Sábado, 3 Maio de 2025

Éxito das visitas teatralizadas por Samaín en Nigrán

Os mortos reviviron a pasada noite de Samaín no Cemiterio Municipal de Nigrán (San Fiz-Ceán). O Concello de Nigrán ofreceu por vez primeira e a través do grupo local Teatro do Ar (Premio ao Méiro Cultural 2022) dúas visitas teatralizadas ao camposanto coas 50 prazas esgotadas en menos de 48 horas. Ilustres como Carlos Casares, Daniel Pazó, a última herdeira de Cea ou o profesor Vázquez Grela regresaron de ultratumba para contar de primeira man aos presentes a súa historia.

Estas visitas, segundo o director da compañía Pedro Villar deseñou, trataron de conxugar toda a información “dunha forma cómica e lixeira”. Ante o éxito desta primeira experiencia o alcalde de Nigrán confirma que apostará por repetilas e amplialas nos próximos anos. Igualmente, onte tivo lugar o terceiro e último obradoiro de galletas terroríficas realizado por Chupipostres no CEE de Panxón, unha actividade do Concello para empadroados de entre 6 e 11 anos para a cal tamén se completaron as 45 prazas.

A programación finaliza hoxe 1 de Novembro desde as 17:00 horas no Auditorio Municipal coaa tradicional festa de disfraces de Samaín destinada a infancia e dirixida polo Mago Rei Midas. A entrada é de balde ata completarse o aforo.