11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosA Deputación dá un novo impulso á estrada de Puxeiros

    A Deputación dá un novo impulso á estrada de Puxeiros

    O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, destaca que o importe final deste novo tramo “dunha obra especialmente complexa” estará en torno aos 700.000 euros

    A Deputación de Pontevedra, que xa dispón dun convenio acordado co Concello de Mos para executar as obras do primeiro dos catro tramos da estrada provincial EP-2601 Mos-Puxeiros, deu hoxe un novo paso para continuar avanzando na transformación desta importante vía presentando o avance do proxecto do segundo tramo, que chegará ata Dornelas. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, así llelo expuxo á alcaldesa, Nidia Arévalo, durante a xuntanza celebrada hoxe na sede da Administración provincial en Pontevedra.

    O tramo de Dornelas abrangue entre os PQ 2+250 e o PQ 3+550. Contempla a mellora da seguridade viaria incluíndo a creación dunha senda peonil de 2,5 metros de anchura, a renovación integral do firme e a incorporación de redutores de velocidade na calzada, así como pasos de peóns elevados, que irán colocados nos puntos acordados entre a Deputación e o Concello. Ademais, Gregorio Agís comprometeuse a valorar a petición de Arévalo de que se estude a ampliación adicional das paradas de autobús, unha vez que o Concello garanta os terreos necesarios. O importe final deste segundo tramo, á espera dos últimos axustes, estará en torno aos 700.000 euros.

    Unha vez concluída a xuntanza deuse xa a orde de facer os últimos axustes no proxecto final desta segunda fase. A Deputación enviará ao Concello as fichas dos 56 terreos afectados polas obras. Gregorio Agís afirma que a reforma integral da estrada entre Mos e Puxeiros é unha obra “especialmente complexa” e que, unha vez acordada esta segunda fase, quedarán aínda por redactar os proxectos das fases de Tameiga e Torroso.

    O pasado mes de decembro a Deputación presentou xa o proxecto da primeira fase das obras, dende o comezo da vía ata o PQ 0+600, cun orzamento total de 446.545 euros, dos que a Deputación farase cargo dun 70% (312.582 euros) e o Concello deberá responder do 30% restante (133.963 euros). Este tramo, que coincide co Camiño de Santiago e serve de acceso a servizos e equipamentos como o pazo de Mos, disporá tamén dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho e medidas de calmado de tráfico.

    A EP-2601 ten un trazado total de 5.678 metros e a Deputación ten intención de abordar a súa transformación total, no marco do modelo de mobilidade integral e do século XXI que caracteriza tódalas obras que se acometen na rede provincial de estradas. Diante da envergadura da obra acordouse dividila en catro frases diferenciadas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.