Martes, 6 Maio de 2025

Nigrán ofrece este domingo o ‘VII Memorial Secundino Pérez Sanromán’

O Concello de Nigrán ofrece este domingo desde as 17:00 horas no Auditorio Municipal o ‘VII Memorial Secundino Pérez Sanromán’, adicado ao gran mestre de gaiteiros de Chandebrito falecido no ano 2014. No evento tocarán os seus ex-alumnos e os grupos folclóricos da comarca Ardelume de Baíña, Ecos e Agarimos de Peitieiros, Novos Aires de Coruxo, O Castro de Chandebrito, Aire Santes de Víncios e A Merced de Chaín, todos impulsados polo propio Secundino.

Para esta ocasión, o Concello editou unha revista grazas á colaboración desinteresada de Thays Cabaleiro, gaiteira de Priegue e ex-alumna. Esta publicación recolle a biografía de Secundino, imaxes de diferentes épocas, unha a transcripción dunha entrevista realizada no 2013 pola Comisión de Festas de Priegue, unha reseña sobre a charanga ‘Os Leóns de Camos’ da que formou parte e, adicionalmente, contén as partituras dalgunhas das súas pezas máis coñecidas: entre ellas, a muiñeira ‘Cinzas do Castro’, os pasodobres ‘O Torreiro de Priegue’ e ‘Olas de Nigrán’, a ‘Rumba de Chandebrito’, a ‘Troulada de Vilariño’ ou a ‘Xota Roquiña’. “Esta revista forma parte da nosa obsesión como  goberno de preservar e documentar a Historia de Nigrán. Secundino foi un gaiteiro mestre de mestres nacido en Chandebrito, temos o deber como concello de divulgar a súa vida e a súa obra, ese é o obxectivo”, resume o alcalde, Juan González.

Secundino naceu en xullo do 1931. Tivo o seu primeiro contacto coa música tradicional cunha frauta de cana aos oito anos. E poucos anos despois, tras regalarlle o seu pai unha gaita, comezou a tomar clases. Logo de moito ensallar foi collendo experiencia e destreza, e foi entón entrou a formar parte de “Os Leóns de Camos”, unha das primeiras charangas da comarca. Pero se por algo é coñecido Secundino é pola súa dedicación a ensinanza. Mestre de varias xeracións de músicos, compositor, creador de infinidade de grupos de gaitas como son o de Sabarís, A Ramallosa, Priegue, Peitieiros, Baíña, Couso, Chandebrito… foi un home de gran paciencia e bonito carácter.