O Concello de Nigrán ofrece tres novos cursos encadrados no seu ‘Plan de Formación para o Emprego 2022’ tendo en conta os perfís máis demandados no municipio: Repoñedor, Atención ao Cliente e Caixeiro. Os tres contan con 20 prazas e están dirixidos só a empadroados en Nigrán e prioritariamente desempregados (en caso de non cubrirse as prazas admitiríanse persoas que si estean traballando pero desexen mellorar laboralmente). A duración dos mesmos é de 20 horas e desenvolverase ao longo do mes de xullo no Centro Antena (Otero Pedrayo, 52- Nigrán).
O prazo de inscrición está aberto do 26 de Maio ao 20 de xuño, ben a través de Rexistro ou Sede Electrónica. Cada candidato pode solicitar un máximo de dous cursos e debe indicar a orde de prioridade. Toda a información está pendurada na web no apartado ‘Taboleiro de Anuncios’.
“A previsión en Nigrán, e que xa se está a percibir, é que aumente enormemente a demanda destes perfís laborais, por iso os servizos técnicos deseñaron estas formacións concretas”, explica o alcalde, Juan González, quen insiste en que se trata de aumentar a empregabilidade da veciñanza en paro.
O criterio de selección dos participantes seguirá un baremo no que contará ter formación relativa ao curso ou experiencia laboral ao respecto e, finalmente, en caso de empate seleccionarase mediante entrevista e cuestionario cumprimentado.