘quilómetro cero’ no mesmo local para servir nos almorzos. Tamén, no caso das crianzas, realizan actividades informativas do funcionamento do composteiro.

Pola súa banda, Tito Represas, propietario da casa rural ‘A cantaruxa Maruxa’ subliñou que “unha cousa que nos parece fundamental é a política medioambiental e sumar esforzos no relacionado co medio ambiente. Para nós a compostaxe é un plus e valoramos ofrecer produtos de calidade na mesa, de proximidade”. Insistiu en que compostar é un hábito diario que se ten convertido en algo mecánico. Agradeceu tamén o apoio do persoal técnico da Deputación e do Concello ao abeiro do Revitaliza polo asesoramento e o control para que todo o proceso de compostaxe sexa correcto.

Finalmente, tanto o alcalde ,Xosé Emilio Barros, como o concelleiro de Medio Ambiente Leopoldo Tato amosáronse satisfeitos cos datos que se están acadando en compostaxe e agradeceron o soporte da Deputación, que ten concedido ao Concello unha subvención de preto de 350.000 euros, ademais de ter instalados 13 centros de compostaxe comunitaria, repartidos preto de 1.000 composteiros individuais, creados varios puntos verdes, mercado maquinaria e vehículos e feito labores de divulgación. Mondariz, de feito, é un dos concellos mellor situados na provincia para cumprir a normativa europea de residuos da UE, que obrigará en breve a reciclar o 50% dos residuos.

Gondomar acolle unha nova edición do ciclo “Falamos” abordando principais preocupacións e retos de mozos e as súas familias

0

A III edición do ciclo de charlas-talleres “Falamos”, subvencionado por la Deputación Provincial de Pontevedra, arrincará este próximo xoves, 11 de novembro, e estenderase ata o 9 de decembro cun programa cun total de 29 intervencións, impartidas pola psicóloga Paula Rodríguez, dirixidas ao alumnado da ESO, familias e profesionais que están en contacto cos mozos e mozas.

Desde a concellería de Xuventude, organizadora do ciclo, subliñan a importancia que foi adquirindo en cada edición “sumando cada vez a máis persoas interesadas en participar e converténdose nunha peza troncal do traballo e a implicación do goberno de Gondomar en dotar aos mozos/as das ferramentas precisas para afrontar o seu futuro, á vez que se lles facilitan ás familias para que saiban actuar ante situacións novas que están a vivir”.

O alumnado de 2º da ESO dos Institutos Terra de Turonio e Augas da Laxe inaugurarán esta nova edición co primeiro dos talleres que se desenvolverá baixo o lema “Novas formas de violencia”, onde a través de tres sesións por curso trataranse de identificar as novas formas de violencia e sensibilizar e concienciar aos mozos e mozas sobre a necesidade de erradicala das súas vidas.

“Pensando no meu futuro” será o título das charlas que se impartirá ao alumnado de 3 e 4 da ESO abordando con eles e elas as novas profresións e o autocoñemento, con fin de motivalos na procura dun equilibrio entre ou que lles gustaría facer, ou mundo precisa e as súas capacidades e aptitudes para cada traballo.

Iria Misa presenta o seu libro “A cidade do Átomo” en Baiona

0

A escritora baionesa Iria Misa presenta o seu libro “A cidade do Átomo” o vindeiro venres 12 de novembro no Multiusos Mercado de Sabarís ás 19:30h.  O evento está aberto a toda a veciñanza até completar aforo.

Esta actividade forma parte da ampla programación de actividades deseñadas pola  Concellaría de Igualdade do Concello de Baiona, o “Novembro Lila”, un programa deseñado para sensibilizar, formar e dar visibilidade á problemática da violencia machista coincidindo co gallo do 25 N, día internacional contra a violencia de xénero.

A “Cidade do Átomo” logrou o recoñecemento do IV Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade en novembro de 2020, con todo a crise sanitaria e os tempos da editorial demoraron a súa posta de longo ata o mes de setembro e en outubro Iria Misa acudiu a Vilalba, municipio que convoca o certame xunto a Edicións Xerais, para recoller o galardón en persoa.

A escritora baionesa quixo esperar ata esta data para facer a presentación oficial do seu traballo e formar parte da programación do Novembro Lila.

O Programa Integrado de Emprego da Asociación de Empresarios de Redondela péchase cunha inserción laboral do 64 %

0

A Asociació de Empresarios de Redondela destacou o alto grado de calidade do emprego acadado polas persoas participantes no Programa Integrado de Emprego da entidade: o 80 % dos contratos das persoas participantes no programa integrado de emprego da asociación de empresarios de redondela 2020/21 cumpre os criteríos de calidade do emprego esixidos pola Xunta de Galicia.

A porcentaxe de inserción dos participantes que finalizaron o programa é do 64 % superando en case 20 puntos porcentuais os obxectivos iniciais.

Entre os colectivos participantes no programa compre destacar os resultados de inserción acadados polas mulleres, un 72,5 % dos contratos reúne os criterios de inserción e o 85 % foi contratada ao longo do programa.

Outro dos colectivos que destaca en canto a resultados de inserción son os menores de 30 anos cualificados que acadaron un nivel de inserción do 60 % e que demostra o interese das empresas locais por captar talento.

O compromiso coa formación e o desenvolvemento da autonomía foi clave en todo o programa, ao que contribuíu de forma destacada o programa de mentorización desenvolvido nas primeiras fases, e acadando resultados especialmente destacables no colectivo de menores de 30 sen cualificación sendo 8 os usuarios que retomaron os estudos para a obtención da ESO, nivel imprescindible para poder acceder ao mercado de traballo.

O emprendemento tamén tivo o seu oco no programa, destacando varias iniciativas de emprendemento e forxando as bases para outras dúas.

A adquisición de experiencia a través de prácticas non laborais que contou coa colaboración tanto de importantes coas empresas da comarca e con pequenos empresarios locais foi un instrumento que permitiu optimizar o proceso de sincronización entre oferta e demanda de traballo e atender mellor as dificultades que o sector empresarias se está atopando para cubrir postos de traballo.

PARTENON foi unha das empresas destacadas nesta colaboración, non so contratando a persoal do programa senon tamén acollendo sesión prácticas que permitiron aso usuarios adquirir a visión práctica dos procesos da empresas. Así os alumnos do itinerario de loxística e produción puideron comprender a importancia e funcionamento da xestión loxística dentro do proceso produtivo e os alumnos do curso de CRM e ERP puideron ver as funcionalidades da implementación da aplicación SAP na empresa e a optimización de recursos e capacidade para axustarse ás necesidades do cliente optimizando a xestión da información. Todo unha lección práctica que agradecemos a todo o equipo de Partenon e moi especialmente ao seu Responsable de Recursos Humanos.

A Asociación de Empresarios de Redondela agradeceu a todas a empresas colaboradoras co programa de emprego “a súa implicación e compromiso” e destacou a importancia de dar continuidade a estas iniciativas “para seguir favorecendo o desenvolvemento de capacidades para o emprego do factor produtivo con maior capacidade para xerar valor, as persoas, especialmente nun momento que o actual abocado transformación e no que a transformación dixital da man de obra é un reto que estes programas xa están a asumir”.

Un investimento da Deputación no Baixo Miño transformou toda a comarca

A comarca do Baixo Miño recibiu nos 6 transcorridos co actual goberno da Deputación, “o maior volume de investimento de toda a historia da institución provincial” cun total de case 48 millóns de euros. Así o afirmou a presidenta Carmela Silva durante o balance e acto de dación de contas, realizado hoxe en Tui cos medios informativos da comarca, no que mostrou “con orgullo”, dato a dato, “o modelo transformador que estamos a aplicar en toda a provincia e que está a ter uns resultados extraordinarios nos cinco concellos do Baixo Miño. Non hai quen os recoñeza, é unha transformación de 180 graos que nunca se mirara, e todo parte de ter moi claro o que queremos facer”. “Somos a Administración máis investidora, dixo, a que permite que se garantan dereitos e servizos, e simplemente hai que pasearse polos concellos para ver as obras con nomes e apelidos, ver o antes e o despois”, afirmou.

Carmela Silva recalcou que as cifras do Baixo Miño son posibles porque a Deputación dedica máis dun 31% do seu orzamento anual, segundo datos do Ministerio de Facenda, ás transferencias aos concellos, o que a converte na referencia nacional. A media das deputacións españolas está no 18% e a Deputación de Ourense quédase no 0,03%. “Houbo un cambio radical na Deputación de Pontevedra e hoxe hai un modelo de transformación desta provincia”, insistiu. Por concellos, e sen ter en conta os fondos europeos, a Deputación investiu durante este sexenio 10,6 millóns na Guarda, 3,6 millóns en Oia, 5,7 millóns en O Rosal, 14,3 millóns en Tomiño e 9,8 millóns de euros en Tui.

Na súa comparecencia, a presidenta provincial comparou o presente desta Deputación municipalista co seu pasado “caciquil e clientelar, cando se investía en concellos do PP e nin sequera en todos, senón particularmente naqueles nos que interesaba para sumar deputados provinciais”. “Antes había un modelo que defendía intereses algunhas veces incualificables e non había planificación dos recursos. E agora sucede exactamente igual coa Xunta de Galicia: que se comprobe cantos convenios asina a Xunta e con quen; é un descaro absoluto”. Engadiu que hai quen aínda se sorprende de que a Deputación practique un reparto xusto, equilibrado e obxectivo dos recursos, “pero somos como o día e a noite, o sol e a lúa, o branco e o negro”. “A min non se me pasa pola cabeza mirar quen goberna en cada concello. Gobernamos para a xente porque queremos cambiar a provincia de Pontevedra. Na Deputación de Pontevedra houbo un cambio radical e os resultados están aí: somos unha referencia no estado en igualdade, mobilidade sostible e recuperación de espazo público, cultura ou xestión de residuos.. e con premios estatais e internacionais”

287 obras realizadas co Plan Concellos, “que dise pronto”

O Plan Concellos, ao que definiu como “o plan estrela”, significou 24,2 millóns de euros repartidos obxectivamente no Baixo Miño, que se traduciron en 287 obras, “que dise pronto”, espetou a presidenta. Financiou 283 actividades socioculturais e a creación de 330 empregos. “A ver quen pon estas cifras sobre a mesa”, retou. Entre as obras máis significativas citou a reforma da Casa do Concello da Guarda, as sucesivas adquisicións de terreos de Oia, a reforma da Praza de Abastos do Rosal, ou as melloras na Alameda de Goián. “Dígoo con humildade, pero tamén con moito orgullo: non hai quen recoñeza a estes cinco concellos, que foron quen de transformar o seu espazo público e construír vilas amables e sostibles, que loitan contra o cambio climático, que se modernizan e dixitalizan os seus servizos; concellos do século XXI”. A presidenta invitou a reflexionar sobre o antes e o agora e a que se constate que os únicos valados de obras que se poden ver no Baixo Miño son da Deputación.

