Venres, 14 Novembro de 2025

Arrancan as inscricións para a actividade “O Camiño de Santiago entre amigos”

O Concello de Arbo, xunto co de Crecente e a Cámara de Melgaço organizan dende o 30 de xuño ao 4 de xullo a actividade deportiva “O Camiño de Santiago entre amigos”.

Estas accións, reforzan, unha vez máis, o obxectivo de fortalecer os lazos de amizade, municipais e comerciais entre o noso concello e os concellos veciños de Crecente e Melgaço.

2022 é un ano moi especial para o Camiño de Santiago e para todos os peregrinos. En 2021 celebrouse o Ano Santo Compostelán número 120 da súa historia, pola situación excepcional da COVID-19 o Papa Francisco prolongou o Ano Santo ao 2022.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, manifesta que “a actividade ‘O Camiño de Santiago entre Amigos’,  ademais de que contará este ano cunha gran afluencia de peregrinos, os veciños e veciñas de Arbo, Crecente e Melgaço,  poderán estreitar máis os lazos de amizade e compartir as experiencias únicas que esta actividade do camiño ofrece”.

A actividade desenvolvese en tres modalidades distintas:

  • O CAMIÑO DE SANTIAGO A  PÉ”  arranca o día 30 de xuño, son un total de 5 etapas e o prezo por persoa ascende a 168,00 €. 
  • “O CAMIÑO DE SANTIAGO EN BICICLETA” arranca o 2 de xullo e realizase en 3 etapas, ó prezo por persoa ascende a 114,00 €.
  • “O CAMIÑO DE SANTIAGO EN BUS”  é o 4 de xullo,  a chegada a Santiago sería no mesmo día e o prezo por persoa ascende a 25,00 €.

O prezo inclúe: durmida, almorzo, xantar e cea, seguro, guía e agasallos para todos os participantes.

As instancias pódense descargar na páxina web da Festa da lamprea https://festadalamprea.gal.

Para a reserva de praza é obrigatorio o pago da actividade. As inscricións serán por orde de chegada ata cubrir prazas e o prazo máximo para anotarse é o 20 de xuño (prazas limitadas).

Para máis información e reservas: no Concello de Arbo, no correo eléctronico [email protected] ou no teléfono  639 82 94 45.

Xunta e Concello de Tomiño asinan o convenio de xestión da depuradora

0

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, asinou vía telemática o convenio de colaboración co Concello de Tomiño polo que a Xunta de Galicia continuará a facerse cargo da xestión da depuradora de augas residuais do municipio.

A vixencia deste acordo de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Tomiño para a explotación da depuradora municipal esténdese ata o 30 de maio de 2024 e suporá un investimento da Xunta de máis de 400.000 €.

A entidade hidráulica da Xunta ten asumido o servizo de mantemento da planta de tratamento de augas residuais de Tomiño desde o ano 2005 mediante un contrato de xestión e explotación da depuradora na que leva investido ata o momento case 3,2 M€.

En virtude deste convenio, Augas de Galicia comprométese a continuar a levar a cabo a explotación das instalacións da depuradora de augas residuais de Tomiño nas condicións técnicas axeitadas á súa capacidade e deseño, e ás exixencias ambientais vixentes, realizando as actuacións oportunas para a súa axeitada conservación e mantemento.

Os servizos de saneamento e de abastecemento son de responsabilidade de carácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.

A explotación e mantemento das infraestruturas hidráulicas teñen como obxectivos garantir a correcta depuración das augas residuais e ofrecer uns servizos que respondan ás necesidades reais da poboación.

Na actualidade o organismo hidráulico da Xunta encárgase de prestar estes servizos de depuración en 28 estaciones depuradoras de augas residuais.

O Goberno galego impulsou a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, agora mesmo en trámite parlamentario e que se prevé que entre en vigor en verán. A través desta lei, a Xunta porá á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos da auga e un sistema voluntario para garantir unha xestión de calidade, respondendo ás carencias derivadas das dificultades técnicas e financeiras que teñen moitos municipios na xestión da auga.

Israel Ramos gañador do V Premio Lueiro Rey de Xornalismo

A deputada de Lingua María Ortega reivindicou o uso xeral do galego nos medios na entrega do V Premio Lueiro Rey de Xornalismo organizado polo Concello de Fornelos de Montes. A deputada nacionalista quixo subliñar a necesidade de que a lingua do país aborde tódalas temáticas e non só as relacionadas co propio idioma ou a cultura. Así mesmo, destacou a calidade literaria do texto do gañador da quinta edición, Ismael Ramos, e tamén da súa “soberbia” intervención de agradecemento no acto de hoxe relatando vivencias persoais, da que asegurou que, despois de escoitala, “só cabe o silencio para que as súas palabras resoen nas nosas cabezas”.

María Ortega asegurou que o feito de que o premio de xornalismo Lueiro Rey exista significa, entre outras moitas, varias cousas relacionadas coa área que dirixe. A primeira é que hai interese dos gobernos locais pola escrita en galego. Manifestou o seu convencemento de que que as administracións deben impulsar o compromiso co idioma e subliñou que por iso a Deputación, dende o departamento de Lingua, “tenderá sempre a súa man para colaborar co Concello de Fornelos de Montes nas súas iniciativas e con outros que queiran potenciar a nosa lingua”.

En segundo lugar, a nacionalista destacou que o Lueiro Rei de xornalismo significa que hai persoas escritoras, xornalistas que, “a pesares de ir contracorrente, atopan oco para publicar en galego”. Salientou que a prensa é un estupendo altofalante para chegar a toda a cidadanía e por iso solicitou que haxa maior esforzo por facer chegar “a información, opinión, e textos na nosa lingua sen ver cal é a temática. E hoxe o galego, hai que recoñecelo, está relegado a segundo que seccións. Resulta difícil atopar escritos en galego que non teñan que ver coa cultura ou co folclore… incluso ás veces é tamén complexo comprender por que se traducen declaracións de persoas que certamente non falan noutra lingua que a do noso país”, dixo.

“Por iso que é fundamental recoñecer a importancia da escrita en galego nos medios de comunicación, e penso que atopar traballos de contido social, de denuncia social, redactados na lingua nosa nai fannos sentir coma nun oasis no medio do deserto”, salientou.

En canto ao traballo premiado, titulado “Mentres tanto, dáme a man”, subliñou a súa satisfacción por estar escrito “por xente nova, por voces como a de Ismael Ramos que ofrece un xornalismo con tinturas literarias de calidade e gran talento, que ademais aborda un asunto como a visibilización da homofobia cunha perspectiva singular”. 

“Non podo máis que dar os parabéns ao xurado pola súa escolla nesta quinta edición do certame, á que desexo mil primaveras máis”, finalizou.

O poeta, profesor e columnista Ismael Ramos fíxose coPpremio de Xornalismo Lueiro Rey pola elección unánime do xurado, formado por Ramón Nicolás, Carme Vidal, Ramón Rozas e Carmen Carreiro.

A Biblioteca de Nigrán Premio Nacional de Arquitectura 2021

0

O edificio da nova Biblioteca Municipal de Nigrán resultou gañador onte do premio de arquitectura ‘Technal’ de España e Portugal na gala bianual celebrada nesta edición en Ibiza. A obra do estudo vigués ‘Gándara#Pons Arquitectos’ foi a elixida entre propostas de toda a península nun certame cuxo xurado estivo presidido por Carme Pinós, Premio Nacional de Arquitectura 2021 (máxima distinción en España e que precisamente lle foi entregada este xoves en Palma de Mallorca).

Como en cada edición, o palmarés dividíuse en catro categorías: ‘Habitar’, ‘Descubrir’, ‘Rehabilitar’ e ‘Trabajar’, gañando a Biblioteca esta última na que a ampliación do Hospital da Luz de Lisboa e a Unidade Industrial Santo Tirso (tamén en Portugal) obtiveron unha Mención Especial. Con este prestixioso recoñecemento, a nova Biblioteca de Nigrán sitúase ao nivel de anteriores gañadores como o Museo de Arte Contemporáneo Alicante, obra do célebre arquitecto Guillermo Vázquez Consuegra, ou do Palacio de Exposiciones y Congresos de Sevilla, de Juan Carlos Sancho e Sol Madridejos.

O xurado no seu fallo (que foi revelado na propia gala) destacou do edificio que “actúa como una rótula dentro del contexto urbano. Es de interés la volumetría de la fachada, fragmentada con una interesante composición de huecos con los diferentes planos, resuelta con cuatro materiales: la piedra, el vidrio, el revoco y las lamas de madera. A nivel interior, se genera una agradable atmósfera, bien resuelta, en los espacios de lectura y vestíbulos de acceso”. Como complemento a estas explicacións, proxectouse un vídeo-documental sobre o edificio ante os centos de profesionais do sector asistentes ao evento, entre eles os artífices do proxecto da Biblioteca, Lucas Gándara e Juan Pons. “El edificio engarza con la mejor tradición de la arquitectura gallega y portuguesa por la propia sencillez de los materiales, sobresaliendo la piedra”, señaló ante el público José Francisco García Sánchez, miembro del Jurado y uno de los ganadores en pasadas ediciones.

“Estamos moi orgullosos porque non cabe dúbida de que é un edificio singular e senlleiro que sitúa a Nigrán no mapa da mellor arquitectura contemporánea do país”, sinala o alcalde, Juan González, quen louba o magnífico traballo do estudo ‘Gándara#Pons’ e o seu esforzo porque o proxecto  saíse adiante sorteando innumerables trabas. “Agardamos que xa en poucas semanas o edificio poida abrir como Biblioteca unha vez que se ten licitada a dotación do mobiliario e equipamento precisos”, engade González. “Lamentamos a espera pero sabemos que pagará a pena porque a cambio temos un edificio icónico en Nigrán que ofrecerá un confort aos usuarios difícilmente superable”.

