O Rosal continúa este mes de outubro cunha programación moi especial, a tradicional Festa de Outono, que chegará ao Concello do Baixo Miño os días 11 e 12 de outubro con actividades para todos os públicos.
Os vindeiros 11 e 12 de outubro haberá unha grande oportunidade para coñecer e apreciar o patrimonio artístico e cultural do Rosal coas dúas primeiras citas das II Xornadas de Patrimonio: o martes ás 20.00h o Centro Social acollerá a charla “Cerámica para vivir e vivir da cerámica” a cargo da ceramista Susana González Amado. E o mércores a partires das 18.00 horas na renovada Praza do Calvario terá lugar unha demostración cabaqueira de fabricación de tellas tralo pregón a cargo de Susana González Amado.
A Festa de Outono rematará o mércores 12 cunha morea de actividades. Ás 11.00 h terá lugar a inauguración da I Feira de Produtos do Rosal, un espazo de encontro e tamén de exposición, degustación e venda, no que estará este ano Apicultura Niño do Corvo.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta a importancia de ter creado esta Feira de Produtos do Rosal coa vontade de ofrecerlles ás produtoras e produtores rosaleiros unha plataforma na que poder dar a coñecer os seus produtos, establecer contactos e mesmo crear sinerxías”.
A rexedora anima á veciñanza a que participe e goce de todas as actividades das coñecidas como Festas do Pilar que o mércores retomarán a súa actividade ás 17.00 horas. Ese será o momento das e dos máis pequenos, que poderán desfrutar do espectáculo de monicreques “O conto de Barriga Verde”.
O programa rematará co Memorial Irmáns Flores. Un encontro de murgas populares que interpretará, dende ás 19:30 horas, as creacións musicais de José e Emilio Flores Costas, dúas persoas que interviñeron moi activamente na formación persoal e musical de moitos veciños. Será unha sentida actuación na honra de dous rosaleiros que participaron e crearon colectivos que abranguen calquera manifestación de música popular galega e que cunha soa gaita foron quen de ensinar e divertir a todo un pobo.
Apicultura Niño do Corvo
Marcos Rodríguez Portela, xerente de Apicultura Niño do Corvo valora moi positivamente esta iniciativa indicando que “é unha maneira de que os nosos veciños coñezan os produtos locais e facelos partícipes do traballo que desenvolven moitas empresas na nosa zona, con produtos locais e de proximidade”.
A empresa Apicultura Niño do Corvo, situada na rúa Ramón Franco número 21, no Rosal, é unha empresa dedicada á venda de material, formación e asesoramento para apicultores e para persoas que lles guste e quéiranse iniciar no mundo da apicultura.
Na actualidade, elabora o mel de “Niño do Corvo”, proveniente de máis dun centear de colmeas que posúe a empresa en zonas boscosas da Comarca do Baixo Miño, o xardín do sur da provincia de Pontevedra.