O Plan extraordinario DepoRemse, de seguridade viaria nas contornas urbanas, permitiu a execución de tres obras por valor de 1.424.843 euros nas rúas Vigo e Celta na Guarda, a praza do Seixo en Tomiño e o núcleo da Torre en Paramos (Tui). “Quen recuperou Paramos? Lembran o ruído que fixo a Xunta despois do accidente da pirotécnica? Hoxe Paramos é un núcleo que non ten nada que ver co que existía”, subliñou. Con cargo ao Plan Ágora, nacido para actuar no viario municipal, outorgáronse preto de 300.000 euros para as obras da rúa República Arxentina (Tomiño) e a redacción dos proxectos da rúa Joaquín Alonso (A Guarda), estrada vella ao mosteiro de Santa María (Oia), praza do Calvario (O Rosal) e paseo da Corredoira (Tui).

O servizo provincial de Infraestruturas acometeu un investimento de 8,7 millóns de euros que permitiron executar 23 proxectos nas 13 estradas provinciais. Entre elas, a mellora da estrada Tomiño Sabarís (2,8 millóns de euros), a recuperación peonil da rúa Concepción Arenal, na Guarda (1,7 millóns), a mobilidade sostible en Caldelas-Tui (600.000 euros), a seguridade viaria na estrada Tabagón-Goián (179.000 euros) ou a senda peonil nesta mesma estrada (máis de 650.000 euros). A maiores o Plan Móvese, para reducir a sinistralidade, permitiu colocar 67 redutores físicos de velocidade e 34 pasos de peóns sobreelevados. A deputación subvencionou, ademais, catro Plans de Mobilidade Sostible (PMUS), cos que, en palabras de Carmela Silva “adiantámonos, porque, anos despois, son a porta de entrada a moitos fondos Next Generation, FEDER e IDAE”. Finalmente, fixéronse os camiños escolares seguros da Guarda e Tomiño.

16 millóns investidos polos servizos provinciais

A presidenta da Deputación destacou que nestes 6 anos de xestión téñense gastado case 16 millóns de euros en subvencións e en programas desenvolvidos polos distintos servizos provinciais e así comezou polos 209.000 euros da área de Igualdade, que repartiu 107 subvencións, organizou 71 cursos do programa Conectadas e outras iniciativas encadradas nos programas Violencia Zero, Cinema e Muller ou Rompe, Xoga en Igualdade, entre outros.

O servizo de Cohesión Social subvencionou proxectos de integración social a 103 entidades do Baixo Miño. Os concellos recibiron 1,5 millóns de euros para o funcionamento dos Servizos Sociais Comunitarios, 309.450 euros para axudas de emerxencia social a persoas vulnerables e, ademais, 33.000 euros para sufragar o 50% do servizo de teleasistencia. Un servizo, destacou Carmela Silva, que a Deputación mantén para cubrir a ausencia da Xunta, “a pesar de que é competencia súa”.

Dende a área de Emprego financiáronse 116 contratos e becas. A presidenta amosouse  especialmente satisfeita co programa O Teu Primeiro Emprego, que facilita contratos ás persoas que rematan estudos universitarios ou Formación Profesional superior. En total, xunto cos plans de Práctica Laboral, Prácticum Depo e DepoIntegra Xoven, mobilizáronse 843.000 euros.

En Turismo investiuse preto dun millón de euros en promoción e dinamización. Destacou Silva a escavación e acondicionamento de Santa Tegra na Guarda, “un dos xacementos máis importantes da península”. Recalcou que a provincia de Pontevedra é a que máis selos de calidade turística (Sicted) ten en toda España, dos que 31 pertencen ás empresas certificadas nesta comarca baixo o “paraugas” de Turismo Rías Baixas. Este servizo xestiona tamén as oficinas turísticas de A Guarda e Oia. A presidenta destacou, finalmente, a promoción do Camiño Portugués e do Camiño da Costa.

O servizo de Transición Ecolóxica dedicou cerca dun millón de euros ás campañas pensadas para o sector primario. Así desenvolvéronse campañas para os subsectores da flor cortada (AcuBam), concedéronse subvencións á Cofradía Santa Tegra da Guarda e ás cooperativas hortofrutícolas Porta Río Miño e Horta de Galicia, no Rosal. Ademais, concedéronse máis de 142.000 euros para o desenvolvemento de cinco parques forestais en atención ás solicitudes municipais (catro na Guarda e un en Oia).

O proxecto Revitaliza, que fixo da Deputación fose considerada referente de boas prácticas no tratamento dos residuos orgánicos, deixou 671.000 euros investimento nesta comarca, unha das de maior impacto. Hoxe no Baixo Miño hai 156 composteiros individuais e 9 comunitarios financiados polo Revitaliza.

Desde o servizo de Cultura, “que no pasado non era un elemento importante para a Deputación de Pontevedra precisamente porque a cultura crea persoas con capacidade crítica de pensar por si mesmas”, remarcou Carmela Silva, investíronse máis de 888.000 euros con 1.131 actividades ou iniciativas subvencionadas. A área de Lingua repartiu outros 41.047 euros e as subvencións para a posta en valor do Patrimonio histórico e/ou democrático, preto doutros 40.000 euros.

A área de Deportes, “con fondos propios e non coas achegas de Abanca como fai a Xunta”, matizou a presidenta, dedicou case un millón de euros a un territorio que destaca polo seu potencial nos deportes náuticos, especialmente o piragüismo, e que tamén é referencia en deporte feminino co Atlético Guardés. Os/as 23 deportistas individuais con beca de elite ou promesa da Deputación mereceron unha referencia á parte no balance de Carmela Silva, así como o elevado número de escolas deportivas provinciais, que chega a 31. A Deputación financiou un total de 83 actividades e/ou competicións deportivas.

A aposta polas Novas Tecnoloxías nos cinco concellos da comarca quedou patente co impulso á Administración Electrónica da man da Deputación: “cando chegamos ningún concello da provincia de menos de 50.000 habitantes tiña Administración electrónica, aínda que a lei obrigaba a elo”, lembrou Silva, quen engadiu que, ademais do soporte tecnolóxico, deuse formación a 283 traballadores/as e concelleiros/as. O mesmo sucedeu co padrón electrónico, do que xa dispoñen os cinco concellos. A atención tamén chegou ao mundo da empresa co asesoramento tecnolóxico que o programa SmartPeme prestou a 51 pemes da comarca.

A Deputación repartiu 243.563 euros en axudas relacionadas coa combate contra a Covid-19. Distribuíronse en axudas directas aos sectores económicos afectados polas restricións sanitarias, en subvencións extraordinarias para reforzar os servizos sociais municipais e no financiamento dos programas municipais de corresponsabilidade familiar. Neste punto, Carmela Silva rememorou que a Xunta “recibiu centos de millóns de euros extraordinarios do goberno central para facer fronte á pandemia e transferiu 0 euros aos concellos; nin un euro para quen fixo fronte á Covid”

O apoio ás emerxencias manifestouse cos 480.000 euros para o cofinanciamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Guarda. Neste punto aproveitou para criticar “a actuación desleal e intolerable da Xunta” e anunciou que se está a barallar acudir aos tribunais para frear a transferencia constante de competencias autonómicas sen recursos ás entidades locais. “Estamos moi fartas/os”, insistiu. “ A Xunta antes financiaba o 60% dos GES e en canto perdeu as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra baixou a súa achega ao 52,5% e dobrou as das Deputacións do 20% ao 40%”, explicou, ao tempo que advertiu que a Deputación, en ningún caso ten obriga de facer achegas para os GES dos municipios de máis de 20.000 habitantes.

En canto aos recursos procedentes de Europa destacou que a Deputación foi quen de facer posible que 4.097.972 euros de fondos europeos chegasen aos concellos do Baixo Miño a través de proxectos liderados directamente como o Visit Miño, Smart Minho, os fondos IDAE para a iluminación exterior sostible ou o proxecto Estraee para o acondicionamento dos puntos limpos á recollida do lixo eléctrico e electrónico. A elo súmase o proxecto Rede Lab Miño, que está a desenvolver a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño. Silva aproveitou para definir a esta AECT como a que mellor funciona en Europa.

Finalmente, aproveitou para anunciar que o Plan Concellos de 2022 incluirá tamén a Liña 1 (obras e investimentos directos) correspondente ao ano 2023, “co que serán 73 millóns de euros que terán a súa disposición en 2022”, e felicitouse polo éxito dos cinco concellos na recente convocatoria do plan extraordinario ReacPon, o que vai significar case 3,2 millóns máis de investimento provincial para facer posibles proxectos valorados en 6,1 millóns de euros. En concreto, a ampliación do pavillón da Sangriña (A Guarda), a praza do Campo (Oia), a praza do Calvario (O Rosal), o espazo Isaura Gómez (Tomiño) e a reforma de Antero Rubín e Canónigo Valiño (Tui). “Somos conscientes de que dende o público toca facer grandes investimentos, políticas expansivas e keynesianas”. “Son optimista porque creo que no ano 2022 vaise producir unha gran recuperación”.

Preto de 300 persoas participaron nas actividades sobre a Batalla de Lepanto en Tui

0

Preto de 300 persoas teñen participado nas últimas semanas nas actividades organizadas polo Concello de Tui con motivo do 450 aniversario da Batalla de Lepanto.

