11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaConcello de Oia e Galicia Ambiental conciencian sobre os perigos das especies...

    Concello de Oia e Galicia Ambiental conciencian sobre os perigos das especies invasoras

    Ao longo da semana celebraranse varias charlas así como accións de voluntariado para extraer herba da Pampa

    A Asociación Galicia Ambiental e o Concello de Oia están a desenvolver estes días unha serie de actividades conxuntas co obxectivo de concienciar á poboación sobre o problema das especies invasoras, especialmente no que respecta á herba da pampa (Cortaderia selloana). Esta iniciativa enmárcase dentro da programación da Semana Ibérica sobre Especies Invasoras (SIEI) que España e Portugal organizan do 21 ao 29 de maio.

    Ao longo desta semana celebraranse diversas charlas nas que un técnico forestal do Concello de Oia e o responsable de divulgación da asociación exporán información sobre os riscos ambientais e de saúde desta especie invasora, ademais de indicar a importancia das accións de prevención que eviten rebrotes. Como colofón deste programa de concienciación ambiental, o domingo desenvolveranse accións de voluntariado.

    A programación comezou este luns con varias charlas no CEIP Mestre Manuel García e continuará o xoves con novos relatorios, neste caso para o alumnado do CEIP de Refoxos.

    Charla o sábado e voluntariado o domingo

    Por outra banda, o sábado 28 o Centro Sociocultural de Pedornes acollerá unha charla aberta á veciñanza (10.30 horas) e ao día seguinte levaranse a cabo saídas de campo nas que participarán voluntarios e voluntarias.

    Así, o domingo a partir das 11.00 horas desenvolverase unha acción de control de floración temperá e unha acción extractiva de planta a carón do Camiño de Santiago no Camiño de Barcelos (o punto de reunión será o Camping O Muíño, en Mougás).

    A xornada de voluntariado rematará coa entrega, para a súa destrución, de plumeiro novo, co que se evitará que millóns de sementes se estendan este ano por Oia e a súa contorna. A zona de extracción convertirase nun espazo “liberado” de Cortaderia selloana e será restaurada mediante a plantación de vexetación e árbores autóctonas.

    As dúas actividades da fin de semana son de libre acceso. No caso do voluntariado do domingo, por cuestións organizativas recoméndase apuntarse previamente chamando ao Concello de Oia (teléfonos 986 36 21 25 e 639 32 94 93).

    Impacto ambiental e socioeconómico

    As especies invasoras son unha das principais ameazas para a biodiversidade a nivel global e causan outros impactos significativos a nivel ambiental e socioeconómico. Porén, estas cuestións aínda son descoñecidas para a maior parte da cidadanía, polo que cómpre levar a cabo accións non só de control e erradicación, senón tamén de concienciación.

    Neste contexto, a SIEI 2022 pretende contribuír a aumentar o coñecemento e a sensibilización sobre estas especies. Trátase dunha iniciativa promovida pola Rede Portuguesa de Estudo e Gestão de Espécies Invasoras – Rede InvECO, pola plataforma Invasoras.pt e polos proxectos LIFE Stop Cortaderia e LIFE INVASAQUA. Ademais, realízase en estreita colaboración con diversas entidades, asociacións e grupos informais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.