14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaUn investimento da Deputación no Baixo Miño transformou toda a comarca

    Un investimento da Deputación no Baixo Miño transformou toda a comarca

    Carmela Silva anunciou que o Plan ReacPon da Deputación permitirá aos cinco concellos da comarca sacar grandes obras adiante por valor de case 6,1 millóns de euros que se sumarán aos fondos do Plan Concellos bianual

    A comarca do Baixo Miño recibiu nos 6 transcorridos co actual goberno da Deputación, “o maior volume de investimento de toda a historia da institución provincial” cun total de case 48 millóns de euros. Así o afirmou a presidenta Carmela Silva durante o balance e acto de dación de contas, realizado hoxe en Tui cos medios informativos da comarca, no que mostrou “con orgullo”, dato a dato, “o modelo transformador que estamos a aplicar en toda a provincia e que está a ter uns resultados extraordinarios nos cinco concellos do Baixo Miño. Non hai quen os recoñeza, é unha transformación de 180 graos que nunca se mirara, e todo parte de ter moi claro o que queremos facer”. “Somos a Administración máis investidora, dixo, a que permite que se garantan dereitos e servizos, e simplemente hai que pasearse polos concellos para ver as obras con nomes e apelidos, ver o antes e o despois”, afirmou.

    Carmela Silva recalcou que as cifras do Baixo Miño son posibles porque a Deputación dedica máis dun 31% do seu orzamento anual, segundo datos do Ministerio de Facenda, ás transferencias aos concellos, o que a converte na referencia nacional. A media das deputacións españolas está no 18% e a Deputación de Ourense quédase no 0,03%. “Houbo un cambio radical na Deputación de Pontevedra e hoxe hai un modelo de transformación desta provincia”, insistiu. Por concellos, e sen ter en conta os fondos europeos, a Deputación investiu durante este sexenio 10,6 millóns na Guarda, 3,6 millóns en Oia, 5,7 millóns en O Rosal, 14,3 millóns en Tomiño e 9,8 millóns de euros en Tui.

    Na súa comparecencia, a presidenta provincial comparou o presente desta Deputación municipalista co seu pasado “caciquil e clientelar, cando se investía en concellos do PP e nin sequera en todos, senón particularmente naqueles nos que interesaba para sumar deputados provinciais”. “Antes había un modelo que defendía intereses algunhas veces incualificables e non había planificación dos recursos. E agora sucede exactamente igual coa Xunta de Galicia: que se comprobe cantos convenios asina a Xunta e con quen; é un descaro absoluto”. Engadiu que hai quen aínda se sorprende de que a Deputación practique un reparto xusto, equilibrado e obxectivo dos recursos, “pero somos como o día e a noite, o sol e a lúa, o branco e o negro”. “A min non se me pasa pola cabeza mirar quen goberna en cada concello. Gobernamos para a xente porque queremos cambiar a provincia de Pontevedra. Na Deputación de Pontevedra houbo un cambio radical e os resultados están aí: somos unha referencia no estado en igualdade, mobilidade sostible e recuperación de espazo público, cultura ou xestión de residuos.. e con premios estatais e internacionais”

    287 obras realizadas co Plan Concellos, “que dise pronto”

    O Plan Concellos, ao que definiu como “o plan estrela”, significou 24,2 millóns de euros repartidos obxectivamente no Baixo Miño, que se traduciron en 287 obras, “que dise pronto”, espetou a presidenta. Financiou 283 actividades socioculturais e a creación de 330 empregos. “A ver quen pon estas cifras sobre a mesa”, retou. Entre as obras máis significativas citou a reforma da Casa do Concello da Guarda, as sucesivas adquisicións de terreos de Oia, a reforma da Praza de Abastos do Rosal, ou as melloras na Alameda de Goián. “Dígoo con humildade, pero tamén con moito orgullo: non hai quen recoñeza a estes cinco concellos, que foron quen de transformar o seu espazo público e construír vilas amables e sostibles, que loitan contra o cambio climático, que se modernizan e dixitalizan os seus servizos; concellos do século XXI”. A presidenta invitou a reflexionar sobre o antes e o agora e a que se constate que os únicos valados de obras que se poden ver no Baixo Miño son da Deputación.