 O pasado 7 de outubro, coincidindo co 450 aniversario da batalla de Lepanto (entre as tropas da Liga Santa e do Imperio otomán), o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, presentaba o programa de actividades que o Concello tudense ía desenvolver para conmemorar esta efeméride e a súa representación o retablo de Nosa Señora do Rosario na Igrexa tudense de San Domingos.

Ao longo deste mes foron realizadas cinco conferencias por outros tantos especialistas e outras cinco visitas guiadas a esta emblemática obra barroca do século XVIII de autor descoñecido. Onte, martes 9 de novembro, tivo lugar a última conferencia a cargo do historiador tudense Suso Vila que disertou sobre “Os corsarios turco-berberiscos nas costas galegas e o seu remoto eco no retablo de Nosa Señora do Rosario de San Domingos de Tui”. Anteriormente pronunciaron conferencias deste ciclo os profesores da Universidade de Santiago de Compostela Hortensio Sobrado Correa (“A batalla de Lepanto, contexto histórico”) ou Domingo González Lopo (“A devoción a Nosa Señora do Rosario e as súas confrarías na Galicia do Barroco”), así como a profesora de lingua e literatura Dolores Balseiro Pose (“A batalla de Lepanto na literatura española: poetas”) e o doutor en Historia da Arte, Javier Gómez Darriba (“Política, devoción e iconografía bélica. O tema da Batalla de Lepanto no retablo do Rosario do convento de San Domingos de Tui”). O programa de actividades se completaba con cinco visitas guiadas ao propio retablo do tempo dominico tudense celebradas na fin de semana da ponte do Pilar (10-12 de outubro) e coincidindo coa ponte da festa de Todos os Santos (31 de outubro e 1 de novembro).

Foron preto de 300 persoas as que participaron nas diversas actividades programadas o que, en palabras da concelleira de Cultura Sonsoles Vicente, evidencia o acerto desta programación que espertou o interese de tudenses e visitantes por achegarse ao coñecemento da nosa historia e do patrimonio tudense que ten neste retablo de Nosa Señora do Rosario, popularmente coñecido como da “Batalla de Lepanto” un dos seus elementos máis representativos e máis apreciados polos tudenses.

Este programa foi organizado coa colaboración da Asociación de Amigos da catedral de Tui que xestiona esta igrexa de san Domingos.

A igrexa de San Domingos de Tui, declarada Monumento histórico artístico no ano 1931 (hoxe Ben de Interese Cultural) é un dos espazos patrimoniais de maior interese no conxunto histórico tudense.

Entre os múltiples elemento de valor artístico que atesoura está o retablo de Nosa Señora do Rosario, popularmente coñecido como o retablo da “Batalla de Lepanto” por posuír unha representación deste acontecemento na parte superior do mesmo. Trátase dun retablo do século XVIII de grande interese e calidade.

Ao conmemorarse, o 7 de outubro, o 450 aniversario desta batalla acontecida no ano 1571 e que foi a maior batalla naval da historia moderna, na que participaron 450 naves e máis de 200.000 e que enfrontou á flota de Liga Santa (integrada pola Monarquía Hispánica, os Estados Pontificios, a República de Venecia, a Orde de Malta, a República de Xénova e o Ducado de Saboia), comandada polo español Juan de Austria, contra a flota do Imperio Otomán do sultán Alí Pasha que ameazaba a estabilidade no Mediterráneo occidental. A vitoria das tropas cristián marcou o freo á política expansionista do imperio turco.

Conta a tradición que namentres acontecía esta batalla o Papa Pío V rezaba o rosario, e que pedira a toda a Cristiandade que o acompañase con esta oración. Desta foi atribuída esta importante vitoria á Nosa Señora do Rosario. Conta amais a tradición que o rezo do rosario foi entregado pola Virxe María a San Domingos, fundador da Orde dos dominicos.

O retablo tudense, promovido pola Confraría do Rosario, recolle na súa iconografía todos este motivos: a imaxes corresponden a Nosa Señora, o seu esposo, San Xosé, e o seu pai, San Xaquín. Nas están representadas as escenas dos quince misterios do rosario e coroando o retablo a espectacular representación desta batalla de Lepanto, de autor descoñecido pero que está documentado se executa en torno á cuarta década do século XVIII.

O Conservatorio de Redondela acolle, entre o 11 e 13 de novembro, unha ‘masterclass’ de dirección orquestral

0

Dous nomes de recoñecido prestixio internacional na dirección orquestral, Sander Teepen e Martien Maas, músicos ámbolos dous dos Países Baixos, serán os encargados de desenvolver entre os días 11 e 13 de novembro, unha máis que atractiva masterclass de dirección Orquestral que terá lugar no Conservatorio redondelán organizada pola Orquestra de Saxos de Redondela

Sander Teepen (Deurne, 1981) procede dunha familia de longa tradición musical. Comezou a tocar o oboe aos 8 anos pero, dende moi cedo, sempre asegurou “quedar cautivado” pola dirección orquestral tomando leccións con directores de recoñecido prestixio como Jan Stulen ou Jac van Steen. Dende 2012, sucédense as súas participacións en concurso de dirección que contan con case que igual número de premios. No 201 gaña o concurso de dirección da Orquestra Sinfónica MAV de Budapest. Un ano despois consegue o premio do xurado no concurso de dirección da Ópera do Danubio Azul. Seguen, a partir de aí, direccións en teatros de ópera en Ostrava y Stara Zagora e foi director invitado coa Orquestra Filarmónica de Moldavia en Iași e a Orquestra Filarmónica de Banatul en Timișoara. Nos países baixos dirixiu, entre outros o Residentie Orkest, o Metropole Orkest, Het Gelders Orkest, Noord Nederlands Orkest, Filarmónica do Sur de Holanda e a Orquestra Filarmónica de Radio. En febreiro de 2019, gaña o Kersjesprijs, premio anual que se outorga aos “talentos excepcionais” da música dos Países Baixos.

Martien Maas nado, ao igual que Teepen, na localidade de Deurne (1963) é director, educador musical e pianista dos Países Baixos. Logo de estudar ‘Piano clásico’ con Ton Demmers no ‘Conservatorio Brabant’ en Tilburg e tomar clases maxistrais con György Sebök e Ivo Pogorelich, entre outros, obtivo a súa licenciatura en ‘Piano Clásico’ (1988) e o diploma de ‘Piano Performing Musician’ (1990). 

Músico tremendamente versátil, Martien Maas actúa como pianista solista, como acompañante e como director. Como pianista, tocou varios concertos para piano e acompañou, entre outros, a Steven Mexade e Andreas van Zoelen. Ademais, a miúdo é convidado como acompañante de clases maxistrais e audicións.  Martien Maas tamén ten unha ampla experiencia como director e estivo asociado con varias orquestras nos Países Baixos. Durante varios anos traballou como director con Jan Cober. Ademais de Holanda, actuou como pianista e director durante xiras de concertos en Alemaña, Bélxica, Luxemburgo, Suíza, Austria, República Checa, España, Italia e China.

Actualmente é director de Heel ‘Harmonie De Vriendenkrans’, ‘Koninklijke Harmonie Deurne’ e ‘Police Harmonie Oost Brabant‘. En novembro de 2017, Martien Maas recibiu unha condecoración real: foi nomeado Caballero da Orde de Orange Nassau.

Ámbolos dous directores serán recibidos, o vindeiro xoves, 11 de novembro, pola alcaldesa de Redondela que subliñou “a importancia que ten a presenza de dous directores da categoría de Teepen e Maas para impartir unha masterclass” feito que, segundo a rexedora local, “non fai máis que poñer de relevo a capacidade de convocatoria, conseguida a través dun excepcional traballo, tanto da Orquestra de Saxos de Redondela coma do Conservatorio redondelán”.

O Partido Socialista de Ponteareas reafirmase na defensa dos intereses do municipio ante o Goberno de España

O grupo socialista de Ponteareas reafirmouse onte na súa aposta por seguir traballando e utilizando tódolos recursos ao seu alcance para conseguir a execución canto antes das obras de mellora da N-120, no marco do proxecto valorado en 4 millóns de euros, elaborado polo actual Goberno de España e seguir avanzando na tramitación de cara á execución da Variante de Ponteareas.

As concelleiras Chus Garrote e Vanesa Fernández e o concelleiro Benito Márquez entenden que “o ruído e a confrontación non son o camiño”, e optan pola senda da colaboración institucional “cun Goberno, presidido por Pedro Sánchez, que ha propiciado nestes dous últimos anos moitos máis avances que durante os 8 anos do Goberno de Mariano Rajoy”.

“Como dixo onte o noso secretario xeral provincial, David Regades”, afirman as e os socialistas ponteareáns, “Rajoy só deixou carpetas baleiras e partidas orzamentarias de aire, pois non había proxectos técnicos que licitar e nin sequera expedientes iniciados”.

Respectan, aseguran, “as opinións dos outros grupos políticos e, especialmente, ás dos colectivos veciñais que opten pola mobilización social, pero apostamos por continuar coa vía que nos trouxo xa os últimos avances de cara á licitación das obras da N-120” que non dubidan que “está máis cerca que nunca”, “e no camiño que falta para converter en realidade o ansiado proxecto da Variante”.

O compromiso do Goberno de España con Ponteareas, di o PSOE local, demostrouse xa coa depuradora, “e o mesmo queremos facer con estas infraestruturas viarias”. “Seremos esixentes, persistentes e contundentes na defensa dos intereses de Ponteareas onde toca, que é na xestión diaria tanto diante da Administración Xeral do Estado como diante dos distintos representantes do noso partido, e moi especialmente, diante do grupo de deputados/as socialistas galegos/as no Congreso dos Deputados. Ata agora atopamos a máxima colaboración e receptividade e por esa vía continuaremos”.

Lembra o PSdeG-PSOE ponteareán que a atención prestada pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra ao Concello de Ponteareas “foi sempre dilixente e así se manifestou no último escrito remitido á Alcaldesa ante as inquedanzas das obras pendentes: «Xa transmitín por escrito a través do meu gabinete o compromiso desta Subdelegación e do Goberno de Pedro Sánchez con Ponteareas indicando que as obras da mellora da seguridade viaria na N120 e a variante de Ponteareas seguen a tramitación administrativa establecida e contan con partida económica para poder desenvolverse», afirma Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra.