“Un dos maiores retos foi axeitar o edificio ao propio tecido urbano existente”, admiten desde o estudo Gándara#Pons, onde consideraron imprescindible adaptalo á escala dos edificios da contorna e abrilo visualmente á praza interior sobre a que, precisamente, o mesmo estudo ven de entregar ao Concello un proxecto de rexeneración. Destacan a concepción da cuberta, “concibida como unha quinta fachada a modo de terraza interior”. Os mesmos arquitectos serán os responsables de rexenerar a Praza Rosalía de Castro da Biblioteca.

Edificio bioclimático

O edificio ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, frente a rúa do Panasco) nun lugar fácilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como desde a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Desde o punto de vista urbanístico, a construcción xenera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 m2 clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na pranta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

Gándara#Pons Arquitectos

Lucas Gándara Álvarez (Vigo, 1981). Arquitecto Superior titulado coa especialidad de Teoría e Deseño pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de la Universidad de A Coruña. Juan B. Pons Herrera (Granada, 1979). Arquitecto Superior titulado pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Sevilla. Fundan o estudio Gándara#Pons Arquitectos no 2010 con sede en Vigo. Entre outros, son gañadores de a urbanización da rúa Maestro Clavé en A Coruña, edificio CITIUS da Universidade de Santiago, CEIP Santa María de las Nieves (La Zarza, Badajoz). Actualmente están a desenvolver a Praza de Ponteareas en Redondela.

Esta semana chegan 5 novas accións formativas da man de SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novos talleres impartidos de xeito onlinee presencial, enmarcados na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como o debuxo 3D con Onshape e PartStudio, usos de TikTok para empresas, modelos de negocio, ciberseguridade ou fabricación dixital con Laminador Cura.

O martes 31 de maio pola mañá, Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, impartirá a cuarta parte dos obradoiros sobre fabricación dixital. Nestes cursos en formato mixto, combínanse clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O curso “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape IV – Partstudio IV”, ten como obxectivo coñecer e familiarizarse coas ferramentas da produción dixital. Pola tarde, a Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller explicará, no taller “Como usar TikTok na túa empresa”, a sacarlle partido á túa marca a través dunha das plataformas máis populares do momento.

O mércores pola mañá, José Luis Taboada, enxeñeiro informático con máis de 20 anos de experiencia, ensinará os pasos a seguir para que unha idea se converta nun negocio, no obradoiro “Consideracións á hora de crear o meu modelo de negocio”.

O xoves, na quenda de mañá, mediante Zoom ou de xeito presencial no Edificio Administrativo da Deputación, terá lugar o curso “Seguridade no comercio electrónico. Por onde comezamos?”. Un taller  impartido polos técnicos de Ednon en colaboración co Nodo Galego de Ciberseguridade, no que se resaltará a importancia da seguridade na creación de tendas en liña, detección de ameazas ou coñecemento dos danos que poden causar os problemas de seguridade nun negocio.

Esta semana de obradoiros rematará a mañá  do venres 3 de xuño co curso “Fabricación dixital. Laminador cura II”, un novo itinerario de Fabricación dixital que complementa unha primeira parte xa impartida, e no que se combinan clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab de Barro, co obxectivo de que o alumnado teña contacto real con este tipo de tecnoloxías e sexa capaz de deseñar e fabricar unha peza en 3D. Esta acción formativa será impartida tamén por Manuel Freire. 

Mos media para unha solución ao saneamento en San Antoíño

0

Representantes da Comunidade de Propietarios de San Antoíño xunto coa súa Administradora e o seu avogado, reuníronse no Concello de Mos coa alcaldesa, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o técnico de administración xeral municipal e representantes do Consorcio de Augas do Louro: o xerente xunto co actual presidente e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o secretario municipal do Concello do Porriño.

O obxectivo da xuntanza foi a mediación e axuda por parte do Concello de Mos á Comunidade de Propietarios co Consorcio de Augas do Louro para darlle solución á conexión á rede de saneamento para as vivendas da Urbanización de San Antoíño.

Da reunión extraeuse un acordo entre ambas partes para executar unha conexión provisional e inminente ao colector xeral de saneamento para, a posteriori, desenvolver a rede separativa interior para evitar verquidos indebidos. E así lograr tamén unha solución definitiva o antes posible.

Na mesa de traballo celebrada en Mos marcáronse as pautas a seguir neste proceso que asumirán conxuntamente entre Consorcio e propietarios, actuando a administración local mosense como mediadora, en aras de axudar a que a instalación da parte final da rede de saneamento en San Antoíño, poida contratarse executarse o antes posible.

Galicia continúa sen casos confirmados da varíola do mono

Galicia continúa sen ter casos confirmados da denominada varíola do mono, ao obter senllos resultados negativos as probas dos tres primeiros posibles casos detectados na comunidade.

Nas últimas horas, a Dirección Xeral de Saúde Pública comunicou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, dous novos posibles casos de infección, ascendendo ata 5, o número total de persoas que presentaron un cadro compatible coa varíola do mono.

Nestes intres, Sanidade fica á espera de que o Instituto de Saúde Carlos III avalíe nos seus laboratorios estas dúas últimas mostras remitidas desde Galicia. Cómpre salientar que estes dous novos posibles casos atópanse estables e non requiriron de ingreso.

Desde que recibiu a alerta internacional sobre a varíola do mono, o pasado martes 17 de maio, o departamento sanitario da Xunta mantense vixiante para poder identificar e confirmar/desbotar, os posibles casos desta enfermidade.

Baiona saca á rúa os seus produtos durante esta fin de semana na Rúa Carabela Pinta na “Baiona en Vela– Edición Primavera”

0

A iniciativa “Baiona en Vela”, evento posto en marcha entre a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) e o Concello de Baiona, regresa á rúa Carabela A Pinta tras o éxito da primeira edición, posta en marcha o pasado verán.

Nesta ocasión trátase da “Edición Primavera” que terá lugar o 27,28 e 29 de maio.Desde ACEBA e o consistorio animaron ás empresas para participar no evento. Esta mañá tivo lugar a inauguración na que participaron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, o Presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, o Xerente de ACEBA, Carlos Fernández, Enrique Núñez, Secretario Xeral da Federación de Comercio e Turismo de Pontevedra así como os empresarios e empresarias locais participantes.

O horario de atención o público é de 10:00h a 22:00h.

A elección da rúa Carabela A pinta débese ao seu ambiente agradable e seguro, onde se aproveitará unha das zonas peonís do Centro Comercial Aberto Baiona Real. Marcos Comesaña, Presidente da asociación, indica que “Desde ACEBA, buscamos que os comercios saquen á rúa os seus produtos coa intención de dinamizar e incentivar o comercio local durante estes días, especialmente nestes tempos duros que atravesa o sector”.


Pola súa banda, o alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que “o apoio ao comercio é indispensable para o noso Concello. O sector comercial é un dos principais activos da economía do noso municipio, ademais de ser o sector máis damnificado polos anteriores gobernos. Por tanto, con iniciativas como esta pretendemos incentivar a compra a nivel local ademais dunha aposta clara pola economía circular”.

Entre as empresas participantes atópanse Dorna Sport, VN Complementos, LOS TEJANOS, Toscana Complementos, Óptica Real, Silverman, Ecoadega Cocina Mercado, Tornasol, Moda Rafiky, 4Eco Val Miñor, Nac complementos, Corchete Lencería, Malua Moda – Baiona, Joyería Tula e Baila Carolina.

O Concello de Tomiño premia o consumo no comercio local co sorteo de 200 carriños para a compra

0

O Concello de Tomiño continúa dándolle pulo ao comercio da contorna e fomentando o consumo de proximidade. Unha trintena de establecementos dos núcleos de Tomiño, Goián e Forcadela sumáronse a esta proposta da “Campaña Vive!”, unha oportunidade para dinamizar o comercio local que, ao longo desta semana, está a repartir xa os 200 carriños para a compra da marca Rolser entre todos os veciños e veciñas que apostaron por mercar no municipio entre o 6 e o 22 de maio.

O proceso de participación no sorteo era sinxelo: bastaba con realizar unha compra superior a 10€, escribir os datos persoais do participante no reverso do propio tícket de compra e introducilo nunha das urnas habilitadas en cada un dos comercios adheridos.

Na iniciativa participaron establecementos do núcleo do Seixo, como Frutas Berbe, A Mata e A Carnicería de Ana no Mercado de Tomiño; Chevere Perfumería, Galióptica, Limón y Fresa, Morell85, Parafarmacia Tomiño e Roupa Paredes na rúa Gondomar; Lencería Duente, Estipel, J. Carrera Decoración, Joyería Pazo, Parafarmacia Roma, Streetwise Babi e VIP na rúa A Guarda; Agrícola Tomiño e La Ducekatta na Avenida República Argentina; Mercería O Fío en Buenos Aires; Lito Sport e Arte Perruquería na Praza da Mina; Librería Novidades na rúa Colón; e Tenda Moldes na rúa da Feira.

No núcleo de Goián participaban Goichic Lifestyle Shop e Perfumería Droguería Nobel na Avenida Ordóñez e La vida es bella na Avenida Pío Troncoso.

Por último, os establecementos de Forcadela que formaron parte desta iniciativa foron o Estanco Manuel Álvarez Carrera e a Perruquería e Estética A Coquetiña.

A iniciativa contou coa ampla participación da veciñanza e, tralo sorteo que se fixo efectivo o día 23, os establecementos están a proceder á entrega dos carriños da compra a todas e a todos os premiados.

Mos presenta en San Rafael o proxecto de humanización interior da urbanización

0

O equipo de goberno local, entre eles o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, o edil da parrqouia de Pereiras, Leo Costas, e o concelleiro de Urbanismo, José Areal, presentaron xunto co arquitecto municipal autor do proxecto, Manuel Toucedo, o plan de urbanización interior a acometer na Urbanización de San Rafael. A presentación tivo lugar no propio local da Asociación de Veciños de San Rafael en Pereiras.

