Domingo, 11 Maio de 2025

Manuel Budiño estará este sábado no festival Chandefolk en Nigrán

As mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail [email protected] ou no WhatsApp 690679675

O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk ao emblemático gaiteiro Xosé Manuel Budiño, que ofrecerá este sábado 21 de agosto ás 22:00 horas no merendeiro de Chans de Rapadouro de Chandebrito (xunto ao campo de futbol) un concerto no que cobrará especial protagonismo o seu derradeiro disco ‘Fulgor’, pero tamén repasará o seu primeiro traballo Paralaia, gravado no 1997. O espectáculo, co que colabora a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia, forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega e conta tamén co apoio económico da Deputación de Pontevedra a través da da Liña 2 do Plan Concellos. A entrada é de balde ata completar o aforo permitido polas autoridades sanitarias, ademais das medidas dirixidas a cumplir co protocolo Covid-19  (excepcionalmente e por este motivo, non se realizará a clásica observación das perseidas posterior). As mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail [email protected] ou no WhatsApp 690679675 (precisamente, estas mochilas foron estreadas no Chandefolk 2019 con Roi Casal).

“O ano pasado recibimos a Milladoiro e este ano ao grandísimo Budiño, ambos historia viva da nosa música, sen dúbida Chandefolk é xa un referente do folk en toda Galicia”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca o “máxica e íntima” que resulta a ubicación en Chandebrito, “a simbiose é perfecta”.

“Coñecemos este festival e tiñamos moitas ganas de acudir, a ubicación é preciosa e a nosa vinculación emocional con esta parroquia que sufríu duramente os incendios de 2017 tamén o é”, sinala o gaiteiro internacional, recoñecido como un dos máis vangardistas na historia do folk galego. Para esta ocasión Budiño contará como convidado especial no Chandefolk co afamado guitarrista Antonio Casado (membro da banda internacional de Pedro Abrunhosa). Ademais, o acompañarán no escenario os seus músicos habituais: Fran Sanz ao baixo, Brais Morán á guitarra, Cibrán Seixo ao violín e Marcos Pazo á batería.

‘Fulgor’ é un universo ultra moderno cun pé na raíz e outro no abismo. O abismo da creatividade, cheo de arraigamento e de fame de risco. Pisar terra e querer tocar ceo. Ven armado de grandes letras de poetas (Antía Otero), de cantautores (Xoel López e Vega) e do propio Budiño, que foi quen de levalas ao seu universo. Budiño soubo rodearse neste Fulgor de tres grandes guitarristas, como o galego Antonio Casado, o son transfronteirizo de Jairo  Zavala ou o  sotaque luso africano de  Luiz Caracol. E máis que destacable é a participación do Cuarteto Quiroga, gañadores do Premio Nacional de Música, enchendo de maxia “Santiago” e ” Bos Amores”.