O grupo socialista comprométese a “seguir traballando na mesma liña” e contribuir a que a axenda de asuntos pendentes “que non acometeu PP, que tras oito anos deixou promesas incumpridas e frustración, sexa pronto un mal recordo. E farao con lealdade institucional, sempre sumando e sempre da man da veciñanza do noso concello”.

Ao mesmo tempo, anuncian que ese mesmo nivel de esixencia “que poñemos ao Goberno de España manterémolo para a Xunta de Galicia, que leva prometendo dende 2017 as obras de mellora da seguridade viaria na PO-403 sen que se teña producido dende entón ningún avance salientable”.

Zona Franca opta por Porriño para o Centro de Servizos ao Transporte, en terreos que suman 31,7 hectáreas de chan industrial

O pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo coñeceu hoxe a proposta realizada pola empresa adxudicataria para situar en Porriño, en terreos que suman 31,7 hectáreas, o Centro de Servizos ao Transporte. A proposta xa ten luz verde do comité executivo. Os terreos están situados ao Norte e ao Sur do ramal de unión entre a A-55 e a AP-9 e trátase dun chan de equipamentos do PXOM. Coa identificación do terreo, a adxudicataria, a UTE Innov. Ciudad e Territorio (I-CITE)- Teirlog Enxeñería-Irisarri Piñera, poderá continuar cos traballos e comezar a redacción do Proxecto Sectorial e do Proxecto de Urbanización, así como as consultas a organismos e administracións necesarias.

No estudo de localización analizáronse 43 posibles bolsas de chan nos concellos de Vigo, Mos, O Porriño, Ponteareas, Tui e Salceda de Caselas. Destas 43 bolsas analizadas, a consultora pasou a analizar con maior detalle 9 localizacións posibles. Finalmente a adxudicataria recomenda unha superficie de 31,7 hectáreas en Porriño.

Os puntos fortes da localización proposta son a súa dimensión, que permitiría crear un CST con proxección de futuro; a súa localización privilexiada, porque dá servizo tanto ao tráfico xerado pola A-55 como pola AP-9 e pode axudar a canalizar tráfico pesado que hoxe se move pola conxestionada A-55 cara á AP-9, ademais de que permite dar servizo ás zonas industriais da Granxa, As Gándaras e outros chans industriais da área; a súa cualificación no PXOM como industrial; e a súa orografía sinxela.

O investimento en infraestruturas ascendería a uns 5,6 millóns de euros, á que habería que engadir o custo de adquisición e a urbanización interior e dotacións de servizos.

Agora haberá que iniciar consultas con Concello, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica, Consellerías, Demarcación de Estradas, Autoestradas do Atlántico ou compañías titulares de servizos.

Zona Franca opta así por un proxecto máis ambicioso do inicial, que era de 10 hectáreas, e que permitirá non só a asistencia ao vehículo e á tripulación, senón que tamén facilitará un desenvolvemento futuro.

A existencia dun Centro de Servizos ao Transporte é unha das principais demandas do sector empresarial da área económica de Vigo. O CZFV, sensible á devandita necesidade, tomou a iniciativa de promocionar a implantación dunha infraestrutura de @dicha características. Para iso, comezou pola adxudicación dun contrato cuxo obxecto é, entre outros aspectos, un estudo de localización e deseño funcional do indicado Centro.

O Parlamento Galego da luz verde á iniciativa socialista que insta á Xunta a aprobar a declaración de emerxencia climática en Galicia

O Parlamento deu luz verde á iniciativa do Grupo Socialista para instar á Xunta a aprobar a declaración de emerxencia climática en Galicia. Ocorreu, hoxe, no Pleno do Parlamento, despois de que os tres grupos parlamentarios debatesen sobre unha proposición non de lei do Grupo Socialista.

“A perda case irreversible de terreo cultivable nun planeta superpoboado, a desertización, a suba do nivel do mar, a perda de biodiversidade, a acidificación do océano, fenómenos meteorolóxicos extremos que causan perdas económicas millonarias, as migracións masivas ou os efectos políticos e xeopolíticos de inestabilidade que todo o anterior supón aconsellan actuar xa e non demorar nin un só minuto a acción decidida e ambiciosa contra o cambio climático”, sentenciou o viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena.

Ao fío disto, o dirixente socialista lembrou que España e a “práctica totalidade das comunidades autónomas só con algunha excepción” declararon xa a emerxencia climática dado que o cambio climático “é, na actualidade e en toda a historia da nosa especie, sen menor atisbo de dúbida, a maior ameaza á que se enfronta a humanidade”.

Ante isto, lamentou, Galicia “quedou adiada e non fixo ningún movemento” neste sentido, salvo “sacar do caixón a estratexia contra o cambio climático do ano 2005, da que non se lembrou en 15 anos” e que foi retocada en 2009 anunciando “a bombo e prato” que Galicia sería pioneira nesta materia” cando “non é así”.

Con todo isto, Arangüena sinalou que España e Galicia, como zonas de transición climática, son “singularmente vulnerables ao cambio climático” e as súas consecuencias poden ser “máis graves” que noutros países ao poder causar “graves repercusións sobre a agricultura, incendios forestais, migracións, saúde e un longo etcétera, afectando transversalmente a toda a sociedade”. “O mundo encamiñase a un quentamento global de 3 graos ou máis, o cal implicaría que boa parte do noso país fose practicamente inhabitable”, alertou.

Por todo isto, o voceiro de Medio Ambiente instou ao goberno galego a tomar medidas urxentes en vez de “presumir” dunha redución de emisións de gases de efecto invernadoiro dun 24% cando, en realidade, esta se produciu polo peche da central térmica de Meirama en Cerceda e a paralización da actividade nas Pontes, medidas ás que “a Xunta se opuxo”.

Na Xunta do PP “son vostedes negacionistas”

“Sempre dixen que son vostedes negacionistas”, sentenciou o socialista quen lamentou que no PP “participan daquilo que dicía o curmán de Rajoy” sobre que “o cambio climático non era para tanto” cando “a ciencia dinos con total claridade que as perspectivas meten moito medo”.

Neste sentido, criticou que, ata o de agora, “non soamente non se declara a emerxencia climática en Galicia, senón que a Xunta é incapaz de cumprir as resolucións a adoita este Parlamento co voto favorable do PP”, recordando que no ano 2019 o propio Grupo Parlamentario Popular aprobou unha resolución no Debate do Estado da Autonomía para declarar a emerxencia climática e, malia isto, un ano despois votaron en contra dunha proposición non de lei do PSdeG sobre a mesma cuestión.

O Grupo Socialista acada o acordo

Co texto asinado hoxe, Arangüena acadou o acordo unánime da Cámara para urxir, ademais, ao goberno galego a “comprometerse a activar, coa máxima urxencia, políticas transversais” en todas as áreas de goberno da Xunta co obxectivo de “acadar a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro”, así como para impulsar a transición ecolóxica xusta e incorporarse á nova economía verde.

A parte positiva desta circunstancia, concluíu o dirixente socialista, “é que existen medios para combater” a emerxencia climática cando Galicia “está ben posicionada para ser vangarda nesta revolución a diferenza do pasado” grazas ás “excelentes condicións” do país para as enerxías renovables, así como polo seu “coñecemento e alta motivación”.

Texto aprobado por unanimidade polo Parlamento

  1. Aprobar a declaración ante a emerxencia climática de Galicia, co obxectivo primordial de comprometer todas as futuras políticas do Goberno de Galicia, sexa cal sexa a súa cor política, para facer fronte a esta emerxencia que ameaza o noso futuro individual e colectivo.
  2. Comprometerse a activar, coa máxima urxencia, políticas transversais en todas as áreas e accións de Goberno, para acadar a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, así como a neutralidade climática non máis tarde de 2050, de non ser posible facelo antes dende o punto de vista técnico e económico.
  3. Promover o investimento en I+D+i en novas tecnoloxías que impulsen a descarbonización de todos os sectores da economía galega susceptibles de emitir gases de efecto invernadoiro.
  4. Revisar a estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 para adaptala á consecución dos obxectivos de redución do 55% de GEI (gases de efecto invernadoiro) no 2030, tal e como marca a Comisión Europea.
  5. Implicarse activamente no Pacto Verde europeo e nos obxectivos de redución do 50% de GEI, promovendo decididamente a transición ecolóxica xusta e a integración de Galicia na nova economía verde.

A Biblioteca Xela Arias de Chapela acolle hoxe a presentación da reedición do libro ‘Chapela, de onte a hoxe’ de Gonzalo Mencía

0

A biblioteca Xela Arias de Chapela acolle este vindeiro mércores, 10 de novembro ás 19 horas, a presentación da reedición do libro Chapela, de onte a hoxe de Gonzalo Mencía, traballo do que esgotáronse os exemplares da primeira edición realizada, hai tempo polo Concello de Redondela.

No acto, estará presente o autor da obra, Gonzalo Mencía, e a alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas quen fixo fincapé na importancia que ten “a difusión de todos aqueles traballos que permitan afondar no coñecemento sobre as nosas parroquias e a súa historia”.

Parte das fotografías do libro de Mencía, están expostas nun panel instalado no paseo marítimo de Arealonga e amosan unha parte da memoria fotográfica desta zona de Chapela. A foto central, da autoría de Pacheco, retrata a paisaxe mariñeira e, ao seu arredor, se incluíron outras fotografías coas que se busca recuperar a memoria e a tradición marítima de Chapela.

A Concellaría de Servizos Públicos de Tomiño leva a cabo obras de saneamento no barrio de San Benito

0

A Concellalía de Servizos Públicos leva a cabo obras de saneamento no barrio de San Benito, co fin de ampliar a rede municipal, na que se levan investidos no que vai de ano máis de 200.000 euros.

A nova intervención suporá un investimento de 45.000 e abastecerá a unha vintena de vivendas, ao longo de medio quilómetro de colectores. Segundo informa o concelleiro da área, Lois Vázquez, as obras durarán aproximadamente un mes; polo que se mantivo hai uns días unha xuntanza cos veciños da zona, que desde hai tempo viñan solicitando poder conectarse á rede municipal.

