O Concello de Redondela iniciará, en breve, as obras de remodelación da rúa Picota dende o viaduto ata a praza da capela de Santa Mariña, incluíndo no seu trazado a praza da Fonte do Mouro e a contorna da antedita capela. As obras contarán cun investimento total de 993.834,47 euros dos que a Deputación de Pontevedra achegará, a través do plan ReacPon, máis de 460.000 euros (461.859,85 €).
Cómpre salientar que a rúa Picota forma parte do Camiño Portugués sendo, actualmente, o único tramo da vila que non se atopa empedrado. A maiores, durante os últimos tempos os vehículos foron a máis na zona reducindo as beirarrúas, ata tal punto, que as persoas que cirulan a pe atopan discontinuidades nas mesmas ao longo do seu trazado.
Doutra banda, esta circunstancia, diminúe a posta en valor dos bens patrimoniais que se atopan na zona tendo en conta que é un lugar de paso continuado de milleiros de persoas que, ao longo do ano, peregrinan cara a Santiago de Compostela.
A intervención, tal e como figura no proxecto, trata de regularizar o trazado da rúa dotándoo dunha nova identidade e relacionando o seu firme cos novos empedrados existentes nas prazas. Ao igual que acontece con este tipo de obras en todas as vilas e cidades, búscase devolver o protagonismo aos peóns fronte aos vehículos facendo das rúas e prazas lugares máis amables e puntos de convivencia cidadá.
Para mellorar a paisaxe urbana, explica o Concello de Redondela, “melloraranse os accesos ás vivendas e as medianeiras vistas, recubríndose con xardiñeiras elevadas aqueles puntos onde asomen antigas cimentacións de edificios.
O proxecto deseñado actuará en tres frontes. Rúa Picota, na que se busca integrala completamente no tecido urbano, de xeito que o empedrado que se utilice mimetícese co outro xa existente para conseguir un vial de plataforma única.
Praza Fonte do Mouro, na que continuará o empedrado relegándose a praza ao lateral leste conectada a través de ramplas e escaleiras accesibles. Amais, a existencia de socalcos permite crear espazos nos que, as actividades, serán determinadas polos usuarios e usuarias e o uso que se lle queira dar.
Estado actual Unha secuencia de pequenas terrazas que adaptan a topografía e regulan o espazo rúa-praza
Contorna da capela de Santa Mariña, na se manterán os mesmos materiais que no resto das actuacións creándose, xa na praza unha “alfombra” de empedrado franqueada por dous grandes bancos que acotan o espazo e crean unha especie de adro ca propia capela que, actualmente, está suxeita a un intenso tráfico da N550 da que so está separada por unha xardiñeira.
Trátase, sinala a alcaldesa Digna Rivas, “de continuar mellorando as rúas e prazas para convertelos en espazos humanizados, de convivencia veciñal e na que as persoas teñan prioridade sobre os vehículos, como acontece xa hoxe en día en case que todas as vilas e grandes cidades”.
A alcaldesa adiantou que o Concello estuda, nestes momentos, “diversas alternativas para o estacionamento de vehículos dos residentes, de xeito que quede minimizada a supresión de prazas nos lugares da actuación urbanística”. Non se trata de eliminar prazas de estacionamento, asegura Digna Rivas, “senón de compatibilizar a súa situación cunha humanización da contorna que contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
A rexedora local quixo agradecer a atención que a Deputación de Pontevedra e a súa presidenta, Carmela Silva, “prestan a todas e cada unha das demandas que se lle presentan dende Redondela de cara a convertela nunha vila máis humanizada, cómoda e vivible”.