A actuación que se presentou ten por obxecto obras de reforma de instalacións e urbanización da zona denominada Grupo Residencial de San Rafael, no barrio do Campo de Eiró, na Parroquia de Pereiras.

O alcance das obras que se presentan, quedan circunscritas ao interior, nas vías que irrigan o conxunto residencial. Encádranse dentro do ámbito da iniciativa de vivendas públicas levadas a cabo polo Ministerio de la Vivienda, a finais da década dos anos cincuenta do século pasado. Nos anos noventa, tamén do século pasado, coa transferencia de competencias en materia de vivenda ás comunidades autónomas, dito ámbito pasou a depender do IGVS. As edificacións, dende o inicio, foron mantidas e/ou ampliadas polos veciños propietarios, chegando á actualidade como un conxunto densamente ocupado e de morfoloxías edificatorias diversas.

A superficie de actuación é de aproximadamente 6.085,00 metros cadrados, e procura mellorar a relación e a accesibilidade entre os edificios residenciais e dotacionáis (cultural, escolar, deportivo, lecer e relixioso), así como dos espazos de convivencia que se organizan entorno a eles.

Por outra banda, se pretende actualizar os espazos de circulación viaria e peonil, adaptando os itinerarios á normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras, así como a actualización do mobiliario urbano.

As intervencións concretas a levar a cabo son: soterramento das redes aéreas de distribución de Enerxía Eléctrica, soterramento das redes aéreas de Telefonía, renovación e ampliación da Rede de Alumeado Público, construción dunha rede de recollida de augas pluviais, substitución do actual pavimento asfáltico e redimensionamento das trazas viarias e peonís, construción dunha plataforma compartida única, vehículos e peóns, realizada con dous acabados diferentes coa finalidade de minimizar as interferencias e así reducir os riscos de accidentes; e actuación sobre as especies vexetais existentse con mellora/substitución e ampliación.

O orzamento para este proxecto de humanización interior na Urbanización de San Rafael ascende a 999.030,87 €.

A “Aula Mentor” de Oia abre ao público no espazo de novas tecnoloxías do Concello

0

O Concello de Oia acaba de poñer en marcha unha “Aula Mentor” na nova Aula de Novas Tecnoloxías situada nos baixos do consistorio (antiga biblioteca), a cal funcionará de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas. A través desta nova iniciativa de formación telemática, a veciñanza poderá beneficiarse dun amplo catálogo de cursos online.

Para acceder a toda a información sobre o proxecto e máis ao catálogo de cursos o Concello conta cun espazo específico na web municipal, accesible na ligazón https://www.concellodeoia.es/aula-mentor/.

As persoas interesadas nesta iniciativa de formación online poden contactar co Concello por teléfono (no 986362125 extensión 3) ou ben a través do correo electrónico [email protected].

Aula Mentor ofrece formación telemática non regrada, flexible e con titorías personalizadas. Unha vez realizado o proceso de matrícula, as persoas beneficiarias poderán completar os seus cursos na propia aula de novas tecnoloxías ou ben nas súas casas.

Os cursos teñen un custe de 24 euros mensuais e, coa súa superación, obtense un certificado de aproveitamento asinado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. Deste xeito, o sistema de “Aula Mentor” permite acumular e capitalizar aprendizaxes que son susceptibles de recoñecemento na educación regrada a través dos procedementos de avaliación e acreditación de competencias.

Mellorando a empregabilidade

O programa, que busca mellorar as posibilidades de empregabilidade a través da formación online, desenvólvese en Oia en virtude dun convenio asinado entre o Concello e o Ministerio de Educación e Formación Profesional. Concretamente, a “Aula Mentor” foi creada a través dunha subvención de 4.000 euros concedida polo Ministerio (axudas da Secretaría Xeral de Formación Profesional dirixidas a entidades locais territoriais para a creación de aulas de formación aberta, flexible e a distancia mediante tecnoloxías da información e a comunicación a través de Aula Mentor 2021).

Novas achedas do Plan Concellos a Nigrán e A Cañiza

O Goberno da Deputación vén de dar luz verde a 2.141.000 euros do Plan Concellos que, como informou a presidenta provincial, Carmela Silva, chegarán a Sanxenxo, A Estrada, Forcarei, Nigrán e A Cañiza “para financiar importantes actuacións de humanización ou de mellora viaria coas que os concellos transforman o espazo público da man da Deputación”.

Sanxenxo recibirá “unha importantísima achega de case un millón de euros” coa que poderá humanizar a praza pública de Vilalonga. Este proxecto vai a suprimir o tráfico interior na praza, ampliar a zona infantil e crear unha barreira entre a praza e a PO-550 cunha bancada perimetral que pechará a zona. Ademais, a praza verá mellorado integramente o seu palco cunha terraza semiafundida, suprimiranse as barreiras físicas e incorporaranse unha pérgola e un xardín. Esta actuación demostra que “os concellos están a preparar proxectos que teñen que ver coa nosa visión de cambio no modelo de mobilidade” que se pon de manifesto “a través do decálogo que aprobamos cando comezamos a gobernar, das ordenanzas de actuación no viario público e do Plan Ágora”. A Xunta de Goberno tamén aprobou 451.000 euros para A Estrada, cos que o concello adquirirá unha parcela para usos múltiples situada na contorna da Casa das Letras e, polo tanto, “vinculada a que a recuperación do espazo público permita que acontezan cousas vinculadas ao deporte, a cultura e a crear comunidade”. Para a comarca do Deza tamén foron aprobados 115.300 euros para que Forcarei mellore o viario e marxes no lugar de Quintillán. Nigrán contará con 373.700 para humanizar a Praza de Rosalía de Castro, aproveitando así a inclusión nesta área da nova biblioteca que tamén financiou a Deputación co Plan Reequilibrio. Ademais, aprobouse unha achega deu 290.000 euros cos que A Cañiza construirá un skatepark e un pumptrak para a práctica de deportes urbanos.

A Policía Local do Porriño detén a un home que tiña 3 ordes de busca e captura

A Policía Local do Porriño detivo na tarde de onte a un home que levaba varios meses fuxido da xustiza española. O detido, A.A.G.R., de 36 anos de idade, asentárase en Portugal para eludir as responsabilidades penais que pesaban contra el pola comisión de diferentes delitos.

Na tarde de onte, foi localizado por axentes da Policía Local nun taller mecánico do municipio ao que acudira para posteriormente regresar ao país veciño. Tras realizar as pertinentes comprobacións coa autoridade xudicial e constatar que contra esta persoa estaban ditadas tres ordes xudiciais de busca e captura, procedeuse á súa detención e foi posto a disposición da autoridade xudicial correspondente.

A Asociación de Empresarios de Redondela lanza a campaña “Comercio na rúa”

0

“Comercio na rúa” é unha nova campaña impulsada pola Asociación de Empresarios de Redondela (AER), que relanza os sábados de compra nos pequenos negocios locais.

Esta campaña ten un formato especial xa que son os propios grupos de comerciantes os que propoñen actividades por zonas co obxectivo que todas as áreas comerciais da vila participen de forma activa nun novo evento que se concibe para por en valor a importante oferta de produtos e servizos da localidade.

O evento contará cun espazo web https://cutt.ly/dH88IDo no que a clientela poderá consultar todas as ofertas e actividades que realicen os establecementos da localidade.

Participarán na actividade 60 dos establecementos asociados á Asociación de Empresarios de Redondela nunha aposta por recuperar os sábados de compra nos pequenos negocios locais.

Salceda retoma a normalidade do seu campamento de verán

A Concellería de Ensino e Infancia de Salceda de Caselas, xunto coa ANPA do colexio Altamira, volven a organizar con plena normalidade o campamento de verán durante os meses de xuño a setembro de 2022.

As inscricións, para as 140 prazas ofertadas, poderán realizarse en liña a través da páxina web do concello http://salcedadecaselas.gal/ ou presencialmente na Casa da Cultura ata o 15 de xuño.

Os obxectivos fundamentais deste campamento de verán serán facilitar as relacións interpersoais, crear espazos de convivencia, fomentar hábitos saudables e o traballo en equipo entre a cativada participante.

A temática relacionada coa mayoría das actividades a realizar polos nenos e nenas será o arte a través da pintura, escultura, collage e futurismo co desenvolvemento de obradoiros de experimentos, teatro, danza ou cocina.

Igualmente se realizarán actividades deportivas como xincanas, piscina e saídas a diferentes lugares do concello para prácticar o senderismo.

Ángela Ledo Souto concelleira de Ensino e Infancia: “Comprácenos moito dende o concello realizar de novo actividades non lectivas para os nenos e nenas co obxectivo de que desfruten ao máximo do seu tempo de lecer en vacacións”.

Nigrán acolle o martes unha charla para aprender a usar os parques biosausables

0

O Concello de Nigrán acolle o martes 31 de maio (se a climatoloxía o permite) a súa primeira charla charla explicativa sobre o correcto uso dos parques biosaudables, dirixida a toda aquela persoa interesada en practicar exercicio ben. Esta terá lugar ás 11:00 horas na instalación ao carón do Pavillón Municipal de Panxón e a seguinte será o 07 de Xuño ás 11:00 en Prado (Prado-Estrada pola Vía).

O Concello de Nigrán, xunto ao de Baiona e Gondomar, participa nun proxecto pioneiro de fomento do uso correcto dos parques biosaudables, idea que foi desenvolvida desde a Unidade de Fiosioterapia de Atención Primaria do Centro de Saúde do Val Miñor. O obxectivo é mellorar o nivel de saúde da comunidade, fomentando o exercicio físico de forma segura (na web www.nigran.es pódense descargar folletos explicativos).