Ao mesmo tempo, estanse a rematar as obras de saneamento en Vilachán, a pe do monte, que darán servizo a outros veciños/as.

Paralelamente, continúanse desenvolvendo traballos de mantemento, debido á existencia de problemas de eliminación de augas pluviais que se filtran na rede en época de chuvia.

Producións Teatrais Excéntricas presenta a súa “Estrela do día” no Rosal

O Rosal continúa coa súa programación outonal con máis teatro. O vindeiro domingo 14 de novembro ás 19.00 horas Producións Teatrais Excéntricas representará no Auditorio Municipal a obra “Estrela do día”, unha obra para que o público recupere a fe no teatro, “o único lugar onde o milagre aínda é posíbel”. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a asistir a un espectáculo “moi divertido e con entrada de balde ata completar aforo”.

A obra de Excéntricas comeza cunha serie de preguntas… Sabías que se conservan mais de 400 milagres de Santa María, en códices do século XIII en galego? Sabías que a Divina Señora adquiría as formas máis sorprendentes para axudar ás persoas infelices que llo pedían? Sabías que nos tempos de medo e incerteza que estamos a vivir, hai millóns de persoas que seguen a pedir un milagre de María, a Estrela Matutina? Sabías que a maioría dos milagres da Señora serían hoxe condenados pola igrexa e perseguidos polo código penal?

“Estrela do día” é unha visión actualizada dos milagres de santa María aplicados aos problemas actuais (asombrosamente parecidos aos daquel século XIII) Volverán a desfilar diante dos nosos ollos, neste retablo do século XX, os soldados que foxen da guerra, a mociña obrigada a casar con quen non quere, os que expulsados dos seus lares son amoreados como gando, os presos por roubar comida, a monxa que foxe do convento, o que cansado deste mundo quere vivir noutro sen morrer, o que perde unha pelota e daría o que ten para seguir xogando, a que foxe da manda de brutos que a acosan, os que perden a compaña do animal que prefiren a calquera humano, a que procura a curación da enfermidade mortal… Dramas resoltos pola intervención milagreira de María con aparicións dignas da mellor estrela do día.

Redondela mellorará a rúa Picota e a súa contorna cunha achega de máis de 460.000 euros do ReacPon da Deputación de Pontevedra

O Concello de Redondela iniciará, en breve, as obras de remodelación da rúa Picota dende o viaduto ata a praza da capela de Santa Mariña, incluíndo no seu trazado a praza da Fonte do Mouro e a contorna da antedita capela. As obras contarán cun investimento total de 993.834,47 euros dos que a Deputación de Pontevedra achegará, a través do plan ReacPon, máis de 460.000 euros (461.859,85 €).

Cómpre salientar que a rúa Picota forma parte do Camiño Portugués sendo, actualmente, o único tramo da vila que non se atopa empedrado. A maiores, durante os últimos tempos os vehículos foron a máis na zona reducindo as beirarrúas, ata tal punto, que as persoas que cirulan a pe atopan discontinuidades nas mesmas ao longo do seu trazado.

Doutra banda, esta circunstancia, diminúe a posta en valor dos bens patrimoniais que se atopan na zona tendo en conta que é un lugar de paso continuado de milleiros de persoas que, ao longo do ano, peregrinan cara a Santiago de Compostela.

A intervención, tal e como figura no proxecto, trata de regularizar o trazado da rúa dotándoo dunha nova identidade e relacionando o seu firme cos novos empedrados existentes nas prazas. Ao igual que acontece con este tipo de obras en todas as vilas e cidades, búscase devolver o protagonismo aos peóns fronte aos vehículos facendo das rúas e prazas lugares máis amables e puntos de convivencia cidadá.

Para mellorar a paisaxe urbana, explica o Concello de Redondela, “melloraranse os accesos ás vivendas e as medianeiras vistas, recubríndose con xardiñeiras elevadas aqueles puntos onde asomen antigas cimentacións de edificios.

O proxecto deseñado actuará en tres frontes. Rúa Picota, na que se busca integrala completamente no tecido urbano, de xeito que o empedrado que se utilice mimetícese co outro xa existente para conseguir un vial de plataforma única.

Praza Fonte do Mouro, na que continuará o empedrado relegándose a praza ao lateral leste conectada a través de ramplas e escaleiras accesibles. Amais, a existencia de socalcos permite crear espazos nos que, as actividades, serán determinadas polos usuarios e usuarias e o uso que se lle queira dar.

Contorna da capela de Santa Mariña, na se manterán os mesmos materiais que no resto das actuacións creándose, xa na praza unha “alfombra” de empedrado franqueada por dous grandes bancos que acotan o espazo e crean unha especie de adro ca propia capela que, actualmente, está suxeita a un intenso tráfico da N550 da que so está separada por unha xardiñeira.

Trátase, sinala a alcaldesa Digna Rivas, “de continuar mellorando as rúas e prazas para convertelos en espazos humanizados, de convivencia veciñal e na que as persoas teñan prioridade sobre os vehículos, como acontece xa hoxe en día en case que todas as vilas e grandes cidades”.

A alcaldesa adiantou que o Concello estuda, nestes momentos, “diversas alternativas para o estacionamento de vehículos dos residentes, de xeito que quede minimizada a supresión de prazas nos lugares da actuación urbanística”. Non se trata de eliminar prazas de estacionamento, asegura Digna Rivas, “senón de compatibilizar a súa situación cunha humanización da contorna que contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

A rexedora local quixo agradecer a atención que a Deputación de Pontevedra e a súa presidenta, Carmela Silva, “prestan a todas e cada unha das demandas que se lle presentan dende Redondela de cara a convertela nunha vila máis humanizada, cómoda e vivible”.

Conclúe o labor da comisión organizadora da homenaxe a Eliseo Alonso

A relación de amizade, apoio á diversas iniciativas, colaboración, difusión e investigación dos valores patrimoniais vencellados coa cultura mariñeira , e as nosas tradicións,…, que ao longo da súa andaina vital mantivo Eliseo Alonso Rodríguez (Goián-Tomiño, 1 de marzo de 1924 – La Habana-Cuba, 18 de novembro de 1996), coas xentes de A Guarda, son, entre outras, algunhas das razóns polas cales, desde fai anos, varias persoas da vila guardesa, relacionadas co mundo da cultura, viñan propoñendo un público recoñecemento institucional á figura do escritor, etnógrafo, poeta e xornalista goianés.

Esa proposta foi en boa hora acollida e tida en unánime consideración polos portavoces dos grupos municipais representados na Corporación Municipal do Concello de A Guarda. Partindo desa premisa, foi creada –como xa se informou oportunamente– unha Comisión Organizadora da Homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez, que ao longo deste ano 2021 viu realizando seu labor, focalizado nas diferentes áreas nas que o ilustre polígrafo desenvolveu súa actividade creativa, divulgadora e investigadora. De xeito paralelo, os componentes da devandita comisión, mantiveron unha constante e fluída relación coa familia de Eliseo Alonso, coñecedora e partícipe, desde o primeiro momento, do obxectivo proposto.

A día de hoxe, unha vez concretados os contidos do programa de actos e a data da homenaxe institucional e cívica, a devandita Comisíón Organizadora da por concluido seu labor, pendente únicamente da instalación das exposicións (unha filatélica e outra biobibliográfica), que serán anunciadas oportunamente, e que poderán visitarse na Casa dos Alonso, do 27 de novembro ao 10 de decembro de 2021.

Como avance dos actos previstos, podemos adiantar que a homenaxe a Eliseo Alonso Rodríguez terá lugar o día 27 de novembro, ás 11:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello (Praza do Reló, nº 1), de A Guarda. Comezará cunha sesión plenaria extraordinaria da Corporación Municipal, presidida polo alcalde Antonio Lomba Baz. Nesa sesión, segundo o establecido no Regulamento de Honras e Distincisóns, procederase a declarar a Eliseo Alonso Rodríguez, Fillo Adoptivo de A Guarda, a título póstumo.

A continuación será presentada unha nova edición –en galego–, promovida pola Deputación de Pontevedra e o Concello de A Guarda, do libro Gamelas e Mariñeiros, de Eliseo Alonso.

Momentos despois, terá lugar a inauguración dunha exposición filatélica adicada a Eliseo Alonso, que contará cunha tarxeta postal ilustrada personalizada e franqueada con un selo personalizado; un selo personalizado coa gamela a vela de A Guarda; e un sobre ilustrado co cuño postal conmemorativo.

Nesa mostra filatélica participarán os seguintes expositores, coas respectivas coleccións: Luciano Lomba Vicente, con Enteros postales ilustrados de España; Marcelino Portela Lorenzo, con Entretenimientos; Marta Verde Rodríguez, con Al son de la gaita; José Ángel Gándara Rodríguez, con El fechador de 1842 en Galicia; Teodosio González Ferreira, con Jack. Una historia inacabada; Almudena Taboada Lago, con Terra Australis Ignota; Cristina Domínguez Rotea, con Izando velas, descubrimos y comercializamos; Alfonso Dorado Senra con Lorca y su entorno; e Antonio Martínez Martínez con Escritores gallegos.

Unha vez posto en circulación o material filatélico deseñado específicamente para esta exposición, procederase á inauguración da exposición biobliográfica que leva por título xenérico: Eliseo Alonso. Camiñando cara ao mar da Guarda.

Para esa mostra, os organizadores fixeron un labor de síntese da singradura literaria de Eliseo Alonso Rodríguez, ofrecendo unha panorámica da producción (poética, prosística, xornalística,…) deste prezado autor, así como diversos documentos gráficos directamente relacionados coa súa figura, así como con persoaxes como Antonio Fernández Gómez, Eduardo Blanco Amor, Fermín Bouza Brey, Xosé Otero Abeledo (Laxeiro), Xavier Pousa Carrera, Xoán Piñeiro Nogueira,…, e por suposto, algunas figuras icónicas de A Guarda, como Santiago Baz Lomba (O Tío Santiaguiño), Manuel Cadilla Baz,…

Serán, pois, dúas exposicións que foron concibidas para seu desfrute por toda á cidadanía, en xeral, e con vocación do seu aproveitamento polos docentes e escolares de A Guarda e súa contorna.

