Martes, 13 Maio de 2025

Comezan as obras de instalación de saneamento e asfaltado na rúa Raña de Nigrán

Na mesma parroquia, o Concello está a rematar os traballos de humanización da rúa Mestra Emérita

O Concello de Nigrán iniciou na pasada semana as obras para dotar de saneamento a rúa Raña, en Priegue, tal e como tiñan demandado os veciños. O Concello investíu nestes traballos adxudicados a ‘Servicios Medioambientales del Miño’ un total de 119.828 € que inclúen, adicionalmente, a renovación por completo do pavimento, que xa se atopaba en moi mal estado, especialmente na parte baixa, o troco das luminarias existentes por novas con tecnoloxía LED de 40 watios, retranqueo dun poste de electricidade que interrumpe a circulación e reposición da sinalización horizontal. En concreto, realizarase unha acometida desde a PO-325 e, ademais, se instalará un by-pass para poder derivar o caudal en caso de emerxencia, avería ou simplemente mantemento. As obras deberán estar rematadas nun máximo de dous meses.

“Dará servizo a todas as vivendas desta rúa que ata agora se servían de fosas sépticas individuais, cos conseguintes riscos medioambientais que iso supón, e mellorará a seguridade viaria”, explica o alcalde, Juan González, quen reafirma o obxectivo do goberno local de completar o saneamento en todos os barrios.

Nesta mesma parroquia, o Concello está a rematar os traballos de humanización da rúa Mestra Emérita, que comprenden o seu asfaltado e habilitar unha beiravía transitable para peóns, actualmente inexistente. Ademais, nas derradeiras semanas asfaltáronse as rúas Pedrosas, Comesaña, Cea, PO-235 e Abetos.