Domingo, 4 Maio de 2025

Baiona senta as bases da campaña «En Negro contra as violencias»

O Concello adhírese, por primeira vez a esta campaña que se iniciou no 2015 impulsada pola administración local de Santiago de Compostela e que este ano conta xa con 119 concellos adheridos

O Concello de Baiona vén de adherirse, por pirimeira vez, á campaña ‘En negro contra as violencias’, unha iniciativa nacida en Santiago de Compostela no 2015 que busca a sensibilización contra as violencias machistas e implicar a toda a cidadanía na súa erradicación. Catro anos despois da súa posta en marcha, son xa 119 os concellos adheridos.

A Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, iniciou os contactos cos centros educativos municipais e asociacións locais para implicalas na difusión da campaña.

Esta desenvolverase no municipio na semana do 18 ao 25 de novembro, datas nas que dende a Concelleria de igualdade, “proponse vestir de loito a nosa vila, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte”.

“Consideramos que, comercios, establecementos e entidades asociativas son o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos unha Baiona libre de violencias machistas!”, engade Yasmina Moreira. 

Por elo a concelleira de igualdade, informa a todas aquelas entidades, asociacións, comercios e establecementos que queiran participar na difusión da campaña contacten a través do correo electrónico [email protected] indicando o seu nome e teléfono de contacto. Facilitaráselle diverso material para tinguir de negro Baiona.

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona quere salientar que na organización da campaña, colabora activamente o alumnado do ciclo superior de animación sociocultural do IES Primeiro de Marzo.