A Eurocidade Tui-Valença podería ser pioneira en mobilidade cun vehículo autónomo

A Eurocidade Tui-Valença podería ser a primeira eurocidade europea unida por un vehículo autónomo e sostible. Os mandatarios da Eurocidade, Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, e José Carpinteira, presidente da Cámara de Valença, amosaron o seu interese neste novo medio de transporte tras probar onte o prototipo deseñado polo CTAG e que está a realizar probas na vella Ponte Internacional, a rúa común que comparten ambos municipios.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacaba a importancia de que “o CTAG elixise este espazo para realizar esta proba”, e salientaba que “foi un día importante para este territorio transfronteirizo polo que supón de innovación tecnolóxica en materia de mobilidade”. 

Salientaba así o rexedor tudense que “vemos neste proxecto unha oportunidade  sobre todo en aras de mellorar a mobilidade das persoas entre os núcleos históricos de Valença e de Tui, nun vehículo autónomo e totalmente respectuoso co medio”. Os alcaldes solicitaron onte ao CTAG, que amosou total colaboración, estender este proxecto piloto máis aló da ponte internacional até os conxuntos históricos das dúas cidades, para poder despois candidatar este proxecto á próxima convocatoria dos fondos POCTEP, programa Interreg VA España-Portugal.

Enrique Cabaleiro afirmaba que “ese é o reto que temos por diante, e no que imos traballar porque nos parece un proxecto moi bo para este ámbito, e que amais pode aportar moitísima mellora de mobilidade ao reducir o tráfico rodado de vehículos e apostar por un medio de transporte urbano, colectivo e totalmente sostible que pon ao territorio no futuro”.

O CTAG, Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, leva meses probando este novo vehículo na vella Ponte Internacional de Tui. Este Shuttle forma parte dun proxecto europeo no que proban coma a tecnoloxía 5G poden axudar a mellorar a condución autónoma en entornos complexos coma os urbanos e transfronteirizos. En concreto onte realizaron probas de como  a infraestrura pode axudar a detectar peóns ou a facer condución remota.

Este vehículo eléctrico, aínda que é totalmente autónomo, deberá levar un supervisor xa que así o establece a actual lexislación nesta materia.

Concluídas as probas nuns meses a presentación deste proxecto para toda Europa será na vella ponte internacional o que suporá un escaparate moi importante para a Eurocidade.

Esta nova iniciativa camiña na liña dun dos dez obxectivos marcados na Axenda Urbana, en concreto no obxectivo 5 enfocado a favorecer a proximidade e a mobilidade sostible. O Concello de Tui é un dos 121 concellos de España que conseguiu fondos europeos para a redacción da súa estratexia de crecemento sostible. 

A Feira do Libro chega ao Porriño

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou onte na inauguración da Feira do Libro do Porriño, unha das 13 do circuíto de feiras do libro que celebra a Federación de Libreiros de Galicia co patrocinio da Xunta. Como expresou durante o acto, trátase da primeira parada que este ano fai o circuíto na provincia de Pontevedra e enmárcase no compromiso da Xunta coa dinamización da lectura e o apoio ao sector editorial.

“As feiras do libro permítennos visibilizar o traballo dos libreiros, dos autores e dos editores e facelo, ademais, de xeito repartido por toda a Comunidade galega, abrindo posibilidades para que os galegos poidan entrar en contacto cos escritores e facerse coas últimas novidades editoriais”, expresou o representante da Consellería de Cultura.

Indicou, ademais, que é unha das iniciativas estratéxicas levadas a cabo polo Goberno autonómico para fomentar a lectura e apoiar aos profesionais deste eido, que se suma ás liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, a tradución de obras, a adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que supera os 2M€. Ademais, estase a retomar a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais como a de Bos Aires, onde Galicia estivo recentemente representada ou como as residencias literarias de intercambio profesional, entre outras.

Por distintos puntos de Galicia

A Feira do Libro do Porriño sitúase na rúa Ramón González ata o 29 de maio. Intégrana media ducia de librarías e editoriais. Participarán 27 autores que prevén preto de 20 sinaturas nas casetas. Haberá presentacións, debates literarios e encontros, así como actividades infantís e musicais.

A Feira chega a O Porriño tras o seu paso por Ferrol, Santiago e Lugo. Posteriormente engadiranse paradas en Vilalba (do 3 ao 5 de xuño), Ourense (do 8 ao 11 de xuño), Vigo (do 1 ao 7 de xullo), Ponteareas (do 14 ao 17 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto das feiras chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15) e Monforte de Lemos (do 24 ao 27).

A Xunta contratará 16 socorristas para o Baixo Miño, O Condado e A Paradanta

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 16 socorristas para a próxima campaña de verán en sete concellos das comarcas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ao abeiro da orde de axudas para o fomento do emprego e a mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, informou da concesión destas axudas, que veñen de notificarse na xornada de onte e que nestas bisbarras ascenden a 51.796 euros.

O representante autonómico desglosou estas subvencións, orientadas a garantir a seguridade en praias, zonas fluviais e piscinas, nunha visita ao areal do Bao, na Illa de Arousa, xunto ao alcalde, Carlos Iglesias. Esta praia é unha das dúas do municipio que ten bandeira azul e beneficiarase dos seis socorristas outorgados a este concello cunha achega de 18.660 euros.

Polo que respecta ao sur da provincia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aprobou seis axudas de salvamento a prol do Concello da Guarda para as súas praias por importe de 18.660 euros, dúas para a praia fluvial de Goián en Tomiño (6.220 euros), outras dúas para Ponteareas (7.200 euros), dúas para as piscinas da Cañiza (6.430 euros) e das Neves (7.066 euros) e unha para a praia fluvial de Eiras no Rosal (3.110 euros) e outra para a piscina de Covelo (3.110 euros). En todos os casos, subvenciónase a contratación por espazo de dous meses.

“A seguridade no verán, especialmente en espazos acuáticos como praias e zonas fluviais ou recintos municipais como as piscinas, é fundamental para seguir mantendo a Galicia como destino seguro e por iso dende a Xunta colaboramos moito cos concellos para que se doten de profesionais axeitados”, concluiu o representante autonómico.

O Campus de Fútbol “O Rosal” volve cunha nova edición

0

O próximo mes de xullo terá lugar a 5ª edición do Campus de Fútbol “O Rosal”. Está dirixido a nenos de 5 a 16 anos e celebrarase entre os días 04 ao 29 de xullo.

Existen 4 rangos de prezo diferentes cun descuento de 10 € para irmáns:

  • Tarifa Mensual do 04 ao 29 de xullo – 150 €
  • Tarifa Quincena – 85 €
  • Tarifa Mensual Madrugadores – 160 €
  • Tarifa Quincena Madrugadores – 90 €

As actividades realizaranse nas instalacións deportivas de A Mata e no polideportivo do colexio Suárez Marquier. O horario será de 10:00 horas a 14:00 horas, con entrada ás 09:00 horas na modalidade “Madrugadores”.

No campus realizaranse adestramentos técnico-tácticos, traballo de coordinación, competición, e mesmo contará cun apartado de adestramento específico para porteiros.

Tamén haberá charlas formativas impartidas por deportistas de élite e coloquios sobre temas tan necesarios como a prevención de lesións e, por suposto, diversión.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, explica que “o obxetivo deste Campus de fútbol é que os nenos e nenas coñezan unha alternativa positiva de lecer e adopten hábitos de vida saudables ao tempo que comparten experiencias e se divirten”.

As inscricións xa están abertas e poderán formalizarse ata o 14 de xuño de martes a xoves entre as 16:30 horas e as 19:30 horas.

O alumnado-traballador de carpintería “Porriño Labora” coñece o CIFP Valentín Paz Andrade

O alumnado-traballador da especialidade de Carpintería do obradoiro de emprego “Porriño Labora” visitou as instalacións do CIFP Valentín Paz Andrade para coñecer polo miúdo a oferta formativa deste centro de formación profesional na súa modalidade.

Durante a visita estiveron acompañados polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, que xunto con eles participaron dunha mesa redonda co servizo de orientación do centro para resolver as súas dúbidas. De seguido, realizaron unha visita ás aulas e talleres de formación das que dispón o centro na familia profesional de madeira nas especialidades de “Carpinteria e Moble”, “Instalación e Amoblamento” e “Deseño e Amoblamento”.

“É de vital importancia que, ademais de formarse para obter os seu certificados de profesionalidade e acumular experiencia profesional, coñezan as diferentes opcións coas que contan para ampliar a súa formación e especialización”, explicou o alcalde, “Queremos que os/as participantes no obradoiro conten coas ferramentas necesarias para consolidar a súa carreira profesional no ámbito que elexiron”.

Son dez os alumnos/as-traballadores/as que participan no Obradoiro de Emprego “Porriño Labora” na especialidade formativa de carpintería. Todos eles, contan cun contrato de formación e aprendizaxe de nove meses de duración e, á vez que se forman, levan a cabo diferentes proxectos. Unha vez finalizado o obradoiro os alumnos e alumnas obterán os certificados profesionais de “Mecanizado de madeira e derivados”, “Traballos de Carpintería e Moble” e “Aplicación de barnices e lacas en elementos de carpintería e moble”.

O IES Pazo da Mercé das Neves súmase ao programa “Violencia Zero”

0

A artista Iria Vázquez e 40 rapazas e rapaces de 3º da ESO do IES Pazo da Mercé levaron á Casa da Xuventude das Neves a performance “Permíteme cambiar de forma”. Con esta acción animaron a rachar cos estereotipos que impón a sociedade e a buscar a liberdade. Fixérono coa colaboración de Marco Maril, músico e artista de son. Desta acción, enmarcada no programa da Deputación “Violencia Zero”, desfrutaron preto de 60 persoas entre as que se atopaban a deputada de Cultura e Igualdade, Victoria Alonso; o alcalde das Neves Xosé Manuel Rodríguez; as concelleiras de Cultura e Igualdade do municipio; e alumnado do centro educativo.