A xornada de homenaxe a Eliseo Alonso terá como colofón á inauguración dun monumento a súa lembranza, realizado por alumnos da Escola de Cantería, da Deputación de Pontevedra. A obra, en pedra do país, será ubicada preto do mar que tanto atraía ao escritor miñoto, e por suposto, preto tamén da veciñanza de A Guarda, coa que Eliseo Alonso mantivo sempre unha especial simbiose.

O Concello de Salceda presenta o seu 1º Concurso #ConSalceda de Pinchos e Tapas

O Concello de Salceda de Caselas presentou o seu 1º concurso de pinchos e tapas #ConSalceda. Na presentación a concelleira de cCmercio e alcaldesa, Verónica Tourón, estivo acompañada por Acisa, xa que a asociación colabora nesta iniciativa do concello, representada pola súa presidenta Elisa Rodríguez Vaqueiro e polo representante da hostalería Marcos Salgueiro Montenegro. Ao acto tamén acudiu a tenente de alcaldesa Loli Castiñeira.

Este 1º concurso de pinchos e tapas celebrarase en Salceda do venres 19 ao domingo 28 de novembro, e nel establécense dúas categorías: pincho e tapa, na categoría de pincho participan:  Tabertenda, Cafetería Altamira, A Parra e Lajala; e na categoría de tapa participan: O Recuncho, La Marujita, Tapería Ozores, El Palenque, A Parra, Calustra e A Regueira Gastro.

Verónica Tourón indicou que “continuaremos a por en marcha iniciativas que activen a economía de Salceda e seguiremos a apoiar ás que partan da hostalería, comercio e industria, porque axudar ao comercio é axudarnos a nós, a toda a veciñanza”.

O prezos  fixados serán de 3 euros a tapa e 1 euro o pincho, o horario será libre para cada local pero marcado previamente, e ademais os locais poderán servir a súa tapa ou pincho tódolos días ou os que escollan segundo as súas necesidades. En cada local atoparase unha urna para que todas as persoas que queiran degustar os pinchos e tapas voten de 0 a 5 no momento do consumo. Toda está información estará exposta nos locais comerciais e nas redes sociais nos próximos días.

Cada categoría ten dous premios, primeiro e segundo, que resultará nunha placa de recoñecemento da posición conseguida para os locais participantes. Pero non só haberá recoñecemento para os hostaleiros gañadores , senón que as persoas que degusten as tapas e pinchos tamén poderán acadar premios, en total 900 euros a repartir por parte do concello, dos locais participantes e de Acisa, que en colabora con vales de compra para gastar nos establecementos da asociación por valor de 500 euros en total. Ademais todas as persoas participantes que completen  a ruta de pinchos e tapas selando o cartón de participación que haberá nos locais, terán un agasallo directo doado polo establecementos que participan no concurso.

 Con esta medida preténdese seguir dinamizando o comercio e a hostalería de Salceda, ademais de axudar a volta a normalidade trala época de pandemia que estamos a padecer, na que o comercio e a hostalería sufriron restricións que non lles permitiron desenvolver a súa actividade de xeito normal, con limitacións en horarios e aforos, ademais de peches. Un dos maiores esforzos da pandemia recaeu nestes sectores, polo que voltar  a socializar e desfrutar dos comercios e locais de hostalería de Salceda é unha boa maneira de axudar.

Por outra banda , con esta iniciativa o concello segue a poñer de relevo a marca #ConSalceda, coa finalidade  de convertela nunha marca de referencia para dar visibilidade a todo o comercio local, a hostalería e a praza de abastos. Unha marca comercial que identifique Salceda a través de valores implícitos valores como o de traballar conxuntamente para por en valor “o noso”.

A ruta dos muíños do Folón e do Picón xa é máis accesible

0

O Rosal continúa no seu percorrido para converterse nun municipio máis accesible e inclusivo. O veciño, Manuel Sobrino, rematou a ruta dos muíños do Folón e do Picón  na nova cadeira todo terreo que adquiriu o Concello. Un gran salto na inclusividade e accesibilidade dun dos lugares de maior riqueza natural e patrimonial do Rosal que, en palabras de Sobrino, por fin “deixa de ser inaccesible… non hai palabras para describilo”.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que nos muíños do Folón e do Picón “a cadeira demostrou que é eficaz en superficies de gran pendente”, e engade que os rosaleiros e rosaleiras con mobilidade reducida “pronto desfrutarán dun servizo permanente para facer sendeirismo de xeito programado acompañado dun equipo de voluntarios e voluntarias”. A rexedora tamén quere agradecer a Manuel Sobrino “o seu esforzo e dedicación”, e ao Club ADN Rías Baixas que “nos acompañarán neste fito para a accesibilidade no noso concello”.

Esta aposta polo sendeirismo inclusivo enmárcase dentro do proxecto Cocreando Sociedade, co que o Rosal trata de estreitar lazos entre tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade para deseñar de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas.

A nova localización do mercado do Porriño recibiu unha boa acollida

O concelleiro responsable do Concello do Porriño, Sergio Casal, valorou “a boa acollida” que tivo a nova localización do mercado ambulante que hoxe abriu na rúa Leandro Diz e parte da rúa Xogo da Ola. O concelleiro destacou “a boa acollida do público en xeral e o acordo total cos vendedores ambulantes”.

Son 105 postos de venda autorizados que se repartien entre a rúa Leandro Diz e nun tramo de Xogo da Ola, concretamente onde está a “zona azul”.

Por outra banda, o aparcadoiro de terra seguirá en uso. O acceso ao aparcadoiro esta sinalizado con valas e cinta para garantir a entrada e saida de vehículos.

Sergio Casal indicou que aínda será necesario que “todos nos adaptemos” pero en xeral “estou moi contento co resultado desta estrea”, concluíu o concelleiro responsable de Mercados.

Estas medidas tómanse como consecuencia das obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez, no tramo que discorre ata a praza de San Sebastián, que teñén un prazo de execución de catro meses.

A Praza de Avelino Vicente convértese nun novo punto neurálxico da Guarda

0

A humanización de Concepción Arenal converteu a praza de Avelino Vicente nun verdadeiro punto neurálxico da vila. Un novo eixe da vida social guardesa.

Na actualidade a praza do As de Copas é un espazo para reunión e o desfrute da cidadanía que se emprega cada vez máis para a realización de eventos coma presentacións, actos culturais, de promoción económica e talento,  feiras ou concertos. Un verdadeiro espazo social para uso e desfrute dos veciños e veciñas.

Trátase dun espazo moi céntrico, que grazas ao seu deseño con árbores, mobiliario e xardineiras está sendo moi utilizado pola cidadanía guardesa. As terrazas alí emprazadas posibilitan ademais o esparcemento e desfrute tanto de familias como dos visitantes e turistas que este ano se teñen achegado ata nosa localidade.

Ao longo do ano a Praza de Avelino Vicente acolleu o II Encontro do Libro Luso-Galaico da Ribeira do Miño, actuacións musicais promovidas polo CIM (Centro de Información á Muller), concertos, saídas e metas de eventos deportivos, Mostra Creativa do Baixo Miño, entre outros. Tamén está previsto realizar neste entorno parte da programación de outono e do Nadal 2021/22.

Grazas a humanización de Concepción Arenal xeráronse espazos de uso peonil dos que destaca a praza de Avelino Vicente. A humanización doutro punto neurálxico, a praza do Reló, está xerando tamén ao seu arredor rúas de preferencia peonil. O equipo de goberno municipal seguirá humanizando e gañando espazos públicos para a cidadanía, co obxectivo de crear focos de atracción para as persoas, configurar unha vila máis amable, mellorar a calidade de vida da cidadanía e poñer o noso humilde gran de area para a loita contra o cambio climático fomentando a mobilidade peonil fronte ao uso do vehículo particular.

As seguintes actuacións que o executivo local, presidido por Antonio Lomba ten programadas son: a humanización do entorno da Igrexa parroquial, a humanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde e a redacción do proxecto de humanización da Praza Nova. Para a redacción deste proxecto o concello conta co financiamento da Deputación de Pontevedra por ser unha vila da réde Ágora pola valorización do espazo público.

O Concello de Ponteareas pide manter a praza da traballadora social no Centro de Educación Especial Saladino Cortizo

O Concello de Ponteareas súmase ás reivindicacións da ANPA do Centro de Educación Especial Saladino Cortizo tras a supresión da praza de traballadora social neste curso despois da xubilación da persoa que viña desempeñando ese posto. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, reuníronse con representantes da asociación de nais e pais deste centro, que demandan á Xunta de Galicia a recuperación desta praza, decisiva “para fortalecer as relacións entre alumnado, familias e sociedade, así como para fomentar a integración escolar e social dos nenos e nenas que teñen necesidades especiais”.

O Concello colaborará coa ANPA do CEE Saladino Cortizo na recollida masiva de sinaturas para pedir á Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia que se repoña de forma inmediata a traballadora social, que figura na relación de postos de traballo do centro. As persoas interesadas poden deixar a súa sinatura nas follas postas a disposición da veciñanza na propia Casa Consistorial, no centro social e na biblioteca municipal.

Durante o encontro, alcaldesa e concelleira trasladaron tamén o apoio de todo o Goberno local ás familias  do centro, que actualmente conta con entre 10 e 15 rapaces e rapazas de toda a comarca escolarizados alí e que busca acadar o pleno desenvolvemento do alumnado en todas as súas facetas, traballando aspectos intelectuais e habilidades da vida cotiá. O centro afronta agora un curso escolar “desamparado” ante a falta dunha figura de vital importancia coa que levaban contando nos últimos 50 anos. Os pais e nais salientan o importante papel que cumpría a figura da traballadora social nun centro de referencia con alumnado con necesidades especiais procedente de 16 concellos do sur de Pontevedra, moitos deles sen servizo propio de traballo social.  

O alcalde da Cañiza visita as obras de mellora en Valeixe

0

En plena execución desta actuación, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, visitou o venres estas obras de humanización dun dos barrios da parroquia de Valeixe, a zona das Adegas – Barreiros, para coñecer o avance das mesmas, da man dos técnicos do proxecto.

