Domingo, 4 Maio de 2025

Nigrán mellorará os centros culturais do municipio

O Concello de Nigrán consignou 90.000 € para financiar cadansúa obra de mellora nas sedes dos centros culturais do municipio, os catro con problemas concretos que resolver pero parados por falta de cartos. Deste xeito, o Concello financiará un ascensor para facer accesible o C.C. Bolos da Carrasca (Parada) outorgando a este fin os 30.000 € que se precisan. Pola súa banda, destinará 20.000 € para facer posible ao fin a climatización do auditorio de O Torreiro de Priegue, outros 20.000 € para impermeabilizar o Centro Cultural A Camoesa e acabar coas pingueiras e, finalmente, 20.000 € para unhas reformas no C.C.Parada do Miñor (novas divisións e mellora de certos materiais).

“Todas son obras que as catro entidades precisan emprender de maneira inmediata e consideramos que o Concello debe colaborar porque desenvolven actividades de interese para toda a veciñanza. En todos os casos suporán un cambio positivo moi radical, especialmente en Bolos da Carrasca, onde dispoñen do auditorio no terceiro andar pero non contan con ascensor”, considera o alcalde, Juan González

Neste caso o fin é garantir ao fin a plena participación das persoas con problemas de mobilidade reducida nas actividades que se ofertan, polo que este investimento se encadra no proxecto ‘Un Nigrán para todos’. O edificio de tres plantas carece deste a súa orixe deste servizo, limitando así a accesibilidade aos actos que se celebran no Auditorio, situado no terceiro andar e para o que hai que salvar 32 chanzos (no primeiro piso ubícase unha cafetería, no segundo as oficinas e no terceiro o auditorio). “Colaborando con esta acción o que facemos é garantir a participación da veciñanza en igualdade de condicións nas as actividades que organiza o Centro Cultural, polo que todos saímos beneficiados”, explica o alcalde, Juan González.

Neste sentido, desde o Centro Cultural inciden en que contan con moitos socios dados de alta na década dos 90 e que agora teñen unha idade avanzada que lles impide participar, polo que as actividades tamén se ven limitadas. “É unha necesidade prioritaria. A nosa actividade non se limita a socios, é aberta a toda a veciñanza, e resulta que moita non pode acudir por este motivo. Incluso nos gustaría colaborar co Centro Juan María, que está moi preto, e con outras entidades, pero non é posible por este motivo”, explica Amelia Valverde, directiva do Centro Cultural e quen actualmente sufre o problema de accesibilidade en carne propia.

“Este ascensor permitirá ao centro garantir o dereito universal de accesibilidade e, paralelamente, abrirse a comunidade máis próxima e dinamizar a actividade cultural na zona, así que estamos encantados de finmanciar o ascensor”, sintetiza o rexedor.