A posta en escena xurdiu a raíz dun obradoiro celebrado esta semana no que a artista e a rapazada reflexionaron sobre os estereotipos e os roles sociais que implican o uso de determinadas prendas de vestir. En ocasións, estes contextos dan lugar a desigualdades de xénero e por este motivo Iria Vázquez quixo afondar na importancia da sororidade. No obradoiro, a artista tamén fixo unha aproximación ao mundo da performance e incidiu no seu carácter reivindicativo e na importancia do contacto co público, dous termos que aplicaron a posteriori na súa intervención.

Coa acción levada a cabo na Casa da Xuventude o grupo de alumnas e alumnos animou ao resto da mocidade a festexar as diferencias en busca do fomento da tolerancia e a igualdade. Esta nova peza do “Violencia Zero” comezou con 9 das rapazas e rapaces en escena, os seus corpos estaban no chan e Iria Vázquez tirou sobre eles teas que os bloqueaban. Pouco a pouco foron levantándose, mais estas teas pesábanlles como lousas que foron rompendo ata cambiar o seu vestiario por completo. Empregaron entón roupas realizadas polo resto da rapazada que participou no obradoiro, nelas primaban a mestura de cores e as posicións desiguais coas que fixeron un chamamento a prol de romper os límites que impón a sociedade. Unha vez xa liberadas/os dos estereotipos sociais fixeron un chamamento ao público, que se subiu ao escenario para bailar ceibe. Para finalizar a  performance escribiron o seu título, “Permíteme cambiar de forma”, sobre uns panos e colgaron esta “pancarta” no exterior da Casa da Xuventude.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña e Caldas de Reis esta foi a décimo segunda acción da VII edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación continúa a expandir a loita feminista noutros 19 concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, este ano o programa continuará visibilizando o talento das mulleres con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en A Guarda, Fornelos, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

O Concello Ponteareas celebra o Día “Quere o teu Mercado” cun obradoiro de cociña infantil

O proxecto

Este sábado 28 de maio celébrase o día internacional “Quere o teu mercado”, unha iniciativa que busca dinamizar os mercados e prazas de abastos, enchéndoos de actividade e de vida, e fomentando o consumo de produtos locais entre a poboación.

No marco desta celebración, o Concello de Ponteareas organiza un obradoiro de cociña dirixido a nenas e nenos a partires dos 5 anos.

A actividade terá lugar de 11:00h a 13:00h no Mercado Municipal de Ponteareas. A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil Solla, anima “a todos os pais e nais do Concello a que veñan cos seus fillos a partillar unha mañá diferente na que os máis pequenos aprenderán a preparar os seus pratos favoritos e a desfrutar da cociña”.

Ademais, a veciñanza que se achegue ao Mercado para facer as súas compras nesta xornada levarán para a casa un agasallo en conmemoración deste Día Internacional do Mercado.

Para participar, é necesaria inscrición previa a través do teléfono 673 855 422 ou
enviando un correo electrónico a [email protected].

O Concello de Tomiño celebra o Día “Quere o teu Mercado” cun showcooking

0

Este sábado 28 de maio celébrase o día internacional “Quere o teu mercado”, unha iniciativa que busca dinamizar os mercados e prazas de abastos, fomentando na cidadanía o consumo de produtos locais e, no caso das institucións, tratando de garantir que os mercados se manteñan como espazos cheos de vida e lugares de encontro para a sociedade.

O Mercado de Tomiño foi reformado de xeito integral hai varios anos tras un proceso participativo no que a sociedade puido propoñer como quería que fose o mercado da súa localidade. Foi recoñecido como Mercado de Excelencia en 2019, sendo o primeiro de Galicia en obter este distintivo. Dende entón, o Concello de Tomiño leva a cabo diferentes actividades de difusión e interese nas súas instalacións.

No marco da celebración do día “Quere o teu mercado”, o Mercado de Tomiño acollerá un showcooking, da man de dous recoñecidos cociñeiros da Comarca: Miguel Rodríguez, chef do Parador de Baiona, e Emilio González, chef do Parador de Tui.

Segundo sinala o concelleiro de Promoción Económica, Francisco Campo, “trátase dunha oportunidade única para achegarnos aos produtos locais dun xeito diferente.

Ademais, tralo cociñado, os asistentes poderán degustar os pratos resultantes da demostración no 1º andar”.

A actividade comezará ás 11:00h coa compra dos produtos que se empregarán no cociñado nos propios postos do Mercado de Tomiño.

Ás 12:00h dará comezo a demostración de cociña coas seguintes elaboracións: pasta fresca con espinacas de Tomiño e tomates do Baixo Miño. Aproveitando un produto tradicional da montaña lucense crearán un arroz de androia. Mesturarán xurel da ría de Vigo con puré de kiwi tomiñés e escabecharán unha peituga de polo de cría caseira da zona. Por último, sorprenderannos cunha torta de queixo azul con ovos da casa.

Primeira visita escolar a Afouteza

0

Un total de 161 alumnos e alumnas de Educación Infantil e Primaria do CEIP Atín-Cela, de Mos, participaron esta mañá nunha visita guiada polas instalacións da Cidade Deportiva Afouteza do RC Celta en Pereiras.

Os cativos estiveron acompañados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro.

O alumnado puido coñecer en profundidade e en persoa o lugar donde adestran os seus ídolos, todos os seus rincóns e instalacións.

Por cursos, os participantes na iniciativa foron: 13 nenos de Educación Infantil de 4 anos, 16 de 1º de Primaria, 32 de 2º de Primaria, 24 de 3º de Primaria, 26 de 4º de Primaria, 26 de 5º Primaria e 24 de 6º de Primaria.

Esta fin de semana será o #mayosolidario do Banco de Alimentos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo mobilizará 15 voluntarios este venres e sábado, 27 e 28 de maio, para participar no #mayosolidario organizado, por décimo ano consecutivo, por parte do supermercado Gadis.

Aínda que a campaña leva activa durante todo este mes de maio, a ONG decidiu reforzar con presenza de voluntarios esta última fin de semana coa intención de incentivar tanto as doazóns físicas de alimentos non perecedoiros como as achegas económicas ao pasar por caixa. A Operación Quilo, por tanto, está a desenvolverse dunha maneira mixta, a elixir por parte dos clientes de Gadis.

Os voluntarios que axudarán en Nigrán cubrirán o supermercado Gadis da rúa Manuel Lemos, no número 30, na Ramallosa (Nigrán). Todos eles, que estarán perfectamente identificados con petos do Banco de Alimentos, estarán de maneira ininterrompida, por quendas, durante todo o horario comercial do supermercado.

Voluntarias no Gadis de Mos o 2021
Voluntarias no Gadis de Tui o 2021

Ao mesmo tempo que en Nigrán, o #mayosolidario chega tamén a outras localidades da provincia. En concreto, serán uns 400 voluntarios os que participarán nesta Operación Quilo en Vigo (200 voluntarios), Mos (15), Tui (25), Pontevedra (50), Cambados (12), Lalín (25), Marín (15), Sanxenxo (12) e Vilagarcía (30).

2021, en cifras A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade atendemos a unhas 22.000 persoas en situación de vulnerabilidade na provincia, ás que chegamos a través das máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballamos.

Todos os esforzos van encamiñados a velar polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable.

A Federación de ANPAS denuncia o perigo da saúde do alumnado de Redondela

0

É ben coñecido pola Consellería de Educación o estado de descomposición e erosión que presenta o amianto visible dentro das instalacións do IES Pedro Floriani e o CEIP de Cedeira.

Tamén o EEI de Cesantes que ten unha cuberta de amianto. Aínda que xa son anos advertindoo, no último consello escolar Municipal do 29 de marzo deste 2022, estando presente como representante da Consellería de Educación a inspectora Raquel Gómez Fuentes, o alumnado denunciou a presenza de po de amianto no Floriani.

Pola banda da federación de ANPAS, puideron comprobar que tanto o IES Pedro Floriani, como o CEIP de Cedeira, como a EEI de Cesantes están cheos de amianto, tamén coñecido como asbesto ou uralita.

No caso do IES Floriani e o CEIP de Cedeira puidose comprobar que está en moi mal estado, pois dende que se construíron a principios da década dos 80, o amianto xa ten superado a súa vida útil polo que é friable, é dicir que está descompoñéndose. As consecuencias de que un alumno teña a mala sorte de respirar unhas poucas de estas fibras microscópicas poden ser perxudiciais.

Na EEI de Cesantes só se puido ver a cuberta dende lonxe, sen acceder a ela. Aínda así, tamén está alí dende a década dos 80, superando a súa vida útil polo que é imperativo á súa retirada.

Ninguén dubida da toxicidade do amianto, xa en 1977 a OMS declarouno canceríxeno de clase 1, a máis perigosa. A exposición ao amianto desemboca nunha mortalidade silenciosa, xa que a enfermidade se sufre 30 ou 40 anos despois de telo respirado. Como afirma a OMS, dá igual o tempo no que a persoa estea en contacto coa sustancia; un minuto bastaría para que unha das partículas penetre no interior do organismo e comece a xestar durante décadas un mesotelioma, un cancro asociado exclusivamente ao amianto cunha mortalidade do 100%. Non existe ningún tratamento, e o tempo promedio de vida desde que se diagnostica é duns 15 meses. Ademais, as partículas de amianto son responsables de entre o 15% e o 20% dos cancros de pulmón que se detectan en España, o que pon en evidencia a gravidade do problema.

Pese ao perigo para o alumnado de sufrir unha morte silenciosa dentro de 30 ou 40 anos por ter respirado unha mínima dose, nin o Xefe Territorial en Pontevedra da Consellería de Educación, César A. Pérez Ares, nin tampouco a Subdirectora Xeral de Construcións e Mantemento da Consellería de Educación, María Jesús López López, nin tampouco o Secretario Xeral Técnico, Manuel Vila López, nin finalmente o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez González, teñen tomado, que saibamos, decisións para eliminar definitivamente este gravísimo perigo para a saúde do alumnado. Para nós isto constitúe unha gran irresponsabilidade e desprezo á saúde pola súa parte. Non é a primeira vez, no 2017, en Sada, as familias negáronse á que os seus fillos e fillas acudiran ao CEIP Ramón de la Sagra cando a Consellería de Educación procedeu a retirar o amianto en período lectivo, mentres acudían a clase. Esta temeridade repetiuse recentemente nalgún centro educativo da provincia de Pontevedra.