A obra consiste na rehabilitación integral do pavimento do vial das Adegas, por atoparse actualmente nun avanzado estado de deterioro, a realización dunha drenaxe para a recollida das augas pluviais e ampliación da curva do camiño.

Tamén contempla a instalación de Rede de saneamento que actualmente non existe, e que se poñerá en servizo nun futuro cando augas abaixo se vaia completando a rede de saneamento municipal e exista un punto de conexión no límite. Para iso, se están deixando previstas as acometidas ás vivendas. Ao mesmo tempo se está instalando unha rede de pluviais e sumidoiros cuxas augas se recollerán nun novo colector de augas que irá situado baixo o vial.

A humanización inclúe ademáis a instalación dunha nova iluminación coa dotación de 3 columnas  troncocónicas, un novo cadro de mando e canalización para a rede eléctrica e para rede de telecomunicacións. Ademáis se colocará nova canalización para a retirada dos postes e cruces de cableado aéreo existentes no lugar, tanto da rede eléctrica como de telecomunicacións.

O investimento da actuación ascende a 79.259,39 €. Importe no que xa están incluidos os honorarios de dirección técnica (7.600 € dos que 3.200 € corresponden a redacción do proxecto, 3.200 € a dirección de obra e 1.200€ a coordinación de seguridade e saúde) e os impostos engadidos: o 13,00 %  de gastos xerais (6.469,70 €),  o 6,00 %  de Beneficio industrial (2.986,02 €) e  o 21 % I.V.A (12.436,75 € ).

Para a financiación desta reforma, a Alcaldía conseguiu unha axuda do Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, por importe de 50.161,57 € equivalente ao 70 % do custo de execución da actuación, distribuído en dúas anualidades: 29.555,20 €  para o 2021 e 20.606,37 € para 2022.

O 24,14 % restante financiase coa Liña 1 do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Un total subvencionado de 23.255,66 € distribuidos en 21.497,82 € para a execución de obra e 1.757,84 € para os honorarios técnicos.

En canto á financiación con recursos propios, a cantidade que inicialmente tiña que aportar o Concello (un total de 5.842,16 €)  conseguiu unha rebaixa no proceso de contratación pública da obra ata os 4.646,88 €. Un 5,86 % do total da actuación.

SmartPeme oferta esta semana outros catro obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre debuxo Onshape, sobre como crear un infoproduto, sobre como crear as túas fotografías para o Nadal  e a utilización das ferramentas de Google.

En concreto, hoxe  martes 9 impartirase o obradoiro “Fabricación dixital, Debuxo con Onshape V – Assembly I”. Estará a cargo de Manuel Freire, experto universitario en Robótica, quen acercará aos usuarios as tecnoloxías implicadas un proceso de fabricación dixital.

O mércores será a quenda de “Infoprodutos: que son e como crealos” a cargo de Fátima Faílde, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, quen dará a coñecer este novo espazo usado polos profesionais que deciden compartir coñecementos.

Para finalizar a semana, Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, falará o xoves  de “Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal”, obradoiro que centrarase en darlle unha maior visibilidade aos nosos produtos nunha das mellores épocas en ventas do ano.

Xa pola tarde, Guillermo Nass, TSU en Deseñador Gráfico  do Colexio Universitario Monseñor de Talavera, falará de “Coñece as ferramentas de Google I”, explicando como este buscador ofrécenos a posibilidade de dar a coñecer mellor o noso produto.

O PSdeG-PSOE reafirma os avances na N-120 ao seu paso por Ponteareas

O Goberno de España ten un compromiso claro e decidido coa execución dos proxectos de mellora da seguridade viaria na N-120 e de construción da Variante de Ponteareas. Así o manifesta o secretario xeral do PSdeG-PSOE, David Regades, quen, ademais, pon en valor o intenso traballo que está a realizar o grupo municipal socialista, que lidera Chus Garrote, para que estes proxectos saian adiante. “O grupo municipal socialista está a traballar moito onde hai que facelo para recuperar o tempo perdido polo PP de Rajoy, que só deixou carpetas baleiras nos ministerios”.

Regades achega tamén a vontade da organización provincial do PSdeG-PSOE de sumarse ao impulso destes dous proxectos estratéxicos para o sur da provincia, un impulso no que tamén está a participar decididamente o grupo dos socialistas galegos/as no Congreso dos Deputados, tal e como confirma o deputado Guillermo Meijón.

“Foi o compromiso das/os socialistas, comezando polas/os de Ponteareas, o que fixo posible que a licitación da depuradora sexa hoxe unha realidade e manteremos ese mesmo nivel de esixencia para que saian adiante as obras da N-120 e, máis adiante, a Variante”, recalca David Regades. Explica o secretario xeral socialista na provincia que a mellora da N-120 era unha “promesa pantasma dun Rajoy que investiu 0 euros en Ponteareas”. É a partir do ano 2019 co Goberno de Pedro Sánchez cando se producen os avances necesarios para a contratación da redacción dun proxecto técnico, valorado en catro millóns de euros, que antes non existía e que agora está en fase de supervisión no Ministerio de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente. No que atinxe á Variante, o PSdeG-PSOE provincial destaca que foi tamén o actual Goberno quen comezou a súa tramitación coa avaliación ambiental previa.

Por outra banda, os Orzamentos Xerais do Estado para 2022 inclúen 28 millóns de euros na partida de Conservación e Explotación (23 millóns de euros) e á Seguridade Viaria (5 millóns de euros) nas estradas nacionais da provincia de Pontevedra, polo que se o expediente para a mellora da N-120 atópase en situación de ser licitado ao longo deste ano, o Goberno poderá facelo con cargo a estas partidas.

Finalmente, David Regades agradece o esforzo continuo das/os socialistas de Ponteareas por involucrar a tódalas/os compañeiras/os do Partido Socialista dende as distintas Administracións para reclamar o carácter estratéxico duns investimentos estratéxicos para Ponteareas “e que será o PSOE quen os converterá en realidade”.

Noite meuga de literatura, reivindicación e moitas emocións no Castelo de Soutomaior

Coa sinatura dun manifesto “histórico”, que se dará a coñecer hoxe martes, as escritoras máis notables dos últimos tres séculos puxeron o broche final a unha noite e madrugada inéditas, nun ambiente “cheo de maxia e de bos espíritos” e nunha “contorna única” como o Salón Nobre do Castelo de Soutomaior. Un reencontro insólito, “case” imposible, no que a presidenta da Deputación Carmela Silva, participou “encantada e moi emocionada” acompañando ás creadoras ás que María Vinyals “convocou” como anfitrioa da fortaleza, como adoitaba facer en vida na súa época.  A reunión, que quixo celebrar o Día Mundial das Escritoras, foi dirixida pola propia Vinyals -representada pola escritora Mariana Carballal-, contou coa “presenza” de autoras xa desaparecidas dos séculos XIX e XX -representadas por ilustracións de María Lapido, e as voces de recoñecidas actrices galegas con textos de Isabel Blanco- e tamén concitou ás plumas máis recoñecidas da actualidade literaria galega.

Carmela Silva definiu este inimaxinable “Encontro de Escritoras”, organizado pola Deputación e comisariado pola creadora Isabel Blanco, como “único e marabilloso, que forma parte da tradición histórica das mulleres que ao longo da historia se reunían ben de xeito público e notorio, como as que organizaban as sufraxistas, ben en segredo, para tomar decisións e reclamar os nosos dereitos”. “Vimos de crear –detallou a presidenta provincial- un histórico e sorprendente espazo literario onde escritoras, poetas e feministas do pasado, xunto a escritoras e artistas do noso tempo e mulleres e mozas de Soutomaior, comandadas pola dona do castelo, María Vinyals, reivindican que as mulleres sempre aportamos moito á cultura, fomos grandes escritoras e nos conxuramos para seguir facendo as reclamacións que tristemente temos que seguir demandando neste século XXI”.  

No especialísimo cumio as mulleres escritoras e feministas foron recibidas no Castelo pola “Marquesa roxa”, representada por Mariana Carballal, quen amosou a súa “felicidade” por “encher este salón tras tanto tempo”. Trala intervención de María Vinyals chegou a quenda das autoras do século XIX e XX que volveron do pasado e, así, foi posible escoitar de novo a voz de mulleres como Emilia Pardo Bazán a través de Isabel Blanco e de Ángeles Barreiro que leu un fragmento de “La Tribuna”; Rosalía de Castro a través de Tero Rodríguez e de Carmen Álvarez, que leu un fragmento de “Lieders”; Juana de Vega a través de Isabel Blanco e Rita Míguez, que leu un fragmento do discurso á raíña Isabel II; Filomena Dato a través de Antela Cid e Teresa Vidal, que leu un fragmento do poemario “Follatos”; Concepción Arenal a través de Estíbaliz Veiga e Sara Rodríguez, que leu un fragmento de “La educación de la mujer”; Concha Castroviejo a través de María Costa e Carla Rodríguez, que leu un fragmento de “Víspera del odio”; Pura Vázquez a través de Casilda Alfaro que leu un fragmento do poema “A saudade i outros poemas”; Xela Arias a través de  Silvia Penas e de Aldara Cabaleiro, que leu un fragmento do poema “Intempériome”; e Sofía Casanova coa voz de Débora Vukusic e de Valeria Narciso, que leu un fragmento do poema “Quero Galicia, no teu adorado seno”.

