11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaDigna Rivas acusa ao Porto de Vigo de "ningunear a Redondela, a...

    Digna Rivas acusa ao Porto de Vigo de “ningunear a Redondela, a súa veciñanza e a súa alcaldesa”

    Por segunda vez, e pasados tres meses dende o relevo na alcaldía de Redondela, a Autoridade Portuaria de Vigo vén de remitir ao Concello redondelán a convocatoria para o Consello de Administración do Porto na que, como vogal e tamén por segunda vez, figura o exalcalde Javier Bas e non a actual alcaldesa, a socialista Digna Rivas. Este feito foi cualificado pola rexedora local como un intento de “ningunear” ao Concello de Redondela e a súa alcaldesa e de “falta de respecto sen precedentes” aos veciños e veciñas.

    A alcaldesa de Redondela deu conta desta situación no decurso dunha rolda de prensa na que Digna Rivas expresaba “a súa máis absoluta indignación polo intento de silenciar a voz dos e das redondelás nunha reunión do Consello de Administración na que se van tratar temas que afectan directamente aos intereses de Redondela”.

    Rivas lembrou que xa o pasado 26 de xullo, a convocatoria da reunión do Consello de Administración viña a nome do exalcalde, polo que se lle tentaba impedir a súa participación nos temas a tratar. Ao final, a alcaldesa de Redondela, conseguiu poder falar “pero impedíuseme o dereito ao voto que como representante de Redondela me correspondía”.

    A partir de aí todo vólvese un tanto estraño, case que kafniano. Por partes dos técnicos do Concello de Redondela envíase novamente a documentación pertinente “a que sempre se enviou durante os anos anteriores” e que agora, curiosamente, parece non valer. Dende o Porto de Vigo comunícaselle ao Concello que a documentación ten que enviarse á Consellería do Mar “cousa que nunca se fillera e de feito, tal e como confirmaron os funcionarios do Concello, dende o 2015 os trámites se facían sempre igual e polo visto agora, non valen”, explica a rexedora local redondelá.

    Envíase a documentación e por parte do Concello chámase á Autoridade Portuaria requirindo información sobre a tramitación da mesma “recibindo a calada por resposta”, sinala Digna Rivas.

    Unha alternancia con Moaña que nunca se fixo

    Digna Rivas explicaba tamén, no encontro coa prensa, a situación que no seo do Consello de Administración da Autoridade Portuaria teñen Redondela e Moaña. Ámbolos dous concellos teñen que repartirse o tempo de representación “algo que nunca se fixo durante estes oito anos, pese a que Moaña requiriu, máis dunha vez, o seu dereito a estar representada no órgano portuario”.

    De acordo coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, neste consello de Administración sería Redondela a que estivera presente “dada a importancia dos temas que se ían tratar no mesmo que afectan directamente ao noso municipio” explica Digna Rivas.

    “A nosa sorpresa foi que o día 20 de setembro recibimos a Orde do Día do Consello de Administración e, novamente, ven a nome de Javier Bas” explica Digna Rivas que é clara ao sinalar que o que se pretende, con esta situación, “é deixar aos veciños e veciñas de Redondela sen voz no Consello cando se van tratar temas como a delimitación de espazos de usos portuarios e un informe verbal sobre o estado do antigo cargadero denominado Rande Duchess”

    Digna Rivas non cree “nin nos erros nin nas coincidencias” e considera que a situación débese, única e exclusivamente, ao intento do Porto de Vigo de “impedir que a alcaldesa de Redondela poida defender os intereses dos seus veciños e veciñas, como é a sua obriga”. Por parte da Autoridade Portuaria e da Consellería do Mar, sinala Rivas “estáse a impedir que a voz da veciñanza de Redondela, expresada a través da súa alcaldesa, poida ser escoitada”.

    De feito, lembra Digna Rivas, no anterior Consello de Administración “os informes técnicos presentados polos técnicos do Concello de Redondela sobre a zona de Rande, sorprenderon aos membros do Consello que descoñecían a realidade da situación”. Agora o que se pretende, conclúe a alcaldesa de Redondela “e que se saiba a realidade e que se poida escoitar a voz da veciñanza sobre a explanada de Duchess, o almacén de contedores e a desfeita que se quere facer na zona de Rande”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.