Ao contrario que a Consellería de Educación, os equipos directivos do IES Pedro Floriani, CEIP de Cedeira e EEI de Cesantes están a traballar, e fan todo o que poden, para erradicar o amianto pero non teñen os medios necesarios. Non está nas súas mans resolvelo completamente.

Tomiño acolle o vindeiro sábado a 3ª etapa do VII Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica

0

O Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño) acolle o vindeiro sábado, 28 de maio, a 3ª etapa do VII Campionato Galego Inclusivo Fibralar de Motonáutica.

A competición, que pretende facilitar a integración das persoas con diversidade funcional na práctica do deporte, foi presentada onte no Concello de Tomiño. Na mesma estiveron presentes Marcos Casaleiro e Carlos Estévez, en representación da Real Federación Galega de Motonáutica; Francisco Campo, concelleiro de Deportes, e Raúl Torres, en representación de Fibralar, empresa que patrocina o evento.

Fran Campo lembrou o compromiso do Concello para este tipo de probas. “O deporte inclusivo non existía ata hai uns anos; esperamos que cada vez este tipo de competicións sexan máis e se apunten máis persoas”, augurou.

Carlos Estévez, vogal da Federación Galega de Motonáutica, agradeceu ao Concello a súa boa disposición para colaborar na proba e a Fibralar o patrocinio da mesma. O representante da firma de internet e telefonía asegurou que “para nós é unha honra colaborar con unha competición destas características, e contribuír á inclusión das persoas con diversidade funcional da comarca”.

A proba discorrerá por augas do Miño, á altura da praia de Goián (dotada dun pantalán adaptado) nas inmediacións do Espazo Fortaleza, e contará coa colaboración de Protección Civil.

Con arranque programado ás 10.30h, piloto e copiloto terán que enfrontarse a unha serie de probas de destreza deseñada coma unha xincana nun circuíto marcado por boias vermellas e brancas fondeadas, sobre as que terán que trazar un percorrido con diversas dificultades.

Segundo informaron os organizadores, uns 12 equipos de toda Galicia confirmaron xa a súa asistencia a este sétimo campionato inclusivo. Sobre as 14.00h terá lugar a entrega de premios, coa presenza de autoridades locais e da Federación.

Este ano e como novidade, haberá unha charla-coloquio a cargo de Rodrigo García, unha persoa con mobilidade reducida que chegará nun buggy adaptado desde Segovia.

Aínda están abertas as inscricións, que se poden formalizar chamando ao número de teléfono 986 22 24 40 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

As persoas (especialmente aquelas con diversidade funcional) que desexen coñecer este deporte, poden achegarse á competición, pudendo consultar os aspectos precisos para a práctica da motonáutica ou a obtención da licencia de navegación.

Nigrán ofrece o domingo o ‘I Encontro de Ioga’ na praia de Patos

0

O Concello de Nigrán ofrecerá este domingo a partir das 17:30 horas na Praia de Patos o seu ‘I Encontro de Ioga’ aberto ao público a cargo do gran mestre internacional Madhana, pioneiro nesta disciplina en España, o introductor en Galicia e fundador e director do Centro Sananda en Vigo. O célebre yogui, acompañado dalgúns dos mellores profesores do país, realizará unha demostración e posterior clase iniciática gratuíta aberta a toda aquela persoa que desexe participar, non sendo preciso inscribirse previamente, tan só presentarse ás 17:30 horas no areal cunha toalla ou esterilla, botella de auga e protección solar.

Esta actividade encádrase na convivencia sobre ‘Ioga e Meditación’ que manterán no Centro de Tempo Libre de Patos desde o venres ao domingo un total de 50 persoas vidas de toda España e baixo a dirección do Centro Sananda cos mellores profesores do país. “Consideramos que era unha magnífica oportunidade para o Concello organizar esta xornada aproveitando a presencia dos mellores maestros de Ioga nun enclave tan espectacular como é Patos, a combinación resulta marabillosa”, explica o alcalde, Juan González.

“Queremos de maneira desinteresada e altruista ofrecer este encontro na busca de maior equilibrio entre mente e corpo. Non existe outro beneficio que o do ioga mesmo, por iso animamos a toda aquela persoa interesada a que acuda ao encontro”, invita Madhana Agulla, gran mestre acostumado a impartir cursos a nivel internacional e formado co profesor Rama Chandra Filosofía na India na Universidade Mysore.

Obradoiro de maquillaxe de caracterización no parque da Feira Vella de Ponteareas

O Concello de Ponteareas, a través do programa Mocidade Viva, ofrece un obradoiro de
maquillaxe de caracterización de efectos especiais totalmente de balde para toda a
mocidade que se achegue ao Parque da Feira Vella o vindeiro venres 27 de maio.

Dende as 20:00h os mozos e mozas poderán iniciarse no mundo dos efectos especiais
aprendendo a realizar maquillaxe tan espectacular e tan demandada en sectores como
o do cinema para simular feridas, queimaduras, disparos ou cortes.

Para asistir a este obradoiro é necesaria inscrición previa enviando un correo electrónico
a [email protected].

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, sinalou que “con este obradoiro, o programa Mocidade Viva continúa o obxectivo de ofrecer unha ampla variedade de actividades saudables e alternativas, combinando o lecer e a formación dos mozos ponteareáns”.

Degusta Europa chega á Praza de Abastos da Guarda o vindeiro martes

0

Un ano máis a Deputación de Pontevedra celebra o Día de Europa, no que se conmemora a “Declaración de Schuman” asinada en 1950, lanzando o exitoso programa “Degusta Europa”, unha actividade  que se desenvolverá entre este xoves 12 e o día 31 nos mercados locais de O Grove, Mondariz, Pontevedra, Gondomar, Vigo e A Guarda.

Nesta actividade participan alumnado e profesorado dos CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e Manuel Antonio de Vigo, encargados da preparación da degustación.


O Concello da Guarda leva participado nesta iniciativa durante 3 anos, este sería o cuarto ano que se realiza, contando cunha gran afluencia e espectación por parte dos clientes e usuarios da Praza de Abastos Municipal.

O obxectivo do Concello da Guarda ao participar nesta iniciativa é promocionar e dinamizar o mercado municipal, pero sobre todo dar mostra da calidade dos produtos que ofrecen os nosos praceiros e praceiras, xa que os pratos serán elaborados con produto adquirido no propio mercado.

A proposta culinaria que ofrecerá o CIFP Manuel Antonio ás persoas que se atopen na praza durante o evento consistirá nunha cunca da horta de cabaza asada, escuma de patacas e aire de ceboliño; tosta de cabala afumada; risotto cremoso de grelos con brocheta de galiña; desfiado de porco a baixa temperatura en pan de pita; tirabuzóns de calamar crocantes sobre produtos da terra; vasiños de iogur e crema de marmelo, enreixado de cabelo de anxo, melindres e torta das Rías Baixas.

Baiona conciencia aos máis pequenos sobre a importancia da reciclaxe

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a concelleira de Medio Ambiente, Rosa María Domínguez Roda, acudían xunto ao alumnado do CEIP de Belesar, C.E. P. Sabarís, e o CEIP Fontes-Baíña, a unha charla divulgativa sobre a importancia da reciclaxe de residuos para o coidado do medio ambiente.

Os alumnos dos centros escolares de Baiona recibiron durante esta mañá charlas dirixidas a promover a concienciación ambiental e a coñecer o funcionamento do punto limpo municipal.

O obxectivo destas charlas é concienciar e implicar aos máis pequenos na correcta separación dos residuos nos distintos contedores de reciclaxe.

Un técnico de FCC, a empresa encargada do punto limpo e a recollida de residuos selectivos no municipio, é o encargado de impartilas en colaboración coa concellería de medio ambiente do Concello de Baiona.

A campaña de educación ambiental apoiada desde o Concello de Baiona persegue fomentar que o municipio continúe aumentando os seus cocientes de reciclaxe e diminuíndo a cantidade de residuos do contedor da fracción resto que leva a valorizar energéticamente en SOGAMA, co aforro económico que isto supón.

Cos nenos, que son os cidadáns do futuro, realízanse actividades para que adquiran conceincia da importancia de separar correctamente os residuos. Explícaselles a estratexia das tres 3 R: REDUCIR, REUTILIZAR E RECICLAR, e convídaselles a que poñan en práctica esta estratexia cos maiores do seu fogar. Por outra banda, achégase aos estudantes conceptos como a compostaxe ou os puntos limpos, como modelo dunha correcta xestión de residuos municipais, que irán cobrando máis importancia no futuro.

A iniciativa tivo unha gran acollida tanto entre o alumnado como entre a comunidade educativa.

O Concello de Baiona aumentou considerablemente a cantidade de residuos depositados. Cada vez recíclase máis no municipio e con residuos de mellor calidade xa que non se mesturan os residuos que son coñecidos como impropios, cos consecuentes beneficios sociais, ambientais e económicos que este aumento supón.

“O obxectivo desta iniciativa é a promoción da educación ambiental. Concienciar aos nenos e nenas do municipio, e grazas a eles ás familias, da importancia de separar os residuos correctamente e de como se debe usar o punto limpo municipal” , sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Melloras na Estación de bombeo de Tamuxe e o Regulamento Xeral de Subvencións buscan aprobación no pleno ordinario do Rosal

0

O Concello do Rosal leva a Pleno Ordinario a aprobación de dúas propostas de relevancia:

A primeira delas é a modificación de crédito orzamentario para a implementación de melloras na Estación de Augas Residuais de Tamuxe, a planta de bombeo principal do concello do Rosal.

