Xoves, 15 Maio de 2025

Nigrán e OVALMI distribúen 18.000 papeletas en 60 comercios locais para o sorteo de vales de 50 € para gastar na hostalería

A iniciativa forma parte da campaña 'Este Nadal merca en Nigrán- #VivoEnNigránComproEnNigrán', sumando un total de 1.300 € para consumir en 26 establecementos de restauración do municipio

O Concello de Nigrán e Asociación de Empresarios Ovalmi remataron hoxe a distribución de 18.000 papeletas entre 60 establecementos adheridos á entidade para que os clientes participen no sorteo de 1.300 € en vales de 50 €  para consumir en 26 locais hostaleiros do municipio durante todo o 2021 (cada vale correspondería a un determinado negocio). A iniciativa forma parte da campaña municipal de promoción do comercio local ‘Agora máis que nunca este Nadal merca en Nigrán’ e o hashtag ‘#VivoEnNigránComproEnNigrán’.

Os premios sairán dun sorteo público que se celebrará o 8 de xaneiro ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello e terán validez durante todo o 2021. “A iniciativa busca promover o consumo nos negocios locais e, ao mesmo tempo, beneficiar cos premios aos hostaleiros, xa que o Concello lles abonará previamente esa cantidade”, resume o alcalde, Juan González. A estes establecementos asociados a Ovalmi tamén se lle ofreceu a posibilidade desde o Concello de decorar o seu escaparate co pintado artístico do hashtag #VivoEnNigranComproEnNigrán por parte dunt profesional do lettering co obxectivo de difundilo tamén en redes, acción que comezará este luns.

O Concello de Nigrán continúa dete xeito co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como xa o fixo durante o confinamento coas pequenas tendas de alimentación, as panaderías en Pascua ou o Día da Nai. “Somos conscientes de que a situación é especialmente dura non só para os hostaleiros, se non para todos os que resisten cun pequeno comercio. Queremos apelar de novo á responsabilidade individual para consumir precisamente nos establecementos dos nosos veciños para, xuntos, saír adiante e volver a encher as rúas de vida cando a crise sanitaria pase”, resume o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa total disposición a colaborar con esta campaña que inclúe difusión publicitaria e en redes, regalo de 8.000 bolsas e carteis entre o pequeno comercio, pintado de escaparates, ou a próxima estrea dun vídeo no que os protagonistas son os propios comerciantes de Nigrán. Todo baixo o mesmo lema e coa cara dun Papá Noel sorrinte como ilustración (obra precisamente da deseñadora gráfica de Nigrán Olalla Fernández).

“Queremos motivar máis que nunca ao consumo local e, a maiores, o Concello inclúe actividades de Nadal que dinamizarán as rúas e, por suposto, mantemos o alumeado porque é algo que tamén da vida ao comercio”, resume o alcalde.