Posteriormente tivo lugar a actuación da soprano Esperanza Mara, que rendeu homenaxe á tiple-contralto Lucrecia Arana, que tantas veces visitou o Castelo de Soutomaior xunto ao escultor Mariano Benlliure na época de Vinyals. Tamén tomaron a palabra escritoras do século XXI, presentes no Castelo, como Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Regina Vega, Arantza Portabales e Ledicia Costas que, ao igual que as escritoras do século XIX e XX, leron un breve fragmento de obras da súa autoría e recibiron de mans da presidenta provincial unha camelia. Xunto ás escritoras, reuníronse tamén no Castelo de Soutomaior a presidenta da asociación “Clásicas y Modernas”, Fátima Anllo, e mulleres do mundo  libreiro, da edición ou da ilustración como Mercedes Corbillón, Edurne Baines e María Lapido. Tamén participaron veciñas e nenas de Soutomaior, para as que Vinyals sempre esixiu a mesma educación e instrución que a que recibían os homes, e ás que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo entrega de libros.  Tralo faladoiro literario tivo lugar a cea das convidadas, con conversas que se estenderon ata altas horas da madrugada, e con reflexións, reivindicacións e debate que concluíu coa sinatura dun manifesto “histórico” que se dará a coñecer este martes, 9 de novembro. “Estou emocionada”, informou a presidenta da Deputación. “Ao igual que aconteceu con Seneca Falls, chegamos a moitos puntos en común nun documento excepcional, un manifesto, que mañá faremos público e remitiremos a todos os colectivos de mulleres de España, a todas as administracións públicas, e que poñeremos á firma de homes e mulleres, con todas as reclamacións que teñen que ver co mundo da literatura e da creación. Estamos todas de acordo para seguir reclamando os dereitos, neste caso das mulleres da cultura e das letras nas que tamén temos que rachar coa fenda de xénero”.

Tomiño construirá o edificio “Espazo Isaura Gómez” grazas á Deputación

0

A Deputación de Pontevedra vén de confirmar unha subvención de 1.108.423,05 € dentro do Plan REACPON, para a construción do edificio “Espazo Isaura Gómez”, que albergará a futura biblioteca municipal e outras dependencias de carácter cultural e administrativo.

O “Espazo Isaura Gómez” foi deseñado polo Estudio “XL arquitectos” e ten un orzamento xeral que rolda os 2 millóns de euros, polo que o Concello terá que facer fronte ao proxecto tamén con fondos propios, conseguidos a través dun préstamo, despois de solicitar sen éxito axuda á Xunta en reiteradas ocasións.

O edificio, que estará situado en pleno núcleo urbano do Seixo (rúa Colón, 4) a carón do Mercado Municipal, contará con catro andares ademais dun soto que albergará o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e outras dependencias. Será, polo tanto, un edificio multiusos, versátil, autónomo, aberto á xente, confortable, sostible, altamente eficiente dende o punto de vista enerxético.

Os usos principais serán os seguintes: unha biblioteca municipal, xa que na actualidade Tomiño carece deste servizo; a ampliación, centralización, modernización e dixitalización do arquivo municipal, xa que na actualidade atópase disperso por varios locais e edificios debido á falta de espazo; a centralización de determinados servizos que ofrece o Concello nun só edificio para aforrar custos de mantemento e xestión como a Aula Cemit.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradece moi especialmente o importante apoio da Deputación de Pontevedra, tendo en conta, ademais, que o proxecto de Tomiño foi o que acadou a maior puntuación  da provincia de Pontevedra.

Asemade, a rexedora reivindica a importancia que este proxecto ten para o municipio pondo tamén en valor o xeito no que foi deseñado, contando coa participación de multitude de colectivos sociais e veciñais. “Sen dúbida será un espazo de referencia para a dinamización cultural que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de referencia e froito dunha consulta á cidadanía, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a distintos colectivos e asociacións”.

O proxecto atópase agora en proceso de licitación anticipada e sairá a resolución en breve, co cal se agarda poder comezar a obra a finais deste ano ou principios do vindeiro.

Mos presenta a décimo sétima edición das Xornadas Micolóxicas

0

Onte pola tarde, ás 20.30 horas, celebrouse o acto de presentación da XVII Edición das Xornadas Micolóxicas e Forestais do Concello de Mos que tivo lugar no Bar Miro Pereira, en Petelos.

A presentación contou coa asistencia do concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, demais membros da Corporación Municipal, da experta micóloga Puri Lorenzo, Ramón Muíños como representante da Comunidade de Montes de Mos; e representantes dos cinco restaurantes mosenses participantes nas Xornadas Micolóxicas 2021 que ofreceron unha degustación dos pratos que van a servir na Gran Degustación de Cogomelos que se celebrará no contorno do Pazo de Mos o domingo 21 de novembro de 12.00 a 15.00 horas.

Ditos pratos son por parte de Adega da Tía Carmen croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas, por parte do anfitrión, Miro Pereira, polo en crema de setas, por parte do Bar Restaurante Curuxeira fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas, por parte da Casiña da Tía Albina, filloas de champiñóns con gambas e filloas de champiñóns con gulas; e por parte da Tapería A Cova da Santa, pizza mar e monte: salmón afumado con variado de setas.

As Xornadas son posibles grazas á colaboración de Concello e Comunidade de Montes de Mos, que as organizan conxuntamente, a participación e implicación dos hosteleiros; e subvención da Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

A Gran Degustación do domingo 21 de novembro no contorno do Pazo de Mos estará complementada co V micomercado (mercado micolóxico). A xornada gastronómica prolongarase dende as 12.00 horas ata as 15.00 horas. De 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas estará aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogomelos. E ás 12.30 horas haberá unha actuación do Grupo Acordeireta. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, actuarán Xoan Curiel e Charo Pita co espectáculo “Canta miña pedra, canta”.

Como cada ano nas Xornadas Micolóxicas de Mos, e tras o parón do ano pasado por mor da crise sanitaria da COVID-19, regresan as charlas e conferencias didácticas sobre micoloxía. Serán todas ás 20.30 horas no Pazo de Mos. O luns 15 de novembro Xosé Braulio Mondragón Abuín falará sobre ‘As 10 herbas máis importantes do bosque’. O martes 16 de novembro Fernando Gerino Ferreirós Soutiño, dará a conferencia titulada ‘Froitos, diversidade é riqueza’. O mércores 17 Marisa Castro, Investigadora en Micoloxía no Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, ofrecerá a ponencia ‘Intoxicacións por cogomelos’. O xoves 18 Puri Lorenzo, Bióloga especialista en Micoloxía do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, falará sobre ‘Cogomelos nos ecosistemas galegos’. E o venres 19 de novembro José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía, ofrecerá a charla ‘Cociñando cogomelos’.

Por último o sábado 20 de novembro de 10.00 horas a 13.30 horas realizarase a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por monitores especializados. Para participar é necesaria inscrición previa no Pazo de Mos durante os días que se imparten as charlas sobre micoloxía. As prazas dispoñibles son limitadas.

Este sábado, espectáculo de Maxia dentro da programación dirixida ao público familiar no Centro Cultural

0

Cando pensamos nun espectáculo de maxia, tedemos a imaxinar a un home no escenario, mais sempre existiron magas que tiveron que enfrentarse a unha realidade chea de estereotipos e prexuízos tanto por parte do público como de seus compañeiros ilusionistas.

A igualdade non ten truco é una charla espectáculo de maxia que busca promover a igualdade de xénero a través do ilusionismmo e das vivencias das mulleres ilusionistas.O espectáculo foi representado en numerosos centros de Educación primaria e secundaria de Galicia con moi boa acollida e agora chega ata o Centro Cultural da Guarda da man da parella de ilusionistas Sara Rodríguez y Carlos Tomico, como un espectáculo divertido e mágico para ser deleitado en famlia.

O evento terá lugar este sábado ás 18:00h. No Centro Cultural da Guarda e para asisitir é preciso reservar as entradas con anterioridade a través de eventbrite.es: https://www.eventbrite.es/e/entradas-maxia-en-familia-a-igualdade-non-ten-truco-200803858747?aff=ebdssbcitybrowse.

Oia inicia as obras para transformar a antiga biblioteca nun local de novas tecnoloxías

0

O Concello de Oia vén de comezar as obras de adaptación do espazo da antiga biblioteca municipal a local destinado ás novas tecnoloxías. Ademais de mellorar o acceso e emprego das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), este espazo, situado no baixo da casa consistorial, gañará en superficie e versatilidade.

A actuación permitirá ampliar o espazo da actual biblioteca, construír un aseo adaptado a persoas con mobilidade reducida –do que actualmente carecían as dependencias- e incorporar un pequeno almacén. Ademais, esta aula de novas tecnoloxías deixará de ter unha única entrada, a través da rúa, para contar con accesos interiores que permitirán a comunicación directa con outras zonas do edificio do Concello.

O novo local adaptado ás TIC será máis amplo, accesible e versátil que o actual, permitindo diferentes formas de ser aproveitado. Incluso admitirá distintos usos simultáneos e separados, segundo a disposición ou cambio do mobiliario que se realice en cada momento. Así mesmo, manterase o espazo de préstamo de libros que viña funcionando ata o de agora.

O Concello de Oia financia esta actuación integramente a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, cun orzamento total de 52.047,09 euros que inclúen as obras, a redacción do proxecto e máis a dirección de obra.

Eu Rural súmase á campaña ‘O rural contra a violencia de xénero’ cunha andaina o vindeiro 13 de novembro

0

Eu Rural súmase á campaña ‘O rural contra a violencia de xénero’ coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co gallo do Día Mundial da eliminación da violencia contra a muller o vindeiro 25 de novembro. Farao cunha andaina para todos os públicos o vindeiro 13 de novembro, cun percorrido de 5 quilómetros de dificultade baixa con saída ás 10.30 horas dende o Pazo de Mos. A ruta rematará no mesmo pazo coa actuación musical de Meigas Fóra, da Asociación cultural Tangaraño, e con degustación de empanadas.

Eu Rural conta para esta actividade cun deseño propio do territorio cunha imaxe fortemente vinculada a todos os municipios que o integran. Dende Eu Rural quérese agradecer o traballo e a implicación ao Concello de Mos e ao Pazo de Mos, sempre dispostos a colaborar co grupo de desenvolvemento.

AGADER encargarase de coordinar aos 24 grupos de desenvolvemento rural que participan nesta campaña, que conta coa colaboración da Consellería do Medio Rural, da Secretaría Xeral de Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

O acto central da campaña será unha andaina popular que implicará a miles de persoas do rural para que o mesmo día á mesma hora camiñen dende 24 puntos distintos do territorio para reclamar o fin a violencia machista e defender a igualdade. Ademais, a través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta de Galicia tamén quere poñer en valor as diferentes rutas de peregrinación do Camiño de Santiago, con motivo do Xacobeo 21-22.