Domingo, 4 Maio de 2025

A mancomunidade clausura o obradoiro ‘Pedras do Miñor’

O alcalde de Nigrán e presidente actual da Mancomunidade do Val Miñor, Juan González, clausurou esta mañá o obradoiro de albanelería e cantería ‘Pedras do Miñor’ no barrio de Sancho (Panxón) onde, entre outros lugares da comarca, os 16 alumnos-traballadores rehabilitaron a fonte, o lavadoiro e a súa contorna como parte da formación. Ao acto acudíu tamén a xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, a directora do obradoiro, María del Mar Pintos, a concelleira gondomareña Rocío Goberna e representantes da asociación de veciños Monteferro-Panxón e concelleiros.

Grazas a este curso dun ano de duración a previsión é que o 100% sexa contratado no sector xa nestes próximos días. Así, 5 están xa traballando e outros 6 realizarán entrevistas esta mesma semana. “É duro pero hai unha altísima demanda de profesionais, por iso se lle sumades actitude a estes coñecementos adquiridos non vos vai faltar o emprego”, garantíulles González. Durante todo este ano, os participantes realizaron prácticas en espazos públicos de Baiona (Paseo Monte Boi, melloras dos baños da Praza de Abastos e no primeiro andar do edificio Ángel Bedriñana e no campo do Aral), Gondomar (lavadoiro de Randufe e Candal e baños accesibles no Pavillón de Gondomar) e en Nigrán lavadoiro de Sancho e a súa contorna.

‘Coidando Miñor’

Neste acto de entrega de diplomas de finalización, o alcalde confirmou a concesión de 503,987 € por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para poder realizar por terceiro ano o obradoiro conxunto entre os tres concellos da comarca ‘Coidando Miñor’. Este estará dirixido a 20 alumnos-traballadores en situación de desemprego e recibirán formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes tanto en domicilios como en institucións e tamén en servizo de limpeza e de residuos urbáns. Como é habitual, as prácticas desenvolveranse entre os tres concellos e a previsión é que comece en setembro (a selección a realiza a Oficina de Emprego de Baiona).

Esta acción é froito dunha sinerxia entre os tres municipios (ao marxe da Mancomunidade do Val Miñor) para solicitar unha subvención ao respecto e foi creada consensuadamente dende os respectivos servizos técnicos municipais ao detectarse un viveiro de emprego que, precisamente, non depende da estacionalidade. Como sempre é o caso nestes obradoiros, os participantes percibirán o salario mínimo interprofesional e recibirán formación dividida en diferentes módulos, de hixiene e atención sanitaria domiciliaria, atención e apoio psicosocial domiciliario ou apoio domiciliario e alimentación familiar…

“Desde os tres concellos quixemos unir forzas para, un ano máis, formar a persoas desempregadas en eidos de claro compoñente social”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González.