Domingo, 4 Maio de 2025

Portos de Galicia mantén pechado o peirao do ferri A Guarda-Caminha dende o día 27 de xuño

O día 23 de xuño o patrón do ferri Santa Rita de Cassia detectou un escoramento anormal na plataforma de atraque do transbordador entre A Guarda e Camiñnh, feito que se puxo, de forma inmediata, en coñecemento dos responsables de portos de Galicia, na actualidade propietarios e xestores da estrutura.

A partir do día 27 de xuño, portos de Galicia pechou a instalación para facer reparacións de urxencia co obxectivo de recobrar a estabilidade da plataforma. As reparacións remataron, segundo as informacións que ten o concello, o 29 de xuño.

A pesar de que remataron as obras, portos mantén pechado o acceso ao peirao e o ferri segue sen poder funcionar. Dende portos comunicaron ao concello que non se permitiría o uso da plataforma para o transito de ningún tipo de vehículo debido ao estado avanzado de corrosión que, segundo a portos, coloca a estrutura nun nivel de servizo inferior a aquel para o que foi deseñado.

Hai que recordar que o concello da Guarda paga unhas taxas á Xunta, que dependen do número de pasaxeiros e de vehículos que utilicen o transporte, para poder usar a plataforma de atraque. O concello leva pagando estas taxas dende o comezo do funcionamento do ferri en 1995

En vista da urxencia da situación o concello da Guarda dirixiuse a portos de Galicia solicitando que abra de novo o peirao do ferri e que poida comezar a funcionar o transporte. Hai que ter en conta que é neste mes de agosto cando máis demanda hai deste transporte transfronteirizo entre A Guarda e Camiña. Así mesmo o concello solicitou a portos de Galicia a que faga as reparacións necesarias na plataforma para que, a maior brevidade posible, poidan embarcar de novo vehículos dado que o transporte de vehículos é a principal demanda a hora de cruzar o esteiro do Miño en ferri.