Domingo, 4 Maio de 2025

Desde hoxe están abertas as inscricións para os “Bosques Terapéuticos” e a “DepoAndaina”

A cuarta DepoAndaina percorrerá o 12 de setembro a senda azul do río Verdugo no concello de Ponte Caldelas e ofrécense 200 prazas

A Deputación de Pontevedra seguirá a desenvolver no vindeiro mes de setembro un amplo programa de actividades ao aire libre para fomentar hábitos saudables entre a cidadanía e promover ao mesmo tempo  o desfrute dos espazos naturais da contorna da provincia.

Deste xeito, hoxe luns 23 de agosto abrirase o prazo de inscrición para as sete rutas previstas ese mes dos Bosques Terapéuticos. Ademais, ábrese o prazo para participar na cuarta DepoAndaina deste verán que terá lugar o 12 de setembro polo sendeiro azul do río Verdugo, no Concello de Ponte Caldelas. Para tomar parte nestas actividades, as persoas interesadas terán a súa disposición a partir do luns formularios na web da Deputación (nas ligazóns https://www.depo.gal/visitas-guiadas-bosques-terapeuticos  e https://www.depo.gal/depo-andainas).

No caso dos Bosques Terapéuticos, hai 105 prazas (15 por cada ruta), e para a DepoAndaina ofrécense 200. Os “baños de bosque“ desenvolveranse neste mes de setembro no Parque Natural Monte Aloia de Tui (día 4), na Ruta da Pedra e da Auga de Meis (día 12); no sendeiro azul do río Verdugo en Ponte Caldelas (5 e 19); na Senda do Almofrei de Cerdedo-Cotobade (18) e na Fraga de Catasós (11 e 25 de setembro).

Ademais, o sendeiro azul caldelán será o 12 de setembro o escenario da cuarta e última DepoAndaina deste verán programada pola Deputación. Será unha camiñada de aproximadamente 8,5 quilómetros de itinerario circular, na que as persoas participantes poderán gozar da tranquilidade dos camiños e sendas dos e das pescadores do río Verdugo ao seu paso polo concello de Ponte Caldelas. A andaina ten unha dificultade media e a saída será ás 10 horas desde a Rúa da Ponte de Ponte Caldelas.