    O Plan extraordinario DepoRemse, de seguridade viaria nas contornas urbanas, permitiu a execución de tres obras por valor de 1.424.843 euros nas rúas Vigo e Celta na Guarda, a praza do Seixo en Tomiño e o núcleo da Torre en Paramos (Tui). “Quen recuperou Paramos? Lembran o ruído que fixo a Xunta despois do accidente da pirotécnica? Hoxe Paramos é un núcleo que non ten nada que ver co que existía”, subliñou. Con cargo ao Plan Ágora, nacido para actuar no viario municipal, outorgáronse preto de 300.000 euros para as obras da rúa República Arxentina (Tomiño) e a redacción dos proxectos da rúa Joaquín Alonso (A Guarda), estrada vella ao mosteiro de Santa María (Oia), praza do Calvario (O Rosal) e paseo da Corredoira (Tui).

    O servizo provincial de Infraestruturas acometeu un investimento de 8,7 millóns de euros que permitiron executar 23 proxectos nas 13 estradas provinciais. Entre elas, a mellora da estrada Tomiño Sabarís (2,8 millóns de euros), a recuperación peonil da rúa Concepción Arenal, na Guarda (1,7 millóns), a mobilidade sostible en Caldelas-Tui (600.000 euros), a seguridade viaria na estrada Tabagón-Goián (179.000 euros) ou a senda peonil nesta mesma estrada (máis de 650.000 euros). A maiores o Plan Móvese, para reducir a sinistralidade, permitiu colocar 67 redutores físicos de velocidade e 34 pasos de peóns sobreelevados. A deputación subvencionou, ademais, catro Plans de Mobilidade Sostible (PMUS), cos que, en palabras de Carmela Silva “adiantámonos, porque, anos despois, son a porta de entrada a moitos fondos Next Generation, FEDER e IDAE”. Finalmente, fixéronse os camiños escolares seguros da Guarda e Tomiño.

    16 millóns investidos polos servizos provinciais

    A presidenta da Deputación destacou que nestes 6 anos de xestión téñense gastado case 16 millóns de euros en subvencións e en programas desenvolvidos polos distintos servizos provinciais e así comezou polos 209.000 euros da área de Igualdade, que repartiu 107 subvencións, organizou 71 cursos do programa Conectadas e outras iniciativas encadradas nos programas Violencia Zero, Cinema e Muller ou Rompe, Xoga en Igualdade, entre outros.

    O servizo de Cohesión Social subvencionou proxectos de integración social a 103 entidades do Baixo Miño. Os concellos recibiron 1,5 millóns de euros para o funcionamento dos Servizos Sociais Comunitarios, 309.450 euros para axudas de emerxencia social a persoas vulnerables e, ademais, 33.000 euros para sufragar o 50% do servizo de teleasistencia. Un servizo, destacou Carmela Silva, que a Deputación mantén para cubrir a ausencia da Xunta, “a pesar de que é competencia súa”.

    Dende a área de Emprego financiáronse 116 contratos e becas. A presidenta amosouse  especialmente satisfeita co programa O Teu Primeiro Emprego, que facilita contratos ás persoas que rematan estudos universitarios ou Formación Profesional superior. En total, xunto cos plans de Práctica Laboral, Prácticum Depo e DepoIntegra Xoven, mobilizáronse 843.000 euros.

    En Turismo investiuse preto dun millón de euros en promoción e dinamización. Destacou Silva a escavación e acondicionamento de Santa Tegra na Guarda, “un dos xacementos máis importantes da península”. Recalcou que a provincia de Pontevedra é a que máis selos de calidade turística (Sicted) ten en toda España, dos que 31 pertencen ás empresas certificadas nesta comarca baixo o “paraugas” de Turismo Rías Baixas. Este servizo xestiona tamén as oficinas turísticas de A Guarda e Oia. A presidenta destacou, finalmente, a promoción do Camiño Portugués e do Camiño da Costa.

    O servizo de Transición Ecolóxica dedicou cerca dun millón de euros ás campañas pensadas para o sector primario. Así desenvolvéronse campañas para os subsectores da flor cortada (AcuBam), concedéronse subvencións á Cofradía Santa Tegra da Guarda e ás cooperativas hortofrutícolas Porta Río Miño e Horta de Galicia, no Rosal. Ademais, concedéronse máis de 142.000 euros para o desenvolvemento de cinco parques forestais en atención ás solicitudes municipais (catro na Guarda e un en Oia).

    O proxecto Revitaliza, que fixo da Deputación fose considerada referente de boas prácticas no tratamento dos residuos orgánicos, deixou 671.000 euros investimento nesta comarca, unha das de maior impacto. Hoxe no Baixo Miño hai 156 composteiros individuais e 9 comunitarios financiados polo Revitaliza.

