Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Nigrán ofrece clases de español gratuítas aos ucraínos acollidos

O Concello de Nigrán, nun paso máis para integrar aos ucraínos acollidos en familias do municipio, vén de organizar un curso gratuíto de español ex-profeso para eles. Este consta de 24 horas de duración distribuídas en dúas sesións semanais no Centro Antena de A Ramallosa e corren a cargo de Laura Rodríguez Salgado, doutora en Lingüísitica Aplicada e master en profesorado contratada polo Concello. En total, Nigrán conta cunha veintena de refuxiados empadroados na localidade desde inicios do conflito, a gran maioría deles mulleres a cargo do seus fillos (os homes quedaron a loitar no seu país) e sen ningunha noción previa de español, polo que este curso resulta especialmente importante para a súa integración.

“O nivel que teñen é moi baixiño, así que estoulles ensinando os números, as partes do corpo, etc… Un vocabulario mínimo que lles permita sentirse máis tranquilos no seu día a día”, explica a profesora. Entre os que acuden Laura diferencia aos nenos que van ao colexio dos adultos: “os pequenos avanzan moi rápidamente porque están integrados na escola, os adultos é diferente”, recoñece. Así, o perfil que está a acudir é o de muller a cargo dos seus fillos. “Temos nenos de 9 a 14 anos, unha avoa coa súa filla e neta, unha parella…”, estes últimos teletraballan todavía a distancia con Ucraína, o resto están sen emprego. “Aínda que non saben canto tempo van a botar en España o seu grado de motivación é moi alto porque verdadeiramente o precisan incluso para desenvolverse coas familias de acollida”, comenta Laura. Así, o obxectivo final do curso é que os ucraínos finalicen con competencias comunicativas fundamentais (especialmente expresión e comprensión oral), así como favorecer a comprensión dos valores e costumes que configuran o noso marco de convivencia.

O Concello de Nigrán colaborou desde o inicio cos refuxiados que chegaron ao municipio, ben ofrecendo alimentos a través do Banco Municipal ou ben asesorando desde os Servizos Sociais para matricular aos rapaces en centros educativos ou para poder ir ao médico. Ademais, o Concello facilitou a todos os refuxiados a posibilidade de acudir gratuítamente ás actividades deportivas e culturais municipais, feito que a maioría deles aproveitou.

“Demandamos á Xunta que puxese a súa disposición a Residencia de Tempo Libre de Patos e accederon, pero finalmente non se está a empregar con este fin non sabemos porqué. Así que agradecemos enormemente á solidariedade das familias de Nigrán e colaboramos con eles en todo o preciso”, resume o alcalde, Juan González.