7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasAlén da RaiaFronte común para materializar a ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova...

    Fronte común para materializar a ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira

    Na reunión de traballo sobre o viaduto deuse conta de que xa hai informes sectoriais positivos para a construción e tamén dos trámites realizados para acadar fondos europeos

    A recepción da presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez ao novo alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, finalizou hoxe coa certeza da necesidade de “aproveitar o momento” para materializar a nova ponte peonil entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira reclamando dende unha fronte común a inxección de novos fondos europeos do ‘Next Generation’.

    O encontro, que tivo o seu momento institucional coa sinatura do rexedor cerveirense e da alcaldesa de Tomiño Sandra González no libro de honra da Deputación, serviu tamén como xornada de traballo para poñer sobre a mesa os avances na tramitación da construción do viaduto.

    Neste sentido, anunciouse que xa existen informes sectoriais positivos das administracións competentes e que hai boa predisposición tanto a nivel autonómico como estatal para conseguir fondos europeos que financien a obra, aínda que é preciso pechar compromisos en firme e agardar a distribución final dos cartos. Queda por decidir tamén como se licita a obra, ben dende o AECT Rio Minho, dende a parte galega ou ben dende a parte portuguesa, xa que iso incidirá no custo final, por ser o IVE na parte española do 21% e apenas do 6% na parte lusa.

    A presidenta provincial, Carmela Silva, felicitou ao alcalde de Vila Nova de Cerveira pola súa recente elección e pola dirección do Consello Coordinador da AECT Río Minho, unha entidade que, como subliñou, “é a AECT máis potente, e xa unha referencia dos novos valores de transformación que quere impulsar a Unión Europea agora concretados nos fondos Next Generation”. Neste senso, apuntou que “ambición” é a palabra que mellor define esta entidade, “de crer que podemos facer todo e non temos que ter límites” e concretada en proxectos como Visit Minho, Smart Minho, así como os que se presentarán aos fondos europeos. A presidenta incidiu tamén nos fondos POCTEP 2021-20276 e subliñou a “clara” posición da Deputación para que sexan investidos en concellos transfronteirizos: “Non pode ser que a maioría dos recursos os leven outros territorios que nada teñen que ver coa fronteira  e que están a recibir moitos recursos”, afirmou.

    Respecto ao proxecto do Parque da Amizade, coa ponte peonil que unirá Tomiño e Vila Nova de Cerveira, subliñou que máis alá da calidade da obra arquitectónica, será “un vínculo de unión para crear estratexias e accións conxuntas e garantir dereitos e servizos a ambos lados do Miño”. Cualificouno como “innovador” e “unha excelencia”, para a que “temos o compromiso do Goberno para recibirnos e tomar conciencia de cal é este proxecto”.  “Non o podemos perder –indicou- e estou segura que imos conseguir a financiación. É un proxecto traballado con transparencia, participativo e comprometido”. “É –dixo-  intentar que dous concellos poidan ter un proxecto común que facilite poñer en valor dous territorios irmáns, e que permitiría converter esa zona nun espazo de excelencia, que marcaría unha forma de entender o territorio. Un espazo de encontro onde acontecerían cousas marabillosas a nivel cultural, social e de relación entre dúas vilas que levan tempo traballando para ter visións conxuntas.  E é un discurso que en Europa debería ser aplaudido. Realmente creo que hai poucos proxectos como este que nos poidan situar tanto e que poidan facer que Europa entenda que desde o mundo local hai moitísimo talento, intelixencia e ideas nos concellos”.

    Pola súa banda, o deputado Uxío Benítez, lembrou que o proxecto da ponte peonil foi un soño anunciado en 2012, que deu o seu primeiro paso formal en 2016 co protocolo de colaboración entre Tomiño, Cerveira e a Deputación, cando esta se comprometeu a financiar un concurso de ideas. Subliñou que o proxecto gañador chegou da man da UTE de Burgos&Garrido e o enxeñeiro Alejandro Bernabeu e que o resultado é un proxecto que se adapta á contorna e que permitirá unir ambas beiras do río nun parque transfronteirizo. “Este é o momento”, insistiu Benítez citando a posibilidade de obter fondos europeos do Next Generation pola coincidencia cos obxectivos que a UE marca para os investimentos.

    A alcaldesa Sandra González indicou, pola súa banda, que a ponte é un proxecto “para revalorizar o territorio, un espazo único e transfronteirizo que debe ser exemplo de sustentabilidade amais dunha irmandade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Os Fondos Next Generation deben darlle o empurrón final”.

    Finalmente, o novo presidente de câmara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, quen aproveitou para coñecer de primeira man o proxecto técnico da nova ponte con todos os seus detalles, recoñeceu tamén que nestes momentos  “hai cartos” para financiar a iniciativa, e subliñou que como responsable municipal traballará arreo por iniciativas que melloren a vida da cidadanía no territorio transfronteirizo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.