11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasSalceda duplica o gasto social no seu orzamento anual

    Salceda duplica o gasto social no seu orzamento anual

    O Concello de Salceda de Caselas aprobará inicialmente o seu orzamento anual para 2021 na sesión do Pleno Ordinario que se celebrará mañá xoves de xeito telemático, por mor da situación sanitaria. Son as contas máis altas da historia do Concello, e chegan aos 6.001.431,80 €.

    Entre as novidades deste orzamento destaca o gasto social, que pasa de 693.000 € a case 1.400.000, destacando o incremento de 550.000 € que se fai para o servizo de axuda no fogar.

    Outra das novidades importantes das contas é a creación de novas subvencións nominativas, unha vez que se rematou o plan de axuste vixente ata o ano 2020 e que viña impedindo estas novas axudas. O gasto neste tipo de subvencións situarase nos 126.000 €, 34.000 máis que ata o de agora, e acollerá novos colectivos como a escola de fútbol Denis Suárez, a agrupación de voluntarios/as de protección civil, ACISA, a asociación 13/14, a asociación de mulleres rurais, ou a asociación AFAGA á que recentemente o Concello ven de cederlle o uso do edificio da antiga escola de Vendanova.

    Por vez primeira, o orzamento municipal inclúe unha liña de axudas por concorrencia competitiva ás traídas de augas veciñais, para o que se reserva unha partida de 30.000 €, executando deste xeito o compromiso do equipo de goberno coas diferentes traídas.

    Destaca tamén o capítulo de investimentos de case 500.000 €, que vai permitir a execución de pequenos tramos de saneamento nas diferentes parroquias, a mellora de parques infantís, instalacións deportivas e outras zonas de ocio, ou a obra de reforma do tellado do CDL do Torrón entre outras.

    No capítulo de ingresos, a principal novidade que permite sustentar os investimentos e axudas mencionadas, ven dado polo incremento de 200.000 € na participación dos tributos do Estado, e os 800.000 € de recadación de impostos directos derivados do anuncio do Ministerio de Hacienda a través da Xerencia do Catastro, do inicio do procedemento simplificado de valoración catastral que está a levar a cabo en Salceda, Porriño, Mos e Bueu.

    Loli Castiñeira: “En pouco máis de ano e medio de lexislatura conseguimos aprobar tres orzamentos, o cal non sería posible sen o enorme esforzo dos diferentes departamentos, baixo a dirección da compañeira Lucía Pereira, Concelleira de Facenda. A nosa responsabilidade como representantes públicas é a de xestionar da mellor maneira os recursos do noso Concello, e poder transformalos en servizos para a veciñanza, sen perder nunca de vista o apoio e axuda ás persoas e colectivos máis desfavorecidos, sobre todo nunha época tan complexa como a que estamos a vivir por mor da covid”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.