    Desde o servizo de Cultura, “que no pasado non era un elemento importante para a Deputación de Pontevedra precisamente porque a cultura crea persoas con capacidade crítica de pensar por si mesmas”, remarcou Carmela Silva, investíronse máis de 888.000 euros con 1.131 actividades ou iniciativas subvencionadas. A área de Lingua repartiu outros 41.047 euros e as subvencións para a posta en valor do Patrimonio histórico e/ou democrático, preto doutros 40.000 euros.

    A área de Deportes, “con fondos propios e non coas achegas de Abanca como fai a Xunta”, matizou a presidenta, dedicou case un millón de euros a un territorio que destaca polo seu potencial nos deportes náuticos, especialmente o piragüismo, e que tamén é referencia en deporte feminino co Atlético Guardés. Os/as 23 deportistas individuais con beca de elite ou promesa da Deputación mereceron unha referencia á parte no balance de Carmela Silva, así como o elevado número de escolas deportivas provinciais, que chega a 31. A Deputación financiou un total de 83 actividades e/ou competicións deportivas.

    A aposta polas Novas Tecnoloxías nos cinco concellos da comarca quedou patente co impulso á Administración Electrónica da man da Deputación: “cando chegamos ningún concello da provincia de menos de 50.000 habitantes tiña Administración electrónica, aínda que a lei obrigaba a elo”, lembrou Silva, quen engadiu que, ademais do soporte tecnolóxico, deuse formación a 283 traballadores/as e concelleiros/as. O mesmo sucedeu co padrón electrónico, do que xa dispoñen os cinco concellos. A atención tamén chegou ao mundo da empresa co asesoramento tecnolóxico que o programa SmartPeme prestou a 51 pemes da comarca.

    A Deputación repartiu 243.563 euros en axudas relacionadas coa combate contra a Covid-19. Distribuíronse en axudas directas aos sectores económicos afectados polas restricións sanitarias, en subvencións extraordinarias para reforzar os servizos sociais municipais e no financiamento dos programas municipais de corresponsabilidade familiar. Neste punto, Carmela Silva rememorou que a Xunta “recibiu centos de millóns de euros extraordinarios do goberno central para facer fronte á pandemia e transferiu 0 euros aos concellos; nin un euro para quen fixo fronte á Covid”

    O apoio ás emerxencias manifestouse cos 480.000 euros para o cofinanciamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Guarda. Neste punto aproveitou para criticar “a actuación desleal e intolerable da Xunta” e anunciou que se está a barallar acudir aos tribunais para frear a transferencia constante de competencias autonómicas sen recursos ás entidades locais. “Estamos moi fartas/os”, insistiu. “ A Xunta antes financiaba o 60% dos GES e en canto perdeu as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra baixou a súa achega ao 52,5% e dobrou as das Deputacións do 20% ao 40%”, explicou, ao tempo que advertiu que a Deputación, en ningún caso ten obriga de facer achegas para os GES dos municipios de máis de 20.000 habitantes.

    En canto aos recursos procedentes de Europa destacou que a Deputación foi quen de facer posible que 4.097.972 euros de fondos europeos chegasen aos concellos do Baixo Miño a través de proxectos liderados directamente como o Visit Miño, Smart Minho, os fondos IDAE para a iluminación exterior sostible ou o proxecto Estraee para o acondicionamento dos puntos limpos á recollida do lixo eléctrico e electrónico. A elo súmase o proxecto Rede Lab Miño, que está a desenvolver a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño. Silva aproveitou para definir a esta AECT como a que mellor funciona en Europa.

    Finalmente, aproveitou para anunciar que o Plan Concellos de 2022 incluirá tamén a Liña 1 (obras e investimentos directos) correspondente ao ano 2023, “co que serán 73 millóns de euros que terán a súa disposición en 2022”, e felicitouse polo éxito dos cinco concellos na recente convocatoria do plan extraordinario ReacPon, o que vai significar case 3,2 millóns máis de investimento provincial para facer posibles proxectos valorados en 6,1 millóns de euros. En concreto, a ampliación do pavillón da Sangriña (A Guarda), a praza do Campo (Oia), a praza do Calvario (O Rosal), o espazo Isaura Gómez (Tomiño) e a reforma de Antero Rubín e Canónigo Valiño (Tui). “Somos conscientes de que dende o público toca facer grandes investimentos, políticas expansivas e keynesianas”. “Son optimista porque creo que no ano 2022 vaise producir unha gran recuperación”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.