Sábado, 3 Maio de 2025

A Ramallosa acolle este domingo a feira de oportunidades ‘Portobelo’

O Concello de Nigrán colabora un ano máis coa asociación de empresarios ‘Ovalmi’ na organización da feira de oportunidades ‘Portobelo’ este domingo 14 de agosto na alameda de A Ramallosa, evento que volve a unirse á concentración de artefactos flotantes ‘Flota como Poidas’ que terá lugar ás 17:30 ao seu carón, no esteiro de A Foz.

Unha trintena de comerciantes da comarca ofrecerán durante todo o día (de 11:00 a 21:00 horas) os seus mellores descontos en produtos como calzado, pezas de vestir, menaxe, cosméticos… A feira estará acompañada de diferentes eventos, comezando cunha actuación ás 13:00 de L´Danzia e ás 16:00 de DanZarte, ‘Flota como Poidas’ a continuación e, para rematar, o showman e divertido crooner vigués Tony Lomba ás 20:30 horas.

Tras dous anos sen celebrarse por mor da pandemia debido aos miles de espectadores que reúne, o ‘Flota como Poidas’ regresa cunha ducia de embarcacións participantes á desembocadura do río Miñor. Como cada ano,  fiel á filosofía desta hilarante competición, premiarase ao artefacto flotante máis ‘currado’ e máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao “Titanic” da edición.