Unha auditoría enerxética revelou a necesidade de sustitución de varios equipos que se atopan en mal estado e tamén é preciso introducir unha serie de actuacións que mellorarán o funcionamento do bombeo, acadando unha maior eficiencia enerxética.

Segundo o exposto anteriormente, estas son as melloras que se consideran necesarias:

  • Sustitución de 1 unidade de bomba sumerxible (B1).
  • Sustitución de tubos guía.
  • Novo cadro eléctrico de protección e mando (CEPyM) incluíndo toda a aparamenta eléctrica necesaria e 3 variadores de frecuencia para cada un dos equipos.
  • Estación de telemetría GSM/GPRS para telexestión do bombeo.
  • Sistema de alimentación ininterrumpida (SAI) para alimentación do autómata ante faltas de alimentación eléctrica.
  • Protección contra sobretensións.
  • Instalación de sensor de nivel por ultrasonidos.

As devanditas actuaciós suporán unha importante mellora no funcionamiento da Estación de Bombeo de Aguas Residuais de Tamuxe, ademáis dun aforro enerxético en torno a un 25 %.

A outra proposta que se agarda aprobar no pleno é a aprobación e posta en marcha da primeira Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello do Rosal.

Esta medida ten por obxecto adaptar a normativa estatal e autonómica en materia de subvencións ás condicións de organización e funcionamento do Concello do Rosal, e aplicarase ás subvencións que conceda o mesmo.

A Deputación consolida SmartPeme como a referencia do emprendemento en Galicia

O Servizo SmartPeme da Deputación de Pontevedra, de asesoramento TIC ás pemes, persoas emprendedoras e autónomas da provincia, consolídase como a referencia do emprendemento en Galicia e sitúase entre os programas pioneiros do Estado, adiantándose, desde fai sete anos, como sinalou Carmela Silva, “ás grandes transformacións que promoven os Next Generation, porque quen non estea subido ao tren da transformación dixital e as TIC non vai poder continuar”. “Hoxe esta Rede –apuntou- é unha gran familia de emprendemento, intelixencia e talento”. A presidenta presentou as novidades do Servizo para o período 2022-2024 e o balance destes últimos anos nun acto celebrado na Sede da Deputación en Vigo, no que participaron as asesoras e asesores de SmartPeme na provincia, representantes das empresas asesoradas así como a presidenta de Empresarias Galicia, Susana Pérez, o presidente de AJE Pontevedra, Jesús Rey e súa vicepresidenta María Buceta, e Rosa Fernández, xerente de AJE Vigo.

Emprendemento, Igualdade e Transición Ecolóxica serán tres dos novos eixos de traballo, xunto a outras dúas liñas de asesoramento tecnolóxico: Administración Electrónica e Ciberseguridade. Todas elas son liñas “que veñen de escoitar ao tecido empresarial”, como explicou Carmela Silva, de acordo ás directrices de Europa e do Goberno de España “porque por aí van os fondos Next Generation, van ir os fondos estruturais e a Axenda 2030”. No primeiro caso, a nova liña de de Emprendemento, que reforza o labor realizada neste eido ata agora, “será un eixo fundamental para reforzar que as boas ideas poidan converterse en bos negocios con axuda das TIC”, e estará enfocada a sentar as bases dos proxectos das persoas emprendedoras, facilitándolles a información relativa á creación do negocio e a viabilidade económico-financeira, e vinculada ás accións desenvolvidas nos viveiros da Deputación en Lalín e Barro. A de Igualdade ofrecerá asesoramento para a creación dos obrigatorios plans de igualdade, o impulso de accións de igualdade nas pemes, e a potenciar o liderado feminino mediante o desenvolvemento de accións específicas, “porque a maioría das persoas emprendedoras en Galicia e España teñen nome de muller e queremos potencialo”. “Non é so unha cuestión de dereitos, senón que está demostrado que cando se promove a igualdade na empresa, hai máis beneficios e sube o PIB”, sinalou Carmela Silva. A carteira de Transición ecolóxica centrarase no asesoramento e accións de capacitación específicas sobre cuestións clave como a economía circular, a sustentabilidade ou os ODS. “Hoxe unha empresa que incorpore o respecto ao medio ambiente ten máis posibilidades de éxito e imos favorecelo”.

Amais, créanse tamén as carteiras específicas de Administración electrónica, para que persoas autónomas e pemes poidan adaptarse aos servizos dixitais das Administracións, “e axudar a xente a coñecer o longo procedemento administrativo e a formarse nestas cuestións”, e a de Ciberseguridade, dirixida a que as firmas “poidan defendese dos ciberataques e  ciberdelincuentes, que son  hoxe un problema para grandes e pequenas empresas” con formación en prevención e capacitación.

Balance desde 2016

Desde a súa posta en marcha, SmartPeme ofreceu máis de 13.000 asesoramentos a máis de 1.800 empresas da provincia e case 2.000 talleres formativos con 20.000 persoas asistentes. Datos que avalan, como destacou Carmela Silva, o traballo desenvolvido polas persoas que forman parte do servizo e tamén a aposta que fixeron as persoas e empresas participantes, “porque no 2016 xa sabiamos que a introdución das TIC nas pemes e nos proxectos das persoas autónomas era fundamental, e algo do presente, non do futuro”. Destacou que SmartPeme “foi un proxecto que logrou o que quería lograr: estar ao lado do emprendemento, persoas autónomas e pemes que son o 90% da economía do país”, e subliñou a estratexia seguida desde a súa posta en marcha, que implicou o asesoramento sobre as ferramentas tecnolóxicas para mellorar a eficiencia e produtividade, a identificación dos puntos claves para os negocios, a imaxe dixital e a aposta por situar “a innovación no centro e por afondar na internacionalización” destas empresas. Puxo tamén o acento no labor desenvolvida a través do servizo TurisTIC  para empresas turísticas, “tendo en conta que somos o destino máis potente segundo os datos do INE e temos que seguir sendo a grande referencia”, e desde a liña dedicada ao comercio, así como desde Centro Provincial de Economía Dixital (CPED) no Viveiro de Barro, e o traballo realizado coas firmas do Terceiro Sector e a formación do persoal dos Concellos.

Eventos e premios

Ademais dos citados novos servizos, realizaranse unha serie de eventos e actividades. Deste xeito, o 1 de xuño arrancará o I Programa de emprendemento no Viveiro de Barro, que ata o 31 de xullo ofrecerá formacións dinámicas e innovadoras e asesoramentos personalizados e no que participarán 12 proxectos, 8 liderados por mulleres e 4 por homes, para impulsar que a súa idea de negocio se converta en proxecto real e sostible a longo prazo. Son 4 iniciativas de Vigo, 3 de Pontevedra, 1 de Vilagarcía, 1 de Marín, 1 da Guarda, 1 de Barro e 1 de Tui. Así mesmo, no viveiro de Lalín, organizarase outro programa despois do verán, neste caso para impulsar negocios xa consolidados. Estas dúas iniciativas complementaranse coas Aceleradoras de Turismo e Comercio, que desde 2018 teñen impulsado máis de 40 proxectos. No caso da de Turismo, presentarase o 27 de setembro coa presenza do secretario de Estado, Fernando Valdés.

Outra novidade serán os premios económicos que axuden a impulsar os proxectos máis sostibles, dixitais, rural ou  innovadores. Deste xeito, celebrarase un novo Evento de desenvolvemento de solucións innovadoras e crearase un Premio anual de Emprendemento, “para poñer en valor as ideas da xente e amosar casos gañadores”. Amais, nesta nova etapa SmartPeme seguirá organizando actividades ligadas ás carteiras, entre elas o  13 de xuño un almorzo  networking coa participación de  Yaiza Canosa, fundadora e  CEO de GOI, operador loxístico enfocado no transporte  e montaxe e instalación de mercadorías, “unha grande referencia a nivel nacional”. Tamén se organizarán unhas xornadas de demostración de solucións tecnolóxicas para o sector turístico e o comercio retallista, amais da Xornada TurisTIC, que será xa a quinta edición dun evento de gran relevancia para o sector turístico.

Ademais, SmartPeme seguirá sendo o “altofalante das distintas iniciativas de dixitalización que desde outras administracións” axuden ao tecido empresarial da provincia. Deste xeito, o servizo xa estivo informando do Kit Dixital de Red.es, do que segue aberta a convocatoria ata o 15 de setembro para as empresas de entre 10 e 49 traballadores/as. A presidenta destacou que segundo os datos publicados a pasada semana, 3.000 empresas de las 6.500 que hai en Galicia deste segmento,  xa solicitaron o Kit para poder dixitalizar os seus negocios.

Nigrán ofrece tres cursos gratuítos para mellorar a empregabilidade

0

O Concello de Nigrán ofrece tres novos cursos encadrados no seu ‘Plan de Formación para o Emprego 2022’ tendo en conta os perfís máis demandados no municipio: Repoñedor, Atención ao Cliente e Caixeiro. Os tres contan con 20 prazas e están dirixidos só a empadroados en Nigrán e prioritariamente desempregados (en caso de non cubrirse as prazas admitiríanse persoas que si estean traballando pero desexen mellorar laboralmente). A duración dos mesmos é de 20 horas e desenvolverase ao longo do mes de xullo no Centro Antena (Otero Pedrayo, 52- Nigrán).

O prazo de inscrición está aberto do 26 de Maio ao 20 de xuño, ben a través de Rexistro ou Sede Electrónica. Cada candidato pode solicitar un máximo de dous cursos e debe indicar a orde de prioridade. Toda a información está pendurada na web no apartado ‘Taboleiro de Anuncios’.

“A previsión en Nigrán, e que xa se está a percibir, é que aumente enormemente a demanda destes perfís laborais, por iso os servizos técnicos deseñaron estas formacións concretas”, explica o alcalde, Juan González, quen insiste en que se trata de aumentar a empregabilidade da veciñanza en paro.

O criterio de selección dos participantes seguirá un baremo no que contará ter formación relativa ao curso ou experiencia laboral ao respecto e, finalmente, en caso de empate seleccionarase mediante entrevista e cuestionario cumprimentado.

Concello de Oia e Galicia Ambiental conciencian sobre os perigos das especies invasoras

0

A Asociación Galicia Ambiental e o Concello de Oia están a desenvolver estes días unha serie de actividades conxuntas co obxectivo de concienciar á poboación sobre o problema das especies invasoras, especialmente no que respecta á herba da pampa (Cortaderia selloana). Esta iniciativa enmárcase dentro da programación da Semana Ibérica sobre Especies Invasoras (SIEI) que España e Portugal organizan do 21 ao 29 de maio.

Ao longo desta semana celebraranse diversas charlas nas que un técnico forestal do Concello de Oia e o responsable de divulgación da asociación exporán información sobre os riscos ambientais e de saúde desta especie invasora, ademais de indicar a importancia das accións de prevención que eviten rebrotes. Como colofón deste programa de concienciación ambiental, o domingo desenvolveranse accións de voluntariado.

A programación comezou este luns con varias charlas no CEIP Mestre Manuel García e continuará o xoves con novos relatorios, neste caso para o alumnado do CEIP de Refoxos.

Charla o sábado e voluntariado o domingo

Por outra banda, o sábado 28 o Centro Sociocultural de Pedornes acollerá unha charla aberta á veciñanza (10.30 horas) e ao día seguinte levaranse a cabo saídas de campo nas que participarán voluntarios e voluntarias.

Así, o domingo a partir das 11.00 horas desenvolverase unha acción de control de floración temperá e unha acción extractiva de planta a carón do Camiño de Santiago no Camiño de Barcelos (o punto de reunión será o Camping O Muíño, en Mougás).

A xornada de voluntariado rematará coa entrega, para a súa destrución, de plumeiro novo, co que se evitará que millóns de sementes se estendan este ano por Oia e a súa contorna. A zona de extracción convertirase nun espazo “liberado” de Cortaderia selloana e será restaurada mediante a plantación de vexetación e árbores autóctonas.

As dúas actividades da fin de semana son de libre acceso. No caso do voluntariado do domingo, por cuestións organizativas recoméndase apuntarse previamente chamando ao Concello de Oia (teléfonos 986 36 21 25 e 639 32 94 93).

Impacto ambiental e socioeconómico

As especies invasoras son unha das principais ameazas para a biodiversidade a nivel global e causan outros impactos significativos a nivel ambiental e socioeconómico. Porén, estas cuestións aínda son descoñecidas para a maior parte da cidadanía, polo que cómpre levar a cabo accións non só de control e erradicación, senón tamén de concienciación.

Neste contexto, a SIEI 2022 pretende contribuír a aumentar o coñecemento e a sensibilización sobre estas especies. Trátase dunha iniciativa promovida pola Rede Portuguesa de Estudo e Gestão de Espécies Invasoras – Rede InvECO, pola plataforma Invasoras.pt e polos proxectos LIFE Stop Cortaderia e LIFE INVASAQUA. Ademais, realízase en estreita colaboración con diversas entidades, asociacións e grupos informais.

A Xunta e o Concello de Mos analizan as alternativas para desenvolver vivendas protexidas

0

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, reuniuse esta semana coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e varios técnicos municipais, para tratar sobre o proxecto de impulso da vivenda protexida no concello e a tramitación dun novo parque empresarial na localidade.

Durante a reunión, continuación da mantida o pasado mes de marzo, analizáronse posibles alternativas de solo para a construción de vivendas protexidas en Mos, tanto de promoción pública como privada. A tal fin, estudáronse diferentes posibilidades de novos desenvolvementos de solo residencial.

Por outra parte a alcaldesa comunicou ao director xeral a activación inminente da listaxe municipal de demandantes de vivendas (o vindeiro 1 de xuño), que xestionará o departamento de Política Social de Mos e na que poderán inscribirse os cidadáns interesados en solicitar o acceso a algunha das futuras vivendas que se desenvolvan a partir do proxecto do concello.

Finalmente, a reunión serviu para analizar a situación de tramitación da modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) no que se inclúe o ámbito para a urbanización dun novo parque empresarial en Mos, unha vez que se está esgotando o solo dispoñible no polígono da Veigadaña, urbanizado polo Goberno galego.

Segundo indicou o director xeral do IGVS, está previsto que a modificación do plan sectorial se aprobe este mesmo ano, quedando así habilitada a Xunta para o desenvolvemento do novo parque.

O Multiusos – Mercado de Sabarís acolle a exposición “Espacios fuera del Espacio”

0

O Multiusos – Mercado de Sabarís, no concello de Baiona, continúa coas exposicións coa mostra de esculturas “Espacios fuera del Espacio” de Liliya Pobornikoba e Nando Álvarez.

As persoas interesadas poderán visitar a exposición ata o próximo 15 xuño en horario de luns a venres de 17:00 a 21:00 horas, os sábados de 11:00 a 21:00 horas e os domingo e luns de 11:00 h a 14:30 horas.

Organizadas pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona, o Multiusos – Mercado de Sabarís dá continuidade ás exposicións durante os próximos meses. Este espazo singular encherase de arte para que os veciños e veciñas poidan gozar desta expresión artística. Tamén co obxectivo de dinamizar a vida da localidade, contribuír á reactivación económica.

A campaña “Quere o teu mercado” chega á praza de abastos de Arbo

0

A praza de abastos de Arbo participa un ano máis na campaña internacional “Quere o teu mercado”. Pola súa proximidade e situación estratéxica nas vilas e cidades, os mercados municipais xogan un valioso papel dinamizador e revitalizador dos centros urbanos onde se asintan e facilitan, ademais, a compra completa de alimentos frescos con toda a comodidade e sen necesidade de grandes desprazamentos.

No caso de Arbo, os nenos e nenas poderán achegarse ao Mercado Municipal o vindeiro sábado 28 a partires das 10:30, e aprender dun xeito divertido a coñecer as verduras, froitas, peixes e carne, ao mesmo tempo que recibiran un agasallo e disfrutaran de xogos e música.

Os participantes na campaña e os compradores recibiran unha papeleta para entrar no sorteo de agasallos e produtos.

Con esta iniciativa preténdese fomentar o consumo de productos frescos no Mercado, que no caso de Arbo  lévase mellorado considerablemente nos últimos anos.

Mercar neles é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos galegos e ofrecendo a variedade de carnes, lácteos, froitas, verduras, pescados, mariscos, hortalizas…que require unha dieta equilibrada e saudable.
Xuntan tradición e modernidade, adáptanse ás demandas dos seus clientes, ofertan os mellores prezos en produtos frescos de alimentación e incorporan cada día novos servizos complementarios e personalizados.

Dende hai cinco anos o Concello de Arbo e  a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, celebra a campaña “Quere o teu mercado”, co obxetivo de apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras.

Redondela abre a inscrición dos campamentos do Programa Municipal de Conciliación

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Igualdade que xestiona Iria Vilaboa, vén de anunciar a apertura do prazo para que as familias interesadas poidan inscribir aos seus fillos, con idades entre 3 e 12 anos, nos campamentos de verán que se desenvolven ao abeiro do Programa Municipal de Conciliación. O período de inscrición, que se abría onte 24 de maio, permanecerá aberto ata o vindeiro 3 de xuño.

A alcaldesa de Redondela, subliñou o feito que como en anos anteriores e fronte a anteriores Gobernos conservadores que só ofrecían un mes en verán, “optamos por ofrecer esta actividade totalmente gratuíta e imprescindible para as familias, durante dous meses enteiros e apostando pola súa realización nas parroquias para minimizar os desprazamentos e os inconvenientes que iso supón”.

O Programa Municipal de Conciliación, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto, ofrece un total de 480 prazas totalmente de balde coa que se reafirma a aposta do Goberno socialista que preside Digna Rivas por esta actividade “como ferramenta para permitir a conciliación da vida laboral das familias na época na que as pequenas e pequenos teñen vacacións escolares”.

Do total de prazas, 280 serán para a quenda do mes de xullo e 200 para o mes de agosto. A distribución, apunta Digna Rivas, “atende á experiencia dos anteriores anos que demostra que no mes de agosto, a demanda é menor, polo que se reforzan as prazas para o mes de xullo”.

Ao igual que se fixo o pasado ano, mantense o formato de desenvolver os campamentos nas parroquias, de cara a faciliar a participación dos nenos e nenas independentemente do lugar onde residan reducindo a necesidades de facer desprazamentos.

As prazas ofertadas para o mes de xullo serán 50 para as actividades que se desenvolvan no CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro, EEI de San Pedro de Cesantes, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda e Conservatorio Municipal de Música ‘Víctor Ureña’; 30 prazas para as que realicen no CEIP de Cedeira e Pavillón de Reboreda e 20 prazas para o CEIP Plurilingüe de Quintela.

No mes de agosto destinanse 30 prazas para CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro; CEIP de Cedeira, EEI de San Pedro de Cesantes, CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, Pavillón de Reboreda, Conservatorio Municipal de Música ‘Víctor Ureña’ e 20 prazas para o CEIP Plurilingüe de Quintela.

A Concellería mantén, ao igual que en anos anteriores, a posibilidade de inscribirse por quincenas en lugar de facelo por mes enteiro atendendo, desta forma, ás necesidades das familias “que non precisan todo o mes e posibilitando polo tanto, que poidan participar nos campamentos un maior número de nenos e nenas”, explica a alcaldesa de Redondela.

Finalmente, a Concellería de Igualdade, de cara a axilizar o proceso de inscrición e facerllo máis doado ás familias interesadas, reduce trámites e “papeleo”.